Sistema locomotor

(Redirección desde «Sistema musculoesquelético»)

O sistema locomotor[1] ou aparato/aparello locomotor (tamén sistema musculoesquelético) é un sistema orgánico formado polos sistemas muscular e óseo, que permite realizar os movementos do corpo e dá forma, e proporciona soporte, estabilidade e protección ao corpo.

Está constituído polos ósos do esqueleto, os músculos, cartilaxes,[2] tendóns, ligamentos, articulacións e outros tecidos conectivos que sosteñen e unen os diversos tecidos e órganos. A principal función do sistema locomotor é permitir os movementos.[3] A porción esquelética do sistema serve ademais como principal lugar de almacenamento de calcio e fósforo e contén os compoñentes esenciais do sistema hematopoético.[4]

Neste sistema os ósos está conectados a outros ósos e músculos por medio de estruturas do tecido conectivo, como tendóns e ligamentos. Os ósos proporcionan estabilidade ao corpo. Os músculos manteñen os óso no seu sitio e a súa contracción fai que se movan os ósos nas articulacións, xa que forman con eles pancas coas que se realizan os movementos. Os ósos están conectados por medio de articulacións,nas cales a cartilaxe impide que os extremos dos ósos rocen directamente un con outro.

Porén, hai doenzas e trastornos que poden afectar o funcionamento e a efectividade global do sistema. Estas doenzas poden ser difíciles de diagnosticar debido á estreita relación do sistema locomotor con outros sistemas internos.

Subsistemas

editar

Esquelético

editar
Artigo principal: Esqueleto humano.
 
Vista frontal dun esqueleto dun humano adulto

O ser humano nace cuns 300 ósos, pero despois moitos ósos fusiónanse ata chegar á madurez. Como resultado un esqueleto dun adulto medio consta de 206 ósos. O número de ósos varía de acordo co método usado para contalos, xa que algúns consideran certas estruturas como un óso único que consta de varias partes e outros consideran cada parte como un óso de seu.[5] Hai cinco tipos xerais de ósos: longos, curtos, planos, irregulares e sesamoides. O esqueleto humano está composto de ósos fusionados ou separados unidos por ligamentos, tendóns, músculos e cartilaxes. É unha estrutura complexa dividida en esqueleto axial, que inclúe a columna vertebral e o esqueleto apendicular (as extremidades).[6]

Función

editar

O sistema esquelético realiza importantes funcións: proporciona forma ao corpo, dá soporte e protección a órganos vitais, permite o movemento do corpo, produce sangue (na medula ósea), e almacena minerais.[7] O sistema esquelético serve de armazón para que se dispoñan e conecten os tecidos e órganos. Actúa como sistema protector dos órganos vitais, por exemplo o cerebro está protexido polo cranio e os pulmóns e corazón pola caixa torácica.

Dentro dos ósos longos hai dous tipos de medula ósea: amarela e vermella. A medula amarela ten tecido conectivo graxo. Durante períodos de inanición, o corpo pode usar a graxa da medula ósea amarela para obter enerxía.[8] A medula ósea vermella dalgúns ósos é moi importante para a produción de células sanguíneas, por exemplo, fórmanse aproximadamente 2,6 millóns de eritrocitos por segundo para substituír as células existentes que foron eliminadas no fígado.[7] Alí, fórmanse todos os eritrocitos, plaquetas e a maioría dos leucocitos nos adultos.

Outra función dos ósos é o almacenamento de certos minerais. O calcio e o fósforo son os principais minerais almacenados. Este centro de almacenamento serve para axudar a regular o equilibrio mineral no torrente sanguíneo. Cando a flutuación dos minerais aumenta, estes minerais son almacenados no óso, e cando baixa, estes son mobilizados do óso.

Muscular

editar
Artigo principal: Músculo.
 
O corpo contén tres tipos de tecido muscular: (a) músculo esquelético, (b) músculo liso e (c) músculo cardíaco.
 
Vistas anterior e posterior do sistema muscular arriba, músculos superficiais mostrados no lado dereito do corpo e músculos profundos (baixo os superficiais e normalmente non visibles) mostrados á esquerda do corpo. Nas pernas, os músculos superficiais móstranse na vista anterior, mentres que na vista posterior móstranse os profundos.

Hai tres tipos de músculos: cardíaco, esquelético e liso. Os músculos esqueléticos son os fundamentais no aparato locomotor. Son músculos formados por fibras musculares estriadas, con estriacións visibles ao microscopio debido á disposición moi ordenada das proteínas contráctiles das que están cheos, e son de contracción voluntaria. Os músculos esqueléticos están unidos aos músculos e dispostos en grupos opostos arredor das articlacións.[9] Os músculos están innervados por nervios que comunican as ordes do sistema nervioso central que os fan contraer[10][11]

Iniciación da contracción

editar
Artigo principal: Contracción muscular.

En mamíferos a contracción muscular é estimulada pola neurona motora que envía a mensaxe aos músculos desde o sistema nervioso somático. A despolarización da neurona motora fai que se liberen neurotransmisores no terminal nervioso. O espazo entre o terminal nervioso e a célula múscular é a unión neuromuscular. Estes neurotransmisores difunden a través do [espazo sináptico]] e únense a receptores específicos na membrana plasmática da fibra muscular. Cando son estimulados suficientes receptores, xérase un potencial de acción e a altérase a permeabilidade do sarcolema. Este proceso coñécese como iniciación.[12] Despois, isto provoca a contracción do sarcómero (formado polas proteínas contráctiles actina e miosina) e o acurtamento da fibra muscular.

Tendóns

editar
Artigo principal: Tendón.

Un tendón é unha banda flexible e dura de tecido conectivo fibroso que conecta os músculos cos ósos.[13] O tecido conectivo extracelular situado entre as fibras musculares únese aos tendóns nos extremos proximal e distal do músculo, e o tendón únese ao periósteo dun óso nas orixe e inserción muscular. A medida que se contrae o músculo, os tendóns transmiten a forza a ósos moito máis ríxidos, tirando deles e causando o movemento da articulación. Os tendóns poden estirarse substancialmente, o que permite que funcionen como resortes durante a locomoción, aforrando enerxía.

Articulacións, ligamentos e bolsas

editar

Articulacións

editar
Artigo principal: Articulación (anatomía).
 
Articulación sinovial humana

As articulacións son estruturas que conectan ósos e permiten que estes se movan durante o movemento. Hai tres grandes tipos segundo a súa mobilidade: diartroses, que permiten unha ampla mobilidade entre dúas ou máis cabezas óseas; anfiartrose, que permite algún grao de movemento, pero non moito, e as sinartroses, que son inmóbiles ou practicamene inmóbiles e predominantemente fibrosas. Nas articulacións sinoviais os extremos dos ósos non están unidos directamente, senón forrados de cartilaxe e lubricadas polo líquido sinovial producido pola membrana sinbovial. Este líquido permite a fricción entre as caras articulares contidas dentro da cápsula articular, que rodea a articulación.[6]

Ligamentos

editar
Artigo principal: Ligamento.

Un ligamento é unha banda densa e estreita de tecido elástico fibroso.[6] Os ligamentos conectan os extremos dos ósos manténdoos xuntos nas articulacións. A maioría dos ligamentos limitan as posibles dislocacións, ou impiden certos movementos que poden causar roturas. Como son elásticos incrementan a súa lonxitude cando están baixo presión, e poden chegar a romper, facendo que a articulación quede inestable.

Os ligamentos poden tamén restrinxir algunhas accións: os movementos como a hiperextensión e hiperflexión están limitados polos ligamentos ata un certo punto. Ademais, os ligamentos impiden certos movementos direccionais.[14]

Bolsas sinoviais

editar
Artigo principal: Bolsa sinovial.

Unha bolsa sinovial é un pequeno saco cheo de líquido constituído por tecido fibroso e aliñado coa membrana sinovial. As bolsas poden estar formadas tamén por unha membrana sinovial que se estende fóra da cápsula articular.[8] Proporcionan un acolchamaento entre os ósos e os tendóns e músculos que están arredor da articulación. Encóntranse bolsas cheas de líquido sinovial en case todas as principais articulacións do corpo.

Importancia clínica

editar
 
Anos de vida axustados por discapacidade para enfermidades musculoesqueléticas por 100 000 habitantes en 2004.[15]
     sen datos      menos de 400      400-450      450-500      500-550      550-600      600-650      650-700      700-850      850-900      900-925      925-950      máis de 950

Como moitos sistemas corporais, como o vascular, nervioso e tegumentario, están interrrelacionados, os trastornos dun destes sistemas poden tamén afectar ao sistema muscoloesquelético e complicar o diagnóstico dos trastornos desta orixe. As doenzas do sistema locomotor comprenden principalmente trastornos funcionais ou discordancias nos movementos; o nivel de discapacidade depende especificamente do problema de que se trate e da súa gravidade.[16]

Os trastornos articulares[17] son os máis comúns. Porén, tamén son frecuentes as enfermidades musculares primarias, as neurolóxicas,[18] os déficits, os causados por toxinas, anormalidades endócrinas, trastornos metabólicos, enfermidades infecciosas, trastornos sanguíneos e vasculares e desequilibrios nutricionais.

Os trastornos dos músculos orixinados por causa doutros sistemas corporais poden dar lugar a irregularidades como: discapacidades do movemento e control ocular, disfuncións respiratorias e mal funcionamento da vexiga. A parálise completa, parese ou ataxia poden ser causadas por disfuncións musculares primarias de orixe infecciosa ou tóxica; porén, o trastorno primario está xeralmente relacionado co sistema nervioso, porque o sistema muscular actúa como órgano efector, un órgano que responde a estímulos, especialmente un impulso nervioso.[4]

  1. Vocabulario de Medicina. Universidade de Santiago de Compostela. Servizo de Normalización Lingüística. 2008. Páxina 474. (Nesta obra acéptase tamén aparato e aparello, pero a definición remítese a sistema).
  2. Musculoskeletal System Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.
  3. Mooar, Pekka (2007). "Muscles". Merck Manual. Consultado o 2008-11-12. 
  4. 4,0 4,1 Kahn, Cynthia; Scott Line (2008). Musculoskeletal System Introduction: Introduction. NJ, USA: Merck & Co., Inc. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 22 de setembro de 2018. 
  5. Engelbert, Phillis; Carol DeKane Nagel (2009). "The Human Body / How Many Bones Are In The Human Body?". U·X·L Science Fact Finder. eNotes.com, Inc. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2011. Consultado o 2009-01-24. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Gary, Farr (2002-06-25). "The Musculoskeletal System". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2014. Consultado o 2008-11-18. 
  7. 7,0 7,1 Applegate, Edith; Kent Van De Graaff. "The Skeletal System". Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2010. Consultado o 2009-01-03. 
  8. 8,0 8,1 "Skeletal System". 2001. Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2011. Consultado o 2009-01-08. 
  9. Mooar, Pekka (2007). "Muscles". The Merck Manuals Online Medical Library. Consultado o 2008-11-16. 
  10. "innervated". Dictionary.com. Dictionary.com, LLC. 2008. Consultado o 2009-01-03. 
  11. Bárány, Michael (2002). "SMOOTH MUSCLE". Consultado o 2008-11-19. 
  12. "The Mechanism of Muscle Contraction". Principles of Meat Science (4th Edition). Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2012. Consultado o 2008-11-18. 
  13. Jonathan, Cluett (2008). "Tendons". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 2008-11-19. 
  14. Bridwell, Keith. "Ligaments". Consultado o 2009-03-16. 
  15. "WHO Disease and injury country estimates". World Health Organization. 2009. Consultado o Nov 11, 2009. 
  16. Fingar KR, Stocks C, Weiss AJ, Steiner CA (December 2014). "Most Frequent Operating Room Procedures Performed in U.S. Hospitals, 2003-2012". HCUP Statistical Brief #186. Rockville, MD: Agency for Healthcare Research and Quality. 
  17. "articular". Random House Unabridged Dictionary. Random House, Inc. 2006. Consultado o 2008-11-15. 
  18. "neurologic". The American Heritage Dictionary of the English Language, Fourth Edition. Houghton Mifflin Company. 2006. Consultado o 2008-11-15. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar