Agrupación Musical de Goián

banda de música de Goián, Tomiño

A Agrupación Musical de Goián é unha banda de música da parroquia de Goián, no concello de Tomiño, creada en 1994. Conta cunha escola de música formada por 14 profesores e 160 alumnos e alumnas, así como un coro, banda infantil e banda xuvenil. Organizan cursos e concertos con grandes profesionais, con corais e acompañando voces solistas como Silvia Ferre ou artistas locais, como Angelina Álvarez e Davinia Álvarez. Dende 2015 está dirixida por Pedro Villarroel González.

Agrupación Musical de Goian
Ensaio da Banda Xuvenil da Escola da Agrupación Musical de Goián
OrixeGoián, Tomiño,
Período1994 - actualidade
Xénero(s)Música para bandas, Música clásica, Música popular, Música tradicional
Na rede
Facebook: bandagoian Twitter: bandagoian Instagram: bandagoian Editar o valor em Wikidata
Auditorio de Goián no que ensaia a Agrupación Musical.

Historia editar

A banda fixo a súa presentación oficial na Praza da Igrexa en 1998, baixo a batuta do seu primeiro director, Juan Carlos Díaz Álvarez, e co seu presidente naqueles tempos Aurelio Álvarez. Como bandas madriñas tiveron a Agrupación Musical do Rosal e a Banda de Música Xuvenil de Chapela.

Ao longo da súa historia actuaron en actos culturais e festas populares por toda a xeografía galega, Portugal (Tomar e Aveiro, esta última cidade no marco do 12º Encontro Ibérico de Bandas de Música), Madrid e Valencia. Tamén participaron dúas veces no programa Galicia enteira da TVG e en varios certames de bandas de música a nivel galego, provincial e zonal nos que conseguiron varios premios.

Levaron a cabo colaboracións co grupo de percusión Odaiko no concerto Vaia Banda, e na peza “Unha noite de amor con Lela” con voz solista e narradora xunto a Silvia Ferré, Belén Xestal e Alfredo Susavila.

Coro editar

A escola de música da agrupación conta cun coro composto por máis de trinta nenos e nenas da escola de entre 8 e 15 anos. O coro da Escola de Música fixo a súa presentación no curso 2014-2015, nun concerto estival celebrado na Praza Antonio Fernández de Goián. O profesor encargado das aulas e das actividades do coro é Bruno Díaz.[1] O coro participou o 20 de febreiro do 2016 no Certame de Coros Infantís celebrado no Auditorio de Caranza en Ferrol, organizado polo Conservatorio Profesional de Ferrol.

Directores editar

O director fundador da banda foi Juan Carlos Díaz, que dirixiu a agrupación desde 1994 até 2007. Iniciou os seus estudos musicais na Agrupación Musical do Rosal, da man do profesor José Vicente Simeó. Continuou os seus estudos no Conservatorio de Música Profesional de Ourense tendo como profesor a José Vicente Navarro. No ano 1997 trasladou os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo co profesor Eduardo Nogueroles, onde consegue o seu título superior. Asistiu a moitos cursos de perfeccionamento de tuba con mestres e solistas moi prestixiosos, como Harvey Philips, Steven Mead, Math Trophman, Sam Pilafian, Mel Culbertson, Adi Hershko, Jonn Sass, Rex Martin, Miguel Moreno, David Llacer, Pablo Fernández e Vicente López, entre outros.

Debido ao seu interese na dirección de bandas, iniciou os seus estudos de dirección no Instituto Europeo Bandístico (ISEB), en Italia, cos profesores Jan Cober, Carlo Pirola, Gianni Caracristi e Felix Hauswirth, co que terminou o curso superior no 2010. Ademais de numerosos cursos de Dirección de Orquestra e Dirección de Bandas de Música, J. Carlos Díaz como director artístico funda e dirixe a Banda de Música de Chapela (1993-2000) e a Agrupación Musical de Goián.

Foi profesor no Conservatorio de Música Municipal de Ribadavia e Ponteareas e, por último, no Conservatorio Profesional de Vigo, onde foi vicedirector (20042008), xefe de departamento de vento‐metal (20032010), organizador e coordinador dos premios honoríficos David Russell (2006‐2008) e coordinador e intérprete de concertos didácticos, realizados para a Consellería de Educación, da actividade Escolle o teu instrumento (2006).[2]

Juan Carlos Díaz foi sucedido como director por César Núñez, natural de Salceda de Caselas, titulado superior na especialidade de tuba. É profesor no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Dirixiu a agrupación entre 2007 e 2008.

En 2009 fíxose cargo David Pérez T., natural de Moaña. Comezou os seus estudos musicais aos oito anos no seo da banda de música Airiños do Morrazo, continuou no Conservatorio de Música de Vigo da man de Esteban Valverde Corrales. Posteriormente accedeu ao Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde rematou os seus estudos superiores de clarinete cos profesores Francisco Pérez Rodríguez e Carles Gil Castello cunha matrícula de honra.

Como clarinetista realizou numerosos cursos de perfeccionamento e máster-classes con Walter Boykens, Eric Hoeprich, Vicente Alberola, Radovan Cavallin, Jakub Bokun, Justo Sanz, Hedwing Swimberghe, Dominique Vidal, Joan Enric Lluna, Antonio Salguero, Florent Héau, Arno Piters, Jose Luís Estellés, Beatriz López, Reinhard Wieser, Carlos Gálvez e Kari Krikku. Ademais asistiu a clases cos mestres Asterio Leiva, Felipe González, José Puyana e Rubén Collarte.

É membro das bandas Airiños do Morrazo de Moaña, Banda de Música de Pontevedra, membro fundador da Orquestra de Jazz do Morrazo, do cuarteto de clarinetes Quórum Klar e da orquestra XOVIGO. Tamén realizou colaboracións con agrupacións como a Banda Filharmónica de Galicia, Banda Sinfónica da Federación Galega de bandas populares de Galicia, coro de cámara Camerata Ad Libitum, Orquestra Gaos, Real Filharmonía de Galicia e Orquestra da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia e, no ano 2008, participou no II Encontro da Orquestra dos Conservatorios Superiores de Galicia.

Dado o seu interese pola dirección bandística, de orquestra e de conxunto instrumental, recibiu clases dos mestres Alfredo Sánchez e Javier Viceiro, así como cursos e máster-classes da man de directores como Jan Van der Roost, José Pascual-Villaplana, Francisco Navarro Lara, Jan Cober e Marcel Van Bree. Respecto á dirección coral, recibiu clases dos profesores Javier Busto, Julio Domínguez e Xavi Pastrana, entre outros.[3]

En 2012 pasou a ser director José Bugallo. Desenvolveu a súa formación musical nos Conservatorios de Pontevedra e de Vigo onde obtivo a titulación de Profesor nas especialidades de piano e frauta traveseira. Realizou cursos de perfeccionamento en ambas as dúas especialidades con profesores como Fernando Raña, Pierre Dumail, Jean Claude Gerard, Magdalena Martínez, Alberto Vila, Eulalia Solé, María Jesús Crespo etc.

Realizou cursos de dirección coral e técnica vocal cos mestres Larisa Fedorenko e Johan Duick. No ano 2006 Ingresou no Instituto Superior Europeo Bandístico (ISEB) con sede en Trento, onde baixo a dirección de Jan Cober, Carlo Pirola, Félix Hauswirth e Gianni Caracristi. Neste mesmo instituto e durante o curso 2007/2008 traballa co mestre Douglas Bostock.

Foi invitado a dirixir agrupacións como a banda Filarmónika Mousiké de Gazzaniga, coa que realizou o seu exame de diplomatura, Banda de Música de Pontevedra, Banda Artística de Merza, Banda de música de Lalín, Banda de Música Xuvenil de Chapela e a Banda de Teo. Foi director da Banda Popular de Muimenta, director da Escola e Conservatorio de Música Elemental de Cambados, así como director da Banda de Música de Castrelo.

Desde 2015 o director é Pedro Villaroel. Comezou os seus estudos musicais, no seo da banda de Música de Candeán, aos 9 anos, na especialidade de saxofón. Posteriormente ingresou no Conservatorio de Música de Vigo, onde acadou o título de grao profesional. Accedeu aos estudos de grao superior, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, os cales rematou no ano 2015. Na súa especialidade estuda con distintos mestres como Juan Manuel Martínez Folgar, Julio Álvarez, Alejandro Cimadevila, Antonio Felipe Belijar, Fernando Ramos, Rodrigo Vila ou David Alonso.

Nestes anos realiza distintos concertos como solista pola Comunidade Autónoma, participando á súa vez no Ciclo de Xoves Intérpretes Teresa Berganza, Concurso de Xoves Intérpretes de Vigo (acadando o 3º premio na especialidade de vento madeira no ano 2006). Ademais, forma parte de diversas agrupacións camerísticas, colaborando así mesmo con numerosas bandas da Comunidade Autónoma Galega e de Portugal, como é o caso da Banda de Municipal de Ourense, Banda de Música de Ponte da Lima, Banda de Música de Monção, Banda de Música de Pontevedra, Omega Big Band… colaborou tamén coa Orquestra Clásica de Vigo e no ano 2011 actúa como membro activo nos concertos didácticos para escolares organizados por Abanca en toda a xeografía galega, que cada ano achegaban o espectáculo a milleiros de rapaces e que tamén se levou a cabo en abril de 2014 en Tánxer (Marrocos).

No terreo da dirección, comeza a súa andaina levando a batuta da Banda da Escola de Música de Candeán e de subdirector da banda de música de Candeán. Realizou cursos de especialización con mestres coma Javier Viceiro, Andres Valero Castells, Marcel, Van Bree ou Jose Rafael Pascual Vilaplana. Con este último participa activamente no seminario galego permanente de dirección de banda.

Recentemente remata o 4º e último nivel na Academia europea de dirección de banda en Portugal, cos mestres Javier Viceiro, Andre Granjo, Jean Sebastian Bereau e Jan Cober, realizando o concerto final en Lisboa coa banda profesional da policia da segurança publica. Tamén foi invitado como director en distintas agrupacións, como a Banda de Música de Candeán, a Unión musical de Valladares ou a Banda de Música de Pontevedra.

No 2012 colle a batuta da Banda de Música de Sanxenxo, cargo que deixa no 2015 para ser o director da escola e o director artístico da Agrupación Musical de Goián, actividade que compaxina co labor pedagóxico en diferentes escolas de música da provincia.

Directiva actual editar

A directiva actual da Agrupación Musical de Goián está composta por Pilar Ramos Tamayo (presidenta), Patricia Cuña Delgado (vicepresidenta), Cristina Costa Álvarez (secretaria), Carlos González Benítez (tesoureiro), Alexandre Pérez Souto (vogal), Andrés Álvarez Gómez (vogal) e Feliciano Fernández Ferreiro (vogal).

Discografía editar

O primeiro CD foi presentado ao público o 31 de xullo do 2003 no VIII Encontro de Bandas de Música. O disco inclúe oito temas, nos que predominan os pasodobres, destacando a peza "Asensio", composta por Juan Carlos Díaz e dedicada á memoria dun membro da Agrupación.[4]

O segundo CD, Fortaleza, foi presentado o 24 de novembro do 2012.[5] O título procede da primeira peza da Agrupación, composta por Andrés Álvarez.

Premios e recoñecementos editar

  • 1º premio e mención de honra no IV Certame provincial de Bandas de Música (2004).
  • 1º premio no Certame zonal de Bandas de Música de Tui (2009).
  • 2º premio no XII Certame provincial de Bandas de Música (2012).
  • 2º premio no III Certame provincial de Bandas de música (2003).
  • 2º premio no Certame zonal de Bandas de Música de Tui (2010).
  • 3º premio no XIX Certame provincial de Bandas de Música (2009).
  • 4º premio no IV Certame galego de Bandas de Música (2010)
  • Premio Manuel Quiroga no VI Certame provincial de Bandas de Música (2006). Neste Certame a Agrupación acadou tamén o premio ao mellor director: J. Carlos Díaz.

Notas editar

  1. Redacción. "A escola da Agrupación Musical de Goián, no Certame de Coros de Ferrol". Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2018. Consultado o 2018-04-25. 
  2. "Juan Carlos Díaz Álvarez, director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de maio de 2018. Consultado o 2018-4-10. 
  3. "Banda de Música Cultural de Mondariz". Banda de Música Cultural de Mondariz (en castelán). Consultado o 2018-04-10. 
  4. Gloria Fernández (2003-07-31). "Llega al mercado el primer disco de la Agrupación Musical de Goián". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2018-04-10. 
  5. "Presentación CD Agrupación musical de Goián". www.facebook.com. Consultado o 2018-04-10.