A cor negra na cultura popular galega

Coma acontece noutras cores, a cor negra representa na cultura popular galega a morte e, moitas veces, asóciase co mal e co demo. Aínda así, non son raras as crenzas que atribúen determinadas propiedades curativas ós animais de cor negra.

Corvo

Así, as galiñas negras, e noutros lugares os pombiños negros, son os preferidos para certos ensalmos cos que curar enfermidades e mal de ollo. Igualmente, crese que os ovos dunha galiña negra son máis nutritivos cós das doutra cor, e pola mesma razón son os que se utilizan en determinados remedios para que estes sexan máis eficaces: como tal, os ovos de galiña negra curan as dores dos cólicos. Para cura-la dor de costado, aplícase sobre a parte dorida unha galiña negra aberta en canal. En Ponte Sampaio (Pontevedra) utilizan cascas de ovos de galiña negra, mesturadas cunhas herbas, para diagnostica-lo mal de aire: faise unha pasta que se coloca nunha cataplasma sobre o ventre do meniño enfermo e, segundo a cor coa que apareza ó cabo das 24 horas, poderá identificarse o causante do mal.

Risco recolleu que se pode conseguir unha sonada beberaxe para namorar seguindo o seguinte ritual: cóllese unha pita negra ás doce da noite e acódese xunta un cemiterio, córtaselle a cabeza e guíndase dentro, sen dar volta á cabeza. A seguir, éntrase no camposanto e apáñase terra de sete sepulturas, cóllese a galiña e mestúrase esa terra coa cabeza e co sangue da pita, bótase todo nun lenzo e cóase auga por el, dando a beber desta auga á persoa a quen se quere namorar (Risco:472).

En xeral, o caldo de galiña que se dá ás mulleres paridas, para que recuperen axiña as forzas, é mellor se se fai cunha galiña negra.

O unto de porco negro úsase para cura-lo herpes (en Padrenda, Ourense), partido en nove anacos que se mesturan con nove areas de sal e nove follas de loureiro.

Dá boa sorte criar un gato negro regalado, así como é de mala sorte cruzarse no camiño cun gato negro. Para Rodríguez López, ter un gato negro na casa trae boa sorte. Lis Quibén recolleu a crenza de que para cura-lo tirizó había que pasa-lo rabo dun gato negro polo ollo enfermo.

Crese que as ánimas veñen en figura de animais, especialmente en forma de avelaíñas, pero se son de cor negra considéranse agoiros dunha desgraza próxima, mesmo dunha morte; se foren brancas, dise que veñen anunciar boas novas de familiares ausentes [1].

Dise tamén que algunhas veces a Santa Compaña vén precedida dun carneiro negro. Eladio Rodríguez supón que esta imaxe está relacionada coa superstición centroeuropea da cazaría salvaxe ou cazata infernal.

Taboada Chivite recolle a crenza de que na noite de San Xoán aparécese un touro negro de ouro no alto dun castro pontevedrés.

A cor negra no léxico editar

Como adxectivo, ademais do significado directo da cor, toma o valor abstracto de terrible, intenso, cruel: fame negra, sede negra, o medo é negro.

  • álamo negro, chopo negro, (Populus nigra).
  • beleño negro, meimendro negro (Hyoscyamus niger).
  • bígaro negro (Littorina littoralis), un dos nomes da mincha.
  • carballo negro (Quercus pyrenaica), variedade de carballo, tamén chamado cerquiño ou cerqueiro.
  • chopo negro (Digitalis purpurea), un dos múltiples nomes da dedaleira.
  • chourizo negro, chourizo feito con carne, cebola etc., a diferenza do chourizo branco, feito só con carne.
  • cine negro, novela negra, cine ou novelas policiacas, de mortes e asasinatos.
  • día negro, día sinalado por algunha adversidade.
  • diñeiro negro, o procedente dalgunha actividade ilegal.
  • espiga negra, mazaroca de millo cos grans negros.
  • humor negro, o baseado en aspectos macabros.
  • leite negro, o producido por riba da cota láctea permitida e que se comercializa fóra dos circuítos oficiais.
  • lista negra, na que se recollen persoas ou entidades perigosas, proscritas, vetadas.
  • marea negra, vertedura de hidrocarburos ó mar.
  • negro (Labrus tinca), peixe da familia dos lábridos, como a maragota, de cor escura. O nome de negro pode ter presente tamén os labios avultados deste peixe.
  • negro (Melanogrammus aeglefinus), peixe coñecido como fogueiro ou burro, pola cor escura do dorso.
  • negro do ollo, o iris, en contraposición coa esclerótica que o rodea, ou branco do ollo.
  • negrón, hematoma, mancha negra ou morada que se forma na pel a consecuencia dun golpe.
  • negrón, banco de sardiña, pola cor azul escura dos seus lombos. Así, da sardiña que avanza en grandes cardumes dise que anda negrón ou vai negrón.
  • negrón, variedade de uva tinta tamén coñecida como espadeiro, así como o viño que se elabora con esta uva.
  • negrume, sucidade sobre a pel, cotra.
  • pan negro, pan de centeo, en contraposición do pan branco, de fariña triga.
  • pataca negra, variedade de pataca de pel azulada, escura.
  • pato negro (Melanitta negra), parrulo totalmente negro.
  • rodaballo negro (Scophthalmus rhombus), peixe plano máis coñecido como curuxo ou, na costa norte galega, sollo.
  • salgueiro negro (Salix atrocinerea).
  • trigo negro (Fagopyrum esculentum), planta herbácea [2].
  • xesta negra (Cytisus scoparius), ou xesta brava, xesta das vasoiras.
  • xulia de manto negro (Coris julis), peixe mariño tamén coñecido como doncela.

