Celeiros, Ponteareas

parroquia civil do concello de Ponteareas

San Fins de Celeiros é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponteareas, limita polo norte con Santiago de Oliveira, polo oeste con Arcos, polo leste con Guillade, polo suroeste con Lira, polo sur con Taboexa e polo sueste con Vilacova. Segundo o Nomenclátor de Galicia ten cinco entidades de poboación: O Requeixo, O Outeiro, A Carreira, Ribadas e Soutelo.

Celeiros
Igrexa parroquial de San Fins de Celeiros
ConcelloPonteareas[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°10′04″N 8°27′05″O / 42.167725574531, -8.4513940130289Coordenadas: 42°10′04″N 8°27′05″O / 42.167725574531, -8.4513940130289
Poboación229 hab. (2022)
Entidades de poboación5[1]
editar datos en Wikidata ]

Demografía editar

Segundo o IGE, en 2022 tiña 229 habitantes (109 homes e 120 mulleres).[2]

Etimoloxía editar

Segundo o libro Historia de Puenteareas, (páxina 57) a hipótese máis probable da orixe do topónimo é que veña da palabra celeiro, non obstante, hai máis hipóteses sobre a orixe do nome que tamén poden ter razón, o libro formula que o nome viría do éuscaro, concretamente da palabra zelai, que significa "pradeira". O interesante desta hipóteses é que Celeiros chegou a chamarse no século XVIII Zeleyros, parecéndose a palabra vasca. Outra teoría consiste en que algún xeneral romano ao ver a acrópole onde está o castro e actualmente a igrexa, lembrouse do monte Caelio de Roma, e de chamarlle Caelio pasaría a Celeio, despois a Celeiro, e de Celeiro a Celeiros.

Historia editar

Prehistoria e Idade Antiga editar

Do período prehistórico atopáronse uns petróglifos na zona da Pedra do Cabalo lindando con Guillade. Da Idade Antiga resalta o castro de Celeiros, do cal non queda moito xa que as múltiples construcións que se fixeron como por exemplo a igrexa, provocou que se destruíse a maioría do poboado.

Idade Media editar

A idade media foi un importante punto de esplendor na parroquia, de feito, o primeiro documento que se coñece sobre a parroquia data do 18 de maio de 1074, no cal Hermesenda Méndez doou a igrexa de Guillade e mais a de Celeiros a Aderico o bispo de Tui, aínda que no ano 963 existe unha mención ao lugar de O Requeixo como "Requieiso" nun documento do mosteiro de Santa María de Melón, que fala da fundación do pequeno mosteiro de Santa Locaia de Guillade. No ano de 1156, Afonso VII confirma a división de propiedades entre a mesa episcopal e a capitular da diocese de Tui, quedando Sancti Felicis de Cellariis (San Fins de Celeiros) encadrada na mesa episcopal, outro documento antigo data do ano de 1170, o documento di que a vila de Cellariis (Celeiros) limita coa de Ulvaria (Oliveira) ao entregar esta última Fernando II á igrexa de Tui, os seguintes documentos tamén son medievais e pódense atopar na páxina do Arquivo Histórico da Nobreza, o primeiro data do ano de 1260, este documento di que Esteban Nuño fai a favor do mosteiro de Santa María de Melón das súas posesións, tales como o casal de Sobrado, sito na vila de San Félix de Lavia, e aquelas que tivera na freguesía de Celeiros, no ano de 1301, redactáronse dous documentos sobre Celeiros, o primeiro di que o mosteiro de Santa María de Melón afora a Lorenzo Peláez e a súa muller María cantas herdades tiñan na freguesía de San Finç de Cellayros, o segundo moi semellante ao anterior, di que o mosteiro de Santa María de Melón afora a Lorenzo Peláez e a súa muller María Eanes canto heredamento posuía na freguesía de San Fins de Celeiros, no ano de 1307 o mosteiro de Santa María de Melón vende e doa unhas herdades na freguesía de San Fins de Celeiros, no alfoz de Salvaterra. Por último en 1483 o mosteiro de Santa María de Melón afora a Martín Fernández e a súa muller María do Porto un casal situado en Cotaros, na freguesía de San Finç de Celleyros. Cabe destacar que os últimos catro documentos están escritos en galego

Idade Moderna editar

Da Idade Moderna tamén chegaron múltiples documentos, no ano de 1539 véndese a herdade chamada "do prado", sita en San Finçiz de Zeleiros, dada por García Gil, labrador e veciño de San Xoán de Vilacoba a favor de Tristán de Montenegro, xuíz ordinario de Pontevedra. No apeo dos bens e rendas pertencentes ao mosteiro de nosa señora da Franqueira, feito no ano de 1631 baixo as xurisdicións de Salvaterra, entre moitas freguesías aparece a de Celeiros, no ano de 1660 escribíronse dous documentos, estes falan de autos do preito de execución das débedas contraídas polos posuidores dos bens do foro do casal de Cotos, na freguesía de Celeiros, por falta de pagamento das rendas do foro ao mosteiro de Santa María de Melón, en 1662 o mosteiro de Melón con Esteban Rodríguez e outro, reivindican a veiga "do prado" en san Fix de Zeleyros. Por último en 1761 faise o expediente de comprobación de bens, rendas e cargas da freguesía de San Pedro Félix de Zeleyros, efectuado por decreto en decembro de 1760 para o establecemento da Única Contribución, ademais no ano de 1658 construíuse o cruceiro de Soutelo. Tamén foi importante o século XVIII en Celeiros xa que se construíron múltiples monumentos, como por exemplo a nova igrexa parroquial en substitución da antiga no ano de 1780, a construción do cruceiro de San Roque no ano de 1700 e a casa do cura no ano de 1701, probablemente o peto de Ribadas tamén sexa deste século. Neste século Celeiros tiña 100 veciños, tamén se celebraba unha romaría a San Fins, a cal debeu desaparecer coa construción da nova igrexa.

Idade Contemporánea editar

A Idade Contemporánea tamén foi relevante para a parroquia. Destaca a familia Candeira con membros como Costantino Candeira González ou Matías Candeira González, orixinarios de Celeiros. Está familia doou os terreos para a construción do cemiterio e para facer o terreiro da festa, ademais de construír e doar o retablo do Cristo da Saúde feito no ano de 1874, o cal o mandou facer D. Manuel. A. Candeira, e a construción do panteón dos Candeira no ano de 1871 a cargo do mestre Cerviño. Tamén destaca unha antiga escola de música, na que as xentes das parroquias veciñas interesadas en tocar algún instrumento como a gaita ou a pandeireta, acudían a ela.

Xeografía editar

 
Regato do Rial

Localízase ao leste do concello de Ponteareas e limita cos concellos de Salvaterra de Miño e de As Neves . Destaca unha chaira que ocupa a parte central da parroquia, como consecuencia do paso do río Uma. Grazas ao paso deste río, as terras do centro de Celeiros son moi ricas, mais tamén son moi húmidas. No sur e no leste da parroquia, destacan grandes elevacións en comparación coa chaira que ocupa case a metade de Celeiros, destacan o monte Ferreirós (170 m) coto da Xebre (91 m) e o monte Zurxás (130 m), tamén existen outras elevacións que chegan aos 180 m de altitude.

Celeiros tamén destaca pola súa gran cantidade de regatos, como por exemplo o regato do Rial (pasa preto do Outeiro e da fonte da Delgada, desemboca no Uma), sumándolle o paso do río Uma, Celeiros convértese nunha das parroquias máis húmidas do concello de Ponteareas. A vexetación na parroquia destaca pola súa gran variedade de árbores autóctonas, na parte máis central, por onde pasa o río Uma, atópanse unha gran variedade de árbores, tales como por exemplo o carballo, o salgueiro, o bidueiro, a abeleira, o loureiro entre outras. Nos innumerables regatos que discorren pola parroquia, tamén se poden apreciar moitas das árbores nomeadas anteriormente, aínda que tamén están moi marcados pola presenza do eucalipto. Esta árbore atópase máis no norte e sur da parroquia, sobre todo preto das parroquias de Santiago de Oliveira, Guillade e Vilacova. A presenza do piñeiro é parecida á do eucalipto, sobre todo destacan unhas plantacións no norte da parroquia, tamén é visible no sur desta. Na zona máis achegada a igrexa, atópase a carballeira dos Candeira e os piñeiros mansos dos Candeira,[3] dos cales so quedan un, o último exemplar en ser cortado roldaba os 200 anos e estaba documentado dentro das árbores senlleiras de Galicia, os dous piñeiros foron plantados no ano de 1812.

Festas editar

En Celeiros celébrase a festa do patrón San Fins o 1 de agosto, a festa do Cristo da Saúde o 25 e 26 de xuño, a Virxe do O o 18 de decembro, o Corpus Christi o día 10 de xuño e a peregrinación á Franqueira, no día luns de Pentecoste na coñecida romaría das Pascuillas.

Patrimonio editar

Igrexa de San Fins de Celeiros editar

A igrexa de Celeiros construíuse no século XVIII, durante o mandato dos bispos Juan Manuel Rodríguez Castañón e Domingo Fernández Angulo. Ten unha nave de planta rectangular cunha cuberta e con estrutura de madeira a dúas augas e unha cubrición de tella curva. A ábsida é de planta cadrada máis alta cá nave cuberta a catro augas. A portada ten unha espadana con dous ocos para as campás e cun peto cunha figura sobre a porta. Ten un volume anexo na fachada norte entre a nave e a ábsida. Antigamente xa había unha igrexa anterior a esta, e a pedra reaproveitaríase na construción do templo actual.

Castro de Celeiros editar

Na acrópole de Celeiros, baixo a igrexa, está o castro de Celeiros. Do poboado só se conserva algunha vivenda, comida pola vexetación.

Panteón dos Candeira editar

 
Panteón dos Candeira.

No cemiterio de Celeiros está o panteón dos Candeira, feito polo canteiro Xosé Cerviño García en 1871. Trátase dun conxunto de enterramento familiar dos Candeira, formado por tres niveis: o primeiro, unha peza a modo de podio para catro nichos, o segundo é unha estrutura escultural formada por un cadaleito de pedra, con anxos a ambos os lados e o terceiro son grupos de figuras sobre o cadaleito, rematado coa Virxe en ascensión.[4]

Peto de Ribadas editar

No barrio de Ribadas, atópase o peto de ánimas de Ribadas ou peto de Ribadas de cronoloxía descoñecida. Está formado por dúas pezas e coroado cunha cruz cadrada. O fornelo está protexido con ferraxaría en cruz. Ten un retablo de madeira policromada, cunha figura de cristo na cruz, con San Francisco a dereita e a Virxe a esquerda co meniño. Debaixo deles atópanse tres ánimas.[5]

Cruceiro de San Roque editar

A carón da igrexa atópase o cruceiro de San Roque. Trátase dun cruceiro con pousadoiro do ano de 1700, está situado na subida na entrada do adro do conxunto parroquial. Ten un baseamento rectangular de dúas alturas, unha delas totalmente cuberta polo asfalto. Ten un pedestal ou base cúbica coas caras lisas e arestas superiores rebaixadas, cunha inscrición antiga que di:Abade Sper esta obra mando acer por su devoción ora 8 aves marías año de 1700. Posúe un varal cadrado, coas arestas rebaixadas e un capitel tronco piramidal invertido, con detalles xeométricos e motivos vexetais. Ten unha cruz de sección cuadrangular, con Cristo cara ao camiño que sobe á igrexa e a Virxe dolorosa no reverso. Posúe un pousadoiro, formado por dúas pedras rectangulares e o altar por pedra con arestas rebaixadas. Neste cruceiro dan volta as procesións, e venérase ao Santísimo na festividade de Corpus Christi, nesta celebración tese a costume de decorar o cruceiro con flores.[6]

Cruceiro de Soutelo editar

Situado nunca encrucillada de camiños no lugar de Soutelo, este cruceiro do ano de 1658 ten unha plataforma rectangular, de dúas alturas e cun pedestal ou base cúbico coas caras lisas e arestas superiores rebaixadas. Ten un varal cadrado coas arestas rebaixadas. Posúe un capitel tronco piramidal invertido con detalles xeométricos. Ten unha cruz de sección cuadrangular, con Cristo cara ao camiño que sobe e a Virxe das Angustias no reverso.[7]

Cruz da Carreira editar

Cruz sinxela situada ao carón dun cruzamento de camiños, posiblemente este a facer a función dun cruceiro. Nace sobre unha pequena base, hoxe cuberta pola maleza. O pau central e os brazos están feitos en pedra granítica de sección cadrada.[8]

Viacrucis editar

Camiño da cruz arredores do perímetro do adro, das cales quedan nove completas. Son cruces altas de sección cadrada cos pedestais de pedra. Posiblemente da época do cruceiro de San Roque xa que o viacrucis remata no cruceiro.

A casa reitoral de Celeiros editar

 
Casa reitoral, ano de 1701.

A casa reitoral ou tamén chamada na parroquia como a casa da obra ou a casa do cura data do ano de 1701, como así o indican unhas inscricións situadas na pedra que se atopa enriba da porta do balcón. É unha edificación de planta rectangular de dúas alturas, a planta baixa está semi-soterrada. Accédese dende o primeiro andar, situado no nivel do adro. Ten unha cuberta modificada, a dúas augas cunha cubrición con tella. Na planta baixa encóntranse a bodega e as cortes, e o primeiro andar utilizábase como vivenda.

Fontes de Celeiros editar

Fonte da Delgada editar

É de cano nunha canle de cantería de pedra con cano de pedra. Atópase semi-soterrada xa que o camiño antes de ser asfaltado estaría máis baixo.

Fonte do Outeiro editar

 
Fonte do Outeiro.

A encargo de Costante Fernández Candeira, foi construída en 1936. É de cano, atópase ó pé da estrada, baixo a sombra dun castiñeiro, cun banco a carón do peche dunha propiedade.

Fonte do Campo editar

Fonte de cano nunha canle, sitúase preto da estrada ao sueste do núcleo de Ribadas, atópase semisoterrada, xa que o camiño sería máis baixo. É de cantería de pedra cun cano de aceiro.

Fonte do Val da Fonte editar

Reformada no ano de 1932, a cargo dun tal Vilhar natural de Portugal como ven o indican os veciños. É de cano, está situada ao pé dun camiño antigo que une Soutelo con Valiño (Vilacova), está rodeada dun muro circular, menos por unha parte por a cal sae a auga, xa que antigamente o muro estaba a facer a función dunha presa, está formada por dúas pezas, a primeira ten forma dunha lousa e está situada enriba da segunda, a cal é un bloque de pedra cadrado, nesta peza sae a auga por un cano de metal e tamén hai unhas inscricións que datan a reforma da fonte no ano de 1932. Xa hai constancia da fonte no ano de 1870.

Galería de imaxes editar

Lugares e parroquias editar

Lugares de Celeiros editar

Lugares da parroquia de Celeiros no concello de Ponteareas (Pontevedra)

A Carreira | O Outeiro | O Requeixo | Ribadas | Soutelo

Parroquias de Ponteareas editar

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Ponteareas

Angoares (San Pedro) | Arcos (San Breixo) | Areas (Santa María) | Arnoso (San Lourenzo) | Bugarín (Santa Cristina) | Celeiros (San Fins) | Cristiñade (San Salvador) | Cumiar (Santo Estevo) | Fontenla (San Mamede) | Fozara (San Bartolomeu) | Guillade (San Miguel) | Guláns (San Xulián) | Moreira (San Martiño) | Nogueira (San Salvador) | Oliveira (Santiago) | Padróns (San Salvador) | Paredes (San Cibrán) | Pías (Santa Mariña) | Ponteareas (San Miguel) | Prado (San Nicolao) | Ribadetea (San Xurxo) | San Lourenzo de Oliveira (San Lourenzo) | San Mateo de Oliveira (San Mateo) | Xinzo (Santa Mariña)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023. 
  3. "Pinos piñoneros cerca de la iglesia de San Félix de Celeiros en Celeiros, Galicia, España". Árboles monumentales. 3 de abril de 2022. 
  4. Fernández Pintos, Julio (14 de xuño de 2002). "El panteón de la Familia Candeira (Celeiros, Ponteareas)". Trisquel. Archivos del Patrimonio Histórico Gallego (en castelán). 
  5. Peto de ánimas de Ribadas na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  6. Cruceiro de San Roque na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  7. Cruceiro de Soutelo na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  8. Cruz da Carreira na páxina web colaborativa Patrimonio Galego..

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Piñeiro Groba, Mariano; González Pérez, Claudio (1983). Historia de Puenteareas. Ponteareas: Ed. Centro Cultural Municipal de Puenteareas. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar