Teotihuacán

Teotihuacán
Escudo
Mapa
Mexico Estado de Mexico Teotihuacan location map.svg
Información xeral
País Flag of Mexico.svg México
Estado Estado de México
Rexión
Cabeceira municipal
Superficie 83.16 km2
Altitude 2200-2800 msnm
Poboación 53 010 (2010)
Densidade /km²
Xentilicio Teotihuacano
Fundación
Alcalde
Enderezo postal
Código 15092 (INEGI)
Páxina web www.teotihuacan.gob.mx

Teotihuacán ou Teotihuacan (en náhuatl: "lugar onde os homes se converten en deuses"; "lugar onde se fixeron os deuses"; "cidade dos deuses"), ou tamén Teo uacan (en náhuatl: "cidade do sol") é o nome que se dá á que foi unha das maiores cidades prehispánicas de Mesoamérica.[1][2] O topónimo é de orixe náhuatl e foi empregado polos mexicas para identificar esta cidade construída por unha civilización anterior a eles e que xa se atopaba en ruínas cando os mexicas a viron por primeira vez. Á data, descoñécese o nome que lle daban os seus habitantes orixinais. Os restos da cidade atópanse ao nordés do val de México, nos municipios de Teotihuacán e San Martín de las Pirámides (Estado de México), aproximadamente a 78 quilómetros de distancia do centro da Cidade de México. A zona de monumentos arqueolóxicos foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1987.

Teotihuacán
Localización

As orixes de Teotihuacán son aínda obxecto de investigación entre os especialistas. Ao redor do inicio da era cristiá, Teotihuacán era unha aldea que cobraba importancia como centro de culto na conca do Anáhuac. As primeiras construcións de envergadura proceden desa época, como mostran as escavacións na Pirámide da Lúa. O apoxeo da cidade tivo lugar durante o Período Clásico (ss. III-VII d.C.). Nesa etapa, a cidade foi un importante nodo comercial e político que chegou a ter unha superficie de case 21 km2, cunha poboación de 100 000 a 200 000 habitantes. A influencia de Teotihuacán deixouse sentir por todas as zonas de Mesoamérica, como mostran os descubrimentos en cidades como Tikal e Monte Albán, entre outros sitios que tiveron unha importante relación cos teotihuacanos. O declive da cidade ocorreu no século VII, nun contexto marcado por inestabilidade política, rebelións internas e cambios climatolóxicos que causaron un colapso no norte de Mesoamérica. A maior parte da poboación da cidade dispersouse por diversas localidades na conca de México.

Descoñécese cal era a identidade étnica dos primeiros habitantes de Teotihuacán. Entre os candidatos atópanse os totonacos, os náhuatls e os pobos de idioma otomangue, particularmente os otomís. As hipóteses máis recentes apuntan a que Teotihuacán foi unha urbe cosmopolita en cuxo florecemento se viron involucrados grupos de diversa orixe étnica, como mostran os descubrimentos no barrio zapoteco da cidade e a presenza de obxectos provenientes doutras rexións de Mesoamérica, sobre todo da rexión do Golfo e da área maia.

Teotihuacán foi motivo de interese para as sociedades posteriores ao declive da cultura teotihuacana en Mesoamérica. As súas ruínas foron exploradas dende a época prehispánica, entre outros, polos toltecas e os mexicas. O descubrimento de obxectos teotihuacanos nos xacementos arqueolóxicos de Tula e o Templo Maior de México-Tenochtitlan así o confirma. Na mitoloxía náhuatl posclásica, a cidade aparece como o escenario de mitos fundamentais como a lenda dos Soles dos mexicas.

Actualmente, os restos de Teotihuacán constitúen a zona de monumentos arqueolóxicos con maior afluencia de turistas en México, por encima de Chichén Itzá, El Tajín e Monte Albán. As escavacións arqueolóxicas en Teotihuacán continúan até os nosos días, e deron como resultado un paulatino incremento na calidade e cantidade do coñecemento que se ten sobre esta cidade.

ToponimiaEditar

 
Glifo Tollan, representado na Tira da Peregrinación.
 
Glifo Puh, representado nos muros de Tepantitla.

Teotihuacán é un topónimo de orixe náhuatl que lle foi dado á cidade varios séculos despois do seu ocaso polos pobos náhuatl. Os mexicas empregaban ese nome para referirse ás ruínas da antiga cidade, a cal levaba preto de 1000 anos de abandono cando a atoparon, e deles foi recollido en fontes históricas e no uso do idioma español durante a época colonial.[3] As fontes mexicas son a orixe de moitos malentendidos sobre Teotihuacán, pois eles coñeceron a cidade cando xa fora abandonada. Para eles, Teotihuacán era unha cidade dun pasado no que tamén floreceu Tula, polo que pensaban que os seus habitantes foron toltecas.[4]

Propuxéronse varias hipóteses sobre o significado do topónimo. Hai que lembrar que o náhuatl é unha lingua aglutinante que permite expresar ideas complexas nun só vocábulo mediante a adición de afixos a unha raíz. Unha das interpretacións máis coñecidas é a que traduce Teotihuacán como lugar onde naceron os deuses ou equivalentemente Lugar onde foron feitos os deuses.[3] Esta interpretación está relacionada coa Lenda dos Soles, un coñecido mito cosmogónico mesoamericano —e particularmente nahua― que sitúa nesta cidade a creación do Quinto Sol mediante o sacrificio de todos os deuses da era anterior.

No Diccionario del náhuatl en el español de México, Carlos Montemayor di que provén dos vocábulos téotl ("deus"), -ti (ligadura eufónica), hua (posesivo), -can (locativo que indica o sitio onde se realiza unha acción), de modo que o traduce como Lugar dos que teñen deuses.[5]

O certo é que se descoñece o nome que a cidade recibiu dos seus habitantes na época do seu florecemento. Algúns textos descubertos na área maia adoitan relacionar o glifo puh (tule) con personaxes de filiación teotihuacana representados en estelas de cidades maias tan importantes como Tikal, Uaxactún e Bonampak. Puh posúe nos idiomas maias o mesmo significado que ten o vocábulo Tollan (AFI: [toːɬːan]), que designaba a cidade fabulosa da mitoloxía mesoamericana. Tollan era o arquetipo da civilización mesoamericana e a orixe da lexitimidade das liñaxes dominantes en numerosos estados en toda a rexión. Os estudosos maias teñen posturas diversas sobre a identidade de Puh; algúns deles sosteñen que ese lugar mencionado en diversos textos maias é Teotihuacán.[6] Esta hipótese podería ser reforzada polo descubrimento de varias representacións do glifo puh na pintura mural do conxunto residencial teotihuacano de Tepantitla.[7]

Aínda que se identificou orixinalmente esta Tollan lendaria con Tollan-Xicocotitlan, a capital dos toltecas, algúns investigadores preferiron separar o mito da historia, principalmente porque non só esta cidade senón outras de igual relevancia en Mesoamérica foron chamadas da mesma forma.[8] Con todo, a distinción entre as cidades históricas e a cidade mitolóxica non é aplicada de maneira monolítica. Facendo unha análise das fontes históricas, os achados arqueolóxicos no centro de México e na área maia ―como o referido caso do glifo puh nas Terras Baixas―, Enrique Florescano fai unha asociación do mito coa cidade de Teotihuacán, de modo que a chama Tollan-Teotihuacan e atribúe á chamada cidade dos deuses a identidade da Tula mitolóxica.[9] Esta mesma postura fora sostida por Laurette Séjourné no congreso de arqueólogos onde se estableceu que a Tollan mitolóxica era Tollan-Xicocotitlan, e é compartida por Stuart, Uriarte e Duverger.[10][11][12][13] René Millon, un dos máis recoñecidos especialistas no tema de Teotihuacán, opina que efectivamente Teotihuacán é a lendaria Tollan, pero non acepta que este sexa o seu nome.[14]

Teotihuacán, ademais de designar a cidade histórica e o conxunto de monumentos arqueolóxicos que están abertos á visita do público, tamén é o nome dun municipio mexiquense (San Juan Teotihuacán) e da súa cabeceira (Teotihuacán de Aresta).

Contorna xeográficaEditar

 
Vista da vexetación actual no val de Teotihuacán, composta por cactáceas, agaves e especies non nativas como o pirul.
 
Detalle dunha Opuntia que crece na zona arqueolóxica de Teotihuacán. Parte importante da economía actual da rexión teotihuacana consiste no cultivo deste xénero de plantas para a comercialización do seu froito.

Teotihuacán foi fundada nunha posición pouco común na súa época con respecto ao patrón de asentamento propio da conca de México durante o Preclásico Medio. A maioría dos asentamentos de maior envergadura na rexión localizábanse na ribeira do sistema lacustre do Anáhuac ou moi preto dela. Cuicuilco e Copilco no sur; Ticomán, El Arbolillo, Zacatenco e Tlatilco no norte; e Tlapacoya no oriente son exemplo diso. En contraste, Teotihuacán levantouse a quince quilómetros da costa do lago de Texcoco, sobre o río San Juan no val que tomou o nome da cidade. Duverger afirma que a localización de Teotihuacán corresponde non só a unha fronteira ecolóxica, senón á fronteira entre a civilización agrícola mesoamericana e o mundo cultural dos pobos aridoamericanos nómades.[15]

O val de Teotihuacán forma parte da conca de México. Sitúase no nordés dese gran vaso lacustre de máis de 14 mil km2 de superficie, dentro dos límites que actualmente corresponden ao estado de México. A súa altitude vai dos 2240 msnm aos 3200 na cúspide do cerro Gordo. Na zona de monumentos arqueolóxicos a altitude é de 2300 msnm. O val está limitado ao norte polos cerros Gordo, Malinalco e Colorado; ao sur pola serra de Patlachique, con elevacións superiores a 2600 msnm; e cara ao oriente termina nas inmediacións de Otumba e os cerros contiguos. Ao suroeste do val localízase o cerro Chiconautla, preto da antiga desembocadura do río San Juan. O cerro Tonala, ao poñente, marca a separación entre o val de Teotihuacán e a chaira aluvial onde se atopan Tecámac e Zumpango.

A drenaxe principal do val realízase cara ao vaso do lago de Texcoco a través dos ríos San Juan, San Lorenzo e Huixulco. Estes ríos son estacionales, crecen en época de precipitacións e durante o resto do ano as súas correntes desaparecen da superficie para emerxer na seguinte estación chuviosa.[16] Os ríos do val de Teotihuacán desembocaban na época prehispánica preto de Cuanalán. Debido ao desecamento dos lagos do Anáhuac —proceso iniciado no século XVII e que continuou até o século XXI[17]—, o San Juan foi canalizado cara ao desaugadoiro xeral do val de México.

Os solos do val de Teotihuacán pertencen principalmente a catro tipos. O feozem corresponde ao 40% da superficie. Séguenlle en importancia os tipos vertisol (16%), cambisol (13.5%) e leptosol (13%).[16] Realizáronse investigacións co propósito de observar cal foi o impacto da actividade humana sobre os chans de Teotihuacán. Rivera Uria et al. advirten que nalgúns sitios como o cerro San Lucas a composición da superficie cambiou dramaticamente.[18] Neste caso atoparon que antes do establecemento das primeiras comunidades do Preclásico o chan dominante nese lugar era o luvisol, que actualmente desapareceu. Outras seccións do val foron afectadas con propósitos construtivos. O volume inmenso de materiais empregados para o recheo da pirámide da Lúa procede da superficie de zonas próximas ao edificio ―onde se atoparon depresións artificiais― e alcanza 2 millóns de m3.[19]

A vexetación do val de Teotihuacán cambiou pouco respecto da época prehispánica, aínda que é evidente que a paisaxe actual é o resultada dunha combinación de factores naturais e antropoxénicos. A diferenza principal consistiría na extensión dos ecosistemas vexetais ―pois a superficie dedicada á agricultura creceu á conta de eles― e na desaparición das especies do xénero Pinus na paisaxe do val.[20] Na actualidade a rexión presenta seis tipos principais de vexetación. Conta con pequenos redutos de bosque de aciñeiras, situados no cerro Gordo; este tipo de vexetación probablemente cubriu as zonas que actualmente son ocupadas por matogueiras de aciñeira (Quercus microphyla) que constitúen un segundo tipo de vexetación. A matogueira de xerófitas é o tipo de vexetación máis representativo na actualidade, e comprende especies como Opuntia streptacantha, Zaluzania augusta e Mimosa biuncifera. A estes tipos de vexetación súmanse os pasteiros, a vexetación hidrófila estacional, asociada coa tempada de choiva.[16]

As condicións do val favoreceron a concentración demográfica por ser benéficas para o estilo de vida mesoamericano baseado na agricultura. Os patróns de asentamento indican que durante o Preclásico (c. 2500 a.C.-200 d.C.) as primeiras aldeas se estableceron nas ladeiras dos cerros que, como se dixo arriba, contaban con chans aluviales propios para o cultivo, pero a partir do Clásico (c. 200-700 d.C.) tivo lugar un aumento da poboación no fondo do val.[21] Con todo, por estar localizado na zona de transición entre o ambiente lacustre do Anáhuac e o máis seco dos vales de Tulancingo e de El Mezquital, estaba exposto a algunhas flutuacións climatolóxicas. A iluviación da arxila atopada no tepetate do cerro San Lucas dá conta dunha diminución da humidade ambiental que coincide co aumento da poboación, aínda que o apoxeo de Teotihuacán parece estar relacionado cun ambiente relativamente máis húmido e amornado que o actual.[22][23]

HistoriaEditar

 
Incensario Pálpebra, Teotihuacan estilo, 400–700, Museo de Brooklyn

A época de maior apoxeo de Teotihuacán corresponde ao período clásico temperán de Mesoamérica (ss. II/III-VI). Con todo, os inicios da cidade deben colocarse no primeiro milenio antes de nosa era. Localizada estratexicamente ao nordés do val de México, nas proximidades da ribeira norte do lago de Texcoco, Teotihuacán converteuse na principal competencia de Cuicuilco durante o preclásico rardío. A erupción do Xitle no sur do val apresurou a caída de Cuicuilco e favoreceu a concentración da poboación e o poder político e económico en Teotihuacán.

Por motivos que aínda non foron do todo dilucidados, Teotihuacán colapsou cara a mediados do século VIII, dando lugar ao Período Epiclásico mesoamericano. Os vestixios da cidade deron orixe a numerosas explicacións sobre a súa presenza entre os pobos náhuatls do Posclásico, e estas explicacións son coñecidas polo labor recompilatorio de recuperación dos misioneiros de Indias, en concreto Bernardino de Sahagún.

NotasEditar

  1. tēo- 'dios', -tiā (causativo), -hua (voz pasiva), -cān 'lugar (en que transcorre unha acción)'
  2. "México: el revelador hallazgo que le da un nuevo significado al nombre de la ciudad prehispánica de Teotihuacán". 25 de xaneiro de 2018. Consultado o 1 de febreiro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 Pasztory, 1997: 7.
  4. Pasztory, 1997: 16
  5. Montemayor (coord.), 2007: 233.
  6. Entre eles cómpre citar a David Stuart (2000). Outros autores sinalan que puido haber varias Puh ou Tollan en Mesoamérica durante o período clásico (cfr. Rice, 2007: 194; Sachse, 2008: 152-155).
  7. Uriarte, 2005: 19.
  8. Por exemplo, Tollan-Chollollan, unha das cidades máis antigas e con ocupación máis prolongada en Mesoamérica. Tollan-Chollollan é a cidade sagrada onde se asentou o santuario máis importante dedicado á Serpe Emplumada en toda Mesoamérica. Cómpre sinalar que esta divindade tamén está relacionada coa mitoloxía tecida arredor de Tollan (Florescano, 2003). O complexo conformado por Tollan, a Serpe Emplumada e outros elementos que aparecen asociados frecuentemente na mitoloxía mesoamericana que lexitimaba ideoloxicamente o poder político entre os mesoamericanos foi denominado zuyuanidade por Alfredo López Austin e Leonardo López Luján (1999: passim), co propósito de facer máis clara a diferenza entre a Tollan lendaria e as cidades históricas.
  9. Nun artigo de difusión publicado en La Jornada, Florescano sinala que «sostiven que a chamada cultura tolteca é orixinaria de Teotihuacán e que esta cidade foi o modelo das capitais políticas posteriores, o berce dos cantos e do códice pintado que narraron as orixes do Cosmos e da crónica do reino, e a primitiva Tollan, da que derivaron as posteriores: Tollan Cholula, a Tula de Hidalgo, Tulán Zuywá (Chichén Itzá) e Tollan-Tenochtitlán» (Florescano, E.: «Chichén Itzá, Teotihuacán y los orígenes del Popol Vuh». La Jornada Semanal, 12 de xuño de 2005. Versión electrónica consultada o 2 de febreiro de 2010.
  10. Séjourné, 1957: 138.
  11. Stuart, 2000: 502.
  12. Uriarte, 2005: 17.
  13. Duverger, 2007.
  14. «A idea de que houbo anteriormente unha cidade tan grande e impresionante, que supera mesmo a Tenochtitlan, era Teotihuacán, pero non estou de acordo en que o seu nome antigo era Tollan» (Millon, René: cit. Ravelo, Renato: «Rechaza Millon que Teotihuacán se llamara Tollan», artigo do 23 de setembro de 2002 no diario La Jornada (México). Versión electrónica consultada o 2 de febreiro de 2010.)
  15. Duverger, 2007: 331.
  16. 16,0 16,1 16,2 Adriano Morán y McClung de Tapia, 2008: 2928.
  17. Rosas Robles, 1998: 30-41.
  18. Rivera Uria et al., 2008: 212-213.
  19. Rivera Uria et al., 2008: 215.
  20. McClung de Tapia, 2003: 37; Adriano Morán y McClung de Tapia, 2008: 2928.
  21. Rivera Uria et al., 2008: 216.
  22. Rivera Uria et al., 2008: 215.
  23. McClung de Tapia, 2003: 41.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Adriano Morán, Carmen Cristina e Emily McClung de Tapia (2008). «Trees and shrubs: the use of wood in pre-hispanic Teotihuacán». Journal of Archaeological Science (35): 2927-2936. Versión electrónica na páxina de Elsevier, consultada o 3 de febreiro de 2010
  • DUVERGER, Christian (2007). El primer mestizaje. La clave para entender el pasado mesoamericano. Cidade de México: Taurus
  • McClung de Tapia, Emily (2003). «El paisaje prehispánico del valle de Teotihuacán». Arqueología Mexicana, XI(64): 36-41. Cidade de México: INAH-Raíces
  • MONTEMAYOR, Carlos (coord., 2007). Diccionario del náhuatl en el español de México. Cidade de México: GDF-UNAM
  • Pasztory, Esther (1997). Teotihuacán: an experiment in living. Norman, OklahomaNorman: University of Oklahoma Press.
  • Rivera Uria, M.ª Yazmín, Sergey Sedov, Elizabeth Modelo:Versalita, Julia Pérez Pérez, Emily McClung, Alfredo González e Jorge Gama Castro (2008). «Degradación ambiental en el valle Teotihuacán: evidencias geológicas y paleopedológicas». Boletín de la Sociedad Geológica Mexicana, 59(2): 203-217. Versión electrónica consultada o 2 de febreiro de 2010
  • Rosas Robles, Alejandro (1998). «La ciudad en el islote». En González de León, Teodoro, Alejandro Rosas Robles, Alberto Kalach e Rafael Quadri de la Torre, La ciudad y sus lagos: 13-40. Cidade de México: Instituto de Cultura de la Ciudad de México-Clío
  • Séjourné, Laurette (1957). «Tollan la antigua». En León-Portilla, Miguel (1983), De Teotihuacán a los aztecas: antología de fuentes e interpretaciones históricas, 135-139. Cidade de México: UNAM
  • STUART, David (2000). «The arrival of strangers». En Carrasco, David et al. (eds.), Mesoamerica's Classic Heritage: from Teotihuacán to the Aztecs, 465-513. Boulder: University of Colorado Press
  • URIARTE, María Teresa (2005). «Teotihuacán y Bonampak. Relaciones más allá del tiempo y la distancia». Anales del Instituto de Investigaciones Estéticas, XXVII(86): 5-27. Cidade de México: Instituto de Investigacións Estéticas da UNAM

Ligazóns externasEditar