A Bela Dormente[1] é un clásico conto de fadas de tradición oral europeo cuxo personaxe principal é unha princesa que é enfeitizada para caer nun sono profundo, até que un príncipe encantado a esperte cun bico que proveña dun amor verdadeiro.

A Bela Dormente
Ilustración do Príncipe e a Bela Dormente
Título orixinalSole, Luna e Talia (Italia), La Belle au bois dormant (Francia), Dornröschen (Alemaña)
Autor/aIrmáns Grimm
OrixeAlemaña
Xénero(s)Conto de fadas
editar datos en Wikidata ]

A versión máis coñecida é a dos Irmáns Grimm, publicada en 1812, na obra Contos de Grimm, co título A Bela Dormente (título orixinal Dornröschen[2]) [3]. Considérase que esta se basea tanto na versión Sol, Lúa e Talía de Giambattista Basile, extraído de Pentamerone, a primeira versión en ser publicada data de 1634[4], como na versión do escritor francés Charles Perrault publicada en 1697, no libro Contos da Nai Ganso co título de A Bela Dormente no Bosque[5], que á súa vez tamén se inspirou no conto de Basile.

O conto foi adaptado ao ballet en 1890. A estrea realizouse en San Petersburgo por Chaikovski, que se inspirou no conto de Charles Perrault (A Bela Dormente, por Chaikovski), e máis tarde ao cinema pola Disney, en 1959 (Sleeping Beauty). Este filme de animación é unha adaptación tanto da versión de ballet de Petr Ilich Chaikovskii, como da de Charles Perrault[6]. En 2014 tivo inicio unha nova produción sobre o conto, desta vez revelando a perspectiva da bruxa má, Malévola, titulada Maleficient. Nesta produción a vilá será interpretada por Angelina Jolie, e Elle Fanning fará o papel da Bela Dormente. As gravacións comezaron en xuño, e a estrea está fixada para o 14 de marzo de 2014. O filme será dirixido por Robert Stromberg.

Sinopse

editar

Segundo o conto dos Irmáns Grimm, a versión máis popular.

Na festa do bautismo da tan desexada princesa, foron convidadas 12 fadas e como madriñas desta ofrecéronlle presentes como: a beleza, o talento musical, a intelixencia, entre outras beizóns apreciadas. Porén, unha vella fada que non fora convidada, porque o rei só tiña doce pratos de ouro, interrompeu a festa e botoulle como vinganza un meigallo cuxo resultado sería, a morte ao picar o dedo cun fuso cando a princesa atinxise a idade adulta. Porén, restaba o presente da 12ª fada. Así, esta suavizou a morte, transformando o maldición da fada malvada nun sono profundo de cen anos, até ao día no que sería espertada polo bico dun amor verdadeiro.

O rei de súpeto prohibiu calquera tipo de fiación en todo o reino, mais en van. Cando a princesa cumpriu 16 anos, descubriu unha sala agochada nunha torre do castelo onde atopou unha vella a fiar. Curiosa co fuso pediulle para a deixar fiar, picándose nese mesmo intre. Sentiu entón o grande sono que lle foi destinado e, ao adormecer, todas as criaturas presentes no castelo adormeceron tamén, co novo feitizo da 12ª fada que volvera. Co pasar do tempo, medrou un bosque de urces e silvas en torno do castelo, illándoo do mundo exterior e dando unha morte fatal e dolorosa por unha picada de espiños, a quen tentase entrar. Así, moitos príncipes morreron na procura de tal Bela Dormente cuxa beleza era tan falada na contorna.

 

Logo de pasados cen anos, un bravo príncipe enfrontouse ao bosque de silveiras, mesmo sabendo da morte doutros tantos, e conseguiu entrar no castelo. Cando atopou a torre onde a princesa durmía, achou tan grande a súa beleza que ficou apaixonado e non resistindo á tentación deulle un bico que a espertou á vida seguíndose ao dela, o despertar de todos os habitantes do reino que continuaron cos seus labores onde pararan hai cen anos. O príncipe e a Bela casaron secretamente e tiveron dous fillos: Aurora e Día. Cando a nai do príncipe (descendente de ogros) soubo disto quixo comelos, e ordenou a un cazador que os matase e os trouxese, mais o cazador puxo animais no lugar onde debería ter as raparigas. A raíña, cando se decatou diso, incomodada, mandou botar as netas a un pozo cheo de serpes, cobras e víboras durante a ausencia do príncipe, seu fillo, que fora cazar paspallás. Mais o príncipe chegou antes do tempo previsto, e a raíña, que xa non podía executar o seu plan, chea de odio e medo ao fillo, desequilibrouse caendo dentro do pozo onde morreu. A partir de aí, a princesa Bela e o príncipe "viviron felices para sempre"!

Variantes

editar

Os nomes da princesa

editar

Cada versión do conto ten un nome diferente desta personaxe. En Sol, Lúa e Talía, ten o nome de Talía, que provén da palabra grega Thaleia, que significa "o florecemento".

Perrault, pola súa banda, non lle deu nome. É simplemente "a princesa", mentres que Aurora é o nome da filla da princesa. Porén Tchaikovski transferiu o nome da nai á filla, sendo entón Aurora o nome da princesa no filme A Bela Dormente, da Disney.

Os Irmáns Grimm chaman á princesa a Bela Dormente[7]. No idioma orixinal é chamada, tal como no título, Dornröschen, cuxa tradución de dorn é espiña e de röschen é florciña, diminutivo de flor. Algunhas versión do conto traducen logo o nome da princesa como Rosa do Espiñeiro, Flor do Espiñeiro ou Rosa da Silveira, xa que orixinalmente o reino no cal a princesa dorme está arrodeado por un extenso espiñeiro ou silveira.

As diferentes versións

editar

No conto de Basile, a princesa Talía cae nun sono profundo cando fica cun anaco de liño cravado debaixo da unlla. O rei, que xa está casado, cando a descobre no castelo abandonado fica de tal maneira apaixonado que lle tira os froitos do amor mentres ela dorme. Só nove meses despois desta visita na que Talía esperta, dá á luz dous meniños, o Sol e a Lúa. Cando a raíña, dona do rei, sabe da existencia de Talía e dos seus dous bastardos, ordena inmediatamente que os maten, porén esta acaba por morrer no propro lume que preparaba para a princesa, deixando todos os restantes felices para sempre.

No relato de Perrault, a princesa acorda cando un príncipe a descobre e, apaixonados, casan e crean un amor que ten como froitos unha filla chamada Aurora e mais un fillo co nome Día. Porén, o amado sae nunha cazaría, deixando a princesa e os seus fillos ao coidado da súa nai celosa, que até entón non sabía da existencia do casamento do fillo. Esta é descendente de ogros e as súas tendencias caníbales provocarían a morte destes tres, se non fose pola compaixón dun cociñeiro, que engana a súa maxestade con carnes de animais. Por fin, cando o seu fillo chega e descobre as tentativas de destruír a súa familia, a raíña suicídase ao saltar a un tanque repleto de sapos, serpes e víboras que tiña preparado para a princesa.

As segundas partes destas dúas versións son consideradas por algúns folcloristas como contos distintos que foron unidos inicialmente por Basile[8].

A versión dos Irmáns Grimm termina logo despois do encontro do príncipe. Así foi creada unha integridade superior á dos contos anteriores que a tornou, en consecuencia, máis popular.

O filme da Disney conta unha historia máis parecida coa versión dos Irmáns Grimm, malia posuír unha serie de adaptacións na historia: Non son doce fadas as que visitan no bautizo da princesa, senón tres: Flora, Fauna e Primavera. No canto dunha fada envexosa, retrata unha bruxa sombriza chamada Malévola, que posúe un castelo arrodeado de tebras co seu propio exército de monstros. Tanto as fadas coma a bruxa permanecen presentes durante todo o filme. Alén diso, o príncipe coñece a princesa dende que nace, xa que seus pais eran amigos dos pais dela e decidiran o casamento entre seus fillos anteriormente. Outra mudanza é que as tres fadas querendo protexer a princesa acabada de nacer, secuéstrana e lévana ao bosque, onde a crían coma tres campesiñas tías dela. A princesa soña co príncipe e só descobre que é filla do rei e da raíña cando fai 15 anos de idade, que é cando Malévola a atrae a un cuarto do castelo e a princesa fura o dedo no fuso dunha roca. Coa axuda das fadas, o príncipe derrota mesmo á propia Malévola transformada en dragón (que sería equivalente á nai ogro das outras versións) e despois de bicar a princesa, o conto acaba coa parella a bailar no casamento e as tres fadas indecisas sobre a cor do vestido da protagonista. Ademais, no filme a princesa chámase Aurora (como na versión de Basile) e o príncipe Filipe.

En 2014 estréase un filme centrado na bruxa do conto co nome de Maleficient, producido pola Disney e protagonizado por Angelina Jolie[9].

  1. Existen varias versións da obra en galego, publicadas entre outros por Xerais e Baía Edicións.
  2. Ás veces tamén traducido ao inglés coma Little Briar Rose, cuxa tradución directa é A Pequena Roseira Brava.
  3. Contos de Grimm, vol.1, nº50, 1812
  4. Giambattista Basile, Pentamerone, "Sun, Moon and Talia" Arquivado 30 de abril de 2010 en Wayback Machine.
  5. Maria Tatar (2002). The Annotated Classic Fairy Tales (en inglés). W. W. Norton & Company. ISBN 0-393-05163-3, páx.95. 
  6. IMDb - Writing credits
  7. En canto a bicou, a Bela Dormente abriu os ollos, espertou e ollouno cun ar doce. - Extraído do libro Jacob e Wilhelm Grimm. Contos de Grimm (en portugués). Relógio D'Água. ISBN 972-708-392-7. 
  8. Maria Tatar (2002). The Annotated Classic Fairy Tales (en inglés). W. W. Norton & Company. ISBN 0-393-05163-3, páx.96. 
  9. Ficha da película Maléfica en IMDb

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Biografía

editar
  • Maria Tatar (2002). The Annotated Classic Fairy Tales (en inglés). W. W. Norton & Company. ISBN 0-393-05163-3. 
  • Jacob e Wilhelm Grimm. Contos de Grimm (en portugués). Relógio D'Água. ISBN 972-708-392-7. 

Ligazóns externas

editar