As mil e unha noites

antoloxía de contos orientais

As mil e unha noites (en árabe: كتاب ألف ليلة وليلة, Alf layla wa-layla[1] ou en persa: هزار و یک شب) é unha compilación de historias e contos populares orixinarios de Oriente Medio e Asia Meridional, compilados en lingua árabe a partir do século IX.

As mil e unha noites
Manuscrito das mil e unha noites.
Título orixinalألف ليلة وليلة Alf layla wa-layla (árabe), هزار و یک شب, Hazār-o yak shab (persa)
Autor/avarios
OrixeTradición árabe, persa indio, turco, exipcio e mesopotámica
Linguaárabe
Tema(s)Romance
Xénero(s)Novela,
folclore
Data de pub.século IX
Formatocompilación de historias e contos populares
editar datos en Wikidata ]

A obra foi recompilada durante moitos séculos por varios autories, tradutores e estudosos de Asia occidental, central e meridional e do norte de África. Algúns contos teñen as súas raíces no folclore e nas literaturas árabe, persa, india, grega, xudía e turca.[2] En particular, moitos dos relatos foron contos orixinais das eras abbásida e mamluk, mentres que outros, especialmente a historia marco, probablemente proceden da obra persa pahlavi Hezār Afsān (persa: هزار افسان, literalmente Mil Contos), que en cambio teñen en parte elementos indios.[3]

O común en todas as edicións da obra é a historia marco inicial do gobernante Shahryār e a súa esposa Sherezade e a narrativa fragmentada incorporada nos mesmos contos. As historias proceden do relato orixinal; algunhas están enmarcadas noutras historias, mentres que outros están pechados. Algunhas edicións conteñen só uns centos de noites, mentres que outras inclúen 1001 ou máis. O groso do texto está en prosa, aínda que se empregan ocasionalmente versos para cancións e adiviñas e para expresar altas emocións. Moitos dos poemas son estrofas únicas en coplas ou cuartetos, aínda que algunhas son máis longas.

Algúns dos relatos asociados coas Mil e unha noites (particularmente "Aladino e a lámpada marabillosa" e "Ali Baba e os corenta ladróns") non eran parte das coleccións nas súas versións árabes orixinais senón que foron engadidas á colección por Antoine Galland despois de que as escoitase ao contacontos cristián maronita Hanna Diyab nunha visita deste a París.[4] Outras historias, como a de Simbad o mariño, tiñan unha existencia independente antes de seren engadidas á compilación.

Sinopse editar

 
O sultán conmuta a pena de Sherezade.

A estrutura do libro está baseada nunha historia que serve de marco a todas as demais, un esquema moi común nas antoloxías de relatos breves ata o século XX.

Scheriar (Shahryār, en persa: شهريار, do persa medio: šahr-dār, "titular do reino")[5]) convértese en sultán trala morte do seu pai. O narrador di que é un "rei sasánida" que goberna na "India e na China".[6] Por amor ao seu irmán Schazamán, cédelle o reino de Tartaria. Schazamán organiza unha viaxe ao seu irmán, pero descobre que a súa esposa lle é infiel cun escravo negro, e córtalles a cabeza. Xa con Schariar, este sorpréndese polo triste e taciturno que está Schazamán, polo que vai cazar só. No palacio, Schazamán descobre que a esposa de Schariar, a sultá, engana o rei con Masud, outro escravo negro. Isto serve de consolo ao rei de Tartaria, ao ver que o seu irmán, mesmo sendo máis poderoso, ten o mesmo problema que el. Cóntallo, e nun momento de furia, Schariar convence ao seu irmán para fuxiren, coa idea de regresaren só se atopan alguén máis desgraciado que eles. No camiño atopan un xenio que é enganado por unha muller que secuestrou, que acaba fuxindo. Schazamán dille ao seu irmán que se o poderoso xenio non puido evitar o engano, ninguén pode, polo que deciden regresar.

Schariar volve, apresa á sultá e decapítaa diante do visir, e despois decapita el mesmo a todas as mulleres da corte. Crendo que todas as mulleres son igual de infieis, ordena ao seu visir que lle consiga unha esposa virxe cada día, algunha filla dos seus cortesanos, e despois ordenaría matala pola mañá.

Este designio é quebrado por Sherezade (Scheherazade, en persa: شهْرزاد, Shahrazād, do persa medio: persa: شهر, čehr, "liñaxe" + persa: ازاد, āzād, "nobre"[5][7]), a propia filla do visir, quen na noite de vodas lle pide ao sultán que lle permita despedirse da súa irmá, Duniazade. Esta pídelle á irmá que lle conte unha historia, e Sherezade, que lera moitos libros e escritos de diversas clases, conta unha historia que cativa a atención do rei. Coas primeiras luces do día, Sherezade interrompe a narrativa no medio, dicindo que a continuaría na noite seguinte. Curioso por saber o final da historia, o rei concédelle a vida até a noite seguinte. Nas noites que seguen, Sherezade continua narrando contos de contido moi diverso, con compoñentes edificantes, máxicos e eróticos, facendo que o rei non perda o seu interese e a manteña viva.

Durante ese período Sherezade dá a luz tres fillos do rei. No final, Sherezade implora ao rei que lle conceda a vida, e este, moi arrepentido polas súas accións pasadas e impresionado pola súa intelixencia e dedicación, fai dela a súa raíña definitiva. Duniazade tamén pasa a formar parte da corte, desposando o irmán do rei.

Historia editar

 
Portada de Classic Comics.

A obra componse dunha colección de relatos posiblemente tradicionais de Persia, Arabia e a India. Algúns elementos aparecen tamén na Odisea. Non existe unha versión definida da obra, dado que os antigos manuscritos árabes difiren no número e no conxunto de contos.

O núcleo desas historias está collido do antigo libro persa Hezar-afsana ("Mil mitos", en persa هزارافسانه), que posiblemente tiña orixe india. O compilador e tradutor destas historias folclóricas ao árabe foi, supostamente, o contista Abu abd-Allah Muhammed el-Gahshigar que viviu no século IX. A historia principal sobre Sherezade, que serve de marco aos demais relatos, parece ser agregada no século XIV.

A compilación árabe Alf Layla ("Mil noites"), orixinada cara ao 850, foi probablemente traducida dunha versión anterior persa chamada Hazar Afsanah ("Mil lendas"), quizais orixinada na India. Ao parecer nome actual Alf Layla wa-Layla (literalmente "Mil noites e unha noite") xurdiu na idade media e expresa a idea dun número transfinito, xa que 1.000 representa a infindade conceptual entre os grupos matemáticos árabes.

Edicións árabes impresas editar

 
Manuscrito árabe con partes das Mil e unha noites, compilado por Heinrich Friedrich von Diez, século XIX, orixe descoñecida

A primeira edición impresa en árabe das Mil e unha noites publicouse en 1775. Contiña unha versión exipcia coñecida como "ZER" (Recensión exipcia de Zotenberg) e 200 contos. Non se conserva ningunha copia desta edición, mais foi a base dunha edición de 1835 de Bulaq, publicada polo goberno exipcio.

A obra foi impresa en árabe en dous volumes en Calcuta pola Compañía Británica das Indias Orientais en 1814-18. Cada volume contiña cen contos.

Pouco despois, o erudito prusiano Christian Maximilian Habicht colaborou co tunisiano Mordecai ibn al-Najjar para crear unha edición que contiña 1001 noites tanto na tradución orixinal árabe como en alemán, inicialmente nunha serie de oito volumes publicados en Breslau entre 1825 e 1838. Seguiron outros catro volumes en 1842–1843. Ademais do manuscrito Galland, Habicht e al-Najjar empregaron o que crían que era un manuscrito tunisiano, que máis tarde foi revelado como unha falsificación de al-Najjar.[8]

Tanto a impresión ZER como a edición de Habicht e al-Najjar influíron na seguinte impresión, unha edición en catro volumes tamén de Calcuta (coñecida como a edición Macnaghten ou Calcuta II). Esta afirmaba que se baseaba nun manuscrito exipcio máis antigo (que nunca se atopou).

Unha importante edición recente, que volve á recensión siria, é unha edición crítica baseada no manuscrito sirio do século XIV ou XV da Bibliothèque Nationale usada orixinalmente por Galland.[9] Esta edición, coñecida como a edición Leiden, foi compilada en árabe por Muhsin Mahdi (1984-1994).[10] Mahdi argumentou que esta versión é a máis antiga que existe (unha opinión que hoxe se admite en gran parte) e que reflicte máis de preto un texto coherente "definitivo" ancestral a todos os demais que cría que existiu durante o período mameluco (unha visión que continúa en discusión).[11][12][13] Aínda así, mesmo os eruditos que negan a esta versión o estatuto exclusivo de "as únicas noites árabes reais" recoñecen que é a mellor fonte sobre o estilo orixinal e a forma lingüística da obra medieval.[14][15]

En 1997, apareceu outra edición árabe, que contiña contos das Mil e unha noites transcritos a partir dun manuscrito do século XVII no dialecto árabe exipcio.[16]

Traducións modernas editar

 
Simbad o mariñeiro e Alí Babá e os corenta ladróns, por William Strang, 1896

A primeira versión europea foi unha tradución ao francés feita polo orientalista Antoine Galland (1704-1717). Foi a primeira en ser impresa, publicada co título de Les Mille et une nuits, contes árabes traduits en français en doce volumes entre 1704 e 1717. A tradución foi feita desde unha compilación anterior escrita en árabe, e incluía a maiores contos tradicionais árabes que coñecía o tradutor pero que non estaban na compilación árabe, como A lámpada de Aladino ou Alí Babá e os corenta ladróns. Galland escribiu que os escoitou do contacontes cristián maronita Hanna Diab durante a visita deste a París. A versión de Galland foi inmensamente popular en toda Europa, e publicáronse versións posteriores por parte do editor de Galland usando o seu nome sen o seu consentimento.

Cando os eruditos buscaban a presunta forma "completa" e "orixinal" das Mil e unha noites, naturalmente recorreron aos textos máis voluminosos da recensión exipcia, que axiña se considerou a "versión estándar". As primeiras traducións deste tipo, como a de Edward Lane (1840, 1859), foron expurgadas. Fixéronse traducións sen abreviacións e sen recortar primeiro por John Payne, baixo o título The Book of the Thousand Nights and One Night (1882, nove volumes), e despois polo diplomático, militar, explorador e erudito da cultura africana Sir Richard Francis Burton, titulado The Book of the Thousand Nights and a Night (1885, dez volumes): segundo algunhas avaliacións, este último baseouse parcialmente no anterior, o que provocou acusacións de plaxio.[17][18]

Á vista das imaxes sexuais dos textos orixinais (que Burton enfatizou aínda máis, especialmente engadindo notas ao pé de páxina e apéndices sobre os costumes sexuais orientais[18]) e as estritas leis vitorianas sobre material obsceno, ambas as traducións foron impresas como edicións privadas, só para os subscritores, en vez de publicarse do xeito habitual. Os dez volumes orixinais de Burton foron seguidos doutros seis (sete na edición de Bagdad e quizais outros) titulados The Supplemental Nights to the Thousand Nights and a Night, que foron impresos entre 1886 e 1888. Non obstante, foi criticado pola súa "linguaxe arcaica e idioma extravagante" e polo "foco obsesivo na sexualidade" (mesmo foi chamado "excéntrica viaxe ao ego" e "reelaboración moi persoal do texto").[18]

As versións posteriores das Mil e unha noites inclúen a do médico francés J. C. Mardrus, publicada entre 1898 e 1904. Foi traducida ao inglés por Powys Mathers e publicada en 1923. Coma os textos de Payne e Burton, baséase na recensión exipcia e mantén o material erótico, de feito ampliándoo, mais foi criticado por impreciso.[17]

A edición Leiden de Muhsin Mahdi en 1984, baseada no manuscrito de Galland, foi traducida ao inglés por Husain Haddawy (1990).[19] Esta tradución foi eloxiada como "moi lexible" e "moi recomendable para todos os que desexen probar o auténtico sabor deses contos".[13] Un segundo volume adicional traducido por Haddawy, composto por contos populares non presentes na edición Leiden, publicouse en 1995.[20] Ambos os volumes foron a base para unha reimpresión dun só volume de contos seleccionados das traducións de Haddawy.[21]

En lingua castelá destacan a versión traducida e editada por Vicente Blasco Ibáñez a partir da edición francesa de Mardrus (1889), a de Juan Vernet (a máis aceptable filoloxicamente) e a de Rafael Cansinos Asséns (1954, tamén directamente do árabe). Nos comentarios desta última Cansinos Asséns recorre con frecuencia á interpretación do libro que o teósofo español Mario Roso de Luna propuxo na súa obra El velo de Isis o Las mil y una noches ocultistas (1923).

En 2001 René R. Khawam publicou unha tradución novidosa na que suprime relatos que considera alleos á tradición primitiva (algúns moi coñecidos como o ciclo de Simbad), recupera algúns que foron descartados e presenta outros recuperados.

As versións máis populares hoxe en día son as que se basean nas traducións de Richard Francis Burton e Andrew Lang (1898), xeralmente adaptadas para eliminar as varias escenas de sexo do orixinal.

Contos editar

Entre os numerosos contos algúns fixéronse inmensamente populares:

Influencia editar

 
A alfombra voadora, representación do heroe do folclore ruso Ivan Tsarevich

A influencia das versións das Mil e unha noites na literatura mundial é inmensa. Escritores tan diversos como Henry Fielding ou Naguib Mahfouz aludiron á colección polo seu nome nas súas propias obras. Outros autores que recibiron a súa influencia inclúen John Barth, Jorge Luis Borges, Salman Rushdie, Orhan Pamuk, Goethe, Walter Scott, Thackeray, Wilkie Collins, Elizabeth Gaskell, Nodier, Flaubert, Marcel Schwob, Stendhal, Dumas, Gérard de Nerval, Gobineau, Pushkin, Tolstoi, Hofmannsthal, Conan Doyle, W. B. Yeats, H.G. Wells, Kavafis, Calvino, Georges Perec, H. P. Lovecraft, Marcel Proust, A. S. Byatt e Angela Carter.[22]

Varias personaxes convertéronse en iconas da cultura occidental, como Aladino, Simbad e Alí Babá. Parte da súa popularidade puido xurdir pola mellora do coñecemento histórico e xeográfico. Os seres marabillosos e os sucesos típicos dos contos de fadas parecen menos incribles se están ambientados "hai moito tempo" ou "moi lonxe"; este proceso culmina no mundo da fantasía, que ten pouca conexión, se houber algunha, cos lugares e os tempos reais. Varios elementos da mitoloxía árabe son comúns na fantasía moderna, como os xenios, os bahamuts, as alfombras máxicas, as lámpadas máxicas etc. Cando L. Frank Baum se propuxo escribir un conto de fadas moderno que superase os estereotipos, incluíu un xenio ademais de ananos e fadas.[23]

En 1982, a Unión Astronómica Internacional (IAU) comezou a nomear elementos da lúa de Saturno Encélado por personaxes e lugares das traducións de Burton[24] porque "a súa superficie é tan estraña e misteriosa que empregando As mil e unha noites como banco de nomes lígase unha paisaxe fantástica coa literatura fantástica".[25]

Adaptacións editar

Aladdin and the Wonderful Lamp (1917).

Os relatos de As mil e unha noites foron argumentos populares de filmes, comezando con Le Palais des Mille et une nuits (1905), de Georges Méliès. O crítico Robert Irwin destaca as dúas versións de O ladrón de Bagdad (a versión de 1924 dirixida por Raoul Walsh e a versión de 1940 producida por Alexander Korda) e Il fiore delle Mille e una notte (1974) de Pier Paolo Pasolini como entre as grandes obras mestras do cinema mundial.[26] Michael James Lundell considerou Il fiore "a adaptación máis fiel, coa súa énfase na sexualidade, das Mil e unha noites na súa forma máis antiga".[27]

Alif Laila (1933) foi un filme fantástico en hindi baseado na obra dos inicios do cinema da India, dirixido por Balwant Bhatt e Shanti Dave. K. Amarnath dirixiu Alif Laila (1953), outro filme fantástico en hindi baseado no conto de Aladino.[28] A adaptación de Niren Lahiri Arabian Nights é un filme de aventuras e fantasía estreado en 1946.[29] Outros filmes indios baseados nas Mil e unha noites foron Baghdad Ka Chor (1946), Baghdad Thirudan (1960)e Baghdad Gaja Donga (1968).[28] Unha serie de televisión, Thief of Baghdad, tamén foi realizada na India e emitida en Zee TV entre 2000 e 2001.

UPA, estudio estadounidense de animación, produciu unha versión animada, 1001 Arabian Nights (1959), coa personaxe de Mr. Magoo.[30]

O filme animado de 1949 The Singing Princess, producido en Italia, inspirouse na obra. Tamén o filme de animación One Thousand and One Arabian Nights (1969), producido no Xapón e dirixido por Osamu Tezuka e Eichii Yamamoto, con sons e imaxes psiquedélicas e material erótico para adultos.[31]

As Mil e uma Noites (2015), filme en tres partes dirixido polo portugués Miguel Gomes, foi inspirado polas Mil e unha noites.[32]

Notas editar

  1. Encyclopaedia Iranica (en inglés). 
  2. Marzolph, Ulrich (2007). The Arabian Nights in Transnational Perspective. Wayne State University Press. pp. 183–. ISBN 978-0-8143-3287-0. 
  3. Marzolph (2007). Arabian Nights. Encyclopaedia of Islam I (Leiden: Brill). 
  4. John Payne, Alaeddin and the Enchanted Lamp and Other Stories, (Londres 1901) dá detalles do encontro de Galland con Hanna en 1709 e do descubrimento na Bibliothèque Nationale de París de dous manuscritos árabes que conteñen Aladino e outros relatos. Text of "Alaeddin and the enchanted lamp"
  5. 5,0 5,1 Ch. Pellat (2011). "Alf Layla Wa Layla". Encyclopaedia Iranica. 
  6. The Arabian Nights, traducido por Malcolm C. Lyons and Ursula Lyons (Penguin Classics, 2008), vol. 1, p. 1
  7. Hamori, A. (2012). "S̲h̲ahrazād". En P. Bearman; Th. Bianquis; C.E. Bosworth; E. van Donzel; W.P. Heinrichs. Encyclopaedia of Islam (2nd ed.). Brill. doi:10.1163/1573-3912_islam_SIM_6771. 
  8. Marzolph, Ulrich (2017). "Arabian Nights". En Kate Fleet; Gudrun Krämer; Denis Matringe; John Nawas; Everett Rowson. Encyclopaedia of Islam (3rd ed.). Brill. doi:10.1163/1573-3912_ei3_COM_0021. 
  9. "Les Mille et une nuits". Bibliothèque nationale de France. Consultado o 29 de setembro de 2020. 
  10. The Thousand and One Nights (Alf layla wa-layla), from the Earliest Known Sources, ed. by Muhsin Mahdi, 3 vols (Leiden: Brill, 1984–1994), ISBN 9004074287.
  11. Sallis, Eva. 1999. Sheherazade through the looking glass: the metamorphosis of the Thousand and One Nights. pp. 18–43
  12. Madeleine Dobie, 2009. Translation in the contact zone: Antoine Galland's Mille et une nuits: contes arabes. p. 37. In Makdisi, Saree and Felicity Nussbaum (eds.): "The Arabian Nights in Historical Context: Between East and West"
  13. 13,0 13,1 Irwin, Robert. 2004. The Arabian nights: a companion. pp. 1–9
  14. Beaumont, Daniel. Literary Style and Narrative Technique in the Arabian Nights. p. 1. In The Arabian nights encyclopedia, Volume 1
  15. Irwin, Robert. 2004. The Arabian nights: a companion. p. 55
  16. Alf laylah wa-laylah: bi-al-ʻāmmīyah al-Miṣrīyah: layālī al-ḥubb wa-al-ʻishq, ed. by Hishām ʻAbd al-ʻAzīz and ʻĀdil ʻAbd al-Ḥamīd (Cairo: Dār al-Khayyāl, 1997), ISBN 9771922521.
  17. 17,0 17,1 Sallis, Eva. 1999. Sheherazade through the looking glass: the metamorphosis of the Thousand and One Nights. pp. 4 passim
  18. 18,0 18,1 18,2 Marzolph, Ulrich and Richard van Leeuwen. 2004. The Arabian nights encyclopedia, Volume 1. pp. 506–08
  19. The Arabian Nights, trans. by Husain Haddawy (Nova York: Norton, 1990).
  20. The Arabian Nights II: Sindbad and Other Popular Stories, trans. by Husain Haddawy (New York: Norton, 1995).
  21. The Arabian Nights: The Husain Haddawy Translation Based on the Text Edited by Muhsin Mahdi, Contexts, Criticism, ed. de Daniel Heller-Roazen (Nova York: Norton, 2010).
  22. Irwin, Robert (2003). The Arabian Nights: A Companion. Tauris Parke Palang-faacks. p. 290. ISBN 1-86064-983-1. 
  23. James Thurber, "The Wizard of Chitenango", p. 64 Fantasists on Fantasy edited by Robert H. Boyer and Kenneth J. Zahorski, ISBN 0-380-86553-X.
  24. Blue, J.; (2006) Categories for Naming Planetary Features. Consultado o 16 de novembro de 2006.
  25. IAU
  26. Irwin, pp. 291–92
  27. Lundell, Michael (2013). Pasolini's Splendid Infidelities: Un/Faithful Film Versions of The Thousand and One Nights. Adaptation 6 (Oxford University Press). pp. 120–27. doi:10.1093/adaptation/aps022. 
  28. 28,0 28,1 Rajadhyaksha, Ashish; Willemen, Paul (1999). Encyclopaedia of Indian cinema. British Film Institute. 
  29. "Arabian Nights (1946)". Indiancine.ma. 
  30. Maltin, Leonard (1987). Of Mice and Magic: A History of American Animated Cartoons. New American Library. pp. 341–42. ISBN 0-452-25993-2. 
  31. One Thousand and One Arabian Nights Review (1969). Thespinningimage.co.uk. Consultado o 2013-09-23.
  32. The Most Ambitious Movie At This Year's Cannes Film Festival is 'Arabian Nights'. Consultado o 2015-01-18.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Where Is A Thousand Tales? [Hezar Afsan Kojast?] by Bahram Beyzai, Roshangaran va Motale'ate Zanan, 2012.
  • Chauvin, Victor Charles; Schnurrer, Christian Friedrich von. Bibliographie des ouvrages arabes ou relatifs aux Arabes, publiés dans l'Europe chrétienne de 1810 à 1885. Líege H. Vaillant-Carmanne. 1892–1922.
  • El-Shamy, Hasan. "A 'Motif Index of Alf Laylah Wa Laylah': Its Relevance to the Study of Culture, Society, the Individual, and Character Transmutation". Journal of Arabic Literature, vol. 36, no. 3, 2005, pp. 235–268. Modelo:Jstor. Consultado 22 Apr. 2020.
  • Horta, Paulo Lemos, Marvellous Thieves: The Secret Authors of the Arabian Nights (Cambridge, MA: Harvard University Press, 2017).
  • Kennedy, Philip F., and Marina Warner, eds. Scheherazade's Children: Global Encounters with the Arabian Nights. NYU Press, 2013. Modelo:Jstor.
  • Marzolph, Ulrich, 'Arabian Nights', in Encyclopaedia of Islam, 3rd ed. (Leiden: Brill, 2007–), doi 10.1163/1573-3912_ei3_COM_0021
  • The Islamic Context of The Thousand and One Nights by Muhsin J. al-Musawi, Columbia University Press, 2009.
  • Nurse, Paul McMichael. Eastern Dreams: How the Arabian Nights Came to the World Viking Canada: 2010. General popular history of the 1001 Nights from its earliest days to the present.
  • Shah, Tahir, In Arabian Nights: A search of Morocco through its stories and storytellers (Doubleday, 2007).

Ligazóns externas editar