Ragnar Hult

botánico finlandés pioneiro dos estudos xeolóxicos en Galicia (1857-1899)


Ragnar Hult, nado en Pohja (Finlandia) o 4 de marzo de 1857 e finado en Helsinqui o 25 de setembro de 1899, foi un naturalista finlandés. Especializado en botánica, xeografía e xeoloxía foi precursor na identificación da sucesión ecolóxica e un dos primeiros en estudar a xeomorfoloxía de Galicia.

Infotaula de personaRagnar Hult

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento4 de marzo de 1857 Editar o valor em Wikidata
Pohja
Morte25 de setembro de 1899
Helsinqui
Datos persoais
País de nacionalidadeGran Ducado de Finlandia (Imperio Ruso)
EducaciónUniversidade de Helsinqui
Actividade
Lugar de traballo Condado de Blekinge Editar o valor em Wikidata
OcupaciónProfesor Universitario.

Botánico

Xeógrafo
EmpregadorUniversidade de Helsinki Editar o valor em Wikidata
Obra
Abreviación dun autor en botánicaHult Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeFanny Hult

Traxectoria editar

Era fillo dun sueco de Finlandia e morou en Helsinqui dende os catro anos. Alí cursou estudos universitarios de Botánica, que rematou en 1878. Centrando o seu interese na distribución espacial das plantas, a fitoxeografía, en 1881, tras unha breve estada en Suecia, publicou a tese de doutoramento Försök till analytisk behandling af växtformationerna (estudo analítico das comunidades vexetais). Este traballo converteuno nun dos primeiros en estudar a sucesión ecolóxica.[1]

Profesor de Fitoxeografía da Universidade de Helsinqui dende 1886, foino tamén de Xeografía no mesmo centro dende 1890. Defendeu a independencia da xeografía e o seu vencello coas Ciencias Naturais.[2] Fomentou a divulgación do coñecemento xeográfico e fundou a Asociación Xeográfica Finlandesa (1887) e o Departamento de Xeografía da Universidade de Helsinqui, e buscou a inclusión da Xeografía como materia escolar.[3]

Adentrouse no estudo do relevo de Finlandia, concluíndo que no período entre as antigas oroxenias e o Cuaternario foi cando naceron as principais formas xeomorfolóxicas, aínda que logo foron modificadas polo glaciarismo. Buscando confirmar esta hipótese, fixo unha viaxe á Península Ibérica no ano 1898. Entre xaneiro e o verán de 1899 investigou en Galicia.[4] En Pontevedra, o 13 de febreiro, asina o artigo “Granitens vittring i malicien”, que aparecería na Meddelanden af Geografiska Foreningen i Finland correspondente aos anos 1899 e 1900, e no que analizaba o proceso de disgregación do granito galego e que presenta a primeira descrición coñecida dunha “cachola” ou “tafone” feita en Galicia, e a terceira a nivel mundial.[5] Aínda que neste artigo nega que Galicia se vise afectada polo glaciarismo, a viaxe posterior por Ramilo, Viana do Bolo, faino cambiar de opinión como rexistrou no artigo “Fjallvandringar i Galicien och Zamora" (1899), que supón a primeira descrición do glaciarismo galego.[6]

Durante a súa estadía coñeceu a varios científicos galegos como Antonio García Varela, Baltasar Merino e Ernesto Caballero; máis estreita foi a súa relación con Víctor López Seoane, en cuxa casa da Coruña parou entre o 15 de marzo e o 6 de abril de 1899.[7] Ademais, o finlandés revisou as listaxes de narcisos e toxos, así como as criptógamas, de López Seoane, a quen, tamén, agasallou coa colección de briófitas e liques que recollera por Galicia.[1]

Caeu doente no verán de 1899, non podendo trasladarse a América, como agardaba inicialmente, regresou a Finlandia. O seu pasamento tivo lugar en Helsinqui o 25 de setembro dese ano.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Ragnar Hult no Álbum da ciencia". consellodacultura.org. Consultado o 2023-08-21. 
  2. Rikkinen, Kalevi (1988-01-01). "Ragnar Hult and the emergence of geography in Finland, 1880-1900". Fennia - International Journal of Geography (en inglés) 166 (1): 3–192. ISSN 1798-5617. 
  3. "Geographers Biobibliographical Studies". www.bloomsburycollections.com (en inglés). Consultado o 2023-08-21. 
  4. Fraga Vázquez, Xosé Antón; Rikkinen, Kalevi; Vidal Romaní, Juan Ramón (1994). "The visit of the geographer and botanist Ragnar Hult to Galiza in 1899". Ingenium: cadernos de história das ciéncias e das técnicas do Grupo Interdisciplinar de Traballo "R.M. Aller" do Seminario de Estudos Galegos (4): 7–67. ISSN 1133-7486. 
  5. Uña Álvarez, Elena de; Vidal Romaní, Juan Ramón (2005). "Los "Misteriosos caminos" de la alteración en las rocas graníticas: descripciones de Ragnar Hult (1899) y nuevos datos en Monte Alegre (Ourense, Galicia)". Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía (13): 343–354. ISSN 1131-5989. 
  6. "A viaxe invisible do científico Ragnar Hult por Galicia en 1899". Praza Pública. 2016-02-01. Consultado o 2023-08-21. 
  7. Fraga Vázquez, Xosé Antón (1994). "Ragnar Hult: as excursións dun científico finlandés en 1899 pola Galiza" (PDF). Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente (12-13): 40–41. ISSN 1136-2677. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar