Wace
Wace, nado arredor de 1110 e finado despois de 1174, foi un poeta medieval normando.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1100 (Gregoriano) Jersey, Reino Unido |
Morte | 1174 (Gregoriano) (73/74 anos) Bayeux, Francia |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor, historiador |
Xénero artístico | Epopea, crónica medieval e haxiografía |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Enciclopedia de Otto |
Nome
editarO seu nome, Wace, moi común no ducado de Normandía, foi empregado en Jersey até o século XVI. A súa ortografía e pronuncia varía nos textos segundo a orixe dos copistas. En varias versións do seu Roman de Rou, o seu nome aparece cinco veces como Wace, tres como Vaicce, e unha como Vace, Vacce e Gace.[1]
Como era habitual na época, non tiña un apelido. Algúns autores posteriores refírense a el como Robert Wace, mais hai pouca evidencia histórica que o xustifique.
Traxectoria
editarToda a información dispoñible sobre a vida de Wace procede das referencias autobiográficas da súa poesía. Naceu na illa de Jersey, mais criouse en Normandía (segundo o Roman de Rou, foi levado cando era neno a Caen). Podería ter sido de ascendencia aristocrática, o que explicaría o seu traslado a Caen para ser educado. Sábese que, contra o ano 1130, regresou a Caen para asumir labores eclesiásticas, probablemente como profesor.
Descoñécese a data do seu pasamento. O evento máis antigo rexistrado no Roman de Rou sucedeu arredor de 1174, polo que tivo que falecer con posterioridade.
Obra
editarDa súa produción, consérvanse o Roman de Brut, unha historia versificada de Bretaña, e o Roman de Rou, así como outras pezas en verso, entre as que se inclúen senllas biografías de Margarida de Antioquía e Nicolao de Mira.
Roman de Brut
editarO Roman de Brut (c. 1155) está baseado na Historia Regum Britanniae de Geoffrey de Monmouth. Non se trata dunha obra histórica segundo os canons actuais, malia que Wace distingue a miúdo entre o que sabe e o que descoñece, ou o que non foi que de determinar. O libro conta a fundación da Bretaña por Brutus de Troia cara o final da historia lendaria creada por Geoffrey de Monmouth. Foi moi popular na súa época, xa que fixo accesible o ciclo artúrico nunha lingua vernácula. Wace foi un dos primeiros en mencionar a historia do rei Artur e a súa Táboa Redonda, mais apenas engadiu detalles á versión de Geoffrey.
O Roman de Brut inspirou o Brut de Layamon, un poema aliterativo en inglés medio, así como a Chronicle de Peter Langtoft.
Roman de Rou
editarTrátase dun traballo posterior ao Roman de Brut e, segundo o propio Wace, foille encargado por Henrique II de Inglaterra.[2] Unha gran parte do texto recolle a vida de Guillerme o Conquistador e a toma de Inglaterra polos normandos. Wace fai referencia a fontes orais da súa propia familia, polo que a súa versión da conquista e da batalla de Hastings poderían basearse non só en documentos, senón tamén na transmisión de testemuñas directas (xa finados na época da redacción do texto). O Roman de Rou menciona tamén a aparición do cometa Halley.
A diferenza do Roman de Brut, este libro posterior non tivo tanto éxito, quizais pola perda de interese na historia do ducado de Normandía tras a súa incorporación ao reino de Francia en 1204.
Lingua
editarWace escribiu nunha lingua romance, considerada por diferentes estudosos como un antigo dialecto normando, unha variedade de francés antigo, ou un precursor do jèrriais. Os escritores da illa de Jersey considérano o fundador da literatura en jèrriais, polo que algúns se refiren a este idioma como "a lingua de Wace". Malia ser anterior ao uso literario desta lingua, Wace é o máis antigo escritor de Jersey do que se teña constancia.
Notas
editar- ↑ Lepelley 1987, p. 15.
- ↑ Urbanski 2013.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Lepelley, René (1987). Guillaume le duc, Guillaume le roi: extraits du Roman de Rou de Wace, poète normand du XIIe siècle (en francés). Centre de publication de l'Université de Caen. ISBN 9782905461230.
- Urbanski, Charity (2013). Writing History for the King: Henry II and the Politics of Vernacular Historiography (en inglés). Cornell University Press. ISBN 978-0-8014-6972-5.