Víctor Luis Molinari

escritor e xornalista arxentino

Víctor Luis Molinari, nado en Buenos Aires en 1904 e finado na mesma cidade en 1980, foi un escritor e xornalista arxentino.

Víctor Luis Molinari
Nacemento1904
Lugar de nacementoBuenos Aires
Falecemento1980
Lugar de falecementoBuenos Aires
NacionalidadeArxentina
Ocupaciónescritor
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Fillo de emigrantes italianos, graduouse en Economía. Porén, adicou a súa vida profesional principalmente o xornalismo, oficio que consideraba fundamental para todo escritor. Destacou o seu traballo nos xornais El Mundo, La Prensa e El Hogar, e nas revistas Galicia Emigrante e Brújula, da que foi codirector en 1930.

Foi autor dunha prolífica obra. A temática de parte desta centrouna en Galicia, tras o seu contacto coa intelectualidade galega emigrante.

Achegouse á cultura galega en 1953, logo dunha viaxe a Galicia. Participou nas actividades culturais das institucións galegas da Arxentina, como o Centro Gallego de Buenos Aires, onde estaba o foco de galegos emigrados máis importante de Latinoamérica.

Colaborou en Opinión Gallega e na revista Galicia Emigrante, unha das máis importantes da emigración e o exilio americano dos anos 50, fundada por Luís Seoane,; nela escribiu, entre outros, relatos curtos. Tamén participou no programa semanal do mesmo nome, en que se encargou das entrevistas.

O seu primeiro libro de temática galega, Itinerario gallego, tiña orixe precisamente nunha sección desa revista. Nesa sección publicaba aforismos de contido galego. A raíz dunha entrevista con Xosé Neira Vilas decidiu recompilalos e editalos nun tomo bilingüe. Encargouse da versión en galego o propio Xosé Neira Vilas.

Itinerario gallego, ademais, foi o primeiro libro da editorial Follas Novas, fundada por Neira Vilas e Anisia Miranda. Nel, Laxeiro ilustrou a primeira cuberta dun libro, e Ramón Suárez Picallo escribiu o seu primeiro prólogo. Distribuíuse por toda América e foi premiado pola Sociedade Arxentina de Escritores.

Foi reeditado anos máis tarde en Lugo, con cinco novos capítulos (esta vez traducidos por Arturo Regueira) e coa adición do subtítulo de Viaxe dun arxentino polas terras, polas xentes, e pola cultura de Galicia.

Na súa extensa obra, Galicia e a súa realidade foi un tema habitual. A súa produción inclúe, ademais de narrativa e poesía, ensaio, entre eles algúns sobre a obra de Rosalía de Castro e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Era un experto na historia e cultura galega, e chegou a ser nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1962.

Algúns dos seus poemas quedaron signados na Novísima poesía arxentina que compilaron Cambours Ocampo e Radaelli. Outros, traducidos ó italiano, mereceron a atención de Oggi e Domani, que os publicou nas súas edicións romanas. A súa obra de temática galega é de estilo rexionalista, pois presenta unha visión bucólica e idealizada de Galicia. A súa produción literaria encadraríase na literatura galega de posguerra do exilio.

Ó longo da súa carreira recibiu numerosos premios, como o X Premio Fernández Latorre, en 1968. O artigo premiado foi publicado no diario bonaerense La Prensa e titulábase "Proxección anímica da feria galega". Nel, Molinari describía en detalle o carácter da feira galega.

Obra editar

  • Itinerario gallego (1958). Editorial Nós.
  • Poemas gallegos (1958).
  • El perfil en la sombra (1960).
  • Latitud Finisterre. Buenos Aires: editorial Follas Novas, 1961.
  • La Herida sin Tiempo. Buenos Aires: Ediciones Orense (1964) (Con portada e retrato de Eugenio Díaz).
  • Anda perdida. Buenos Aires: editorial Hachette, 1965.
  • Canto a las provincias gallegas (1967).
  • De puerto a puerta. Vivencias gallegas. Buenos Aires: Ediciones Galicia, 1975.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar