Barriga Verde
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2015.) |
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Xosé Silvent Martínez, máis coñecido como Barriga Verde, e alcumado Traga Estopa[1] en Lugo e Xosé o dos Monecos[2] en Pontevedra, nado en Santa Marta de los Barros (provincia de Badaxoz) o 29 de xullo de 1890 e finado en 1970, foi un pioneiro do espectáculo de monicreques na Galiza de mediados do século XX.
Xosé Silvent a finais dos anos 50. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de xullo de 1890 Santa Marta de los Barros (provincia de Badaxoz) |
Morte | 1970 |
Actividade | |
Ocupación | Artista de espectáculos |
Familia | |
Cónxuxe | Emerenciana Fernández Gómez |
Fillos | Lucía, Celso, Nieves, Trinidade, Celia, Saladina, Otilia e Afonso. |
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarO seu pai, Joseph Silvent, era un francés natural de Perpiñán e a súa nai, Josefa Martínez, era natural do mesma aldea onde naceu Barriga Verde. O matrimonio viviu en varias localidades españolas, onde tiveron varios fillos.
No 1905, con quince anos Xosé, pasaron a Portugal, traballando un tempo na cidade do Porto, onde parece ser que acadaría os coñecementos dos segredos dos monicreques a través dos "fantocheiros" e dos "robertos". Estes últimos eran un tipo de espectáculo con orixe na Commedia dell'Arte italiana. Tamén aprendería a modificar a súa voz introducindo palletas de prata de diferentes grosores na súa gorxa, unha técnica que esixía un grande dominio que quedou gardado coma un segredo profesional que alternaba co oficio de trapecista e do cal chegaría a ser un destacado acróbata.
Chegada a Galiza e casamento
editarDende alí logrou chegar a Pontevedra. En Salvaterra de Miño coñeceu a Emerenciana Fernández Gómez, con quen acabou casando. O casamento celebrouse un 23 de xaneiro de 1919 na igrexa de San Salvador de Lérez. Establecéronse nunha primeira vez no lugar da Torre (Camiño Vello); logo na Fontaíña, onde viviron aínda non un ano e volveron de novo á Torre, onde se asentaron definitivamente na rúa que hoxe leva o nome de Leandro del Río Carnota, párroco da freguesía. Nunha casiña (que hoxe ten o número 22) a parella, xa medio estabilizada, comezou a ter fillos. A súa descendencia foi dun total de 8, aos que bautizaron cos nomes de Lucía, Celso, Nieves, Trinidad, Celia, Saladina, Otilia e Afonso.
A súa formación nos estudos foi moi escasa, pero dispuña dun gran sentido práctico da vida e unha inspiración artística extraordinaria. Adaptouse el e mais os seus espectáculos á lingua galega. Desde moi novo sentiuse atraído pola farándula (a mesma profesión que tiñan seus pais) e actuou nas mellores festas e romarías de Galiza.
Despois dunha vida entregada de cheo ao espectáculo, Xosé Silvent retirouse da farándula e deixou os seus monicreques. Xa tiña bastantes anos, xa divertira moitas xeracións. Por volta do ano 1964 Barriga Verde deixou de actuar cos seus monicreques. Máis tarde, no ano 1967 sufriu unha parálise e en 1970 morreu.
O espectáculo
editarSilvent, a pesar de ter moito prestixio, nunca se permitiu a licenza de eludir o canon que se lle poñía polo posto ocupado pola atracción, que oscilaba entre mil e quince mil pesetas, segundo as épocas e as localidades, sendo a cidade de Lugo a máis cara[Cómpre referencia]. É de destacar que nalgúns sitios, como nas festas da Ascención en Santiago, reservábanlle a Barriga Verde sempre o mesmo sitio e non lle cobraban nada, pois nesta festa o espectáculo de Barriga Verde era moi agardado polo público[Cómpre referencia]. O prezo da entrada foi variando co correr dos anos: nun principio valía dez céntimos, logo unha peseta, nos últimos anos da década dos cincuenta xa custaba tres pesetas e no remate da actividade de Barriga Verde, en 1964, facía falta un peso para gozar do espectáculo[Cómpre referencia]. Uns trinta minutos duraba cada sesión do Teatro e Melodías de España. Ao longo da tarde podían ofrecerse varias sesións, segundo a demanda de público, de tal xeito que nos días de maior afluencia as representacións eran continuas.
Como reclamo propagandístico, o propio Xosé Silvent vestía de pallaso e, noutras ocasións -mais raras- de arlequín, acompañado dos redobres de tambor de Afonso. Tamén había veces que poñía estopa na boca e cun cigarro aceso no medio, de tal maneira que ao soprar figuraba que botaba lume pola boca. Outras veces simulaba tragar a estopa, e de aí lle vén o alcuño de Traga Estopa co que se coñecía nos arredores Lugo, e animaba o público ao entrar mentres dicía a toda voz:
"Pasen, señores pasen,
a función está a comenzar.
¡Pois si que estamos listos!"
Hai quen se queda fora?
En canto á estrutura dunha sesión do espectáculo que se ofrecía no Teatro e Melodías de España, foi variando ao longo do tempo, pero acostumaba estruturarse do seguinte xeito: primeiramente ofrecíase canción española, algunhas veces acompañada de baile; a continuación, breve espectáculo de equilibrismo e malabarismo; por último, viñan os monicreques cos que a familia Silvent acadou a maior popularidade.
Os personaxes creados por Silvent, aínda que sinxelos, estaban ben caracterizados e artellábanse nunha estrutura comunicativa simple semellante -coas debidas diferenzas- á dos contos infantís, onde a trama constaba das tres partes típicas que ían desde acontecemento inicial ata o desenlace en que Barriga Verde sempre tiña un ton xovial. Xeralmente adoitaban ser personaxes extraídos da mesma vida cotiá. Desta maneira, Traga Estopa era o mellor publicista, O Demo era o máis malo, O Portugués o máis fantoche, Toro polo Rabo era o máis inocente, O Cura o máis interesado e Rosiña era a máis finxida. Normalmente todos eles tiñan en fronte a Barriga Verde, que se caracterizaba por ser o máis bo e o máis sensato, ademais de ser a personaxe principal.
En definitiva, as obras que Barriga Verde representaba con monicreques eran curtas, variadas e sempre cheas de graza con certo grao de picaresca, e nelas a personaxe de Barriga Verde era o intelixente protagonista fronte aos personaxes secundarios. Algúns exemplos son:
- En Xogo do Pau (unha peza curta de moita aceptación polo público), na que se establecía un diálogo entre un portugués e un galego -Barriga Verde- obviamente máis hábil, quen, ao final, lanza o portugués polo aire no medio do aplauso do auditorio.
- En Enterro da viuda alegre (unha parodia), Barriga Verde enfróntase a Manuel, un fachendoso rico chegado do Brasil, o que lle segue o Xogo da Pelota (un diálogo entre comparsas utilizando un pau na realidade), e baixo a voz de: ¡Pelota vai!; ¡Veña xa!. Manuel morre e Rosita, a súa muller, finxe sentir moita dor polo finamento do seu home, pero termina casando con Barriga Verde.
- En Toro polo Rabo, Barriga Verde é toureiro. Mata o touro e o protagonista quere cerciorarse de que está verdadeiramente morto. Daquela, tenta escoitar se lle latexa o corazón, motivo polo cal, absurdamente, lle levanta o rabo e di: ¡Está podre, non serve para nada!.
- Na obra O cura, Barriga Verde pregúntalle ao remate: Vostede en que quere cobrar, en papel ou en moedas?; Eu quero prata. Di o cura; Canto quere?. Trinta pesos; e Barriga Verde, coa graza que o caracterizaba dille: Pois tome. Un, dous, tres... E dáballe trinta paus na cabeza.
- Na peza O enterro fatal, Barriga Verde vai todo ledo cantaruxando no sartego o de ¡Eu son Barriga Verde!; ¡Eu son Barriga Verde!, ¡E vou para o ceo!. Dicía isto namentres erguía a cabeza. Con cambios dos efectos no escenario o Barriga Verde, aparece sentado sobre o sartego dicindo: ¡Eu xa non son Barriga Verde!, ¡Eu xa son Barriga Madura!.
Estes son algúns exemplos do espectáculo de monicreques que Barriga Verde representaba, mais representábanse outras pezas como O Barbeiro de Sevilla e Traga Estopa. Con todas elas, Barriga Verde divertía e ilusionaba o público polo menos no tempo que duraba unha sesión. Quizais a máis coñecida fose O demo, que remataba deste xeito: Señores, morreu o demo, acabouse a peseta, que era o prezo da entrada nuns tempos.
A barraca e os monicreques
editarA barraca de Barriga Verde, nos anos trinta, era unha simple saba e unha corda como única posta na escena; logo comezou sendo unha simple lona vertical que se penduraba entre dúas paredes contiguas dunha praza. Conforme a economía ía mellorando, a barraca tamén, de xeito que acabaría sendo de madeira e contaría cun automóbil para o seu transporte. Como era habitual, a barraca foi ideada por Barriga Verde, que contou coa colaboración da familia e dun carpinteiro de Lugo que se encargaría de facela no ano 1949. De entrada, o medio de transporte co que se desprazaba polas localidades consistía en dous carros -de catro rodas cada un- que ían tirados por cadanseus dous cabalos. Segundo a situación económica medraba e os membros da familia contribuían, Silvent mercou unha furgoneta Fiat á que lle seguiron un Chrevrolet, un Dodge e un Barreiros (este xa máis tirando a un camión). A barraca de Silvent xa comezaba a contar con camerinos, escenario, espazo para bancos e bancadas ao fondo, e pasaba a ter unha cabida de case 100 persoas.
Posteriormente, agregáronse outras dependencias, coma a cociña e o cuarto, e chegaron tamén outras dúas modernización: luz eléctrica, e mais unha avanzada megafonía formada por amplificador, altofalantes e micrófonos). A pequena barraca, posiblemente foi a primeira que utilizou a gramola con altofalantes nas romarías. Polo exterior, a barraca adoitaba ter un soportal de catro columnas coroado cunha especie de tímpano. De entrada, a barraca de Silvent tiña unha decoración alusiva aos distintos números de espectáculos, e nun principio levaba rotulado o nome da barraca "Teatro e Melodías de España", pero, debido á súa condición, engadíuselle "espectáculo culto e moral" (por unha parte) e "O auténtico Barriga Verde" (pola outra); este feito demostrou que tivo imitadores.
Para facer os bonecos, Silvent demostrou ter unha man moi artesanal. Concibíaos e elaborábaos esculpindo a partir dun madeiro, dáballes cores e unha vestimenta axeitada, e logo manipulábaos perante a xente. As voces das diferentes personaxes tamén as facía Barriga Verde, para o cal se axudaba de palletas de prata colocadas na gorxa de tal xeito que non o abafasen nin lle impedisen mover a lingua para facer falar o monicreque. Emerenciana axudaba a poñer as voces femininas.
A maioría dos fillos do matrimonio colaboraron na empresa, aínda que despois algúns deles escolleron outras alternativas cando se lles presentou a ocasión. Saladina e Celia, mentres non casaron, cantaban e bailaban, en especial canción española, facendo un magnífico espectáculo. Asemade, o neto Arsenio, fillo de Nieves, actuaba no Teatro e Melodías de España bailando enriba de dous cilindros colocados de xeito perpendicular, un enriba do outro, ó tempo que realizaba unha serie de malabarismos con aros e outros elementos. O neto Manuel -fillo de Nieves- axudaba a Barriga Verde no manexo dos bonecos e na execución das voces, e progresivamente foi adquirindo protagonismo no espectáculo a medida que Xosé ía perdendo folgos. Afonso era o técnico da montaxe, do son e da iluminación, e así mesmo desenvolveu o tema de poñer a voz sen utilizar ningunha palleta.
Organización
editarO percorrido de Barriga Verde eran festas e romarías de toda Galiza, fundamentalmente no verán: o San Froilán de Lugo, a Ascensión de Santiago, a Peregrina de Pontevedra, María Pita da Coruña e o Corpus de Ourense, entre outras moitas. Por unha parte, Emerenciana -a muller- era o cerebro da empresa e os seus encargos eran os de xestionar os permisos, acudir ás poxas dos postos, participar na propaganda, realizar a contabilidade e tamén, cando os fillos buscaron vida e os netos non eran suficientes ou non estaban dispoñibles, buscar persoal para o espectáculo que se contrataba normalmente por un verán. Pola outra parte, Xosé Silvent empregaba un espectáculo de humor, de maneira que coa graza e o enxeño con que estaban concibidos os bonecos, os seus diálogos, cheos de agudeza e a destreza, provocaban no público o riso e a alegría.
Ademais, o espectáculo de Barriga Verde prezábase de culto e moral tal e como rezaba na cabeceira da barraca, pois naqueles tempos a censura era un elemento condicionante de moitas actividades. Agora ben, en efecto, Xosé Silvent e os seus fillos idearon un espectáculo nun tempo (anos corenta e cincuenta) en que a cultura galega estaba proscrita, onde as funcións de Barriga Verde non aparecían destapes nin cancións obscenas, nin palabras malsoantes en concordancia cos gustos oficiais da época. Este feito pode interpretarse como unha concesión do réxime franquista a un espectáculo popular, sinxelo e de contido desenfadado que tiña como única misión divertir os espectadores nunha das épocas de máis dificultades da nosa historia.
Outro aspecto interesante era que Silvent sempre conseguiu un importante interese e atención do auditorio, pois incorporaba aos diálogos dos personaxes elementos de actualidade e sucesos de tipo local, o que significa que había estar ao corrente das noticias importantes e dos acontecementos próximos. Ademais presupón que as obras ían variar dunha localidade a outra en certos detalles máis ou menos puntuais. Pero a variación do contido dos diálogos non se debe só ás noticias do momento, senón tamén a que Xosé Silvent non escribía as súas obras. El creaba os personaxes, caracterizábaos coa vestimenta e coa voz, imaxinaba os movementos e concibía os diálogos, pero todo quedaba no seu cerebro. Despois, transmitía oralmente toda a composición aos colaboradores que con el ían realizar o espectáculo.
Aínda que a actividade de Barriga Verde era fundamentalmente no verán, o ano era moi longo e a familia tiña que ir para adiante. No inverno Xosé Silvent seguía activo facendo proxeccións de cine polas vilas e aldeas, principalmente pola provincia de Pontevedra, onde se lle chegou a coñecer co sobrenome de Xosé dos Muñecos. El foi o introdutor responsable do cine en moitos lugares de Galiza. Nun principio, eran películas mudas e máis tarde foron sonoras. As proxeccións de cine eran un medio de diversión e igualmente gozaban de popularidade. Para a proxección das películas non usaba a barraca, senón que o facía en locais dispoñibles e mesmo en alboios dalgún xeito habilitados e iluminados coa luz producida por un xerador que funcionaba con carburo e osíxeno.
Relevancia posterior
editarNo 1968 Manuel María publicaba Barriga Verde, un texto teatral no que recuperaba personaxes e situacións do espectáculo, sen que xurdisen iniciativas para evitar o esquecemento desta figura. Así e todo, desde hai xa varios anos, son cada vez máis as voces que reclaman a recuperación e valoración desta aventura única na cultura de Galicia. Silvent recibiu unha homenaxe en Lérez, e unha rúa de nova apertura recibiu no ano 2006 o seu popular alcume como nome. Esta rúa está situada moi preto da súa casa, preto do Teleclube de Lérez.
¡Eu son, Barriga Verde!; ¡Eu son, Barriga Verde!, coreaba aquel home subido nun escairo apoiado a carón dunha barraca. A verdade non era para menos. Barriga Verde ten ascendencia francesa, nacemento estremeño e adopción galega.
O primeiro número de Bululú. A revista dos Títeres dedicaba unha ampla reportaxe a Barriga Verde, e no outubro de 2001 homenaxeouse a Silvent no marco do Festival Internacional de Títeres de Compostela. En xullo do 2003 o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) creaba o I Premio Internacional para Textos de Teatro de Títeres Barriga Verde. E a memoria continúa coa Asociación Cultural Barriga Verde, que está a traballar nun proxecto para recuperar a barraca de Teatro e Melodías de España, modernizándoa tecnoloxicamente, coa intención de amosar o xeito de traballo tradicional da familia Silvent. Este proxecto conta coa colaboración de Afonso, o fillo de Xosé Silvent, para facerse cargo da dirección da obra, aínda que quedan aínda pendentes moitas cuestións para botar a andar o proxecto, que pretende levar de novo polas prazas de vilas e cidades o nome de Barriga Verde.
Pola súa banda, a compañías Viravolta Títeres,[1] recuperou a barraca e desenvolveu a súa propia versión da obra, mentres o investigador Xaime Iglesias rematou unha biografía sobre sobre Xosé Silvent. Desde produtora Tintimán Audiovisual realizouse o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta[2] que repasa tanto a historia de José como do seu irmán Santiago, que tamén levaba unha barraca de monicreques co nome de Barriga Verde, e mais dos seus descendentes, ao tempo que investiga as conexións europeas da obra.
Estas últimas iniciativas cristalizaron en 2013 na creación da Asociación Cultural Morreu o Demo para a Recuperación do Monicreque Tradicional Galego,[3] que está a comezar o seu traballo para difundir e recuperar esta figura. A súa primeira actuación pública foi a edición dun libro-DVD[4] que recolle o documental de Tintimán Audiovisual acompañado de varios artigos sobre Barriga Verde e o mundo do monicreque tradicional. Desde entón, e entre outras actividades, o colectivo promoveu iniciativas como a edición do libro José Silvent Martínez. O mítico Barriga Verde[5] de Xaime Iglesias, a mostra didáctica Onde foi Barriga Verde?[6] ou a exposición Barriga Verde. De feira en feira[7] que superou as 10 000 visitas nas súas estadías en Lugo, Santiago, Lalín, Pontevedra e Ribadavia entre 2014 e 2015.
De xeito paralelo, a compañía Títeres Alakrán recuperou en 2015 o personaxe coa súa obra Barriga Verde ataca de novo, na que recrea a montaxe tradicional dos Silvent a empregar a tradicional palleta para impostar a voz do protagonista. En outono dese mesmo ano Borja Insua, responsable da compañía, integrábase na AC Morreu o Demo.
Desde O 2002 a Xunta de Galicia convoca os premios Barriga Verde[8] de textos dramáticos para monicreques.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Viravolta. Titeres". www.viravoltatiteres.com. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2012. Consultado o 2019-02-05.
- ↑ 2,0 2,1 "Morreu o demo, acabouse a peseta". tintiman.net. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 2019-02-05.
- ↑ "Barriga Verde". Barriga Verde. Consultado o 2019-02-05.
- ↑ "Barriga Verde visitó la Feira do Libro". La Voz de Galicia (en castelán). 2013-05-19. Consultado o 2019-02-05.
- ↑ "José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde". Barriga Verde. 2014-03-18. Consultado o 2019-02-05.
- ↑ "Exposición e guía didáctica: Onde foi Barriga Verde?". Barriga Verde. 2014-07-16. Consultado o 2019-02-05.
- ↑ "De Feira en Feira". Barriga Verde. 2014-08-20. Consultado o 2019-02-05.
- ↑ "A Xunta publica as gañadoras do Cunqueiro e o Barriga Verde". AGADIC. Arquivado dende o orixinal o 09-07-2021. Consultado o 3-7-2021.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Iglesias González, Xaime (2013): José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde. Urco Editora. ISBN 978-84-15-69928-6
Ligazóns externas
editar- Asociación Cultural Morreu o Demo: De feira en feira; Un novo Barriga Verde sae a escena; Borja Insua incorpórase á AC Morreu o Demo
- Barriga Verde no web da Asociación Cedofeita de Lérez
- V Premio Internacional Barriga Verde de Textos para Teatro de Títeres (en galego). Convocatoria do ano 2007.
- Memoria e perda de Barriga Verde
- Diversas iniciativas recuperan a memoria de Barriga Verde...
- Mandiá, Diana (28/4/2011) "Barriga Verde vuelve a la feria" El País (en castelán).