Stanisław Niewitecki

numismático polaco


Stanisław Niewitecki, nado o 26 de abril de 1904 en Gołańcz, Voivodato de Gran Polonia, e finado o 5 de xaneiro de 1969 en Bydgoszcz, Voivodato de Cuiavia-Pomerania, foi un numismático e activista social polaco.[1][2][3][4]

Infotaula de personaStanisław Niewitecki
Biografía
Nacemento26 de abril de 1904
Gołańcz, Polonia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte5 de xaneiro de 1969
Bydgoszcz.
Cuiavia-Pomerania.
Polonia Polonia
Lugar de sepulturaJunikowo Cemetery (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadePolaca.
EducaciónEscola Municipal de Economía de Bydgoszcz.
Actividade
Campo de traballoNumismática e activismo social.
Membro de
Familia
CónxuxeWanda Niewitecka
Premios
(1961): Cidadán Meritorio de Bydgoszcz.

Traxectoria editar

Xuventude editar

Stanisław Niewitecki naceu en Gołańcz, fillo de Kazimierz Niewitecki (1870-1949), un artesán, e de María Magdalena Zeidler (1877-1962).[2]

Logo da súa graduación en 1918 nunha escola popular da súa cidade natal, Niewitecki continuou a súa educación na Escola Municipal de Economía de Bydgoszcz, cidade na que residiu o resto da súa vida. Desenvolveu a súa primeira actividade laboral no Banco Ludowy, en Gołańcz, e a partir de 1922 pasou a traballar no Banco Stadt Hagen, en Bydgoszcz. Despois da creba desta entidade bancaria en 1932, Niewitecki converteuse no seu liquidador. En 1937 puxo en marcha en Bydgoszcz a primeira planta de produción polaca de pan sueco, Chleb Szwedzki S-ka, que produciu diversos produtos de panificación e galletas destinados principalmente á mariña polaca. Dirixiu esta factoría ata o inicio da segunda guerra mundial e, durante os anos 1938 e 1939, tamén foi o xerente da fábrica Kauczuk, en Bydgoszcz, máis tarde chamada Stomil.[1][2][3][4]

Ademais do traballo, nos seus anos de xuventude introduciuse no activismo social. De entre os seus múltiples focos de interese, o coleccionismo de moedas e o afonsamento na numismática foron sempre para el unha paixón. O 22 de novembro de 1935 contribuíu á fundación da Sociedade Numismática de Bydgoszcz, da que foi tesoureiro nos seus primeiros anos.[1][2][3][4]

Guerra e posguerra editar

A guerra resultou ser un período extremadamente difícil, tanto para Stanisław Niewitecki como para a Sociedade Numismática de Bydgoszcz. No comezo da contenda foi levado a Lublin, onde estivo preso pola Gestapo durante un ano. Logo da súa liberación mudouse a Varsovia, onde coñeceu a súa futura esposa, Wanda Niewitecka. Ambos participaron no Alzamento de Varsovia en 1944: el na defensa civil e ela como enfermeira. Tras a sufocación do levantamento, a parella foi deportada a Alemaña, preto da fronteira neerlandesa, desde onde fuxiron cara a Bydgoszcz.[1][2]

De volta en Bydgoszcz, Niewitecki traballou en diversas empresas, nas que desempeñou cargos de responsabilidade, e tamén desenvolveu as súas propias iniciativas empresariais. Mantívose activo profesionalmente ata 1960, cando pasou a ser pensionista por mor do seu deficiente estado de saúde.[1][2][4]

Activismo social editar

Despois da guerra, participou unha vez máis na creación dunha nova organización numismática en Bydgoszcz. Formou parte do grupo de afeccionados que o 26 de outubro de 1954 fundou a rama de Bydgoszcz da Sociedade Arqueolóxica Polaca. Niewitecki dirixiu nos seus inicios unha sección de numismática dentro desa filial e, logo da segregación desa sección numismática en 1960, foi o seu presidente desde 1964 e non abandonou ese posto ata o seu falecemento.[1][2][4]

Stanisław Niewitecki tamén foi un promotor moi activo en diversas actividades de índole deportiva, cultural, turística etc., e formou parte da directiva de entidades como a Sociedade de Remo de Bydgoszcz, a Asociación de Natación de Polonia, a Asociación Polaca de Esquí, a Sociedade de Turismo ou a Asociación Filatélica Polaca. Como membro do consello da biblioteca pública municipal, fixo grandes contribucións ao desenvolvemento dos círculos de amigos da biblioteca. Foi o impulsor da reconstrución do monumento a Henryk Sienkiewicz e da produción de medallas dedicadas a personaxes como Adam Grzymała-Siedlecki, Henryk Sienkiewicz e outros. En 1961, polos seus servizos, foi galardoado coa distinción de Cidadán Meritorio de Bydgoszcz (Bydgoszcz Zasłużonemu Obywatelowi).[1][2][4]

Legado editar

Niewitecki morreu o 5 de xaneiro de 1969 e foi soterrado no cemiterio Nowofarny, en Bydgoszcz, e logo en 1972 trasladado ao cemiterio Junikowski, en Poznan. En recoñecemento aos seus servizos á comunidade numismática de Bydgoszcz, en 1970 a sección numismática e despois a rama de Bydgoszcz da Sociedade Arqueolóxica Polaca tomaron o seu nome, e en 1979 esta emitiu unha medalla na súa honra e na que se exhibe o seu busto. O museo Leon Wyczółkowski, de Bydgoszcz, adquiriu para a súa colección 1.162 moedas e billetes procedentes da importante colección persoal de Niewitecki.[1][2]

En 1999, no trixésimo aniversario da súa morte, a súa viúva, Wanda Niewitecka, descubriu unha placa conmemorativa dedicada a Niewitecki na fachada do edificio no número 2 da rúa Jagiellońska, onde viviu a familia Niewitecki durante moitos anos.[5]

En 2001, con motivo do 80 aniversario da filial de Poznan da Sociedade Numismática Polaca, emitiuse un medallón conmemorativo coas imaxes de Stanisław e Wanda Niewitecki, e en 2004, con motivo do 100 aniversario do nacemento do presidente da rama de Bydgoszcz, tivo lugar unha reunión cerimonial de numismáticos e da familia e os amigos de Stanisław Niewitecki.

En 2011, unha das rúas de Bydgoszcz recibiu tamén o seu nome.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Szczygielski, W. "Stanisław Niewitecki". En Internetowy Polski Słownik Biograficzny.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Stanisław Niewitecki. Patron Oddziału Bydgoskiego". Sociedade Numismática Polaca. Sucursal de Bydgoszcz.
  3. 3,0 3,1 3,2 Wąsacz, M. (2005). "Monety Niewiteckiego". En Gazeta Pomorska. 17 de novembro.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "Stanisław Niewitecki Arquivado 01 de outubro de 2020 en Wayback Machine.". Exlibris Polski.
  5. "Pamięci Stanisława Niewiteckiego". En PolskaNiezwykla.pl

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Wrzesiński, A. (1999). Bydgoskie Wiadomości Numizmatyczne ["Novas numismáticas de Bydgoszcz"]. Listopad. Bydgoszcz.