Désiré Albert Barre

pintor e medallista francés

Désiré Albert Barre, nado en París o 6 de maio de 1818 e finado na mesma cidade o 29 de decembro de 1878, foi un pintor, medallista e deseñador de moedas e de selos postais francés.

Infotaula de personaDésiré Albert Barre
Nome orixinal(fr) Désiré-Albert Barre Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento6 de maio de 1818 Editar o valor em Wikidata
former 4th arrondissement of Paris, Francia (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte29 de decembro de 1878 Editar o valor em Wikidata (60 anos)
6.º arrondissement de Paris, Francia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo París Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpintor , medallista , deseñador de selos Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiJacques Jean Barre Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Barre-466

Foi designado como 18º gravador xeral de moedas de Francia en 1855, posto no que foi o sucesor do seu pai, Jacques Jean Barre e no que foi relevado en 1879 polo seu irmán máis vello, Jean Auguste Barre.

Traxectoria editar

Désiré Albert Barre naceu en París o 6 de maio de 1818. Atraído pola pintura, ingresou na Escola de Belas Artes de París o 7 de abril de 1838, onde tivo como mestre a Paul Delaroche.[1][2][3]

Barre pintor editar

Como pintor, foi autor dos frescos da capela de San Xosé na Igrexa de Santo Eustaquio, en París,[1] e na mesma igrexa comezou os frescos da capela dos Santos Inocentes, aínda que ao non puido concluílos, pola súa crecente dedicación ao gravado de cuños a partir de 1845.[2][3]

Participou nos Salóns de París de 1843 a 1851, onde expuxo pinturas de temas bíblicos,[2] e obtivo unha medalla de terceira clase no Salón de 1846. Entre os seus óleos máis salientables expostos nestes salóns están Saint Christophe portant le Christ (salón de 1843), Le Retour de l'enfant prodigue (en 1846), Plaute (en 1848) e J.-J. Rousseau âgé de 16 ans est recueilli par Madame Basile, à Turin (en 1851).[1]

Pola súa actividade artística, foi nomeado cabaleiro da Lexión de Honra en 1846.[3]

Gravador xeral de moedas editar

Mais a súa traxectoria artística virou cando o seu pai, Jacques Jean Barre, daquela gravador xeral de moedas de Francia, o reclamou en 1845 como axudante na Monnaie de Paris. A súa colaboración deixouse ver por primeira vez nos deseños dos primeiros selos postais franceses, que datan de 1848.

 
Punzón orixinal de Désiré-Albert Barre coa figura de Hermes para os selos postais de Grecia (Musée de la Monnaie, París).[4][5]

En febreiro de 1855 foi nomeado sucesor do seu pai no posto de gravador xeral de moedas,[1][2] polo que tivo que asumir os traballos que aquel tiña pendentes, sinaladamente os selos de correos de Francia, o cal non foi ben recibido por Anatole Hulot, o contratista encargado da súa impresión e especialista en galvanoplastia. Para competir con esta técnica de reprodución dos clixés necesarios para a creación das placas de impresión dos selos, Barre comezou a facer probas de cuñaxe coa prensa de volante monetaria entre 1858 e 1859, co apoio da Comisión de Moeda. Con todo, inicialmente Hulot logrou manter o seu contrato, para o que se viu na obriga de baixar os prezos, mais unha demora nunha entrega por parte de Hulot en 1861 posibilitou que Barre se fixese merecedor do contrato para a produción das pranchas dos primeiros selos postais encargados polo Goberno de Grecia (coa tipoloxía da cabeza de Hermes), mediante cuñaxe coa prensa de volante.[6][7] En 1876 volveu utilizar a mesma técnica para os selos complementarios.[8]

 
Medalla de Santa Helena, obra de Déseré-Albert Barre (1857).[9]

As malas relacións entre Hulot e Barre provocaron demoras na produción de novos selos a principio da década de 1860, das que ambos se responsabilizaron mutuamente.[10][11]

No relativo á moeda, a Désiré-Albert Barre débenselle os cuños da maioría das moedas francesas a nome de Napoleón III (1852-1870) posteriores ao seu nomeamento como gravador xeral, desde o céntimo de cobre ata os 10 francos de ouro. Do mesmo xeito, encargouse tamén dos cuños doutras moedas estranxeiras, como a primeira serie de moedas do dracma grego a nome de Xurxo I (1863-1913),[12] e outras para Ecuador,[13] Honduras,[14] Uruguai,[15] Luxemburgo[16] e Romanía.[17] Entre 1858 e 1871, Barre recibiu senllas encargas de gravados monetarios por parte do Goberno de Venezuela, unha delas a do busto de Simón Bolívar que a partir de entón apareceu nas moedas daquel país, primeiro nos venezolanos e despois nos bolívares.[18][19]

Entre as súas medallas máis significativas destacan as dedicadas a Isidor Geoffroy St. Hilaire (1853)[20] ou á Exposición Universal de 1878[21].[3] Así mesmo, Barre é o autor da condecoración da medalla de Santa Helena (1857).[9]

Á parte do seu labor como gravador, Barre foi autor do libro Graveurs Généraux et particuliers des Monnaies de France, Contrôleurs Généraux des Effigies, Noms de quelques graveurs en Médailles de la Renaissance Française, publicado en París en 1867.

Galería de traballos editar

Selos editar

Moedas editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Bellier de La Chavignerie, E. (1882).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Bénézit, E. (1939).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Forrer, L. (1916).
  4. Fanchini, L. (2013). "Les poinçons et les épreuves de la grosse tête d'Hermès de Grèce". En Documents Philatéliques. N° 217. 3º trimestre. Páxinas 2-16.
  5. Fanchini, L. (2011). "The Dies and Proofs of the “Large Hermes Head” of Greece". En Philotelia N° 669. Xullo-agosto. Páxinas 218-240.
  6. Fanchini, L. (2008). "Les essais «Cérès 1858». Pourquoi font-ils partie intégrante de la philatélie grecque ?». En Documents philatéliques. Nº 198. 4º trimestre. Académie de philatélie. Páxinas 3-18.
  7. Fanchini, L. (2011). "Tirages de Paris de la «grosse tête d’Hermès» : Quantités exactes commandées et livrées à Athènes". En Documents Philatéliques. N° 210. 4º trimestre. Páxinas 25-37.
  8. Chambers, M. (2008). "Messenger of the Gods". En Stamp Magazine. Nº 74-1. Xaneiro. Páxinas 44-48.
  9. 9,0 9,1 "Médaille de Sainte-Hélène". Cgb.fr
  10. Behr, P.; Brun, J-F.; Chauvet, M. (2000). Timbres de France. Le Spécialisé. Volume 1. 1849-1900. Yvert et Tellier. Páxinas 126-128. ISBN 2868140971.
  11. Brun, J-F. dir. (1998). Le Patrimoine du timbre-poste français. Flohic éditions. Páxina 75. ISBN 2842340353
  12. Moedas gregas de Désiré-Albert Barre. Numista.com
  13. Moedas ecuatorianas de Désiré-Albert Barre. Numista.com
  14. Moedas hondureñas de Désiré-Albert Barre. Numista.com
  15. Moedas uruguaias de Désiré-Albert Barre. Numista.com
  16. Moedas luxemburguesas de Désiré-Albert Barre. Numista.com
  17. Moedas romenas de Désiré-Albert Barre. Numista.com
  18. Moedas venezolanas de Désiré-Albert Barre. Numista.com
  19. Torrealba, V. (2021. "El perfil de Bolivar en las Monedas Venezolanas Arquivado 17 de setembro de 2021 en Wayback Machine.". MonedasdeVenezuela.com
  20. "Second Empire, la Société Zoologique d'Acclimatation à Ididore Geoffroy Saint Ilare, par Barre, 1857 Paris". Inumis.com
  21. "Médaille de récompense, Exposition Universelle". Cgb.fr
  22. "5 Francs - Napoleon III". Numista.com
  23. "5 Bolívares". Numista.com
  24. "5 Bolívares". Numista.com
  25. "5 Bolívares". Numista.com

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Predecesor:
Jacques Jean Barre
 
Gravador xeral de moedas de Francia

1855 - 1877
Sucesor:
Bertrend Marchais