Portal:Xabarín Club/Grupo destacado/Arquivo

Aquí están todos as biografías destacadas no portal Xabarín Club:

1 editar

Killer Barbies foi unha banda de punk rock formada en Vigo por Silvia Superstar (antiga cantante de Aerolíneas Federales) e Billy (antigo batería dos Cafres). Eran coñecidos pola súa estética xenuína tanto en discos como en concertos.

O seu primeiro álbum, Dressed to Kiss, é unha clara homenaxe ao grupo Kiss e o seu disco Dressed to Kill. Na portada aparecen catro bonecas Barbie maquilladas ao estilo da mítica banda estadounidense imitando a portada do celebrado disco. En 1996 rodan a película Killer Barbys (o troco do nome parece que se debe a problemas legais con Mattel) co director de cine Jess Franco, e Radical Fruit escolle a súa canción "Love Killer" para o seu anuncio de promoción nas televisións de toda Europa. O seu maior éxito acadárono en Alemaña e o Xapón.

A banda disolveuse trala ruptura da parella sentimental que formaban Silvia e Billy.


2 editar

Os Heredeiros da Crus son unha banda de rock do Barbanza formada a comezos dos anos 90. Caracterízanse polo seu uso da variante do galego local (gheada, seseo) no seu rexistro máis popular, chegando ás veces ao castrapo, e polas súas letras a ritmo de rock setenteiro.

Os Heredeiros da Crus creáronse en Castiñeiras (Ribeira) no ano 1992 por iniciativa de Tonhito de Poi. A banda compoñíana un grupo de cinco rapaces: Tuchiño (guitarra e voz), Tonhito de Poi (guitarra rítmica e "corros"), Javi Maneiro (O fillo da Necha, voz), Avelino, (batería) e Juan (baixo). Ensaiaban nun galiñeiro e nese mesmo ano deron o seu primeiro concerto ao aire libre na festa da Dorna, tras enganar á comisión de festas dicíndolle que eran un grupo de folk. Pouco despois o baixista, que poucas veces se presentaba a ensaiar, foi substituído por Francisco Velo (O Jran Fran). Posteriormente o posto de batería sufriría numerosos cambios, Avelino marcharía e deixaría paso a Medín, o batería que máis tempo estivo co grupo. Posteriormente pasaron polo grupo os baterías Marcos Otero, Pedro Rodríguez-Trelles e Manu Rey.

No ano 1994 conseguiron gravar o seu primeiro álbum A cuadrilla de Pepa a loba, non sen problemas pois coñécense dúas versións deste traballo, a segunda -de BOA music-, a máis estendida, foi editada sen o polémico tema "Bisté de solomillo". Tamén nese ano pasaron de tocar nos bares a dar un histórico concerto en Castrelos, diante de máis de 20.000 persoas.


3 editar

Yellow Pixoliñas foi un grupo de rock de Monforte de Lemos, na provincia de Lugo. Foi un dos expoñentes da escena musical da cidade, tradicionalmente dinámica no aspecto musical.

A banda formouse en 1987 por Tico, Ton, Perico, Xabier e Juan. Pouco despois Juan abandona o grupo por discrepancias co resto. Pasado un tempo fichan outra persoa que toque a guitarra, pola necesidade dun solista, e o elixido é Manolo. Manolo dura pouco tempo por problemas de saúde e substitúeo Franki (1990). Un ano máis tarde Thierry entra a tocar o teclado dándolle así máis liberdade a Tico (vocalista e teclista), pechando a formación definitiva de Yellow Pixoliñas.

Con influencias do punk inglés e do ska entre outros estilos, elaboraban as súas letras en galego, facendo uso tamén do castelán e do inglés; enmarcados no posteriormente bautizado como rock bravú para definir a unha serie de grupos, como Os Resentidos de Antón Reixa, Los Berrones, Os Diplomáticos de Monte-Alto ou Heredeiros da Crus; maioritariamente de orixe galega e asturiana, tiñan como característica común o uso de letras combativas e un sentido do humor orientado ao rural; posteriormente o grupo decidiu desmarcarse desa corrente, debido á súa, segundo eles, marcada politización.

A súa colaboración no Xabarín Club abriulles un público máis amplo. O grupo disolveuse a finais dos anos 90, tras rexeitar a oferta de fichar por unha multinacional.


4 editar

Def Con Dos é un grupo de música rap e nu metal nado a finais dos anos 80 entre Vigo e Madrid. Nos seus comezos estiveron fortemente influídos por Public Enemy, Beastie Boys e Run DMC, rapeando sobre bases instrumentais de hip hop preparadas por Julián Hernández de Siniestro Total. No disco Segundo Asalto o son seguía sendo basicamente hip hop, pero empezaron a incluír guitarras, que foron acadando maior importancia nos seguintes discos, ata acercarse ó nu-metal.

O nome do grupo fai alusión ó sistema de alertas utilizado polo Pentágono, onde o DEFCON-2 era definido como un estado de axitación global, aínda que sen chegar a enfrontamentos militares entre os países.

Os textos das súas letras e dos manifestos adxuntos nos libretos dos seus discos poden resultar ofensivos, con numerosas referencias á cultura popular: o folclore, as noticias de actualidade, a publicidade, a música, o cine, a literatura, e os tebeos españois e estadounidenses. O seu álbum Armas pal pueblo (1994) é probablemente o primeior disco español en levar unha versión en castelán da etiqueta en branco e negro co texto parental advisory (como a que se engade ós discos de letras fortes nos Estados Unidos). Debido en gran parte ós seus polémicos textos, nos seus inicios Def Con Dos non tiñan moito apoio de grandes medios de comunicación (con excepcións como algúns programas de Radio 3).


5 editar

Siniestro Total é un grupo de música punk-rock galego, formado en Vigo en 1981 por Germán Coppini, Miguel Costas, Alberto Torrado e Julián Hernández. Tras pasar por varias formacións, a actual ficou con Julián Hernández, Javier Soto, Óscar G. Avedaño, Ángel González e Jorge Beltrán. No outono de 1981 a banda comezou a ensaiar, a gravar temas e a promocionarse, pero faltáballes un vocalista. Atoparon a Germán Coppini, quen aceptou ocupar o posto do cantante en Siniestro Total. A finais de ano o grupo tiña catorce temas e empezou a publicitarse como "un grupo vigués cunha concepción iconoclasta e neo-dadaísta nos textos: punk-rock galego contra o aburrimento xeral", ou, tal como os definiría Antón Reixa nunha das primeiras gravacións das que se ten constancia, como un grupo de "esquizorock celta", e distribuíu a maqueta que tiñan gravada. Jesús Ordovás, que daquela dirixía o programa radiofónico Esto No Es Hawaii en Radio 3, interesouse por ela. Ordovás comezou a pinchar os seus temas e a promocionar a Siniestro Total dende o seu espazo radiofónico. Deste xeito, a banda acadou unha enorme sona entre os oíntes, quen comezaron a pedir máis material do grupo.