Na fraseoloxía editar

  • como o negro do sermón: dise de quen non aproveita nada dos consellos ou ensinanzas alleas.
  • estar negro: estar desesperado, non atopar solución a un problema.
  • estar negro (un asunto): non ter ou non verlle solución.
  • máis negro que un corvo: dise da persoa ou cousa de cor extremadamente negra.
  • negro coma a parrumeira: moi negro [3].
  • negro coma un chamizo: moi negro [4].
  • pasalas negras: ter pasado unha situación moi apurada, normalmente no eido económico.
  • poñer negro (a alguén): irritalo en grao extremo.
  • te-la negra, tocarlle a un a negra: ter moi mala sorte.
  • traballar coma un negro: traballar moito e sen descanso.
  • ver negro (un asunto, o futuro): non verlle posibilidades de que se solucione.
  • verse negro: non poder, non ser quen de cumprir algo. Estar nunha situación difícil ou moi apurada.
  • volverse negro: verse na necesidade de esforzarse moito para saír dos apuros nos que se está.

No refraneiro editar

  • A negra co frío non vale un figo; a branca coa xiada, nin figo nin nada.
  • Da ovella branca nace un año negro.
  • Da ovella negra nace un año branco.
  • De ovella negra, nace un año branco.
  • Díxolle o corvo á pega: bótate alá, que eres negra [5].
  • Lavarlle a cara a un negro, é perder agua e tempo [6].
  • Negra é a cea na casa allea, pero inda é máis negra pra quen dá a cea.
  • Negra é a pimenta, e cómena os fidalgos; e branca é a neve, e trípana os cabalos.
  • Non pode selo corvo máis negro que as aas [5].

No cantigueiro editar

  • A sogra da miña irmá/ ten un xenio de cadela;/ miña irmanciña querida/ vas pasar a vida negra [7].
  • Alá arriba naquiles penedos/ anda un galo con tres pitas negras;/ o galo a cantar, a pita a berrar,/ seica anda o demo naquile lugar [8].
  • Anque te laves e laves,/ negra, con xabón cheiroso,/ anque te fregues e fregues/ tes a cara que dá noxo [9].
  • As dos olliños negros/ roubáronme o curazón/ e se elas me non queren/ morrereime de delor [10].
  • As luces dos ollos negros/ parécense ás do inferno;/ anque teño amores coiles,/ casar con iles non quero [10].
  • As morenas todas teñen/ moi negriño o curazón,/ por eso elas dos homes/ non poden ter compasión [7].
  • Canta a rula, canta a rula,/ canta no niño da pega:/ non sei se será sinal/ de que vén a morte negra [11].
  • Chabacana de Forcadas,/ anque te laves e laves/ eres negra de nación/ e pouquerrichiño vales [12].
  • Eres blanca como un pote,/ negra como a parrumeira;/ se pola noite non campas/ de día no’hai quen te queira [13].
  • Negros son os teus cabelos,/ negra é a mala fertuna,/ negros son os teus olliños/ que me a min dan penuria [14].
  • No alto daquela serra/ anda un galo con tres pitas negras;/ o galo cantan i as pitas berran,/ aquil é o demo que anda na serra [15].
  • Pasaches e non falaches,/ pensas que vou a chorar;/ sabe que negras non quero,/ que blancas vou adourar [16].
  • Te-los olliños moi negros/ e negros namoradores;/ bótaos por eiquí embaixo,/ que vaian buscar amores [17].
  • Terra negra non dá pan;/ os mociños de Galicia/ noutra terra non os hai [18].
  • Tes un corpo medio torto/ i unha cara de morcego;/ pensaches que che quería,/ sabe que negras non quero [19].
  • Vaite lavar, moreniña,/ vaite lavar, curazón,/ que por moito que te laves/ negra eres de nación [20].
  • Vaite pra alá, carrouceira,/ cara de bico de pega,/ que cando te vexo vir/ penso que é a morte negra [20].

Nas adiviñanzas editar

  • Ó mundo negro/ visto de branco/ cando os paxaros/ chían no campo.[21]

Notas editar

  1. Risco engade que No caso das avelaíñas ou volvoretas tense lembrado, con razón, a psíquis grega, coa súa significación orixinal de volvoreta, forma en que as almas saían dos corpos, asegún os antigos gregos (Risco: 419).
  2. En castelán, alforfón ou trigo sarraceno.
  3. A parrumeira é a pedra dianteira do fogar no forno ou a parte alta da cociña, negra de feluxe.
  4. O chamizo é un tizón carbonizado ou a feluxe que se forma a consecuencia do lume.
  5. 5,0 5,1 Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), s. v. corvo.
  6. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), s. v. cara.
  7. 7,0 7,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 49.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 35.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 41. Tradicionalmente, a pel de cor escura nas mulleres, queimada por estar traballando ó sol, era peor considerada que a pel branca, das señoritas criadas á sombra ("Aparta de ehí morena,/ que eu quero a unha blanca...", ou "Vivan as nenas blanquiñas/ i ás morenas parta un raio...".
  10. 10,0 10,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 47.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 56. No orixinal: ven.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 61. No orixinal: Farcadas. As Forcadas, lugar da parroquia de San Trocado de Santa Comba, concello de Bande.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 75.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 107.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 128.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 149. No orixinal: telos.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 153.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 154.
  20. 20,0 20,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 160.
  21. Solución: a neve.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa. Penzol-Galaxia, Vigo 1973.
  • RISCO, Vicente: “Cultura espritual”, en Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.). vol. I. Ed. Nós, Buenos Aires 1962. * Reedición Akal, Madrid 1979.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • TABOADA CHIVITE, Xesús: Ritos y creencias gallegas. Sálvora, A Coruña 1980.
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos, Compostela 1933.