Antoine Bovy

gravador de moedas e medallas franco-suízo

Jean François Antoine Bovy, nado en Xenebra o 14 de decembro de 1795 e finado na mesma cidade o 18 de setembro de 1877, foi un deseñador e gravador de medallas e de moedas suízo, naturalizado francés, coñecido por ser o creador das primeiras moedas de prata en francos suízos como unidade monetaria federal.

Infotaula de personaAntoine Bovy

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento14 de decembro de 1795 Editar o valor em Wikidata
Xenebra, Suíza Editar o valor em Wikidata
Morte18 de setembro de 1877 Editar o valor em Wikidata (81 anos)
Xenebra, Suíza Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaPregny-Chambésy (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSuíza (1815–)
Republic of Geneva (en) Traducir (1813–1815)
Primeiro Imperio Francés (1804–1813)
Primeira República Francesa (1798–1804)
Republic of Geneva (en) Traducir (1795–1798) Editar o valor em Wikidata
EducaciónEscola Nacional Superior de Belas Artes Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , medallista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Familia
FamiliaBovy family (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
ParentesHenri Baron (pt) Traducir (xenro)
Henri Reverdin (pt) Traducir (great-grandson (en) Traducir)
Olivier Reverdin (great-great-grandson (en) Traducir) Editar o valor em Wikidata
Premios

Discogs: 2248272 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

A familia Bovy, orixinaria de Saint George, no cantón de Vaud, instalárase en Xenebra a finais do século XVIII.[1] Jean François Antoine Bovy naceu nesa cidade o 14 de decembro de 1795,[2][3] o maior dos cinco fillos de Carlotte Élisabeth de Choudens (1774-1837) e de Jean-Samuel Bovy (1763-1837),[4] xoieiro e mecánico e director da Casa da Moeda de Xenebra.[5][6]

Tres dos irmáns de Antoine foron tamén artistas: Marc-Louis Bovy (1805-1890),[7] gravador e mecánico; Jules Bovy (1810-1844),[8] pintor e gravador; e o pintor Henri-Daniel Bovy (1812-1862).[9] Antoine comezou como aprendiz no taller profesional do seu pai, gravando punzóns.[5][6]

En 1820 casou en Xenebra con Constance Michaud.[5] En 1824, cando xa fixera os seus primeiros traballos como artista, foi enviado a París para estudar co escultor James Pradier,[1][2][3][10] que era profesor na Escola Superior de Belas Artes. En 1830, levou a súa muller e os seus tres fillos pequenos á capital francesa, na que se instalou,[11][6] e a partir de 1831 comezou a expor regularmente no Salón de París (ata 1865).[5][12]

Nesa cidade intentou presentarse a un concurso para o deseño das novas moedas francesas mais, malia a sona que adquirira xa como artista, non lle foi posible, xa que non cumpría a condición de ser un cidadán francés. Este problema motivouno para se naturalizar como francés en 1835,[6][10] e ese mesmo ano gañou unha medalla de ouro de gravado. En 1843, foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honra,[5][10][13] como recoñecemento á excelencia da súa medalla conmemorativa da construción das liñas de ferrocarril francesas,[3][14] feito que repercutiu a súa sona e que lle supuxo un notable incremento das encargas de medallas non só en Francia, senón tamén en Suíza.[11]

Os seus irmáns, Marc-Louis —director, como o seu pai, da Ceca de Xenebra— e Jules, cuñaron as medallas gravadas por Antoine, e constituíron a empresa Bovy Frères et Cie., que utilizou unha prensa de cuñaxe construída polo seu pai, Jean Samuel.[4][10]

Antoine gravou varias medallas retratando a personaxes tan significativos como Frédéric Chopin (1837)[15] —que lle deu clases de piano ao seu fillo Charles-Samuel—,[5] Alexander von Humboldt (ca. 1859),[16] a emperatriz consorte Uxía de Montijo (1870),[17] e Charles Dupin (1868),[18] ou conmemorando a inauguración de eventos diversos, como a inauguración do museo español no Louvre (1839) ou a do Palacio de Cristal da Exposición Universal de Londres de 1862.[19][20]

 
Moeda de 2 francos (1850) da serie de Helvetia sedente, gravado por Bovy a partir dun deseño de Friedrich Fisch.[21]

A partir de 1850, en asociación coa Monnaie de Paris, foi un dos gravadores dos cuños utilizados para a serie de moedas suízas de ½, 1, 2 e 5 francos, baseadas en deseños de Friedrich Fisch caracterizados pola figura alegórica nacional de Helvetia sedente nos seus anversos.[22] Logo encomendóuselle tamén o gravado dunha segunda serie en 1873,[23] a partir de deseños de Albert Walch, coa representación de Helvetia en pé,[10][24] que continúa en uso no século XXI —agás a moeda de 5 francos—, o que converte estes deseños nuns dos máis antigos en circulación.[25][26]

 
Moeda de 2 francos de 1995, que reproduce aínda o gravado de Bovy para a serie de Helvetia en pé.[27]

Antoine Bovy pasaba todos os veráns en Xenebra e, logo do pasamento da súa esposa en 1864, decidiu deixar París e instalarse alí en 1873.[5][10] Os seus gravados das moedas federais suízas foron os derradeiros da súa carreira, xunto con senllos bustos, tamén de 1873, de dous profesores do Conservatorio de Música de Xenebra, un deles o seu propio fillo Charles-Samuel, creado pouco despois do falecemento deste.[10] Ambos os bustos forman parte da colección do conservatorio.[28]

En 1877, Bovi instalouse na casa dunha das súas dúas fillas, próxima a un lago en Rives de Prégny, Xenebra, para pasar alí a final do verán. Alí a súa saúde comezou a debilitarse, ata que faleceu o día 18 de setembro.[3][5][10][29] O seu corpo foi soterrado no cemiterio de Pregny.[30]

En 1875, Gustave Courbet pintou un retrato seu, que hoxe está nunha colección privada.[6] O seu sobriño, Auguste Baud-Bovy, tamén o retratou, en óleo sobre lenzo, e o cadro consérvase no Museo de Arte e Historia de Xenebra.[5]

Pierre Larouse, no seu dicionario enciclopédico do século XIX, valoraba así as calidades artísticas de Antoine Bovy:[12]

Un buril enérxico e flexible, e unha execución maxistral compensan sobradamente o que por veces hai de indeciso e confuso na súa composición [...] Varias das súas obras poden compararse sen desvantaxe coas de Dupré, Varin, Duvivier e outros, que ilustraron a arte do gravado de medallas en Francia.

Escolma de traballos editar

Bovy produciu case 200 obras, entre moedas, fichas e medallas, entre as que se inclúen numerosas medallas conmemorativas e moedas para as casas da moeda de Francia, de Xenebra e de Suíza.[5][20][31]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Henseler, M. A. (1883). Páxina 24.
  2. 2,0 2,1 Bénézit, E. (1939).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Forrer, L. (1904). Páxina 243.
  4. 4,0 4,1 "Jean-Samuel Bovy". Bibliotheque de Genève (Bge-geneve.ch).
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 "Jean François Antoine dit ALLAND-BOWY". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Antoine Bovy". Dictionaire historique de la Suisse (DHS).
  7. "Nécrologie : Marc-Louis Bovy". En Bulletin de la Société suisse de Numismatique. Vol. 9. Nº 4. 1890.
  8. "Jules Bovy". Bibliotheque de Genève (Bge-geneve.ch).
  9. "Henri Daniel Bovy". Bibliotheque de Genève (Bge-geneve.ch).
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 "Notices biographiques: Antoine Bovy". En Revue Suisse de Numismatique. 1891. Société Suisse de Numismatique. Páxinas 317-318.
  11. 11,0 11,1 Henseler, M. A. (1883). Páxina 25.
  12. 12,0 12,1 Larousse, P. (1867).
  13. "Bovy, Jean Françoise Antoine". Archives Natiuonales. Base de donées Léonore.
  14. 14,0 14,1 "Louis-Philippe and Building of the French Railways". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  15. "Chopin Profile. Antoine Bovy 1837". Artsandculture.google.com
  16. "Alexandre de Humboldt (1769-1859), géographe". Paris musées (Parismuseescollections.paris.fr).
  17. "Portrait de l'impératrice Eugénie de Montijo, 1870". Paris musées (Parismuseescollections.paris.fr).
  18. "Pierre Charles François, baron Dupin (1784-1873)". Paris musées (Parismuseescollections.paris.fr).
  19. 19,0 19,1 "Universal Exhibition of London, 1862". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
  20. 20,0 20,1 "Jean-François-Antoine Bovy". En Forrer, L. (1898). Páxinas 298-300.
  21. "2 francs Helvetia assise". Fr.numista.com
  22. "½ franc", "1 franc", "2 francs", "5 francs" ("Helvetia assise"). Fr.numista.com
  23. Forrer, L. (1904). Páxinas 243-244.
  24. "½ franc", "1 franc", "2 francs" ("Helvetia debout"). Fr.numista.com
  25. "½ franc", "1 franc", "2 francs" ("Helvetia debout" cupronickel). Fr.numista.com
  26. "La fabuleuse histoire du franc suisse". En La Liberté. 9 de xaneiro de 2009.
  27. "2 francs Helvetia debout cupronickel". Fr.numista.com
  28. Henseler, M. A. (1883). Páxinas 25-26.
  29. Henseler, M. A. (1883). Páxina 26.
  30. Kathari, S.; Riliet, N. (2009). Histoire et Guide des cimetières genevois. Éditions Slatkine, Xénova. Páxina 370. ISBN 978-2-8321-0372-2
  31. Forrer, L. (1904). Páxinas 245-247.
  32. "Essai pour la pièce de 20 francs de la Deuxième République, 1848". Paris musées (Parismuseescollections.paris.fr).
  33. Richter, J. (2005). Die Schützentaler und Schützenmedaillen der Schweiz. Regenstauf. ISBN 978-3924861957 Páxina 193.
  34. Richter, J. (2005). Op. cit. Páxina 202.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar