Tartaruga xigante de Aldabra

Tartaruga xigante de Aldabra
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Orde: Testudines
Suborde: Cryptodira
Xénero: Aldabrachelys
Especie: A. gigantea
(Schweigger, 1812)
Sinonimia[5]

A tartaruga xigante de Aldabra (Aldabrachelys gigantea), é unha especie de tartaruga endémica do atol de Aldabra nas Seychelles e outras illas do Índico, que é unha das tartarugas de maior tamaño do mundo.[6] Historicamente as tartarugas xigantes vivían en moitas das illas do océano Índico occidental, como Madagascar e as illas Mascareñas, e o rexistro fósil indica que antes había tartarugas xigantes en todos os continentes e en moitas illas con excepción de Australia e a Antártida.[7] Pénsase que moitas das especies do océano Índico foron levadas á extinción pola sobreexplotación que fixeron delas os mariñeiros europeos, e practicamente estaban todas extinguidas arredor de 1840 coa excepción da tartaruga xigante do atol de Aldabra.[8][5]

(vídeo) Unha parella de tartarugas de Aldabra no Zoo de Tobu en Saitama, Xapón.

Descrición editar

A coiraza é de cor marrón ou pardo con forma de cúpula alta. Ten patas curtas e grosas con moitas escamas, que soportan o seu pesado corpo. O pescozo é moi longo, incluso para o seu gran tamaño, o que axuda ao animal a chegar á comida das pólas de árbores que están a un metro de altura. A súa coiraza, dun tamaño similar á da famosa tartaruga xigante das Galápagos, mide como media 122 cm de lonxitude. As femias son xeralmente menores que os machos, con espécimes medios que miden 91 cm de lonxitude e pesan 159 kg.[9] Os espécimes de mediano tamaño en catividade tiñan unha masa corporal entre 70 e 110 kg.[10] Outro estudo mediu masas corporais de ata 132 kg como moi correntes.[11]

Nomenclatura e sistemática editar

Anteriormente, a especie estivo asignada aos xéneros Testudo e Geochelone[1]. Modernamente a especie é xeralmente denominada Aldabrachelys gigantea, pero recentemente, houbo intentos de usar para ela o nome Dipsochelys, co nome específico Dipsochelys dussumieri, mais despois dun debate que durou dous anos con diversas propostas, decidiuse finalmente conservar no ICZN o nome Testudo gigantea con preferencia sobre o nome recente de Dipsochelys (ICZN 2013);[12] isto tamén afectou ao nome do xénero desta especie, establecéndose a denominación Aldabrachelys gigantea como nomen protectum.

Recoñécense catro subespecies:[5]

Área de distribución editar

 
Unha poboación illada vive na illa de Changuu en Zanzíbar
 
A. gigantea na illa Moyenne (Seychelles, 2016)

A principal poboación da tartaruga xigante de Aldabra vive no atol de Aldabra nas Seychelles. O atol foi protexido da influencia humana e nel viven hoxe unhas 100 000 tartarugas xigantes, o que é a poboación mundial máis grande deste animal.[14] Poboacións menores de A. gigantea nas Seychelles poden encontrarse no Parque Nacional Mariño de Sainte Anne (por exemplo na illa Moyenne e outras).[15] Outra poboación illada da especie vive na illa de Changuu, preto de Zanzíbar, e hai algunhas poboacións en catividade en parques de Mauricio e Rodrigues. As tartarugas viven en hábitats moi diversos, como pradeiras herbosas, mato baixo, pantanos de mangleirais e dunas costeiras.

Ecoloxía editar

Hábitat editar

Nas illas orixinouse un peculiar hábitat que coevolucionou debido ás presións de pasto exercidas polas tartarugas, denominado "pasto de tartarugas" ("tortoise turf"), unha comunidade de máis de vinte especies de herbas e outras plantas. Moitas destas plantas sufriron de forma natural un ananismo e as súas sementes non crecen no extremo da planta, senón preto do chan para evitar as mandíbulas colleitadoras das tartarugas.

Como estas tartarugas son o animal máis grande do seu ambiente, as tartarugas de Aldabra desempeñan un papel similar ao dos elefantes. A súa vigorosa procura de comida derruba árbores xoves e crea vías usadas por outros animais.

Alimentación editar

 
Unha tartaruga xigante comendo follas

Son principalmente herbívoras, comen herba, follas e talos de plantas leñosas. Ocasionalmente proban algúns pequenos vertebrados e prea, incluso chegan a comer os corpos doutras tartarugas mortas. En catividade, comen froitas como mazás e plátanos, e tamén bólas de vexetais comprimidos.

No hábitat natural das tartarugas disponse de moi pouca auga doce para beber, de modo que obteñen a maioría d humidade da súa comida.

A tartaruga de Aldabra ten dúas variedades principais de coirazas. Os espécimes que viven en lugares onde o alimento está principalmente preto do chan teñen coirazas máis abovedadas coa parte frontal estendida cara ao pescozo. As que viven en ambientes con comida máis alta teñen as partes superiores da coiraza máis aplanadas coa parte frontal elevada para facilitar que o pescozo se poida estirar cara a arriba para coller o alimento.

Pasto de tartarugas editar

 
Tartaruga no atol de Aldabra

É un animal herbívoro, que pasa a maior parte do seu tempo buscando comida no ambiente con moita vexetación que o rodea. Vive en lugares que se adoitan coñecer como "pastos de tartarugas". Estes pastos ou céspedes herbáceos de tartarugas están compostos polas seguintes plantas:[16] (Hnatiuk 1979)[17]

Comportamento editar

 
Pata dunha tartaruga xigante de Aldabra, que é unha eficaz ferramenta para escavar.

As tartarugas de Aldabra poden encontrarse en solitario ou formando rabaños, que tenden a reunirse principalmente en pradeiras abertas. Están máis activas polas mañás, cando dedican o seu tempo a procurar comida. Cavan buratos subterráneos ou descansan en pantanos para manterse frescas durante as horas máis cálidas do día.

Aínda que son caracteristicamente lentas e cautelosas, poden avanzar a unha velocidade considerable. Poden erguerse apoiándose sobre as patas traseiras para chegar a ramas máis altas, correndo o risco de caer patas para arriba e xa non poder poñerse dereitas.

Historia editar

As grandes tartarugas están entre os animais que máis anos viven. Algúns espécimes de tartaruga de Aldabra crese que teñen uns 200 anos de idade, pero é difícil verificalo porque adoitan sobrevivir aos seus observadores humanos. Un exemplar chamado Adwaita crese que é un dos catro exemplares traídos por mariñeiros británicos desde as Seychelles como agasallo para Robert Clive da Compañía das Indias Orientais Británicas no século XIX, e levouse ao Zoo de Calcuta en 1875. Este exemplar morreu en 2006 nese Zoo, e crese que viviu 255 anos (a maior idade nunca medida para unha tartaruga xigante, xa que se cre que naceu en 1750).[18] Hoxe, o exemplar chamado Jonathan, da subespecie Aldabrachelys gigantea hololissa, crese que é a tartaruga xigante máis vella, cunha idade de 184 anos, [19] e o exemplar de tartaruga de Aldabra chamado Esmeralda é o segundo con 170 anos (unha vez que morreu a tartaruga das Galápagos Harriet aos 176 anos).

Reprodución editar

 
Apareamento de tartarugas xigantes de Aldabra

Entre febreiro e marzo as femias poñen entre 9 e 25 ovos de aspecto gomoso en niños secos pouco profundos. Xeralmente menos da metade dos ovos son fértiles. As femias poden realizar múltiples postas de ovos cada ano. Despois dunha incubación duns oito meses, eclosionan as pequenas e independentes crías entre outubro e decembro.[20]

En catividade, as datas da oviposición varían. No Zoo de Tulsa[21] teñen un pequeno grupo de tartarugas de Aldabra, que se reproduciron varias veces desde 1999. Unha femia normalmente pon ovos en novembro e de novo en xaneiro, con tal de que o temperatura sexa cálida dabondo para a posta. O zoo tamén incuba os seus ovos artificialmente, en dúas incubadoras, unha mantida a 27 °C e a outra a 30 °C. Como media, os ovos que se manteñen a esta última temperatura eclosionan en 107 días.[22]

Conservación editar

A tartaruga xigante de Aldabra ten unha historia infrecuentemente longa de conservación organizada. Albert Gunther do Museo Británico, que despois se trasladou ao Museo de Historia Natural de Londres (captando a Charles Darwin e outros famosos científicos para que o axudasen) traballou co goberno de Mauricio para establecer unha reserva natural a finais do século XIX. As subespecies de tartarugas relacionadas, pero distintas da das Seychelles (A. g. hololissa e A. g. arnoldi) son criadas en catividade e hai un programa de reintrodución a cargo do Nature Protection Trust de Seychelles.[23][24]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Tortoise & Freshwater Turtle Specialist Group (1996). "Geochelone gigantea". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 1996: e.T9010A12949962. doi:10.2305/IUCN.UK.1996.RLTS.T9010A12949962.en. Consultado o 26 December 2017. 
  2. 2,0 2,1 Schweigger, Augustus F. 1812. Prodromus monographiae Cheloniorum. Königsberger Archiv für Naturwissenschaft und Mathematik 1:271–368, 406–462.
  3. 3,0 3,1 Duméril, André Marie Constant, and Bibron, Gabriel. 1835. Erpétologie Générale ou Histoire Naturelle Complète des Reptiles. Tome Second. Paris: Roret, 680 pp.
  4. 4,0 4,1 Günther, Albert C.L.G. 1877. The Gigantic Land-Tortoises (Living and Extinct) in the Collection of the British Museum. London: Taylor and Francis, 96 pp.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Turtle Taxonomy Working Group [van Dijk, P.P., Iverson, J.B., Rhodin, A.G.J., Shaffer, H.B., and Bour, R.]. 2014. Turtles of the world, 7th edition: annotated checklist of taxonomy, synonymy, distribution with maps, and conservation status. In: Rhodin, A.G.J., Pritchard, P.C.H., van Dijk, P.P., Saumure, R.A., Buhlmann, K.A., Iverson, J.B., and Mittermeier, R.A. (Eds.). Conservation Biology of Freshwater Turtles and Tortoises: A Compilation Project of the IUCN/SSC Tortoise and Freshwater Turtle Specialist Group. Chelonian Research Monographs 5(7):000.329–479, doi:10.3854/ crm.5.000.checklist.v7.2014.
  6. Pritchard, Peter C.H. Encyclopedia of Turtles. Neptune, New Jersey: T.F.H. Publications, Inc. Ltd., 1979.
  7. Palkovacs, E., Gerlach, J. and Caccone, A. 2002. The evolutionary origin of Indian Ocean tortoises (Dipsochelys). Molecular Phylogenetics and Evolution 24:216–227
  8. Palkovacs, E., Marschner, M., Ciofi, C., Gerlach, J. and Caccone, A. 2003. Are the native giant tortoises from the Seychelles really extinct? A genetic perspective based on mtDNA and microsatellite data.Molecular Ecology (2003) 12:1403–1413 doi: 10.1046/j.1365-294X.2003.01834.x
  9. "ANIMAL BYTES – Aldabra Tortoise". Seaworld.org. Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2018. Consultado o 01 de febreiro de 2018. 
  10. Hansen, D. M., Kaiser, C. N., & Müller, C. B. (2008). Seed dispersal and establishment of endangered plants on oceanic islands: the Janzen-Connell model, and the use of ecological analogues. PLoS One, 3(5), e2111.
  11. Hughes, G. M., Gaymer, R., MOORE, M., & Woakes, A. J. (1971). Respiratory exchange and body size in the Aldabra giant tortoise. Journal of Experimental Biology, 55(3), 651-665.
  12. International Commission on Zoological Nomenclature [ICZN]. 2013. Opinion 2316 (Case 3463). Testudo gigantea Schweigger, 1812 (currently Geochelone (Aldabrachelys) gigantea; Reptilia, Testudines): usage of the specific name conserved by maintenance of a designated neotype, and suppression of Testudo dussumieri Gray, 1831 (currently Dipsochelys dussumieri). Bulletin of Zoological Nomenclature 70(1):61–65.
  13. Bour, Roger (1982). "Contribution à la connaisance des tortues terrestres des Seychelles: définition du genre endémique et description d’une espéce nouvelle probablement originaire des îles grantiques et bord de l’extinction ". Comptes Rendus de l’Académie des Sciences 295: 117–122. (Dipsochelys arnoldi, new species, p. 118). (in French).
  14. Payne, Roger (2004-04-05). "Losing Aldabra". Voyage of the Odyssey. PBS. Consultado o 2008-10-21. 
  15. "Marine Parks: St. Anne". Seychelles National Parks Authority. Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2016. Consultado o 01 de febreiro de 2018. 
  16. Grubb, P. The Growth, Ecology and Population Structure of Giant Tortoises on Aldabra. Phil. Trans. Roy. Soc. Lond. B, Vol. 260, 1971, pp. 327–372.
  17. Hnatiuk, R.J. and L.F.H. Merton, Vegetation of Aldabra, a Reassessment Arquivado 27 de marzo de 2012 en Wayback Machine.. Atoll Research Bulletin No. 239, The Smithsonian Institution, 1979
  18. BBC News - South Asia (2006-03-23). "'Clive of India's' tortoise dies". BBC News (BBC Online). Consultado o 2014-01-23. 
  19. ninemsn Pickle. - Australia (2016-03-25). "Tortoise has his first bath in 184 years". Pickle. (ninemsn). Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2016. Consultado o 2016-03-25. 
  20. Stearns, Brett C. Captive Husbandry and Propagation of the Aldabra Giant Tortoise. Int. Zoo Yb., Vol. 27, 1988, pp. 98–103.
  21. Collins, Dave. "Captive Breeding and Management of the Aldabra Tortoise". Presented to 8th International Herpetological Symposium, Jacksonville Zoo, Jacksonville, Fl., 1984.
  22. Bourn, D. Reproductive Study of Giant Tortoises on Aldabra. J. Zool., London, Vol. 182, 1977, pp. 27–38.
  23. Spratt, David M.J. Operation Curiesue: A Conservation Programme for the Aldabra Giant Tortoise in the Republic of Seychelles. Int. Zoo Yb., Vol. 28, 1989, pp. 66–69.
  24. Swingland, Ian R. Aldabran Giant Tortoise. The Conservation Biology of Tortoises, Occasional Papers of the IUCN Species Survival Commission (SSC), No. 5, 1989.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar