Wikipedia:Guerra de edicións

(Redirección desde «Wikipedia:R3R»)

Debido a que calquera usuario, rexistrado ou non, ten a posibilidade de editar na Galipedia, algunhas veces prodúcese un fenómeno chamado guerra de edicións, que consiste na modificación do texto dun determinado artigo por un ou máis usuarios, normalmente nuns lapsos de tempo moi curtos. Cada usuario involucrado revirte o artigo á súa propia "versión imparcial".

Motivos

editar

Os motivos poden ser moi variados; entre os máis comúns atópanse os seguintes:

  • Falta dun acordo en relación á veracidade dos datos do artigo.
  • Intento denodado por introducir determinado texto, xa sexa este non neutral ou con dereitos de autor.
  • Datos históricos non concluíntes con relación a un evento.
  • Intentos de vandalismo repetitivos. Isto ocorre na meirande parte das veces en páxinas relacionadas con relixión, personaxes políticas etc.

As consecuencias emocionais dunha guerra de edicións son as equivalentes a unha pelexa verbal ou física. Folga dicir que se debe evitar entrar nun conflito destas características.

Que facer no caso de estar nunha guerra de edición?

editar
  • Sobre todo, manter a calma.
  • Se o conflito de edición se desenvolve contra un vándalo, coloque o aviso no Taboleiro dos administradores para que un administrador avalíe a situación e bloquee, se fose pertinente, o usuario correspondente.
  • Se é un caso de non neutralidade, ou sexa, que vostede non está de acordo cos textos que se están trocando, evite facer máis reversións. Tódolos artigos posúen un apartado chamado historial que permite desfacer os cambios anteriores. Entón a páxina poderá ser revertida nun futuro, previo consenso e sen complicacións. Lembre que a Galipedia non é unha fonte primaria de información.

A regra das tres reversións

editar
Atallo:
WP:R3R

A regra das tres reversións establece o seguinte:

Unha "páxina" significa calquera páxina da Wikipedia, incluídos os espazos de conversa e do proxecto.

Unha "reversión" no contexto desta regra significa calquera edición (ou acción administrativa) que revirta as accións doutros editores, total ou parcialmente. Mesmo unha soa palabra.

Excepcións

editar

As seguintes accións non se consideran reversións nas que se apliquen os termos desta regra das tres reversións:

  • Reverter as accións propias.
  • Reverter as edicións feitas en páxinas do espazo de usuario propio, en canto que se estea a respectar a norma sobre páxinas de usuario.
  • Reverter accións feitas por usuarios bloqueados.
  • Reverter vandalismo obvio; edicións que un usuario con boas intencións estaría de acordo con que constitúe vandalismo, como o baleirado de páxinas ou a adición de linguaxe ofensiva.
  • Eliminar claras violacións dos dereitos de autor.
  • Eliminar outros contidos que claramente son ilegais no estado de Florida dos EUA onde están situados os servidores da Wikipedia, como pornografía infantil e software pirateado.
  • Eliminar materiais difamatorios, parciais ou non referenciados que violen a política de biografías de persoas vivas.

As catro ou máis reversións que constitúan a violación da norma poden ser polo mesmo material ou diferente de cada vez. A regra aplícase por persoa, non por conta; as reversións feitas por varias contas dun mesmo usuario contan xuntas.

O período de bloqueo habitual para os editores que violen esta regra é de 24 horas a primeira vez.

Cómpre lembrar que un administrador pode actuar en calquera momento, cando pense que o comportamento dun usuario constitúe unha guerra de edición. A regra non dá dereito a reverter unha páxina un número específico de veces. Catro reversións nun período maior que 24 horas non incumpre a regra das tres reversións, pero pode violar a regra xeral fronte á guerra de edicións por outros motivos.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar