Manuel Rilo Pardo

gaiteiro galego

Manuel Rilo Pardo, coñecido como O Rilo de Betanzos ou O vello Rilo, nado en San Nicolao de Cis (Oza dos Ríos) en 1829 e finado na parroquia de Salto do mesmo concello o 16 de marzo de 1907, foi un gaiteiro da comarca de Betanzos. Acadou sona participando nos frecuentes certames de gaiteiros de finais do século XIX, nunha época na que aparecían a nivel europeo novas correntes de pensamento enaltecedoras do folclore, e na que o galeguismo facía de gaitas e gaiteiros un dos seus símbolos. A súa coñecida figura, inmortalizada polo artista Xosé Veiga Roel, e o seu repertorio, propio do gaiteiro tradicional, eran contrapostos na prensa da época ao de gaiteiros máis innovadores que introducían no panorama musical galego novas pezas, vestimenta e instrumentación.

Manuel Rilo Pardo
AlcumeO Rilo de Betanzos
O vello Rilo
Nacemento1829
Lugar de nacementoCis (Oza)
Falecemento16/03/1907
Lugar de falecementoSalto (Oza)
NacionalidadeReino de Galicia
OcupaciónGaiteiro
Na rede
Discogs: 9156910 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

 
Manuel Rilo retratado xunto aos bailadores da danza do gremio de labradores de Betanzos. Ano 1902.

Fillo da moza solteira Antonia Rilo, Manuel Rilo Pardo naceu en San Nicolao de Cis no ano 1829. Este é o dato que figura na súa partida de defunción, se ben a acta do seu segundo casamento no ano 1881, atribúelle corenta anos, o que atrasaría o seu nacemento até o 1841. Os trinta anos de idade de Manuela Couso, a súa segunda esposa, fan sospeitar que o vello gaiteiro declarase unha idade inferior a que contaba na realidade, cincuenta e dous anos.[1]

Ferreiro de profesión, Rilo subsistía tamén como labrego e gandeiro, tendo casa no lugar de Piadela. Coñecido polas súas habilidades manuais, sábese que elaboraba el mesmo os roncóns e punteiros de buxo das súas gaitas. A súa simpatía e extraversión, as súas cantigas e a súa sona de bo cantor facíao benquerido en todo acto festivo da súa comarca.[2]

Das súas actuacións na contorna betanceira existe abondosa información na impresa local. Durante toda a década do 1890 amenizou as festas de Santo Antón Abade, o que fai pensar que Rilo posuía un dos contratos vitalicios que adoitaban asinarse cos gaiteiros. A festa duraba dous ou tres días durante os que Rilo tocaba animando paseos, xantares e funcións relixiosas.[3] Era tradición nesta festividade o sorteo dun porco criado durante o ano pola veciñanza ao que se lle permitía camiñar ceibo polas rúas da vila. Rilo amenizaba todo o cerimonial da rifa do porco, acompañando a súa entrega en procesión até o fogar da familia agraciada.[4][5] O vello Rilo debeu empregarse tamén como gaiteiro das tradicionais danzas gremiais celebradas durante as festas patronais de San Roque[6]. De feito aparece xunto aos bailadores da danza do gremio de labradores[7] nunha fotografía do ano 1902.

Certames de gaiteiros editar

 
O gaiteiro Rilo e o tamborileiro "O Vigo" de Parada nas festas de San Roque. Betanzos, agosto de 1905
 
Xan Míguez "O Ventosela", habitual antagonista de Rilo nos certames gaiteiros. A prensa da época confrontaba o seu estilo "innovador" co "clasicismo" de Rilo.

No derradeiro terzo do século XIX proliferaron os certames de gaiteiros nas principais vilas e cidades galegas. A dotación económica destes concursos atraía a presenza dos mellores gaiteiros e espallaba a súa sona por todo o país. Nestes certames é constante a presenza de Rilo que, como el mesmo fachendeaba, chegou a gañar até vinte e sete. Antes de gañar este último certame en Compostela, o propio Rilo dirixíalle esta copla ao xurado: "Gañei vinte e seis premios, viña por outro máis, si o merezo, señores, o xurado o dirá".

Existe noticia da súa vitoria no 1882 nun certame en Betanzos. Outro no 1885 en Compostela[8]. No 1886 venceu en Pontevedra nun concurso convocado polo semanario O Galiciano. O seu triunfo máis soado aconteceu no 25 de xullo do 1893 en Compostela, onde se impuxo ao seu habitual rival nestes certames Xan Míguez "O Ventosela", que foi segundo. Rilo interpretou a muiñeira de Piadela, peza da súa autoría[9]. Cóntase que adicou o premio, a importante cantidade de cen pesetas, á compra dun boi. Venceu outro certame en xullo de 1896, esta vez na Coruña, derrotando de novo a Ventosela e a Roxelio Rodríguez "O Carballiño"[10]. No ano 1900 en Compostela tivo que conformarse co segundo posto.

Nestas competencias entre gaiteiros, Rilo representaba para a crítica da época a tradición. O seu estilo clásico en repertorio e indumentaria, opoñíase ao de gaiteiros mais innovadores. Estes gaiteiros ían abandonando xa a vestimenta tradicional, motivo polo que nalgúns certames esixíase acudir co "enxebre traxe do país, calzón, chaqueta e monteira"[11]. Tamén ampliaban o seu repertorio coas novas músicas de moda, nun tempo no que o baile solto deixaba aos poucos paso ao agarrado e no que as incipientes bandas de música comezaban a desprazar os gaiteiros dos torreiros das festas.

O gaiteiro "innovador" por antonomasia era Xan Míguez "O Ventosela". Moi criticado polos "tradicionalistas"[12], Míguez chegaba ao extremo de empregar chaves no punteiro para acadar os tons sostidos, a muda-la monteira por chapeus propios dun músico de banda e mesmo a introducir músicas foráneas no seu repertorio[13]. No ano 1900, Alfonso Pérez Nieva no seu libro Por las Rias Bajas, comparaba o estilo dos dous gaiteiros rivais describindo a Rilo como "sobrio, sinxelo, con parco manexo dos dedos, sen os floreos, sen os verdadeiros prodixios que realiza Míguez"[14]

Un artigo da revista Galicia Moderna do ano 1897: "los gaiteros en Galicia" laiase de "como vai desaparecendo o traxe, como se adulteran os costumes, como se impide pola forza bruta o honesto recreo nas romarías".[15] Cítase no artigo aos gaiteiros de máis sona do momento aparecendo xunto ao Rilo de Betanzos, Xan Míguez "O Ventosela", Roxelio Rodríguez "O Carballiño" e Antonio Castiñeira "O fresco de Baio". Rilo é presentado no artigo como un garante da tradición, remiso a saír da súa comarca, inimigo dos floreos e das innovacións alleas, que procura sempre o aplauso do entendido[16].

Derradeiros anos editar

 
O vello Rilo a bordo dun barco no porto da Coruña cara o 1890.

No ano 1904, o ancián gaiteiro continuaba a ensaiar para acudir aos certames de gaitas[17]. Nese mesmo ano exerce o seu oficio en Ferrol, a prensa fala del como "un simpático patrucio que leva admirabelmente os seu setenta e catro anos"[18]. En marzo de 1906 Rilo aparece como gaiteiro nas festas da patroa de Ortigueira, na que foi a súa derradeira actuación pública[19].

Só dous meses despois, o catro de xullo do 1906, un artigo anónimo no xornal La Voz de Galicia, gababa a súa figura "o verdadeiro, o enxebre gaiteiro" contrapoñéndoa (unha vez máis) á de Ventosela que "aquilo que nos fixo ouvir non é a gaita galega senón un instrumento mestura de óboe e clarinete con chaves (..) que permitiu o salto brusco dos aires do país ás coplas flamencas". Este laudatorio artigo informaba tamén de que o vello gaiteiro acusaba xa as doenzas propias da idade e de que ficara cego, motivo polo que solicitaba á deputación provincial coruñesa unha pensión "para non morrer de fame".[20]

Manuel Rilo finou o dezaseis de maio do 1907, en Salto, lugar do que era veciño, sendo soterrado no día seguinte a idade de setenta e oito anos.

Memoria e herdanza do gaiteiro Rilo editar

 
Escultura de Manuel Rilo no Concello de Ortigueira.

O vello Rilo non tivo a fortuna doutros gaiteiros da súa época, caso de Manuel Castro de Penalta ou Xan Mella de Baio, que ficaron inmortalizados por Curros Enríquez[21] e Enrique Labarta[22]. Tan só un poeta da súa vila, Fernando García Acuña, foi quen de dedicarlle en vida un par de poemas en pequenas revistas da época[23].

A súa lembranza foise pois esvaendo aos poucos, mais nunca de todo, pois vinte anos despois da súa morte, o mestre betanceiro Xoán Díaz Fernández dedicáballe uns versos nunha publicación da emigración[24] e pouco máis tarde o erudito Francisco Vales Villamarín un soneto en galego[25].

Unha fotografía súa[26], conservada no arquivo de Vales Villamarín, serviu de inspiración a outro artista betanceiro, Xosé Veiga Roel. Con ela realizou un debuxo a lapis do rostro do gaiteiro[27] e un retrato de corpo enteiro[28]. A forza deste coñecido retrato popularizouse e pasou a empregarse profusamente en carteis de festas, foliadas, romarías, discos etc.[29] Mesmo existe unha escultura de corpo enteiro inspirada no retrato nas oficinas do concello de Ortigueira, lugar onde Rilo actuou por última vez[30].

Tamén o concello de Betanzos lle prestou unha pequena homenaxe ao poñer o seu nome a unha das aulas da Escola Municipal de Folclore (EMUF) no ano 2015.[31]

No ano 1986, o gaiteiro Xoán Carlos Rilo, descendente do vello Rilo, publicou no Anuario da Gaita da Escola de gaitas da deputación de Ourense a partitura da muiñeira de Piadela[32]. Esta peza do vello Rilo incorporouse ao repertorio popular, e conta hoxe con centos de versións de gaiteiros e grupos de todo o mundo[33][34][35]. A peza foi empregada tamén no ano 2017 polos veciños de Samede, pequena vila mariñá do concello de Paderne, no proceso de recuperación do tradicional entroido da vila[36]. Unha das tradicións da festividade consistía no baile dunha muiñeira cruzada, para a que dada a imposibilidade dos informantes de indicar a música utilizada optaron pola muiñeira do vello Rilo[37]. Manuel Rilo deixou a transmisión doutra peza, unha muiñeira redonda, se ben actuando esta vez como informante[38], e a chamada "muiñeira do vello Rilo", que posibelmente sexa tamén obra súa[39].

No ano 2021 o gaiteiro e artesán Pablo Carpintero construíu dúas replicas da gaita do vello Rilo, conservada até entón coma un tesouro pola súa familia. Unha das versións da gaita con ronquillo e outra sen el xa que lle foi roubado nun dos certames gaiteiros aos que habitualmente asistía.[40][41][42]

Notas editar

  1. Torres Regueiro (1990). pp. 263-264
  2. Torres Regueiro (1990). p. 264
  3. Torres Regueiro (1990). pp. 266-267
  4. Noguerol Otero, Antonio (1983). "A rifa do porco, os serenos e o neno" (PDF). Anuario Brigantino (6): 179–180. 
  5. "#49 A rifa do porco de San Antón "Criou dous porcos Ramón/cando casou con Tomasa/un pra comeren na casa/e outro pra San Antón" 17 de Xaneiro.". Percusión Galega. 2019-01-17. Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2020. Consultado o 2020-10-21. 
  6. Ferrol, Diario de. "El respeto y los pasos que nunca perdieron en Betanzos". Diario de Ferrol (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2020. Consultado o 2020-10-24. 
  7. RTVE (1973). Danza de Labradores (Youtube). 
  8. "El Ciclón : periódico satírico". biblioteca.galiciana.gal. 01/08/1885. Consultado o 2020-10-26. 
  9. Rilo, Xoan Carlos (1987). "Muiñeira de Piadela" (PDF). Anuario Brigantino (10). 
  10. "Programa de festas da Coruña". biblioteca.galiciana.gal. 1896. Consultado o 2020-10-26. 
  11. Torres Regueiro (1990). p. 269
  12. Torres Regueiro (1990). p. 265
  13. Solá, Jaime (1925). Vida Gallega (en castelán). (En: Gran enciclopedia Gallega. Tomo XXX. p. 19). Hace veinte años la gaita gallega recibió un golpe que no fue de muerte... pero... (..) el gaitero de Ventosela fuese hacia el exotismo zarzuelero 
  14. Pérez Nieva, Alfonso (1900). Por las rias bajas. (En: Gran Enciclopedia Gallega. Tomo XXX. p.19). 
  15. de Cela, Camilo (15/12/1897). "Los gaiteros en Galicia". Galicia Moderna (16): 9–12. 
  16. de Cela, Camilo (1897). "Los gaiteros en Galicia". Galicia Moderna (16). (..)a Rilo debemos la ejecución irreprochable de la muiñeira sin variaciones extrañas. (..)Rilo (personifica) el amor al arte. (..) competidor terrible por su aversión a floreos musicales (..) apetece la aprobación de los doctos 
  17. "El áncora : diario católico de Pontevedra". biblioteca.galiciana.gal (en castelán). 16/07/1904. Consultado o 2020-10-26. dedícase (..) a ensayar hermosas composiciones gallegas, para el caso de que haya concurso de gaitas en las próximas fiestas del Apostol 
  18. "El áncora : diario católico de Pontevedra". biblioteca.galiciana.gal. 03/09/1904. Consultado o 2020-10-26. 
  19. Torres Regueiro (1990). p. 266
  20. Torres Regueiro (1990). p. 277
  21. "O gueiteiro, Manuel Curros Enr?uez". galicia.swred.com. Consultado o 2020-10-25. 
  22. "¡¡¡Probe gaiteiro de Bayo!!! - Wikisource". gl.wikisource.org. Consultado o 2020-10-25. 
  23. Torres Regueiro (1990). p. 272
  24. Torres Regueiro (1990). p.273
  25. Galicia, Administración de (2016). "Galiciana: Arquivo Dixital de Galicia". arquivo.galiciana.gal. Consultado o 2020-10-25. 
  26. "Fotografia do gaiteiro Rilo de Betanzos". 
  27. Vieiro, Laura (2010). "La huella de Galicia en Argentina, más allá de la capital" (PDF). Galegos (11): 92. 
  28. "O Gaiteiro Rilo, de Xosé Veiga Roel". www.europeana.eu (en inglés). Consultado o 2020-10-25. 
  29. "I Certame de gaitas As Mariñas de Betanzos - Clave Records - Punteiro 1061-CD - (CD) (2007)". Consultado o 2020-10-26. 
  30. "ANDRÉS CO GAITEIRO RILO DE BETANZOS". coamarea. Consultado o 20/10/2020. 
  31. gallego, El Ideal. "O Vello Rilo tempera de novo a súa gaita en Betanzos". El Ideal Gallego (en castelán). Consultado o 2020-10-26. 
  32. Rilo, Xan Carlos (1986). "Entrevista a Xan Carlos Rilo" (PDF). Anuario da gaita (1): 8–9. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de maio de 2021. Consultado o 03 de maio de 2021. 
  33. "Muiñeira de Piadela, Primeiro premio no concurso de Compostela no 1893. Gaita tumbal, whistle, iris". Consultado o 2020-10-26. 
  34. "Muiñeira de Piadela - Flauta, Ukelele, Guitarra". Consultado o 2020-10-26. 
  35. "Ardentía - Muñeira de Piadela". Consultado o 2020-10-26. 
  36. "A recuperación do Entroido de Samede - VII Xornadas Entroido Sociedade Antropolóxica Galega". Consultado o 2020-10-26. 
  37. "Muiñeira cruzada do entroido de Samede". Consultado o 2020-10-26. 
  38. "A Redonda - Informante: Manuel Rilo Pardo". Folkotecagalega. Consultado o 26/10/2020. 
  39. ayusob (2012-10-10). "Partitura “Muiñeira do Vello Rilo”". Asociación Amigos de la Gaita Gallega en Extremadura (en castelán). Consultado o 2020-10-28. 
  40. Carpintero Arias, Pablo (2021). Réplica da gaita do Rilo de Betanzos. Youtube. 
  41. Carpintero Arias, Pablo (2021). Réplica da gaita do Rilo de Betanzos- Muiñeira do Poso. Youtube. 
  42. Carpintero Arias, Pablo (2021). Réplica da gaita do Rilo de Betanzos - Danza de paus de Betanzos (Casto Sampedro nº 398). Youtube. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar