Acentuación (música)

(Redirección desde «Acento (música)»)

A acentuación constitúe un dos elementos da expresión musical. Así como ocorre na linguaxe que certas frases, palabras ou sílabas deben dicirse ou escribirse dunha determinada maneira para expresar diferentes sentidos; na música determinadas notas na frase musical deben salientarse para lograr certos efectos, segundo se dispoña na peza musical.[1]

Un acento en música é unha énfase ou relevo que se aplica nun determinado son, xa sexa baixo a forma de nota ou de acorde, xa sexa como resultado do seu contexto ou especificamente indicado por un signo de acento.[2][3][4]

Descrición editar

A acentuación musical adóitase percibir auditivamente como unha sensación de apoio ou de descarga de enerxía. Contribúe á articulación e a prosodia da interpretación dunha frase musical. Esta acentuación ou acento indícase por medio de diversos signos e termos. En notación musical un acento é un signo que indica que unha nota debe ser interpretada con maior intensidade que as que hai ó seu redor. É dicir, que audiblemente debe destacarse de notas non acentuadas. Tamén pode denominarse acento á nota acentuada en si.[3][4]

Tipos editar

Os acentos poden ser de diversos tipos en función do factor que determine a percepción do acento. Estes factores poden ser relativos ao ritmo, á altura, á intensidade ou á duración da música.[3][4]

Acento métrico editar

O acento métrico é aquel inherente á organización rítmica da música e consiste no aumento da intensidade rítmica dun compás musical determinado. Xeralmente, aínda que non sempre, este acento posicional prodúcese a intervalos regulares na notación musical e na interpretación, dando lugar a unha métrica concreta. O acento recae sobre o primeiro tempo de cada compás.[3] Á súa vez, dentro do compás hai subacentos que se sitúan no comezo de cada tempo. No caso do compás cuaternario un acento semiforte recae sobre o terceiro tempo, que debe executarse moderadamente acentuado.

Os acentos que non se corresponden co tempo forte do ritmo predominante, dise que están sincopados.

Acento tónico editar

Un acento tónico é unha énfase nunha nota que consiste en que o son sexa de maior altura en comparación co resto de notas.[3] Este tipo de acento aplicouse na poesía e na prosa de linguas como o grego antigo, facendo énfase na sílaba acentuada elevando o ton de voz ao pronunciala.[5] Por esta razón, en literatura este acento recibe denominacións como acento tónico, musical, de altura, cromático ou melódico.

Acento agóxico editar

Un acento agóxico é unha énfase nunha nota que se basea en que o son sexa de maior duración en comparación co resto de notas.[3] Este tipo de acento ponse de relevo en pezas escritas en ritmos non uniformes ou ritmo libre. Hai catro clases de acento agóxicos:

  • Unha maior duración dunha nota. Por exemplo unha branca entre as notas negras.
  • Unha maior duración dunha nota co seu valor de tempo completo, sen alterar o tempo. Por exemplo, os intérpretes de órgano e clave, que non permiten o uso de acentos dinámicos, pode salientar unha dunha secuencia de notas negras en staccato converténdoa en menos staccato.
  • Unha maior duración dunha nota co efecto da retardación do ritmo.
  • O ataque retardado dunha nota.

Acento dinámico editar

Un acento dinámico é unha énfase nunha nota que se basea en que o son sexa de maior intensidade en comparación co resto de notas, polo xeral máis pronunciada no ataque do son. Son sons máis fortes que non coinciden necesariamente co acento métrico e que o compositor sitúa a conveniencia. Estes acentos represéntanse mediante diversos signos que se colocan na partitura por encima ou por baixo da nota (ver Figura 1).

 
Figura 1. Staccato, staccatissimo, marcato, acento e tenuto.

O acento de intensidade substituíu o acento prosódico a partir do século III na música bizantina e a partir do século IV na música da Antiga Roma.[5]

En notación musical un acento indica que hai que aplicar unha dinámica forte a unha soa nota ou un signo de articulación. O acento horizontal é o máis común, o cuarto símbolo na ilustración anterior, que é o símbolo que a maioría dos músicos queren dicir cando din signo de acento. O acento vertical, en terceiro lugar no esquema, pode interpretarse máis forte ou máis débil que o acento horizontal. Os compositores nunca levaron a cabo un uso consistente deses signos. Na maioría das obras musicais este tipo de acento está destinado a ser executado con máis forza e polo xeral máis curto. O resto de signos adoitan acurtar a nota.

 
Figura 2. Marcato.
 
Figura 3. Acento.
  • Staccato, indica que a última parte dunha nota debe ser silenciada para crear separación entre esa nota e a seguinte.[6] A duración dunha nota en staccato pode ser aproximadamente a metade, a condición de que a figura musical o indique, aínda que o tempo así como o criterio dos intérpretes fan que varíe un pouco.[7][8]
  • Staccatissimo, interprétase xeralmente como máis curto que o staccato. Aínda que os compositores até a época de Mozart utilizaban ambos os símbolos indistintamente. Unha negra en staccatissimo interpretábase en música tradicional como unha semicorchea lixeiramente articulada seguida polos silencios que enchen o resto dos pulsos..[7][8]
  • Marcato, con forma de cuña aberta vertical (ver Figura 2), é aínda máis forte ou máis marcado que un signo de acento normal.[9]
  • Acento, con forma de cuña aberta horizontal (ver Figura 3), indica que a nota á que afecta debe ter unha énfase inicial e logo diminuír con bastante rapidez. Este signo é coñecido polos músicos de formación clásica como marcato, aínda que polo xeral refírese simplemente como un acento.[2][3]
  • Tenuto, que pode ter tres significados. Pode indicar que unha nota ou acorde vaise a tocar en toda a súa duración ou máis, que unha nota ou acorde vaise a interpretar un pouco máis forte, ou ben que unha nota debe separarse cunha breve pausa das notas circundantes.[4] Este último significado adóitase inferir cando aparecen varias notas seguidas con signos de tenuto, especialmente baixo unha ligadura de expresión.[10]

Aínda cando estes símbolos están ausentes, os músicos experimentados introducirán o xesto axeitado de acordo co estilo da música.

Anti-acentos editar

A música para percusión en especial fai uso de signos como os anti-acentos que son anotados da seguinte forma:

  • ˘: cun signo de breve sobre a cabeza da nota, indica que debe tocarse lixeiramente máis suave que as notas próximas.
  • ( ): coa cabeza da nota entre paréntese, quere dicir que se toca significativamente máis suave que as notas próximas.
  • [ ]: coa cabeza da nota entre corchetes, significa que se interpretará moito máis suave que as notas próximas.
 
Figura 4. Anti-acentos.

Notas editar

  1. Thiemel, Matthias: «Accentuation». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
  2. 2,0 2,1 Thiemel, Matthias: «Accent». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Randel, Don Michael: The Harvard Dictionary of Music. Harvard University Press, 2003, p. 3.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Michels, Ulrich: Atlas de música. Alianza, 2009 [1985], vol. 1 pp. 75-79.
  5. 5,0 5,1 Souriau, Étienne: Diccionario Akal de Estética. Akal, 1998, pp. 28-29.
  6. Chew, Geoffrey: «Staccato». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
  7. 7,0 7,1 Apel, Willi: The Harvard Dictionary of Music. Harvard University Press, 1969, p. 708.
  8. 8,0 8,1 Kennedy, Michael & Bourne, Joyce: «Staccato». The Concise Oxford Dictionary of Music. Oxford University Press, 1980, p. 617.
  9. Maitland, J.A. Fuller & Fallows, David: «Marcato». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
  10. Fallows, David: «Tenuto». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar