Tari

antiga moeda de ouro e de prata

O tari (do árabe طري ṭarī "fresco", "acabado de cuñar") foi a denominación nos reinos cristiáns dun tipo de moeda de ouro de orixe árabe cuñada en Sicilia, Malta e o sur de Italia entre ca. 913 e o século XIII.[1][2][3]

Tari a nome de Robert Guiscard, duque de Puglia e Calabria (1059-1089). Ceca de Palermo

Historia

editar

Tari de ouro

editar
 
Tari de Roxerio II, Rei de Sicilia (1130-1154). Ceca de Palermo

A palabra árabe para esta tipoloxía de moeda era ruba'i. Tratábase da cuarta parte dun dinar, xa que pesaba 1,05 g de ouro.[2] O ruba'i xa fora cuñado polos árabes en Sicilia, de xeito diferente aos árabes do norte de África, que preferían a cuñaxe dos dinares completos.[4] Foi precisamente o seu pequeno tamaño con respecto ao dinar de 4,25 gramos o que a converteu nunha moeda moi popular.[5]

O uso dos taris estaba tan estendido que chegaron a facerse imitacións no sur de Italia (en Amalfi[6] e en Salerno) a partir de mediados do século X, nas que se representaban a modo de lendas unhas imitacións ilexibles pseudo-cúficas do árabe.[2][4][5]

 
Tari de Frederico II Hohenstaufen, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico (1220-1250). Ceca de Bríndisi (?)

Cando os Normandos invadiron Sicilia, no século XI, cuñaron tamén taris de ouro, esta vez con lendas en árabe e en latín. Roxerio II de Sicilia foi un dos seus emisores, co que se converteu no único gobernante occidental dese momento en cuñar moeda de ouro. A súa pureza era de 16​13 , e contiña en aliaxe prata e cobre.[4]

A dinastía Hohenstaufen e a Casa de Anjou-Sicilia cuñaron tamén os seus propios taris.[7]

Xeralmente, o ouro para a cuñaxe dos taris era de procedencia africana, obtido principalmente de Misurata e de Tunisia e adoito intercambiado por cereais.[7]

Tari de prata

editar
 
Tari de prata a nome de Fernando II de Aragón, da ceca de Messina

Co mesmo nome de tari coñeceuse tamén unha moeda de prata napolitana na época do dominio aragonés, arredor do ano 1500. Foi introducida por Fernando II e cuñada ao seu nome, co valor de 1/12 piastra.[3]

A Orde de San Xoán, en Malta, cuñou tamén taris de prata desde 1530 ata finais do século XVIII, e nalgúns casos chegaron a emitirse en cobre.[3]

  1. "Tarí". En Corriente, F. (2008). Dictionary of Arabic and Allied Loanwords. Spanish, Portuguese, Catalan, Gallician and Kindred Dialects. Brill. Leiden/Boston. Páxinas 451-452. ISBN 978-90-04-16858-9
  2. 2,0 2,1 2,2 Cardini, F. (2001). Páxina 26.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Tarín". En Alfaro Asins, C. (2009).
  4. 4,0 4,1 4,2 Matthew, D. (1992). Páxina 240.
  5. 5,0 5,1 Grierson, P. (1998). Páxina 3.
  6. Sambon, A. (1891).
  7. 7,0 7,1 Blanchard, I. (2001). Páxina 196.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar