Adelardo Novo Brocas

xornalista e político galego
(Redirección desde «Adelardo Novo»)

Adelardo Novo Brocas, nado en Ferrol o 7 de setembro de 1880 e finado en Pamplona o 16 de xuño de 1939, foi un xornalista e político galego.

Adelardo Novo Brocas
Nacemento7 de setembro de 1880
Lugar de nacementoFerrol
Falecemento16 de xuño de 1939
Lugar de falecementoPamplona
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, político e escritor
PaiVictorino Novo García
Na rede
Galiciana: 112249
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Fillo de Victorino Novo García. Fixo o Bacharelato no Instituto da Coruña e matriculouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (1896). Abandonou os estudos en 1900 e marchou traballar a Madrid.

Xornalista en Cuba editar

 
Adelardo Novo, retrato en Vida Gallega, 1921.

Emigrou a Cuba en 1904, instalándose na Habana. Dirixiu o xornal La Unión Española ata 1907. O 10 de abril dese ano fundou El Diario Español, que dirixiu e no que publicaba a sección "Pequeñeces". Desde o periódico realizou un labor de propaganda da Biblioteca América que se instalou na Universidade de Santiago de Compostela. Mantivo enfrontamentos cos xestores da empresa propietaria e chegou a ser acusado de estafa; para reivindicar a súa xestión escribiu El Diario Español por dentro. Tamén dirixiu a revista Follas Novas e foi codirector e coredactor do Almanaque Gallego. Dirixiu ademais El Avisador Comercial, La Publicidad, El Comercio, El Eco Montañés, La Discusión, El Tiempo e El Republicano Conservador. Impulsou sociedades de emigrantes en Cuba: Ferrol y su Comarca e Unión Barcalesa. Foi secretario da sección de fomento do Centro Gallego (1905) e impulsor da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, sendo nomeado académico correspondente. En novembro de 1908 foi distinguido coa Cruz de segunda clase do Mérito Naval, con distintivo branco, polos servizos emprestados ao seu país co gallo da visita do buque-escola "Nautilus". Visitou Galicia en 1914.

Expulsión de Cuba e viaxes editar

Regresou a Galicia en 1917 logo da súa expulsión de Cuba por uns artigos publicados en Vida Gallega que ofenderon ás autoridades cubanas. Indultado en maio de 1918, regresou a Cuba en marzo de 1919, retomando a dirección de El Diario Español. En 1930 realizou unha nova visita a España no dirixíbel "Graf Zeppelin" patrocinada polos presidentes de dúas compañías cervexeiras da Habana: La Tropical e La Polar. Ao regreso escribiu o libro De La Habana a Sevilla por los aires.

Gobernador civil durante a Segunda República editar

Regresou definitivamente a Galicia en marzo de 1932. Durante a Segunda República militou en Acción Republicana, foi nomeado gobernador civil de Lugo o 14 de xuño de 1933, cesando o 14 de setembro e despois pasou a ser gobernador de Valladolid (do 13 de outubro de 1933 ao 21 de decembro de 1935). Foi candidato do Partido Republicano Gallego pola provincia de Ourense nas eleccións de novembro de 1933. Colaborou en El Pueblo Gallego, El Sol e Diario de Madrid. En marzo de 1936 foi nomeado vicepresidente segundo do Comité executivo da Confederación Universal de Sociedades Gallegas. Integrado en Izquierda Republicana, foi nomeado gobernador civil de Logroño o 19 de marzo de 1936.

Prisión e morte en Pamplona editar

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 19 de xullo e enviado á prisión provincial de Pamplona. Logo de dous anos en prisión instruíuselle procedemento sumarísimo de urxencia en 1938 acusado de excitación á rebelión, que non chegou a rematarse, pois a causa dun tumor intestinal foi trasladado da prisión ao Hospital de Logroño, onde faleceu o 16 de xuño de 1939.

Obras editar

  • El Diario Español por dentro, 1911.
  • Un enviado de Neurópolis, 1926.
  • De La Habana a Sevilla por los aires. Impresiones de un periodista español pasajero del Zeppelin, 1930.
  • El Libro del Mes, 1935.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar