Alan Turing
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Alan Mathison Turing, nado en Maida Vale (Londres) o 23 de xuño de 1912 e finado en Wilmslow o 7 de xuño de 1954, foi un matemático inglés, que traballou en campos como a informática teórica, a criptoanálise ou a intelixencia artificial. Proporcionou unha formalización dos conceptos de algoritmo e computación coa chamada máquina de Turing que pode considerarse un modelo de computadora de propósito xeral. É considerado o pai da informática teórica e da intelixencia artificial.[2]
Alan Turing | |
---|---|
![]() Alan Turing con 16 anos | |
Datos persoais | |
Nome completo | Alan Mathison Turing |
Nacemento | 23 de xuño de 1912 |
Lugar | Maida Vale (Londres) Inglaterra |
Falecemento | 7 de xuño de 1954 (41 anos) |
Lugar | Wilmslow Inglaterra |
Causa | Intoxicación por cianuro |
Soterrado | Woking Crematorium |
Nacionalidade | inglés |
Relixión | Ateo |
Actividade | |
Campo | matemáticas, informática, criptoanalítica, lóxica, ciencias da computación e bioloxía matemática |
Alma máter | Sherborne School Universidade de Cambridge Universidade de Princeton |
Director de tese | Alonzo Church[1] |
Alumnos de tese | Robin Gandy[1] |
Contribucións e premios | |
Coñecido por | Criptoanálise da Máquina Enigma, Máquina de Turing, Premio Turing |
Premios | Oficial da Orde do Imperio Británico, Membro da Royal Society |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
FamiliaEditar
Turing naceu en Maida Vale, Londres, mentres seu pai, Julius Mathison Turing (1873-1947), estaba de licenza do seu posto no Indian Civil Service, ICS (en galego, Servizo Civil Indio), en Chatrapur, que daquela pertencía á provincia de Madrás e hoxe está na de Odisha, na India.[3][4] O pai de Turing era fillo dun crego, o reverendo John Robert Turing, dunha familia de comerciantes escoceses que tiña a súa base nos Países Baixos e incluía un baronet. A nai de Turing, a muller de Julius, era Ethel Sara Turing (de solteira Stoney; 1881-1976), filla de Edward Waller Stoney, enxeñeiro xefe dos ferrocarrís de Madrás. Os Stoney eran unha familia da nobreza protestante anglo-irlandesa do condado de Tipperary e do condado de Longford, mentres que a propia Ethel pasara gran parte da súa infancia no condado de Clare.[5]
O traballo de Julius co ICS levou á familia á India británica, onde o seu avó fora xeneral do exército de Bengala. Non obstante, tanto Julius como Ethel querían que os seus fillos fosen criados en Gran Bretaña, polo que se mudaron a Maida Vale, Londres,[6] onde Alan Turing naceu o 23 de xuño de 1912, como recolle unha placa azul no exterior da casa onde naceu[7][8] que, posteriormente, foi ocupada polo Hotel Colonnade.[9][10] Turing tiña un irmán máis vello, John (o pai de Sir John Dermot Turing, 12º baronet Turing).[11]
O traballo de seu pai no ICS continuou durante a infancia de Turing, polo que os pais seguiron viaxando entre Hastings no Reino Unido e a India,[12] deixando aos seus dous fillos ao coidado dunha parella xubilada do exército. En Hastings, Turing aloxouse en Baston Lodge, unha vila residencial en St Leonards-on-Sea, que tamén conta cunha placa[13] que se descubriu o 23 de xuño de 2012, o centenario do nacemento de Turing.[14]
Posteriormente, os pais mercaron unha casa en Guildford en 1927, e Turing viviu alí durante as vacacións escolares. O lugar tamén está sinalado cunha placa azul.[15]
FormaciónEditar
Aos tres anos tiña unha memoria extraordinaria[16] e os pais de Turing matriculárono en St Michael's, unha escola primaria de St Leonards-on-Sea, dende os seis ata os nove anos. A directora recoñeceu o seu talento, sinalando que "... tivo rapaces intelixentes e mozos traballadores, pero Alan é un xenio".[17]
Con oito anos interesouse pola química e montou un laboratorio na casa. Con trece anos ingresou na escola Sherborne, na que destacou pola súa facilidade para as matemáticas e os cálculos mentais. Obtivo unha bolsa para estudar na Universidade de Cambridge, onde conseguiu a licenciatura en matemáticas en 1934.
En abril de 1936, con só 24 anos, publicou o artigo On computable numbers, with an application to the Entscheidungsproblem no que introduce o concepto de algoritmo e de máquina de Turing. Este artigo proba que existen problemas sen solución algorítmica e supón un dos alicerces máis importantes da teoría da computación. Aínda hoxe, máis de setenta anos despois, as leis que el propuxo no artigo seguen a ser válidas para calquera proxecto informático.
En setembro de 1936, Turing ingresou na Universidade de Princeton (EUA). Debido á repercusión do seu artigo, un dos científicos máis destacados da época, John von Neumann, ofreceulle unha bolsa no Instituto de Estudos Avanzados da Universidade. Turing obtivo o seu doutoramento en matemáticas en 1938. Trala súa graduación, von Neumann ofreceulle unha praza como asistente, pero Turing rexeitou a oferta e volveu a Gran Bretaña, onde obtivo outra bolsa que lle permitiu adicarse ao estudo da filosofía das matemáticas entre os anos 1938 e 1939.
Bletchley ParkEditar
Durante a segunda guerra mundial o exército alemán dispuña dunha máquina de codificación de comunicacións chamada Enigma. Por unha banda, grazas a un simple mecanismo de engrenaxes que usaban emisor e receptor e que se combinaban segundo un calendario preestablecido, era moi doado de utilizar. Porén, resultaba extraordinariamente difícil descubrir os seus códigos.
Alan Turing foi recrutado en 1939 para traballar en descifrar os códigos nazis, en particular os da máquina. Para iso, baixo a súa dirección, proxectouse o Colossus, computador que empregaba símbolos perforados en fitas de papel que procesaba a unha velocidade de 25.000 caracteres por segundo.
As causas do éxito do equipo de Bletchley Park e TuringEditar
Como en todo proceso que leva a rachar un sistema de seguridade, hai unha combinación de tres factores que explican o seu éxito: o talento e a capacidade técnica, a enxeñaría social e os erros humanos.
- Turing e o seu equipo foron quen de, primeiro, entender como funcionaba Enigma e despois, crear unha máquina como Bombe, deseñada practicamente peza a peza por Turing, que conseguía, mediante un complexo sistema electromecánico, desencriptar as comunicacións da Enigma.
- Os espías dobres ao servizo da espionaxe británica, como o español Joan Pujol García, que tiña como nome clave Garbo. Este, concretamente, enviaba aos seus contactos alemáns longuísimos e detallados informes sobre o exército británico, absolutamente falsos, que eran transmitidos a Berlín a través do sistema Enigma. Como os técnicos do equipo de Turing coñecían con tempo o contido real das mensaxes tiñan material abondo con que comparar a mensaxe orixinal coa encriptada e ir entendendo o funcionamento da Enigma.
- O exceso de confianza do exército alemán, que usaba a Enigma para enviaren incluso mensaxes de pouca importancia e que non necesitaban de segredo. Pero que servían para que os británicos foran aumentando a súa información.
Compromiso con Joan ClarkeEditar
En 1941 Turing propúxolle matrimonio á súa compañeira Joan Clarke, matemática e criptoanalista no Hut 8. Porén, ao coñecer a homosexualidade de Turing, Clarke decidiu non seguir adiante cos plans de casamento.[18][19]
MorteEditar
Foi acusado e condenado por atentado violento ao pudor pola súa homosexualidade, nun tempo en que en Gran Bretaña era delito. Turing, para evitar a cadea, aceptou someterse a unha castración química. As secuelas do tratamento que o incapacitaban para as súas investigacións, xunto co estigma social da súa condena, levárono a suicidarse comendo unha mazá que tiña inxectado cianuro.
Contribucións á informáticaEditar
O Test de TuringEditar
- Artigo principal: Test de Turing.
Outro dos campos de investigación de Turing foi o da intelixencia artificial. Pódese dicir que esta disciplina naceu a partir do seu artigo titulado Computing Machinery and Inteligence publicado por Turing en 1950. É moi famosa a primaeira frase dese artigo:
"Propoño considerar a seguinte cuestión: ¿Poden pensar as máquinas?"
Turing propuxo un método chamado o Test de Turing para determinar se as máquinas poderían ter a capacidade de pensar. Para unha máquina computacional, o Test de Turing marcaría o punto no que poderiamos propiamente falar de intelixencia artificial, unha máquina sería intelixente se poidese ter as reaccións e respostas propias dun ser humano. En palabras do propio Turing
Un computador pode ser chamado «intelixente» se é quen de enganar a unha persoa facéndolle crer que é un humano.
Rehabilitación da súa figuraEditar
No ano 2009, despois dunha campaña pública pedindo ao goberno británico que recoñecera a importancia da figura de Turing e a inxustiza que supuxo a súa condena, o Primeiro Ministro, Gordon Brown, publicou a seguinte carta:
2009 foi un ano de profunda reflexión - unha oportunidade para a Gran Bretaña, como nación, para celebrar as débedas profundas que temos con aqueles que nos precederon. Unha combinación única de aniversarios e eventos que renovou en nós un sentimento de orgullo e gratitude que caracterizan a experiencia británica. Durante este ano honrei xunto cos presidentes Sarkozy e Obama o servizo e sacrificio dos heroes que tomaron as praias de Normandía hai 65 anos. E a semana pasada, celebramos os 70 anos dende que o goberno británico declarou a súa intención de coller as armas contra o fascismo e declarou a inicio da II Guerra Mundial. Así que estou feliz e orgulloso que, grazas a unha coalición de científicos da computación, historiadores e activistas LGBT, temos unha oportunidade este ano para celebrar máis unha contribución á loita da Gran Bretaña contra a escuridade da ditadura, a do crebacódigos Alan Turing.Turing foi un matemático brillante, famoso polo seu traballo en romper os códigos da Enigma. Non é esaxeración dicir que, sen a súa notable contribución, a historia da Segunda Guerra Mundial podería ser moi diferente. Foi certamente unha desas persoas que podo dicir que a súa achega persoal axudou a virar o rumbo da guerra. Por iso, esta débeda de gratitude que temos con el fai aínda máis terrible que fora tratado de xeito tan inhumano. En 1952, foi condenado por "atentado violento ao pudor" - en realidade, foi xulgado por ser gay. A súa condena -e tivo que afrontar a infame elección entre esta ou a prisión- era a castración química por unha serie de inxeccións de hormonas femininas. Suicidouse dous anos despois.
Miles de persoas reuníronse para esixir xustiza para Alan Turing e o recoñecemento do xeito horrible como foi tratado. Aínda que Turing foi procesado baixo as leis existentes no momento e non podemos volver atrás no tempo, o tratamento que recibiu foi, por suposto, totalmente inxusto e estou contento por ter a oportunidade de dicir o canto e que profundamente lamento o que pasou con el. Alan e os miles de outros homes gays que foron condenados coma el baixo as leis homofóbicas foron tratados dun xeito terrible. Ao longo dos anos outros millóns máis viviron con medo a seren condenados.
Estou orgulloso de que aqueles días se foron e que nos últimos 12 anos, este goberno ten feito moito para facer a vida máis xusta e igual para a nosa comunidade LGBT. Este recoñecemento de Alan como unha das vítimas da homofobia máis famosas de Gran Bretaña é un paso máis no sentido de igualdade adiada.
Pero máis que iso, Alan merece recoñecemento polas súas contribucións á humanidade. Para os que naceron despois de 1945, nunha Europa unida, democrática e en paz, é difícil imaxinar que o noso continente foi o escenario do momento máis sombrío da humanidade. Difícil de crer que aínda quede xente viva que lembra que as persoas puidesen ser consumidas ata tal punto polo odio, o antisemitismo, pola homofobia, pola xenofobia e outros prexuízos. Que as cámaras de gas e crematorios convertéronse en parte da paisaxe europea, como as galerías e universidades e salas de concertos que marcaron a nosa civilización europea durante centos de anos. É grazas a homes e mulleres que estiveron totalmente comprometidos coa loita contra o fascismo, persoas como Alan Turing, que os horrores do Holocausto e a guerra total son parte de Europa do pasado e non do presente de Europa.
Así, en nome do goberno británico e de todos os que viven en liberdade grazas ao traballo de Alan. Teño o orgullo de dicir: Sentímolo, merecías algo moito mellor.
Gordon Brown.
Na cultura popularEditar
- O logo da compañía informática Apple, unha mazá mordida, é unha homenaxe a Turing, inspirado na súa morte.
- No filme Blade Runner, a proba Voight-Kampff, o cuestionario que se usa para distinguir a replicantes de auténticos humanos está inspirado no Test de Turing.
- No diario dixital Praza, o blog adicado á ciencia titúlase Cianuro nas mazás.[20]
- En 2014 estreouse un filme sobre Turing e Blentchley Park, co título de The Imitation Game, con Benedict Cumberbatch como protagonista.
NotasEditar
- ↑ 1,0 1,1 "Alan Turing". Mathematics Genealogy Project (en inglés). Consultado o 29 de decembro do 2015.
- ↑ Beavers 2013, p. 481
- ↑ Hodges 1983, p. 5
- ↑ "The Alan Turing Internet Scrapbook". turing.org.uk (en inglés). Consultado o 11 de novembro de 2021.
- ↑ Maguire, Phil. "An Irishman's Diary", p. 5. The Irish Times, 23 de xuño de 2012.
- ↑ "SEARCH BLUE PLAQUES". english-heritage.org.uk (en inglés). Archived from the original on 03 de setembro de 2009. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ Brown, Matt (16 de marzo de 2011). "The Scientific Tourist In London: #17 Alan Turing’s Birth Place". nature.com (en inglés). Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ "Alan Turing 1912-1954 code-breaker and pioneer of computer science was born here". openplaques.org (en inglés). Consultado o 17 de novembro de 2011.
- ↑ Hodges 1983, p. 5
- ↑ Hodges, Andrew. "Alan Turing. Internet Scrapbook". turing.org.uk (en inglés). Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ Redacción (25 de xuño de 2012). "St Leonards plaque marks Alan Turing's early years". bbc.com (en inglés). Archived from the original on 03 de decembro de 2017. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ Hodges 1983, p. 6
- ↑ Redacción (29 de xuño de 2012). "Plaque unveiled at Turing’s home in St Leonards". hastingsobserver.co.uk (en inglés). Archived from the original on 12 de setembro de 2017. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ "St Leonards plaque marks Alan Turing's early years". bbc.com (en inglés). 25 de xuño de 2012. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ Redacción (29 de novembro de 2012). "Founder of Computer Science Alan Turing’s Stargazing in Guildford". guildford-dragon.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ Jones, G. James (11 de decembro de 2001). "Alan Turing - Towards a Digital Mind: Part 1". systemtoolbox.com (en inglés). Archived from the original on 03 de agosto de 2007. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ Cawthorne (2014), p. 18
- ↑ Vídeo: "Joan Clarke: My Engagement to Alan Turing". Bletchley Park Research.
- ↑ Lord, L. A. (2008). "Joan Elisabeth Lowther Clarke Murray". University of Saint Andrews.
- ↑ Cianuro nas mazás
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alan Turing |
BibliografíaEditar
- Beavers, Anthony (2013). "Alan Turing: Mathematical Mechanist". En Cooper, ;, S. Barry; Van Leeuwen, Jan. Alan Turing: His Work and Impact (en inglés). Waltham: Elsevier. pp. 481–485. ISBN 978-0-12-386980-7.
- Cawthorne, Nigel (2014). Alan Turing : the enigma man. Londres: Arcturus. ISBN 978-1-78404-535-7. OCLC 890938716.
- Hodges, Andrew (1983). Alan Turing : the enigma (en inglés). Londres: Burnett Books. ISBN 978-0-09-152130-1.