O tambor galego é un instrumento musical pertencente á familia dos membranófonos. Acompañante habitual da gaita é, xunto á pandeireta, o principal instrumento de percusión da música tradicional galega.

Tambor galego
Información
ClasificaciónPercusión
Membranófono
Instrumentos relacionadosTamboril
Caixa

Características[1]

editar

O corpo do tambor fabrícase dobrando unha lámina de madeira (pradairo, nogueira, cerdeira, castiñeiro, piñeiro...) de entre 5 e 8 mm. de grosor até formar con ela unha caixa de resonancia de forma cilíndrica. A altura da caixa non supera nunca o diámetro da mesma, variando entre os 23 e 30 cm. de diámetro e entre os 16 e 22 cm. de profundidade.

O instrumento leva dous parches de pel, maioritariamente de cabra ou ovella: o batedor, colocado na parte superior do corpo, sobre o que se percute con dúas baquetas; e o bordoneiro, mais fino e situado na parte inferior do instrumento xunto co bordón. O bordón é unha corda de tripa (ou outro material) que atravesa diametralmente o parche inferior emitindo un son grave. O tambor galego leva habitualmente dous bordóns que poden ser tensados cun mecanismo chamado "tirabordón" ou "tensor do bordón". Os parches de pel van suxeitos nuns pequenos aros de madeira, por riba dos que se sitúan os aros do tambor ou bozos. Estes últimos levan uns furados por onde pasa unha corda enfiada en zig-zag que xongue o bozo superior co inferior. A tensión dos parches regúlase tensando a corda cara a arriba cunhas pezas de coiro denominadas zunchos ou arrochos[2].

O tambor tócase coas peles en posición case horizontal, lixeiramente inclinadas cara á parte dereita do tocador, pendurado da cintura do tamborileiro mediante un ferro plano, dobrado en ángulo agudo, colado á caixa do tambor e que se introduce dentro da cintura do pantalón ou a faixa.

Evolución histórica

editar
 
O tamborileiro "O Vigo" de Parada acompañando o gaiteiro Rilo de Betanzos[3] nas festas de San Roque de Betanzos. Agosto de 1905.

É probábel que a primeira vez que un tambor tocou en Galiza xunto a unha gaita de fol fose acompañado por un músico de frauta de tres furados e tambor. Este tambor, denominado tamboril, tocábase cunha sóa baqueta e portábase pendurado do brazo. Así o reflicten as representacións iconográficas do século XVII conservadas, como a talla da sancristía da catedral de Tui[4], onde a gaita aparece acompañada por un tambor batido cun só pau; ou o cadeirado do coro de San Martiño Pinario[5], onde a gaita é acompañada por un músico de frauta (parcialmente destruída na talla) e tamboril[6].

 
O gaiteiro Xan Míguez "O Ventosela" acompañado por unha caixa ou redobrante. Un intrumento introducido na música tradicional galega polas bandas de música.

Posterior ao establecemento desta parella musical fixeron a súa aparición na nosa música tradicional os grandes tambores de orixe militar como acompañantes da gaita. Este tambor militar é común a moitos países europeos e moi similar ao empregado na actualidade nas bandas de gaitas de Asturias[7] e do norte de Portugal. Ditos tambores compartiron a escena musical galega co tocador de frauta e tamboril até a extinción desta modalidade de acompañamento nun momento difícil de determinar. É posíbel que se abandonase a frauta pasando o tamborileiro a empregar dúas baquetas no seu instrumento. Así aparecen representados os tamborileiros do século XIX nalgunhas das imaxes conservadas, nelas figuran tocando tambores pendurados do pulso, tensionados cara a abaixo e cos bordóns no parche superior.

Na segunda metade do século XIX a aparición das bandas populares introduciu en Galiza un novo acompañante para a gaita: a caixa. Este instrumento de percusión metálico, tensado mediante parafusos, pasou a ser o máis empregado polas formacións de música tradicional, agás na zona dos Ancares e unha parte das mariñas luguesas, onde o tambor de pel e madeira continuou a acompañar os gaiteiros[8].

A finais do mesmo século, a corrente folclorista iniciada polos coros galegos, como o grupo Aires da terra de Perfecto Feijoo, e continuada e popularizada a partir da década de 1920 polo sonadísimo grupo de gaiteiros de Soutelo de Montes liderado por Avelino Cachafeiro, estendeu de novo o uso do tambor de madeira como acompañante da gaita de fol. Neste proceso foise eliminando das formacións tradicionais a caixa, xunto a outros instrumentos "foráneos" como o clarinete ou o requinto[6].

A gaita volve entón a ser acompañada polo tambor militar nalgúns casos, e noutros xorde un "novo tambor" evolución do tamboril tocado xunto frauta: o tambor galego. O antigo tamboril tiña unhas dimensións similares ás do tambor actual, tensaba con zunchos cara a abaixo (como o tambor militar), posuía un ou dous bordóns no parche superior e era tocado cunha sóa baqueta. Este instrumento dado a volta de xeito que os bordóns fiquen cara a abaixo, tensionando agora os parches cara a arriba, "convértese" no tambor galego actual[1]. Este tambor é entendido como o tambor "tradicional" e é utilizado maioritariamente como acompañante da gaita, se ben na actualidade comézase a reivindicar tamén a "tradicionalidade" dos abandonados caixa e tambor militar[9].

Denominación

editar

O tambor galego é pois unha evolución do tamboril tocado xunto coa frauta cunha soa baqueta. En Galiza aparecen hoxe dúas denominacións diferentes para os tambores tradicionais consideradas como sinónimos, pero que indican unha dupla procedencia: tambor e tamboril. A primeira fai referencia aos tambores descendentes dos militares; mentres que a segunda, refírese aos tambores mais pequenos que os tamborileiros penduraban do seu brazo para acompañar á frauta[6]. Denominar tamboril ao tambor galego, malia a ser un termo de estendido uso e que recolle o Dicionario da Real Academia Galega[10], é para algúns estudosos un erro organolóxico. De feito, en ningunha das zonas limítrofes con Galiza: Asturias, norte de Portugal, Zamora ou León se emprega o termo tamboril para os tambores tocados con dúas baquetas[11].

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar

Outros artigos

editar