Unión de Lublin
A Unión de Lublin (en lituano: Liublino unija; en ucraíno: Лю́блінська у́нія; en belaruso: Лю́блінская ву́нія; en polaco: Unia lubelska) substituíu a unión persoal da Coroa do Reino de Polonia e do Gran Ducado de Lituania cunha unión real e cunha monarquía electiva, dado que Sexismundo II, o derradeiro descendente da Dinastía Xogalia, non tivo descendencia tras tres casamentos. Ademais, a autonomía do Reino de Prusia foi en gran parte abandonada.
Foi asinada o 1 de xullo de 1569 en Lublin (Polonia) e creou un único Estado, a República das Dúas Nacións. Esta República foi gobernada por un só monarca electo quen cumpría os deberes de Rei de Polonia e de Gran Duque de Lituania e que gobernaba cun Senado común e un parlamento (o Sejm). A Unión foi unha fase evolutiva na alianza polaco-lituana e unión persoal, necesitada tamén pola posición perigosa de Lituania nas guerras con Rusia.[1][2][3]
Aínda que constituíu un evento crucial na historia de varias nacións, a Unión de Lublin foi vista de xeito bastante disímil polos historiadores. Así, os historiadores polacos concéntranse nos seus aspectos positivos, enfatizando a súa creación pacífica e voluntaria, tanto coma no seu rol no espallamento da cultura polaca; mentres que os historiadores lituanos son máis críticos coa Unión ao sinalar que estivo dominada por Polonia.
Historia
editarAntecedentes
editarDéronse longas discusións antes da sinatura do tratado,[4] dado que os magnates lituanos tiñan medo de perder a maioría dos seus poderes, xa que a unión convertería en equivalente o seu status legal co da maioría da nobreza inferior polaca; con todo, Lituania estivera crecentemente no bando perdedor das Guerras Moscovitas-lituanas e para a segunda metade do século XVI enfrontou a ameaza dunha derrota total na Guerra Livona e, con iso, a súa incorporación a Rusia. Doutra parte, a nobreza polaca (a szlachta) rexeitaba ofrecer axuda a Lituania sen recibir nada a cambio. Sexismundo II, Rei de Polonia e Gran Duque de Lituania, vendo a ameaza cernirse sobre Lituania e eventualmente sobre Polonia, meteu presión a favor da unión, gañando gradualmente máis adeptos.
Sejm de 1567
editarO Sejm reuniuse en xaneiro de 1567, preto da vila polaca de Lublin, pero non chegou a ningún acordo. En protesta contra a gran presión exercida sobre os polacos para asinar a Acta, os lituanos, baixo o liderado de Mikołaj "o Vermello" Radziwiłł do Voivodato de Vilnius, deixaron Lublin o 1 de marzo, temendo que Sexismundo tomase unha decisión pola súa conta.
O 26 de marzo de 1567, o rei foi forzado pola szclachta a incorporar á Coroa Polaca as terras meridionais de Podlachia, Volinia, Podolia e Kíiv, controladas por lituanos.[5][6][7] Estas rexións históricas conformaban máis da metade do territorio da actual Ucraína e foron nesa época unha porción significativa do territorio lituano. A clase alta nestas terras era maioritariamente rutenia e leal a Lituania. Todos os nobres leais foron forzados a xurar lealdade ao Rei de Polonia. As terras daqueles que se negaron a facelo foron confiscadas.
Os lituanos foron forzados a volver ao Sejm baixo a dirección de Jan Chodkiewicz (pai de Jan Karol Chodkiewicz) e a continuar as negociacións empregando tácticas lixeiramente diferentes cás utilizadas por Mikołaj "o Vermello" Radziwiłł. Malia o desexo da szlachta polaca dunha incorporación total ao Gran Ducado de Lituania baixo a Coroa, os lituanos continuaron a opoñérense e acordaron soamente ter o status dun estado federal. O 28 de xuño foron superadas as últimas obxeccións e, finalmente, a acta foi asinada polo Rei no Castelo de Lublin o 4 de xullo de 1569.[4][5]
Fin do tratado
editarA Unión de Lublin foi substituída pola Constitución do 3 de maio de 1791 cando a entidade política federal estaba a ser transformada nun Estado unitario polo rei Estanislau II Poniatowski; con todo, a constitución non foi completamente implementada e a Unión foi cesada para as particións de Polonia a fins do século XVIII, sendo a derradeira en 1795.
Consecuencias
editarCulturais
editarTrala Unión, os nobres lituanos tiveron os mesmos dereitos formais que os polacos para gobernar as terras e as persoas baixo o seu control; no entanto, o ascenso político na Unión dominada polos católicos foi un asunto diferente. Na vida cultural e social, tanto a lingua polaca como o catolicismo volvéronse dominantes para a nobreza rutenia, a maioría dos cales foron inicialmente de fala rutenia e ortodoxos de relixión; con todo, os poboadores, en especial os campesiños, continuaron falando os seus propios idiomas e practicando a relixión ortodoxa. Finalmente, esta situación creou unha división entre as clases sociais baixas e a nobreza nas áreas lituanas e rutenias da Unión. Algúns magnates rutenios resistíronse á Polonización ao adherirse á Cristiandade Ortodoxa, obsequiando dádivas xenerosas ás igrexas ortodoxas rutenias e ás escolas rutenias. Malia iso, a presión debida á Polonización foi máis difícil de resistir con cada xeración subsecuente e finalmente case toda a nobreza rutenia foi polonizada.
Os levantamientos de cosacos e as intervencións estranxeiras levaron ás particións da Mancomunidade por parte de Rusia, Prusia e o Imperio Austrohúngaro en 1772, 1793 e 1795. A Unión de Lublin estivo tamén temporalmente inactiva mentres a Unión de Kėdainiai entrou en efecto.
Algúns historiadores como Krzysztof Rak consideran que a Unión de Lublin creou un estado semellante á actual Unión Europea,[8] pois comprendían a Mancomunidade (xunto coa Unión de Kalmar, as varias actas de unión nas illas británicas e outros tratados semellante) como unha especie de predecesora do Tratado de Maastricht. O anterior, con todo, creou un estado de países máis profundamente enlazados cá Unión Europea de hoxe en día.
Económicas
editarA Mancomunidade provocou a colonización polaca das terras rutenias e a servidume do campesiñado rutenio pola szlachta.[9][10][11][12] Malia que a situación dos campesiños na Unión era bastante extrema comparada co Oeste, os campesiños na Mancomunidade tiñan máis liberdade que aqueles de Rusia; por iso é polo que os campesiños (así como, en menor medida, os nobres e comerciantes) que escapaban de Rusia cara á Unión convertéronse nunha preocupación importante para o goberno ruso e foi un dos factores que levou ás particións de Polonia.[13]
Foi introducida unha moeda común, o złoty.[4] A execución de terras da Coroa en Polonia non foi estendida ao Gran Ducado.
Xeográficas
editarA Unión creou un dos estados máis grandes e máis poboados da Europa do século XVII (excluíndo os estados que non pertencían completamente a Europa, por exemplo o Imperio Ruso ou o Imperio Otomán).[14] Trala Unión, Lituania tivo que aceptar a perda de Podlachia, Volinia, Podolia e a rexión de Kíiv, antigos territorios do Gran Ducado que foron transferidos á Coroa Polaca.
Legais
editarBaixo a Unión, os sistemas legais do Reino de Polonia e do Gran Ducado de Lituania serían unificados, pero isto nunca sucedeu. O bosquexo da Unión de Lublin proxectaba que Lituania e Polonia estarían unidas máis cercanamente do que en realidade estaban. O Segundo Estatuto de Lituania de 1566 non perdera vixencia e algunhas das súas provisiones diferían substancialmente das actas da Unión de Lublin. Finalmente, foi adoptado o Terceiro Estatuto de Lituania en 1588, pero aínda contradecía a Unión de Lublin en varios puntos.
Para a sinatura da Unión de Lublin, a nobreza polaca vía os Estatutos de Lituania como inconstitucionais, argumentando que ningunha lei podía entrar en conflito co texto da Unión; con todo, os Estatutos declaraban que as leis da Unión que entraban en conflito con eles debían ser declaradas inconstitucionais. O Primeiro Estatuto de Lituania foi tamén empregado nos territorios de Lituania que foron anexados por Polonia pouco antes da sinatua da Unión de Lublin. Estes conflitos entre os esquemas estatutorios en Lituania e Polonia persistiron por moitos anos e o Terceiro Estatuto de Lituania mantívose en vixencia en territorios do Gran Ducado de Lituania, ata despois das particións, ata 1840.
Os intentos para limitar o poder dos magnates lituanos (especialmente á familia Sapieha) e de unificar as leis da Mancomunidade levaron ao movemento koekwacja praw que culminou nas reformas koekwacja de 1697, confirmados no sejm xeral de 1698 no documento Porządek sądzenia spraw w Trybunale Wielkiego Księstwa Litewskego.[15]
Militares
editarPolonia proveu axuda militar na guerra trala unión das dúas entidades, o que foi crucial para a supervivencia do Gran Ducado de Lituania.[2] Así, Polonia e mailo Gran Ducado tiveron políticas de defensa comúns.
Políticas
editarA Unión de Lublin provocou a fusión dos dous estados, aínda que ambos retiveron graos de autonomía significativos, cada un dos cales tiveron o seu propio exército, tesouro, leis e administracións.[4][2][7] Aínda que en teoría os países tiñan un status equivalente, a máis grande e culturalmente máis atractiva Polonia converteuse no socio dominante. Debido ás diferenzas demográficas, os deputados polacos superaron en número aos lituanos no Sejm a razón de 3 a 1.[4][7]
Habería un único gobernante para Polonia e para o Gran Ducado de Lituania,[4] elixido libremente pola nobreza de ambas as dúas nacións, que coroaron como Rei de Polonia e Gran Duque de Lituania na Catedral de Wawel, en Cracovia. Un parlamento común -Sejm-[4] sostivo sesións en Varsovia: tiña 114 deputados polacos e 48 lituanos; mentres que o Senado estaba composto por 113 representantes polacos e 27 senadores lituanos.
Así mesmo, Polonia e o Gran Ducado de Lituania tería unha política exterior común.
Notas
editar- ↑ Dvornik (1962), p. 254.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Davies (2005), p. 60.
- ↑ Zawadzki (1993).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Pernal (1977), p. 2.
- ↑ 5,0 5,1 Lukowski & Zawadzki (2003), p. 64.
- ↑ Pernal (1977), p. 13.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Riasanovsky & Ehrman (2000).
- ↑ Rak, Krzysztof (xaneiro 2006). Polish Institute of Houston, da Universidade Rice, ed. "Federalism or Force. A Sixteenth-Century Project for Eastern and Central Europe". The Sarmatian Review (Houston, Texas) XXVI (1). ISSN 1059-5872. OCLC 463778363.
- ↑ "Ukraine". Encyclopædia Britannica (en inglés). 2 de xaneiro de 2000. Archived from the original on 02 de xaneiro de 2008. Consultado o 8 de marzo de 2022.
- ↑ Nataliia Polonska-Vasylenko, History of Ukraine, "Lybid", (1993), ISBN 5-325-00425-5, Section: Evolution of Ukrainian lands in the 15th-16th centuries
- ↑ Natalia Iakovenko, Narys istorii Ukrainy s zaidavnishyh chasic do kincia XVIII stolittia, Kiev, 1997, Section: 'Ukraine-Rus, the "odd man out" in Rzeczpospolita Obojga Narodow
- ↑ Subtelny (2009), pp. 79-81.
- ↑ Czajewski (2005).
- ↑ Heritage: Interactive Atlas: Polish-Lithuanian Commonwealth, acceso: 19 de marzo de 2006: No seu maior apoxeo, a Mancomunidade Polaco-lituana comprendía uns 1.000.000 km2 e unha poboación multiétnica de 11 millóns Para comparacións de poboación, véxase tamén estes mapas: [1], [2].
- ↑ Malec (1999).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Czajewski, Jerzy (outubro de 2004). "Zbiegostwo ludności Rosji w granice Rzeczypospolitej". Promemoria Journal (en polaco). ISSN 1509-9091.
- Davies, Norman (2005). God's Playground: A History of Poland (2 vols.) (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 0-19-925339-0.
- Dvornik, Francis (0-8135-0799-5). The Slavs in European History and Civilization (en inglés) I. Nova Jersey: Rutgers University Press. ISBN 0-8135-0799-5.
- Lukowski, Jerzy; Zawadzki, Hubert (2003). A Concise History of Poland (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-55109-9.
- Malec, Jerzy (1999). Szkice z dziejów federalizmu i myśli federalistycznych w czasach nowożytnych, "Unia Troista" (en polaco). Cracovia: Wydawnictwo UJ. ISBN 83-233-1278-8.
- Pernal, Andrew Boleslaw (1977). The Polish Commonwealth and Ukraine: Diplomatic relations, 1648-1659 (Tese) (en inglés). Ottawa: Universidade de Ottawa.
- Riasanovsky, Nicholas Valentine; Ehrman, Sidney Hellman (2000). A History of Russia (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 9780195121797.
- Subtelny, Orest (2009). _A History (en inglés). Toronto: University of Toronto Press. ISBN 9781442697287.
- Zawadzki, W. H. (1993). A Man of Honour: Adam Czartoryski as a Statesman of Russia and Poland, 1795-1831 (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 0-19-820303-9.