As orquídeas ou orquidáceas (nome científico Orchidaceae) son unha familia de plantas monocotiledóneas que se distinguen pola complexidade das súas flores e polas súas interaccións ecolóxicas cos axentes polinizadores e cos fungos cos que forman micorrizas.

Orchidaceae

Flores de catro especies de orquídeas:
Phalaenopsis hieroglyphica (arriba, esquerda)
Ophrys tenthredinifera (arriba, dereita)
Paphiopedilum concolor (abaixo, esquerda)
Maxillaria tenuifolia (abaixo, dereita).
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Liliopsida
Orde: Asparagales
Familia: Orchidaceae
Juss.
Distribución da familia Orchidaceae
Distribución da familia Orchidaceae

Distribución da familia Orchidaceae
Subfamilias

A familia comprende aproximadamente 25.000 (algunhas fontes informan de 30.000) especies, e quizais outros 60.000 híbridos e variedades producidas polos horticultores, polo que resulta ser unha das familias con maior riqueza de especies entre as anxiospermas. Poden ser recoñecidas polas súas flores de simetría fortemente bilateral, nas que a peza media do verticilo interno de tépalos -chamada labelo- está profundamente modificada, e o ou os estames están fusionados ó estilo, polo menos na base.[1]

As orquídeas constitúen un grupo extremadamente diverso de plantas, que poden ter desde uns poucos milímetros de lonxitude (certas especies dos xéneros Bulbophyllum e Platystele) até constituír xigantescas agregacións de varios centos de quilogramos de peso (algunhas especies de Grammatophyllum) ou presentar lonxitudes de até 13,4 m, como é o caso de Sobralia altissima, unha orquídea recentemente descrita en 1999 no Perú.[2][3] Do mesmo xeito, as flores das orquídeas varían en tamaño desde menos de 1 mm e dificilmente visibles dunha ollada (Platystele) pasando polas grandes flores de 15 a 20 cm de diámetro en moitas especies dos xéneros Paphiopedilum, Phragmipedium e Cattleya até os 76 cm das flores de Phragmipedium caudatum. A fragrancia das súas flores non é menos variable, desde o delicado aroma de Cattleya até o repulsivo fedor das flores de certas especies de Bulbophyllum .[3]

Atópanse na maior parte do mundo, aínda que son especialmente abundantes nos trópicos. No entanto, a súa capacidade de adaptación permitiulles conquistar un gran número de nichos ecolóxicos, desde os máis secos e quentes do planeta até os máis húmidos e fríos xa que, literalmente, distribúense desde as rexións polares até o ecuador.[3]

A familia foi recoñecida polos sistemas clásicos de clasificación de plantas, como o sistema de Cronquist,[4] así como polos máis modernos, como o sistema de clasificación APG II e o sistema de clasificación APG III.[5]<[6]

Taxonomía editar

As orquídeas pertencen á orde Asparagales, á familia Orchidaceae, a maior de todas as familias botánicas, con números de especies estimados en 25.000 segundo algúns autores, 40.000 segundo outros. Eses impoñentes números desconsideran a enorme cantidade de híbridos e variedades producidos por orquidicultores todos os anos. A cantidade de xéneros coñecidos tamén é sorprendente, superando a marca dos 700.

A familia Orchidaceae subdivídese en 5 subfamilias (números estimados de xéneros e especies polo Angiosperm Phylog Group):

As especies de orquídeas son un desafío para os teóricos en Bioloxía, no que se refire ao propio concepto de especie. Hai moitas orquídeas, con características marcadamente propias e diferentes doutras "especies" que, cando se poñen en contacto con estoutras, poden efectuar cruzamentos e producir híbridos fértiles. Estes híbridos aínda poden cruzarse con outras especies, e producir novas xeracións de híbridos fértiles. Hai híbridos entre especies, e até mesmo entre xéneros. Hai híbridos obtidos a través do cruzamento de varias xeracións de híbridos de 4 ou máis xéneros distintos. Este fenómeno é un dos triunfos dos orquidicultores, que poden "mesturar" as súas especies e obter unha combinación case infinita de novas formas e cores, mais tamén pode ocorrer naturalmente. É posíbel que varias "especies" clasificadas polos botánicos sexan, na verdade, híbridos naturais estabelecidos na naturezadesde xa hai moito tempo.

Esta confusión certamente influencía nas flutuacións do número de especies de Orchidaceae mencionados enriba, unha vez que non hai sequera un consenso do que sería exactamente unha especie de orquídea.

Morfoloxía editar

 
Disposición dos pétalos (P) dunha flor de orquídea: sépalos (S) - labelo (L)

De maneira xeral as orquídeas comparten características exclusivas marcantes. Son normalmente herbas epífitas, terrestres, litófitas, psamófitas, saprófitas ou raramente acuáticas, frecuentemente rizomatosas, con raíces robustas cubertas por un tecido esponxoso chamado velame. As follas presentan morfoloxía variada, mais son case sempre alternas e dísticas. O caule pode moitas veces presentarse coprimido verticalmente e espesado, e é a iso que chaman pseudobulbo. As inflorecencias poden ter de 1 a centenas de flores, de acordo coa especie, e poden ser apicais, laterais ou basais.

As flores son normalmente de simetría bilateral, con 3 sépalos e 3 pétalos, dos cales o dorsal é expandido, ou presenta calos, ou posúe padróns de cor diferentes, pétalo diferenciado este que chaman de labelo. Os órganos reprodutivos encóntranse reducidos e fundidos nunha estrutura central chamada columna. O número de estames varía entre as subfamilias: Apostasioidea posúe 3; Cypripedioidea 2, co estame central modificado; as demais presentan apenas o estame central funcional, cos 2 outros atrofiados ou ausentes. Os grans de pole encóntranse agrupados en masas cerosas chamadas polinias. O estigma é normalmente unha cavidade na columna onde as polinias son inseridas polo polinizador. O ovario é ínfero, e posúe até cerca de 1 millón de óvulos. O froito é unha cápsula, que se abre cando seca para liberar sementes minúsculas e leves, cuxo embrión non pasa dun aglomerado de células. As especies de Vanilla son as únicas con froitos carnosos e sementes grandes, os cales usanse para a obtención de vainilla.

Ecoloxía editar

Debido á gran distribución xeográfica, é natural que un grupo tan diverso tamén presente adaptacións das máis diversas aos seus ambientes.

Nas rexións tropicais húmidas, onde a luz e a humidade son abundantes, porén a competición con especies arbóreas é moi forte, as orquídeas asumen un hábito predominantemente epifítico. En busca de luz baixo a sombra de árbores de máis de 40 metros de altura, estas herbas crecen sobre os gallos e troncos, a alturas variadas de acordo coas necesidades de cada especie. As súas raíces, expostas ao ar, obteñen a maior parte dos nutrientes do material en decomposición ao seu redor, da auga da chuvia que lava as follas das árbores no alto, ou da poeira existente no ar. Mesturado co velame, existe un fungo chamado micorriza, que auxilia na descomposición de materia orgánica e transformación desta en sales minerais, para facilitar a súa absorción. En casos extremos de humidade, as orquídeas poden absorber toda auga e os nutrientes polos poros nas súas follas, relegando as raíces apenas a función de sustentar a planta sobre o substrato. Ningunha orquídea asume a función de parasita, ou sexa, a súa presenza non prexudica os seus hospedeiros (aínda que haxa casos excepcionais en que o gallo dunha árbore non soporte o peso dunha gran colonia de orquídeas e veña a quebrar).

 
Spathoglottis plicata, especie asiática de hábito terrestre.

En rexións de clima temperado, onde o panasco é predominante, así como nas áreas de sabana e campos rupestres, as orquídeas son basicamente plantas terrestres, con raíces subterráneas ben desenvolvidas, ás veces coa formación de tubérculos. Nestas áreas de clima sasonal, as plantas normalmente pasan por un estadio de dormencia, en que, moitas veces, a súa parte aérea seca para evitar danos á súa fisioloxía debido á seca, ou ao frío extremo.

De volta ás selvas tropicais, tamén hai moitas especies terrestres, mais estas mantense en desenvolvemento o ano enteiro. A gran cantidade de materia orgánica dispoñíbel no solo da selva favorece o surximento dalgunhas poucas especies saprófitas, orquídeas desprovidas de clorofila que obteñen toda a materia orgánica que precisan do material en descomposión ao seu redor.

Polinización editar

Pola súa estrutura reprodutiva, as orquídeas obrigatoriamente necesitan do auxilio de animais para o transporte de pole ao órgano feminino das súas flores, unha vez que a masa polínica pesase demais para levarse polo vento, e a parte receptiva do órgano feminino non é exposta o suficiente para recibila. Así, as orquídeas seleccionaron as estratexias máis fascinantes para promover a polinización. As flores poden posuír cores e aromas que atraen a atención de polinizadores diversos, como abellas, bolboretas diúrnas e nocturnas, morcegos, abesouros e colibrís. A súa forma e tamaño tamén corresponden ao tipo de polinizador.

Algunhas flores poden asumir formas extremas. As orquídeas do xénero europeo Ophrys, por exemplo, presentan a cor e a forma do labelo, ornado por cerdas, de maneira tal que se asemellan a femias dunha certa especie de abellas. De forma que o macho, atraído pola feronoma producida pola propia flor e pola súa forma, copula con esta por engano, levando consigo as polinias, que depositará na próxima flor que visitar.

 
Angraecun infundibulare, especie asiática polinizada por bolboretas nocturnas.

Outras, como o xénero Angraecun de Filipinas, con flores nocturnas, producen néctar en tubos extremamente longos na base dos labelos, de modo que soamente certas bolboretas nocturnas con probóscides igualmente longas, poden alcanzalo. Ao posicionarse diante das flores, as bolboretas baten a súa cabeza nas anteras, facendo que as polinias sexan tiradas e presas en si.

Algunhas orquídeas, aínda, non producen néctar, mais perfume. Algunhas abellas visitan as flores para recoller este perfume, que se cre que o poden usar elas para a síntese de feronomas.

Cultivo editar

Pola súa beleza única, as orquídeas son extensivamente cultivadas, e o seu comercio move fortunas todos os anos de maneira crecente. Mais como son tantas especies diferentes de ambientes diferentes, é imposíbel presentar os coidados básicos de cultivo para todas elas de maneira xeral. Así, o primeiro paso para cultivar unha orquídea con éxito é a identificación correcta da especie en cuestión. Ter contacto con outros orquidófilos máis expertos pode ser útil no caso de que surxa unha planta descoñecida que se queira cultivar. Desta forma pódese decidir con precisión a iluminación, o réxime de regas, o substrato, e outros factores necesarios para o éxito no cultivo.

 
Brassocattleya "Star Ruby", híbrido entre Brasía e Cattleya

Unha cousa é certa, as orquídeas de maneira xeral non son plantas delicadas e fráxiles como algúns consideran. Polo contrario, estas plantas (principalmente as providas de pseudobulbo) son extremamente resistentes, e poden sobrevivir durante días fóra dun substrato. A súa capacidade de supervivencia permítelles que teñan tempo para adaptar a súa fisioloxía a novas condicións despois do replantío. Os híbridos, pola súa vez, son de maneira xeral extremamente resistentes, e poden prosperar mesmo en condicións adversas de cultivo, crecendo máis rápido que as especies ditas "naturais".

Produción editar

 
Catasetun spec.

As orquídeas poden ser producidas en larga escala grazas á resistencia das súas mudas na maioría das especies, á cantidade de sementes producidas en cada froito, e á posibilidade de reprodución de meristemas in vitro.

O método máis simple de reprodución é a división do rizoma. Tómase unha planta adulta con polo menos 6 pseudobulbos formados, de preferencia logo despois do termo da floración, e, cunha navalla afiada e esterilizada, córtase o rizoma, de maneira que se separa a planta en dúas mudas con 3 pseudobulbos cada. En casos de plantas maiores, débese sempre manter as mudas cun mínimo de 3 ou 4 pseudobulbos para permitir o seu rebrotamento. O plantío debe ser feito no substrato adecuado á especie. A muda debe ficar fixa dalgunha forma para que as novas raíces poidan brotar e fixarse no substrato. Só cando as raíces estiveren restabelecidas, as plantas volverán a crecer.

As sementes son diminutas, e un único froito pode xerar millares de novas plantas, cada unha cunha característica diferente da outra. Mais as sementes son moi pequenas, e non conseguen xerminar por recursos propios. Elas precisan das condicións de acidez e da dispoñibilidade de nutrientes que o fungo micorriza dunha planta adulta fornece. Así, o modo máis simple (e menos eficiente) de reprodución por sementes é simplemente espallalas sobre e ao redor das raíces de orquídeas adultas, asegurándose de que teñan humidade constante.

O método máis eficiente consiste na preparación dun substrato de musgo Sphagnun. Este debe esterilizarse e deixado en repouso nun recipiente fechado para manter a súa humidade. Débense tamén adicionar pedazos saudábeis de raíces dunha orquídea adulta, de preferencia da especie que se desexa reproducir, para que o fungo poida reproducirse no propio Sphagnun. Despois dalgúns días de descanso, seméntanse as sementes, e consérvase o sistema nun recipiente transparente. As sementes xerminan nalgunhas semanas, e crecen moito devagar, de modo que unha planta só florece pola primeira vez con entre 5 e 10 anos de idade.

A reprodución por meristema, ou clonaxe, é máis eficiente, e consiste na retirada da punta das raíces. Colocada no medio do cultivo, e baixo a influencia de hormonas vexetais, o meristema transfórmase nunha masa de tecido indiferenciado, capaz de dar orixe a novas plántulas. As plántulas cultívanse en tubos de ensaio independentes, e en pouco máis de 1 ano, están listas para o cultivo no lugar definitivo. As mudas producidas son, loxicamente clons perfectos da planta orixinal, sendo este método o máis aplicado para a reprodución en masa dunha determinada variedade.

Orquídeas máis populares editar

 
Laelía alaorii, especie nativa do Brasil central.

Estes son algúns dos xéneros máis cultivados de entre as orquídeas (hai que lembrar que ao clima de cada rexión, certas especies de orquídea adáptanse mellor que outras, de forma que a lista seguinte contén xéneros que poden prosperar nunha rexión mais non noutra):

  • Cattleya
  • Laelía
  • Dendrobium
  • Phalaenopsis
  • Paphiopedilun
  • Oncidium
  • Vanda
 
Flor dunha orquídea, Phalaenopsis
  • Epidendrum
  • Brasía
  • Bulbophyllum
  • Catasetun
  • Sophronitis
  • Miltonía

Hai aínda innúmeros híbridos, a maioría deles xerada polo cruzamento entre especies dos xéneros citados enriba.

Notas editar

  1. Stevens, P. F. (2001). "Angiosperm Phylogeny Website" (en inglés). Consultado o 12 de xaneiro do 2009. 
  2. David E. Bennett Jr. e Eric A. Christenson (1999). "Sobralia altissima". Orchids (en inglés) 68 (11): 1112–1113.  (en inglés)
  3. 3,0 3,1 3,2 Gustavo A. Romero-González, Germán Carnevali Fernández-Concha, Robert L. Dressler, Lawrence K. Magrath & George W. Argus. "Orchidaceae Jussieu". Flora of North America (en inglés). pp. FNA Vol. 26 Page 15, 16, 17, 26, 27, 490, 491, 617. Consultado o 20 de marzo do 2009. 
  4. Cronquist, A. (1981). An integrated system of classification of flowering plants (en inglés). Nova York: Columbia University Press. (en inglés)
  5. THE ANGIOSPERM PHYLOGENY GROUP* (2003-4). "An update of the Angiosperm Phylogeny Group classification for the orders and families of flowering plants: APG II". Botanical Journal of the Linnean Society (en inglés) 141 (4): 399–436. ISSN 0024-4074. doi:10.1046/j.1095-8339.2003.t01-1-00158.x. 
  6. THE ANGIOSPERM PHYLOGENY GROUP (Brigitta Bremer, Kåre Bremer, Mark W. Chase, Michael F. Fay, James L. Reveal, Douglas E. Soltis, Pamela S. Soltis e Peter F. Stevens, ademais colaboraron Arne A. Anderberg, Michael J. Moore, Richard G. Olmstead, Paula J. Rudall, Kenneth J. Sytsma, David C. Tank, Kenneth Wurdack, Jenny Q.-E. Xiang e Sue Zmarzty) (2009-10). "An update of the Angiosperm Phylogeny Group classification for the orders and families of flowering plants: APG III". Botanical Journal of the Linnean Society (en inglés) 161 (2): 105–121. doi:10.1111/j.1095-8339.2009.00996.x. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Outros artigos editar