Xosé Cerviño García
Xosé Cerviño García, tamén coñecido como o Mestre Cerviño ou, máis popularmente, como Pepe da Pena nado en Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) o 23 de maio de 1843 e finado no mesmo concello o 4 de xaneiro de 1922, foi un canteiro e escultor galego[1].
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) José Cerviño García 23 de maio de 1843 Aguasantas, España |
Morte | 4 de xaneiro de 1922 (78 anos) Aguasantas, España |
Actividade | |
Ocupación | escultor, canteiro |
Descrito pola fonte | Enciclopedia Galega Universal Dicionario biográfico de Galicia Diciopedia do século 21 |
Traxectoria
editarAlgúns especialistas considérano o escultor máis afamado da súa época e de toda a historia da cantaría galega.[2] De Xosé Cerviño opinou así Castelao[3]:
"Calviño foi xenial e revolucionario, capaz de trocar os sinxelos cruceiros en grandes calvarios, ao xeito dos que se erguen na Bretaña. Estaba posuido da súa xenialidade até o estremo de saír máis caro pol-o viño que bebía que pol-o diñeiro que cobraba".
Aínda que a súa escultura máis nomeada foi sempre o cruceiro do Hío, en Cangas, o conxunto da súa obra merece ser tamén recordado, ben sexa polas esculturas atribuídas a el directamente, ben sexa polas atribuídas á súa dirección.
- Restauración da escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
- A Santa Cea e O Cristo Morto, en Cangas, dúas imaxes das procesións da Semana Santa canguesa.
- Capela do Pazo de Montero Ríos e na igrexa de Santo André, en Lourizán (Pontevedra).
- Restauración da igrexa de Santa María de Augasantas (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra).
- Panteóns no cemiterio de Augasantas.
- Panteóns nos cemiterios de Antas (A Lama) (construído en 1873), Valongo (Cerdedo-Cotobade) (circa 1880), Lantaño (Portas) e Lois (Ribadumia). A autoría dos panteóns de Augasantas e Antas non ofrecen dúbida pero a dos outros non é tan segura aínda que a súa similitude permite atribuílos a Cerviño ou dirixidos por el.
- Panteón da Familia Candeira no cemiterio de Celeiros (Ponteareas), construído en 1871.
- Cantería das igrexas de Santa María de Beariz (Ourense) e Santiago de Viascón (Cerdedo-Cotobade).
- Un Sagrado Corazón para a igrexa de Santo André de Valongo (Cerdedo-Cotobade).
- Diferentes imaxes, retablos ou campanarios en varias igrexas do Morrazo.
Falecemento
editarXosé Cerviño faleceu no ano 1922, cego e na máis absoluta pobreza. Foi soterrado no cemiterio de Augasantas, panteón que el mesmo construíu, tal e como fixera coa súa propia casa. Neste panteón, pódese apreciar a súa firma cun banete de catro picos [4].
Notas
editar- ↑ A verdade é que a denominación de Mestre Cerviño pode dar lugar a erro porque na mesma época houbo outro escultor, chamado Ignacio Cerviño Quinteiro (nacido en 1839 e do que se ignora a data da súa morte, en todo caso posterior a 1901) e que traballou máis pola zona de Ponteareas. Os diferentes autores discuten a verdadeira autoría de distintos panteóns e outras obras entre os dous artistas.
- ↑ Julio Fernández Pintos, Trisquel. Archivos del patrimonio histórico gallego, nº 42, 2002).
- ↑ As cruces de pedra na Galiza, reedición facsimilar Galaxia 1984, 128. Nótese que Castelao o nomeaba erroneamente como Calviño.
- ↑ "Cruceiro de Hío". Galicia Máxica. 03/03/2016. Consultado o 06/08/2020.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xosé Cerviño García |
Bibliografía
editar- Fernández de la Cigoña, Estanislao (2001). Entre encravamentos profundos e desencravos amorosos. Galaxia. ISBN 84-8288-470-0.
- "Cerviño García, Xosé". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 246.
- "Cerviño García, José". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 486. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Cerviño García, Xosé". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
Ligazóns externas
editar- Fernández de la Cigoña, Estanislao (2004). "A voltas cos mausoleos asinados por Xosé Cerviño García" (PDF). Pontevedra. Revista de estudios provinciais (19): 127–142. ISSN 0211-5530. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2007. Consultado o 31 de marzo de 2019.