Tilacomíidos

familia de mamíferos marsupiais
(Redirección desde «Thylacomyidae»)
Tilacomíidos
Thylacomyidae
Bilbís

Macrotis lagotis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Marsupialia
Magnorde: Australidelphia
Superorde: Eometatheria
Orde: Peramelemorphia
Familia: Thylacomyidae
Bensley, 1903
Xénero: Macrotis
Reid, 1837
Especies
Véxase o texto

A dos tilacomíidos (Thylacomyidae) é unha pequena familia de mamíferos marsupiais do clado (ou magnorde, ou superorde, segundo as clasificacións) dos australidelfos, e orde dos peramelemorfos,[1] coñecidos vulgarmente na bibliografía internacional como bilbís (do inglés bilbies).[2]

A familia conta cun só xénero, Macrotis[1] que, cando a colonización de Australia polos europeos, tiña dúas especies,[3] M. lagotis, o bilbí grande, acualmente en perigo de extinción (actualmente [ano 2016] a UICN considera o seu status como especie vulnerábel),[4] e M. leucura, o bilbí pequeno, que se extinguiu a mediados do século XX.[5]

Moi semellantes aos bandicuts, foron durante moito tempo incluídos na súa familia, a dos peramélidos.

Características e bioloxía editar

Os bilbís teñen o fociño longo, característico dos bandicuts, e unhas orellas moi grandes que lles serve para irradiar a calor. Miden de 29 a 55 cm de longo. En comparación cos bandicuts teñen unha cola máis longa, as orellas máis grandes e a pelaxe máis suave e sedosa.

Son omnívoros nocturnos que non necesitan beberen auga, xa que a obteñen dos alimentos, que inclúen insectos e as súas larvas, sementes, arañas, bulbos, froitos, fungos e animais moi pequenos. Case toda a comida encóntrana escavando ou escaravellando na terra, e utilizando as súas linguas, moi longas. A diferenza dos bandicuts, son excelentes escavadores e constrúen extensos sistemas de túneles coas súas fortes patas dianteiras, que teñen garras ben desrenvolvidas. Típicamente, os bilbís constrúen un bo número de tobos dentro do seu sistema de túneles, até unha ducia, e móvese entre eles, usándoos para refuxiarse dos depredadores para evita a calor do día.

O marsupio das femias ábrese cara a atrás, o que impide que se encha de terra cando escavan. O período de xestación é curto, duns 12 ou 14 días, un dos máis breves entre os mamíferos.[6]

Taxonomía editar

O xénero foi incluído na familia dos peramélidos por Vaughan (1978) e Groves e Flannery (1990). Pola súa parte McKenna e Bell (1997) inclírono tamén na familia dos peramélidos, pero na subfamilia dos queropodinos (da familia dos queropódidos), que hoxe só inclúe o xénero Chaeropus.[1]

Descrición editar

Familia

A familia foi descrita en 1903 por Bensley, en Trans. Linn. Soc. Lond. (Zool.), ser.2, 9: 110.[1]

Xénero

O xénero describírao en 1836 Reid, en Proc. Zool. Soc. Lond., 1836: 131, dando como especie tipo a Perameles lagotis (hoxe Macrotis lagotis).[3]

Sinónimos editar

O xénero tamén se coñeceu, ademais de polo nome válido, polos sinónimos:[3]

  • Paragalia Gray, 1841
  • Peragale Lydekker, 1887
  • Phalacomys Anon., 1854
  • Thalaconus Richardson, Dallas, Cobbold, Baird e White, 1862
  • Thylacomys Blyth, 1840

Etimoloxías editar

Nomes científicos editar

O nome científico Thylacomyidae está formado, como é norma, sobre a base do nome do xénero tipo, Thylacomys, un sinónimo inválido de Macrotis, coa adición da forma sufixa do latín científico -ĭdae, propia dos nomes das familias de animais.

Tylacomys está formado polos elementos do latín científico tylaco-, tirado do grego antigo θύλακος thýlakos, 'saco' e -mys, do grego μῦς, mữs, 'rato'. É dicir, 'os ratos con bolsa' (marsupio).

O nome actual do xénero, Macrotis, formouse cos elementos do latín científico macr-, do grego antigo μακρός makrós, 'grande', e o -otis, derivado do grego antigo οὖς ὡτός oús ōtós, 'orella'. Isto é, 'os de orellas grandes'.

Nome vulgar editar

O termo inglés bilby deriva do nome co que os aborixes do pobo dos Yuwaalaraay, do norte de Nova Gales do Sur, que significa 'rata de nariz longo'. É coñecido como dalgite en Australia Occidental, e o nome pinkie se utiliza ás veces en Australia do Sur.[7] Os wiradjuri de Nova Gales do Sur tamén o chaman bilby.[8]

Clasificación editar

Segundo o MSW e máis o ITIS, a familia comprendo un único xénero con dúas especies (unha delas xa extinguida):[3][9]

Familia Thylacomyidae Bensley, 1903

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Thylacomyidae no MSW.
  2. Castelán, bilbíes; catalán, bilbis; francés, bilbís; portugués, bilbies.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Macrotis en MSW.
  4. Friend, T., Morris, K. & van Weenen, J. (2008): Macrotis lagotis na Lista vermella de especies en perigo da UICN. Versión 2015-4. Consultada o 6 de maio de 2016.
  5. Burbidge, A., Johnson, K. & Dickman, C. (2008): Macrotis leucura na Lista vermella de especies en perigo da UICN. Versión 2015-4. Consultada o 6 de maio de 2016.
  6. Gordon, Greg (1984): Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. New York: Facts on File. pp. 846–849. ISBN 0-87196-871-1.
  7. "Home - Australian National Dictionary Centre". ANU. Consultado o 06-05-2016. 
  8. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de abril de 2008. Consultado o 06 de maio de 2016. 
  9. Macrotis Reid, 1837 no ITIS.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Grzimek, B., Schlager, N. & Olendorf, D (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale.
  • Macdonald, D. & Norris, S., eds (2006): Bandicoots. pp. 824–827 en The Encyclopedia of Mammals, Vol. 1, Fourth Edition. Londres: The Brown Reference Group.
  • McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Rowland, P. & Strahan, R., eds. (1995): The Mammals of Australia. Washington, D.C.: Smithsonian Institution Press.
  • Seebeck, J. (1990): Bandicoots and Bilbies. Norton, Australia: Surrey Beatty and Sons in association with the Australian Mammal Society.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas: Saunders College Publishing.
  • Vaughan, T. A.; J. M. Ryan & N. J. Czaplewski (2000): Mammalogy. Fourth Edition. Philadelphia, Pennsylvania: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder D. M. (editores) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 2 vol. 3ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar