Baldaquino de San Pedro do Vaticano

Coordenadas: 41°54′08″N 12°27′12″L / 41.90222, -12.45333

O baldaquino de San Pedro é un ciborio ou baldaquino monumental, obra do Gian Lorenzo Bernini, en catro columnas culminadas en dosel; forxado en bronce macizo negro e sobredorado, de estilo barroco, que está emprazado no centro do cruceiro da Basílica de San Pedro da Cidade do Vaticano, directamente baixo a cúpula. O colosal elemento deseñado e executado por Bernini, combina elementos escultóricos e arquitectónicos e alberga baixo o seu dosel o altar maior da basílica, que á súa vez se sitúa sobre a cripta na que se acha a tumba do apóstolo san Pedro.

Baldaquino de San Pedro
ArtistaGian Lorenzo Bernini
Data1623-1634
MovementoBarroco
Dimensións28,5 m. cm ×  cm
LocalizaciónBasílica de san Pedro do Vaticano (Vaticano)

Concepción e deseño editar

Antecedentes editar

A idea de erguer un baldaquino para marcar a tumba de san Pedro non foi unha idea propiamente de Bernini, pois xa con anterioridade houberan varias estruturas con columnas.[1] Mesmo, antes do papado de Urbano VIII, baixo o que concluíu a obra da basílica, víñanse utilizando no seu interior baldaquinos temporais durante a coresma e outras celebracións eclesiásticas.[1]

Daquela, a maioría das basílicas máis importantes de Roma contaban con baldaquinos permanentes. Tratábase dun concepto que viña manténdose dende o habitual dosel dos antigos catafalcos e nos palios cos que se exaltaba aos papas e aos monarcas de España. Neste contexto, na década de 1610 encargouse a Carlo Maderno, predecesor de Bernini, o deseño dun baldaquino permanente para San Pedro, e no que xa incorporou columnas salomónicas.[2]

En realidade, a Antiga Basílica de San Pedro tivera doce columnas salomónicas, que formaban unha pantalla perante o altar e, que foran traídas de Grecia polo emperador Constantino I no século II. Na Idade Media afirmábase que procedían do tabernáculo do templo de Salomón (de aí o seu nome de columnas salomónicas). O que é seguro é que son de mármore grego.[3] Oito desas columnas consérvanse no interior da basílica, sobre as estatuas que miran ao baldaquino) e dúas están na Capela do Santísimo Sacramento. Das dúas restantes, unha perdeuse e a última forma parte do Tesouro (a carón da Sancristía), e é coñecida como colonna degli ossessi («dos posuídos»), pois, sempre segundo a tradición, é aquela na que Jesús se apoiara ao predicar aos doce anos e críase, na Idade Media, que tiña poder para expulsar aos demos durante os exorcismos.[4]

O proxecto de Urbano VIII e Bernini editar

Aos poucos de alcanzar o papado, o cardeal Maffeo Barberini, que tomaría o nome pontificio de Urbano VIII (1623-1644), encargou ao que sería o seu artista preferido e protexido, Gian Lorenzo Bernini (1598-1680), a realización dun gran moble litúrxico sobre o lugar onde se acha a tumba de San Pedro, centro espiritual da basílica vaticana, baixo a gran cúpula que erixira Miguel Anxo.

Bernini recibiu este importante encargo cando só tiña 25 anos. Ao longo da súa carreira as súas obras sempre tiveron unha gran carga escenográfica, circunstancia que probablemente foi moi tida en conta por Urbano VIII, que buscaba magnificar a súa imaxe persoal xunto á da Igrexa católica nun período moi convulso para a mesma. Por iso, a obra está chea de simbolismo, como a asimilación do templo de Salomón para a fe católica a través das súas columnas e o vínculo que crea entre a bóveda celeste representada pola cúpula, a autoridade papal e expresamente a súa persoal, e o apóstolo que subxace na cripta, todo iso no mesmo eixo vertical.

O traballo comezou en 1623 e rematou no 1634 e ten a función de resaltar e enmarcar a presenza do altar papal que doutro xeito podería resultar insignificante na inmensidade do templo. Doutra banda, recupera a tradición paleocristiá de situar os altares sobre as tumbas dos mártires e baixo baldaquinos. Esta obra mestra do estilo barroco foi realizada no taller de Bernini, sendo Pietro Bernini, seu pai, o primeiro oficial e contando coa colaboración de Francesco Borromini a partir de 1629[5] até o final da obra, antes de que xurdise unha gran rivalidade entre ambos. Outros artistas contribuíron á decoración escultórica, como seu irmán Luigi Bernini, Stefano Maderno, François Duquesnoy, Andrea Bolgi e Giuliano Finelli.

Descrición editar

 
Vista do baldaquino e o altar papal desde a entrada á cripta da tumba de san Pedro.

A obra de Bernini, de 28'5 m. de altura, apóiase en catro xigantescas columnas salomónicas de 20 m. de altura. Para a súa montaxe fabricáronse separadamente as basas -construídas en mármore branco-, os capiteis e o fuste, que á súa vez se fabricou en tres segmentos. Aparecen revestidas cun denso ornamento de volutas, follas de loureiro e acios naturalistas. O loureiro, que substitúe a follas de parra que ocuparon a mesma posición, pode ser unha alegoría do recoñecido talento poético de Urbano VIII en lingua latina, xa que con el coroábanse aos poetas clásicos. Os acios simbolizan a eucaristía e aparecen libados por abellas en alusión á familia Barberini, en cuxo escudo familiar figuran tres destes insectos. De feito, na coroación do baldaquino e nos podios ou basas hai unha profusa presenza dos devanditos símbolos heráldicos barberianos. Tamén se amosan con halo de raios como alegoría da mesma familia, xa que este é outro dos elementos do seu brasón familiar.

As columnas, son de orde corintia, aínda que de fuste en helicoide, chamado salomónico. Van rematadas por un capitel composto e sobre el un entaboamento, engalanando as cornixas con gardamalletas a modo de grilandas de pendóns de fabricación téxtil. O dosel conta con catro cornapuntas realizadas por Pietro Bernini e Borromini.

 
Escudo de armas da Familia Barberini

Na parte superior do entaboamento aparecen uns querubíns de talla dobre á humana, e un grupo escultórico de dous querubíns que portan respectivamente a tiara papal e as chaves de San Pedro como símbolos papais. Tras eles e con orixe nos capiteis elévanse volutas apergamiñadas que crean un xogo de cóncavo-convexo que introduce un gran dinamismo, propio do barroco. O conxunto converxe nun segundo entaboamento a maior cota, coroado por un orbe e unha cruz sobre o mesmo que simbolizan a universalidade da Igrexa. O entaboamento do nivel inferior, que constitúe un teito sobre o altar papal, tamén está ornamentado co sol radiante dos Barberini co Espírito Santo en forma de pomba no seu centro.

A posición que ocupa o baldaquino baixo a cúpula obriga a adiantar o altar maior até o centro do cruceiro e non na ábsida, como corresponde á tradición cristiá da época. Para recuperar a tradición, Bernini sitúa outro elemento capital na ábsida, na posición que normalmente ocuparía o altar maior. Trátase da cátedra de San Pedro, outra magnífica composición barroca do mesmo autor construída entre 1656 e 1665.

Para a execución do baldaquino extraéronse, fundiron e reciclaron os bronces do pronao do Panteón de Agripa, aínda que hai autores que indican que a maior parte do bronce procedeu de Venecia. Tomar materiais "prestados" como mármore, metais, pedras preciosas, etc. dunhas obras de arte para usalos noutras era unha práctica común en Roma. Co bronce do Panteón fundíronse tamén os canóns do Castelo Sant'Angelo.

O resultado é unha obra que a pesar das súas ciclópeas dimensións mostra unha extraordinaria lixeireza e transparencia, até o punto de que parece ondear co vento. Tal é a ilusión de movemento da estrutura que parece que se zarandean as gardamalletas do remate. Nada disto debe estrañar xa que o proxecto berniniano, díxose, imita o aparello efémero construído para a canonización de Santa Isabel de Portugal.[6][7] Resulta sorprendente como harmoniza o baldaquino co templo, a pesar do seu contraste cromático -escuro nun ambiente claro-, así como de textura e de xeometría. Supón unha absoluta ruptura formal co escenario para o que foi deseñado e con todo encaixa tan ben no mesmo que se converte nun dos seus elementos máis esenciais.

Transcendencia da obra editar

O baldaquino é quizais o elemento máis suntuoso entre os incontábeis que posúe a Basílica vaticana. Supuxo unha gran innovación en canto a materiais e deseño que marcaría o curso do estilo barroco. Trátase da obra máis destacada de Bernini, quen anos despois realizaría a Praza de San Pedro coa súa impoñente columnata e tamén a Cátedra, na ábsida da basílica. Foi moi celebrado no seu tempo.

As súas columnas salomónicas, que se empregaban nesta obra por primeira vez desde a antigüidade, así como a densa decoración con pámpanos e outros elementos vexetais foron fonte de inspiración para infinidade de obras barrocas en adiante, superando a controversia inicial xerada como consecuencia do dano causado no Panteón. De feito, por mor deste espolio popularizouse a locución Quod non fecerunt barbari, fecerunt Barberini (O que non fixeron os bárbaros fixérono os Barberini).[8]

Coa chegada do Neoclasicismo, o colosal baldaquino pasou a simbolizar a desorde e o exceso dos artistas barrocos.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Magnusson (1982), pp. 254-266
  2. Gredmann (2007). Axel Menges, ed. The Architecture Of Rome: An Architectural History in 402 Individual Presentations. ISBN 978-3-936681-16-1. 
  3. J. Ward-Perkins, “The shrine of St. Peter's and its twelve spiral columns”, publicado en Journal of Roman Studies, non. 42 (1952) p. 21ff.
  4. L'Osservatore Romano, 17 de abril, 2015
  5. "El Baldaquino de San Pedro". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2017. Consultado o 12 de julio de 2014. 
  6. "Basílica de San Pedro (Roma). Baldaquino". artehistoria.com. Arquivado dende o orixinal o 17-10-2019. Consultado o 07-04-2019. 
  7. Cámara Muñoz, Alicia; Carrió Invernizzi, Diana (Alicia). Historia del arte de los siglos XVII y XVIII: Redes y circulación de modelos artísticos (en castelán). Madrid: Centro de Estudios Ramón Areces. p. 62. ISBN 978-84-9961-173-0. 
  8. Hibbard (1991), p.78

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar