Orientalismo
Orientalismo é un termo polisémico, que se emprega tanto para designar os estudos orientais (o estudo das civilizacións orientais, actuais e históricas -especialmente as do Próximo e Medio Oriente, e en menor medida as do Extremo Oriente-), como para designar á representación (imitación ou mitificación) de determinados aspectos das culturas orientais en Occidente por parte de escritores, deseñadores e artistas occidentais, que remataron por converterse en tópicos estereotipados.
Estudos orientais
editar- Véxase tamén: asirioloxía.
Crítica ao concepto
editarReferíndose non ao estudo da Idade Antiga, senón ao de Oriente durante o período histórico do imperialismo europeo na Idade Contemporánea (do século XVIII a mediados do XX -cando se produce a descolonización-), o termo "orientalismo" adquiriu connotacións negativas ao implicar, en certos usos, interpretacións prexuízosas ou anticuadas sobre as culturas e pobos de Oriente. Este punto de vista foi artellado sobre todo por Edward Said (Orientalismo, 1978, Cultura e Imperialismo, 1993).[1]
Seguindo as ideas de Michel Foucault, Said céntrase nas relacións entre o poder e o coñecemento na universidade e a opinión pública, en particular nas visións europeas do mundo islámico. A través dunha revisión comparativa e histórica dos traballos universitarios e literarios orientalistas, analiza as relacións de poder entre colonizados e colonizadores. Conclúe que "Oriente" e "Occidente" operan como termos opostos, construíndose o concepto "Oriente" como un investimento negativo da cultura occidental. Estas ideas tiveron gran repercusión na perspectiva denominada terceiromundista, e as obras de Said están entre os textos fundacionais dos estudos poscoloniais[2].
Orientalismo nas artes
editarA campaña napoleónica en Exipto e Siria (1798-1801, que permitiu as ulteriores investigacións de Champollion), a guerra de independencia de Grecia (1821-1829, que desatou unha onda de simpatía europea, e á que acudiu Lord Byron), a guerra de Crimea (1854-1855, durante a que se produciu a Carga da brigada lixeira) e a apertura do canle de Suez (1869, para cuxa inauguración Verdi compuxo Aida) contribuíron a aumentar o interese por un exotismo profusamente documentado.[3]
No romanticismo, a sedución polo oriente cumpría o mesmo papel de afastamento da realidade que o historicismo medievalista. Washington Irving atopou en Granada a conxunción de ambos os (Contos da Alhambra), contribuíndo á xeración do tópico do exotismo español. Maior impacto tiveron (posiblemente polo seu explícito erotismo) as traducións de Richard Francis Burton (o Kama Sutra, 1883, e As mil e unha noites, 1885). O concepto de "oriente" que se dá nestas obras operaba como un espello da propia cultura occidental, ou como unha forma de expresar os seus aspectos ocultos ou ilícitos, en clave decadentista. Na novela de Gustave Flaubert Salammbô a antiga Cartago é o oposto á antiga Roma: unha raza e unha cultura semitas opostas á latinidade, corruptora moralmente e imbuída dun erotismo perigosamente atractivo. A súa influencia sumouse á configuración do imaxinario antisemita que xa se iniciou co Xudeu errante de Eugenio Sue. A literatura exótica do imperialismo británico tivo o seu máximo representante en Rudyard Kipling (Kim da India, A carga do home branco).
Pódense atopar representacións de «mouros» e «turcos» na arte medieval, renacentista e barroca. Pero non foi até o século XIX cando o orientalismo nas artes converteuse nun tema establecido. Nestas obras o mito do oriente exótico, decadente e corrupto está máis plenamente articulado. Pintores como Eugène Delacroix, Jean-Léon Gérôme e Alexander Roubtzoff recreáronse en representacións de todo tipo de escenas ambientadas en escenarios dos países árabes do norte de África e Oriente Medio. Tanto nas paisaxes como nos interiores acentuábanse os aspectos exóticos e sensuais de contrastes entre a luz cegadora do deserto e os tenebrosos interiores, as fanásticas cores das roupaxes e as carnaciones sedutoras -en todos os tons, do negro ao branco anacarado, pasando polo moreno-; especialmente nas escenas dos baños e os haréns, que permitían a representación voluptuosa de espidos ou semivestidos das odaliscas en posturas de incitante laxitude. Cando Jean Auguste Dominique Ingres, director da francesa Académie de peinture pintou unha visión moi colorista dun baño turco, fixo que este oriente erotizado se fixese publicamente aceptable pola súa xeneralización difusa das formas femininas, que poderían ser todas elas o mesmo modelo. A sensualidade víase aceptable no exótico oriente. Este estilo tivo o seu momento álxido nas Exposicións universais de París de 1855 e 1867.
Algúns pintores orientalistas foron:
- Jean Auguste Dominique Ingres (1780-1867)
- Eugène Delacroix (1798-1863)
- Théodore Chassériau (1819-1856)
- Eugène Fromentin (1820-1876)
- Jean-Léon Gérôme (1824-1904)
- Léon Belly (1827-1877)
- Gustave Guillaumet (1840-1887)
- Alexandre Roubtzoff (1884-1949)
En España o principal exemplo foi Mariano Fortuny (1838-1874), que viaxou a Marrocos onde ficou prendado do pintoresquismo local. Temas marroquís foron igualmente tratados por Josep Tapiró (1836?1913) e Antonio Fabrés (1854?1938).<name= PC />
O imaxinario orientalista persistiu na arte até principios do século XX, como evidencian os espidos orientalistas de Matisse.
O emprego de Oriente como un pano exótico continuou nas películas, por exemplo en moitas de Rodolfo Valentino. Máis tarde árabes ricos con togas convertéronse nun tema popular, especialmente durante a crise do petróleo dos anos 1970. Nos anos 1990, o terrorista árabe converteuse na figura de vilán preferida das películas occidentais.
Notas
editar- ↑ Edicións actuais en castelán: Debolsillo, 2006
ISBN 8497597672; Anagrama, 2004 ISBN 84-339-0537-6.
- Orientalismo: En torno ao discurso de Edward Said
- Edward Said, "Orientalismo": 25 anos despois Arquivado 05 de setembro de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para post-.
- ↑ Patricia Fride R. Carrassat e Isabelle Marcadé, Movementos de la pintura, Spes Editorial, S.L., 2004, páx. 51, ISBN 84-8332-596-9
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Orientalismo |
Bibliografía
editar- Urs APP. The Birth of Orientalism. Philadelphia: University of Pennsylvania Press, 2010 (ISBN 978-0-8122-4261-4)
- López-Calvo, Ignacio, ed. Alternative Orientalisms in Latin America and Beyond. Newcastle, England: Cambridge Scholars Publishing, 2007 (ISBN 1-84718-143-0)
- López-Calvo, Ignacio, ed. One World Periphery Reads the Other: Knowing the "Oriental" in the Americas and the Iberian Peninsula. Newcastle, England: Cambridge Scholars Publishing, 2009 (ISBN 1-4438-1657-4)
- López-Calvo, Ignacio, ed. Peripheral Transmodernities: South-to-South Dialogues between the Luso-Hispanic World and "the Orient." Newcastle, England: Cambridge Scholars Publishing, 2012. (ISBN 1-4438-3714-8)
Ligazóns externas
editar- Squires, 'Abd al-Rahmân Robert. (2009).Orientalismo, desinformación e Islam. Revista Alif Nûn nº 76, novembro de 2009.
- El otro origen de la danza del vientre. J. Alberto Mariñas. Un acercamiento ao orientalismo na arte da árabe. (en castelán)