Pierre Simon Benjamin Duvivier
Pierre Simon Benjamin Duvivier, nado en París o 5 de novembro de 1730 e finado na mesma cidade o 10 de xullo de 1819, foi un medallista e deseñador de moeda francés, o décimo terceiro en ocupar o posto de gravador xeral de moedas de Francia.[1]
Nome orixinal | (fr) Pierre-Simon-Benjamin Duvivier |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3 de novembro de 1730 París, Francia |
Morte | 10 de xullo de 1819 (88 anos) París, Francia |
Actividade | |
Lugar de traballo | París |
Ocupación | medallista, gravador |
Período de actividade | 1750 - 1819 |
Membro de | |
Familia | |
Pai | Jean Duvivier |
Irmáns | Thomas-Germain-Joseph Duvivier |
Traxectoria
editarOrixes e formación
editarPierre Simon Benjamin Duvivier naceu o 5 de novembro de 1730 en París, un dos dezasete fillos do gravador Jean Duvivier (1687-1761),[2] medallista oficial de Lois XV (1715-1774)[3] e de Marie-Louise Vignon (finada en 1756), unha familia proveniente de Liexa.[4] Un dos seus irmáns foi o pintor e gravador Thomas Germain Joseph Duvivier.[5] A súa irmá Jeanne Louise Françoise casou co tamén gravador Jacques Nicolas Tardieu (1716-1791).[6][7]
Benjamin Duvivier ingresou no Collège des Quatre-Nations, da antiga Universidade de París, para estudar Humanidades e Filosofía, e alí coñeceu e estableceu amizade con Abraham Hyacinthe Anquetil-Duperron e con Nicolas Louis de Lacaille, o futuro astrónomo. Chegou a planear unha viaxe de exploración con Anquetil-Duperron, que se viu obrigado a cancelar por motivos de saúde.[8]
A decisión de Benjamin de seguir unha carreira artística atopouse coa oposición drástica do seu pai. A raíz deste conflito abandonou o fogar familiar e instalouse coa súa irmá e o seu cuñado, Tardieu, quen contribuíu na súa formación como gravador.[8][9]
O 25 de setembro de 1756 gañou unha medalla concedida pola Academia Real de Pintura e Escultura, cun gravado dunha escena da natureza.[8]
Carreira como gravador
editarJean Duvivier, o seu pai, finou o 30 de abril de 1761, e entón Benjamin solicitoulle ao rei poder continuar co posto que aquel ocupaba nas galerías do Louvre. Esta solicitude foille concedida o 7 de xuño de 1762 e Benjamin asumiu o antigo cargo do seu pai de medallista real.[8][10] O 24 de novembro de 1764 foi admitido como membro da Real Academia de Pintura e Escultura, que o recibiu o 28 de decembro de 1776 e da que foi nomeado conselleiro en 1792.[2][3] O 13 de febreiro de 1765 logrou do rei o seu permiso para pasar un ano en Italia.[11] O 21 de agosto de 1774 acadou o posto de gravador xeral de moedas de Francia, logo de lle adquirir os dereitos do posto a Joseph Charles Roëttiers, que o tiña na súa posesión logo da morte do seu fillo, Charles Norbert Roëttiers.[2][12]
Duvivier foi autor de diversos retratos de membros da familia real durante os reinados de Lois XV e de Lois XVI (1774-1792). Entre 1765 e 1798 tivo unha presenza asidua nos Salóns de París, onde expuña as súas obras.[11][13][14] No Salón de 1773 amosouse unha comparativa entre unha medalla súa na honra de Federico III, duque de Saxonia-Gotha-Altemburgo, e o retrato deste elaborado polo seu amigo Jean Antoine Houdon.[15]
En 1788 pasou a figurar como asociado estranxeiro da Academia de Ciencia e Artes de Richmond, Virxinia, nos Estados Unidos. Entre as súas medallas máis salientables figuran a de George Washington (1776) e a de Gilbert du Motier, Marqués de Lafayette (1791).[16]
Duvivier foi mestre doutro dos seus cuñados, Pierre Joseph Tiolier (1763-1819), que chegou tamén a ser gravador xeral, en 1803.[17][18] Durante a Revolución Francesa, o 11 de xullo de 1791 o posto que ocupaba Duvivier foi amortizado e este foi substituído no seu traballo por un antigo discípulo seu, Augustin Dupré.[16] No entanto, continuou exercendo como creador de novas medallas e moedas, logo da súa destitución, ata 1801, data da súa derradeira medalla coñecida.[19]
As sinaturas de Benjamin Duvivier nas medallas e nas moedas nas que participou como deseñador ou como gravador son as seguintes: B. DUVIVIER ou B. DUVIV antes da morte do seu pai en 1791, e D·V ou DUV· ou DUVIV· ou DUVIVIER, logo do falecemento daquel.[20]
En 1806 Duvivier foi designado membro da sección de gravado da Escola de Belas Artes do Instituto de Francia, logo do pasamento de Rambert Dumarest.[2]
Pierre Simon Benjamin Duvivier morreu en París o 10 de xullo de 1819.[3]
Escolma de traballos
editarRetratos
editarMoedas e medallas
editarNotas
editar- ↑ "Duvivier (Les)". En La Grande Encyclopédie. Tomo 15. Lamirault, París. Páxina 154.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Barre, A. (1867). Páxina 11.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Bellier de La Chavignerie, E. (1882). Páxina 508.
- ↑ Sociétés des Beaux-Arts (1889). Páxina 339.
- ↑ Sociétés des Beaux-Arts (1889). Páxina 438.
- ↑ Archives de l'art français. Documents. Tome quatrième. Dumolin, París. 1865. Páxina 64.
- ↑ Sociétés des Beaux-Arts (1889). Páxinas 382, 443.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Sociétés des Beaux-Arts (1889). Páxina 341.
- ↑ Forrer, L. (1916). Páxina 685.
- ↑ Forrer, L. (1916). Páxinas 685-686.
- ↑ 11,0 11,1 Sociétés des Beaux-Arts (1889). Páxina 342.
- ↑ Sociétés des Beaux-Arts (1889). Páxina 347.
- ↑ Bellier de La Chavignerie, E. (1882). Páxinas 508-509.
- ↑ Forrer, L. (1916). Páxina 686.
- ↑ Poulet, A. L. (2005-06-01). Jean-Antoine Houdon: Sculptor of the Enlightenment . University of Chicago Press. Páxina 302. ISBN 978-0-226-67649-4
- ↑ 16,0 16,1 Karel, D. (1992). Dictionnaire des artistes de langue française en Amérique du Nord: peintres, sculpteurs, dessinateurs, graveurs, photographes, et orfèvres. Presses Université Laval. Páxina 277. ISBN 978-2-7637-7235-6
- ↑ Parkes Weber, F. (1907). "Medals and medallions of the nineteenth century relating to England, by foreign artists". En Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society. 4ª serie. Vol. 7. Páxina 259
- ↑ Rexistro da súa participación no Salón de 1765 Arquivado 01 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Salons.musee-orsay.fr
- ↑ Forrer, L. (1916). Páxinas 687-689.
- ↑ Rodot, N. (1904). Páxina 361.
- ↑ "1 Écu - Louis XVI". Numista.com
- ↑ "30 Sols - Louis XVI". Numista.com
- ↑ "2 Sols - Louis XVI". Numista.com
- ↑ "Caisse d’escompte, Louis XV, 1768". iNumis.com
- ↑ "Louis XVI, sacre à Reims [...]". iNumis.com
- ↑ "Lot 72. 1776 Washington Before Boston Medal". Stack's and Bowers. Novembro de 2017.
- ↑ "Bronze medal of George Washington, by Pierre Simon Duvivier". The British Museum.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pierre Simon Benjamin Duvivier |
Bibliografía
editar- Barre, A. (1867). Graveurs Généraux et particuliers des Monnaies de France, Contrôleurs Généraux des Effigies, Noms de quelques graveurs en Médailles de la Renaissance Française. Pillet Fils, París.
- Bellier de La Chavignerie, E. (1882). "Duvivier (Pierre-Simon-Benjamin". En Dictionnaire général des artistes de l'École française depuis l'origine des arts du dessin jusqu'à nos jours: architectes, peintres, sculpteurs, graveurs et lithographes. Tomo 1. Renouard, París. Páxinas 508-509.
- Forrer, L. (1916). "Duvivier, Pierre Simon Benjamin". Biographical Dictionary of Medallists. Vol. 1. Spink & Son. Londres. Páxinas 685-689.
- Marx, R. (1897). Les Médailleurs français depuis 1789, notice historique, suivie de documents sur la glyptique au XIXe siècle. Société de propagation des livres d'art, París.
- Rodot, N. (1904). Les médailleurs et les graveurs de monnaies, jetons et médailles en France. Leroux, París.
- Sociétés des Beaux-Arts (1889). "Pierre-Simon-Benjamin Duvivier". En Réunion des Sociétés des Beaux-Arts [...] du 11 au 15 juin 1889. 13e session. E. Plon, Nourrit et Ce., París. Páxinas 339-376.
- Thieme, U.; Becker, F. (1914). "Duvivier (Du Vivier) Benjamin (Pierre Simon Benj.)". En Allgemeines Lexikon der Bildenden Künstler von der Antike bis zur Gegenwart. Vol. 10. Seemann, Leipzig. Páxinas 249-250.
Outros artigos
editar
Predecesor: Joseph Charles Roëttiers |
Gravador xeral de moedas de Francia 1774 - 1791 |
Sucesor: Augustin Dupré |