Kavafis
Konstantinos Petrou Kavafis (en grego Κωνσταντίνος Π. Καβάφης), nado en Alexandría o 29 de abril de 1863 e finado na mesma cidade o 29 de abril de 1933, foi un poeta grego que figura entre os autores máis relevantes do século XX. Traballou tamén como xornalista e funcionario.
Kavafis | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 29 de abril de 1863 e 1863 |
Lugar de nacemento | Alexandría |
Falecemento | 29 de abril de 1933 e 1933 |
Lugar de falecemento | Alexandría |
Causa | cancro de larinxe |
Nacionalidade | Imperio Otomán, Exipto e Grecia |
Etnia | Gregos do Egito |
Ocupación | poeta, escritor, funcionario e xornalista |
Pai | Petros Ioannēs |
Nai | sen etiquetar |
Coñecido por | The Cavafy Publications 1891-1934 |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Traxectoria Editar
O seu pai era un importador e exportador acomodado. Ao morrer o pai en 1870, a familia trasladouse a Liverpool, aínda que retornaría a Alexandría en 1882. Por mor dos disturbios de 1885, a familia fuxiu a Constantinopla temporalmente. Kavafis permaneceu en Alexandría para o resto da vida, se ben visitou Grecia en tres ocasións (1901, 1903 e 1932) como para demostrar que era e se sentía grego: aprendera grego durante a adolescencia e esta foi a súa única lingua poética. Comezou traballando de xornalista, mais logo obtivo un posto no ministerio exipcio de Obras Públicas, onde permaneceu trinta anos.
Entre 1891 e 1904 publicou a súa poesía en panfletos que facía circular entre os amigos achegados e recibiu pouco recoñecemento durante a vida, se ben a isto contribuíu o seu modo de vida recluído. Os versos que compuxo durante a súa primeira época empregan unha lingua culta e depurada. Posteriormente virou cara o demótico, a lingua grega falada, enriquecida con formas dialectais de Constantinopla e con vocábulos tirados da tradición clásica. Os poemas completos foron publicados en 1935 como Poemas de C.P. Kavafis (Ποιήματα, Piimata).
O mundo que Kavafis presenta é decadente, mais non o fai á moda da poesía europea da época, senón inspirándose no mundo pagán-cristián que esmorecía en Alexandría para mistificar ou sublimar as súas emocións persoais. Os seus poemas son retratos concisos mais íntimos de sociedades e personaxes, reais ou literarios. A homosexualidade e a saudade figuran entre os seus temas característicos: o amor homosexual, cantado ás veces con acentos violentamente sensuais ou con nostalxia e tristura, a imposibilidade de reter a beleza, a historia como terreo de enfrontamento entre o home e o destino, e a evocación mítica con tons de austeridade estoica.
Logo da morte de Kavafis, a súa reputación non deixou de medrar, e actualmente está considerado como un dos mellores poetas gregos modernos.
Traducións ao galego Editar
Yolanda Vilarchao traduciu a súa poesía ao galego co título de Poemas canónicos que publicou en 2007 a Editorial Rinoceronte.[1]
A Editorial Aira publicou en 2022 "Poesía completa anotada", traducida por Miguel A. Areses Martín.[2]
Notas Editar
- ↑ Ficha da obra en BiTraGa.
- ↑ Areses Martín, Miguel A. "Kavafis. Poesía completa anotada". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2023-05-12.
Véxase tamén Editar
Ligazóns externas Editar
- Sitio completo sobre Kavafis Arquivado 06 de xuño de 2004 en Wayback Machine.
- Museo de Kavafis en Alexandría
A Galicitas posúe citas sobre: Kavafis |