O rato na cultura popular galega

Sapos e ratos, bruxas e meigas, fóra das miñas veigas.

Crenzas e supersticións editar

Os ratos de campo constitúen unha praga para as colleitas. Por tal motivo forman parte dun ensalmo que utilizaban os labregos para bendeci-las leiras e escorrenta-las meigas (Antón Fraguas, 72). Deben salpicarse os lindes da leira con auga bendita e unha póla de oliveira bendita o domingo de Ramos, á vez que se recita:

Sapos e ratos,
bruxas e meigas,
fóra das miñas veigas

Para esconxurar eficazmente os ratos cómpre sinalar ó lugar ó que deben ir e onde poidan manterse (Terra de Melide, 452). Risco conta que un cura de Amandi, que tal facía contra 1932 por terras de Sober (Lemos), mandaba os ratos ó monte de Oroso (Vicente Risco, 394).

En Riós (Ourense), para libra-la casa de ratos compría poñer trala porta unha pola de sabugueiro en flor.

Os mariñeiros de Cambados, cando tiñan ratos no barco, mallábano con estrugas. O mesmo castigo servía para cando non pescaba abondo (Adela Leiro, 32).

Crese tamén que cando lles saen os dentes deformes ós meniños, é porque ratos ou galiñas comeron algún dos dentes que previamente lles caeran [1]. Por iso, para conseguir que os dentes saian sans e non sexan deformes, hai que botar na cinza da cociña os dentes que lles vaian caendo ós cativos [2].

Medicina popular editar

O caldo de rato forma parte da medicina popular galega para cura-la tiña, o tifo ou a tose ferina (Lis Quibén, 307, Jesús Rodríguez López, 141, Terra de Melide, 452). O tal caldo de rato faise botando un rato sen tripas nunha pota de caldo de verdura.

Tamén se usa en forma de aceite de rato, feito deixando macerar varios ratos acabados de nacer nunha botella de aceite. Unha vez completamente disoltos, este aceite serve para curar cortes e diversas feridas (Adela Leiro, 91). Tamén cura a dor de oídos dos meniños (José Curt, 317).

Léxico editar

 
Herba do rato Polygonatum odoratum

Rato forma parte de diversos sintagmas que designan diferentes plantas e animais:

E tamén outros conceptos:

  • Rata: vulva [6].
  • Dous ratas: moeda de dous reais (50 céntimos de peseta) [6].
  • Enratoar: empachar. Non quero máis, que me enratoa o touciño.

Locucións editar

  • Andar un rato na barriga: comezar a ter fame.
  • Calar coma un rato: non contestar, quedar calado.
  • Coma mexo de rato: no sentido literal, aplicado a líquidos, moi fluído, nada concentrado. Aplicado á xente, ser un tipo raro, excéntrico.
  • Entender tanto de algo como de albardar ratos: non ter idea de como se fai algo.
  • Esperto como un rato: espelido, listo coma un allo.
  • Estar amurado: alicaído, murcho, triste, desanimado.
  • Ser/ estar pobre coma as ratas: moi pobre.

Refraneiro editar

Artigo principal: Refraneiro galego sobre o rato.
 
Mal lle vai ó rato que soilo ten un burato
  • A bo gato, bo rato.
  • A muller que non sabe cociñar é coma gata que non sabe ratear.
  • Cada moucho ó seu souto e cada rato ó seu burato.
  • Cada rato para o seu burato.
  • Cada rato ten o seu burato.
  • Cada rato ten o seu niño, e cada muller o seu abrigo.
  • Chuvia en maio, a mexadiña dun rato.
  • Con fillos, o gato ben caza ó rato.
  • En marzo nin o mexo dun rato.
  • Entre o rato e o león, non hai comparación.
  • Entrou o rato no meu celeiro e fíxose o meu herdeiro.

Cantigueiro editar

  • Aquela vella do deño,/ atentada do pecado/ botou un rato no pote/ pensando quera un pescado.
  • Así é que de hoxe en día,/ rapaces, tende coidado/ se non queredes levar/ a muller roída dos ratos.
  • Benitiño pequeniño/ non vaias polo camiño,/ que hai un rato coma un demo/ metido nun buratiño [7].
  • Fun unha noite ó muíño/ fixen un pouco de bolo/ púxeno no tremiñado/ rilláronm’os ratos todo.
  • Funme casar á montaña/ en terra de maragatos,/ déronme unha muller vella/ toda comesta dos ratos.
  • Funme casar á montaña/ que é terra dos maragatos;/ déronme unha muller vella/ toda roída dos ratos [8],
  • Meu sogro ten dous piornos/ e miña sogra ten tres,/ en ningún deles os ratos/ topan un grau que roer.
  • Na miña vida tal vin:/ na terra dos maragatos/ unha vella piquiniña/ toda rillada dos ratos.
  • Non armes o garamelo/ que non me gusta o touciño,/ o que foi rato algún día/ sabe onde mete o fuciño.
  • O muíño no’é muíño,/ que é a capela dos ratos/ onde se daban os bicos/ e se daban os abrazos [9].
  • Os ratos coa fariña/ ten un bo divertimento:/ eu tamén che me adivirto/ traguéndote no pensamento [10].
  • Pasei por Rio de Quintas/ caladiño com’un rato/ para que non me pegasen/ as neniñas do Portazgo.
  • Pensas que por ti me morro,/ que por ti rompo zapatos,/ miña cara de boneca,/ toda rillada dos ratos ([11].
  • Pico, pico/ ¿quen che deu tamaño bico?/ deumo o noso Señorito/ para picar no muíño,/ o muíño a moer/ e os ratos a comer.
  • Quen te me dera na ucha/ coa chave na faltriqueira/ que te había de pillar/ como o rato na rateira.
  • Señor Alcalde Maior,/ poña xusticia nos ratos,/ que fun á noite ó muíño/ e rilláronme os zapatos ([12].
  • Si vírades o que eu vín/ na terra das maragatos:/ unha muller pequeniña/ toda comida dos ratos.

Adiviñas editar

 
...o rato
  • Catro patas enriba de catro patas agarda a catro patas, catro patas non veu, catro patas marchou e catro patas quedou.[13]
  • Catro pés/ esperando catro pés;/ catro pés non veu/ e catro pés marchou/ e catro pés quedou/ en cima dunha arca.[14]
  • Este rato ten un nome,/ chámanlle Pillabanciño./ ¿Cantas letras ten o nome/ deste rato pequeniño?
  • Fandunguete fandungaba/ e rabilón miraba:/ ¿como lle iría a Fandunguete/ se non fora o bugarete? [15]
  • Foliquiño andaba buscando,/ e rabo largo estaba mirando/ e se non fora polo buratiño/ que sería do pobre Foliquiño.[15]
  • O morto está enterrado,/ o preso atado;/ vén o vivo soltar ó preso/ e érguese o morto/ e mata ó vivo.[16]

Notas editar

  1. Leandro Carré recolle o nome popular de dentes de rato para designar os dentes cando son moi pequenos.
  2. Lis Quibén, 267.
  3. Losada, Castro e Niño (1992).
  4. Eladio Rodríguez González, s. v. rabo.
  5. Carmo Ríos Panisse (1977).
  6. 6,0 6,1 Constantino García González, s. v. rata.
  7. Xaquín Lorenzo Fernández, 53.
  8. Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No texto: Funm’a, qu’é, déronm’unha.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 121. No orixinal: muiño, no-é.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 126.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 132.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 145.
  13. O gato, a cadeira e o rato.
  14. O gato e o rato.
  15. 15,0 15,1 O rato e o gato.
  16. A rateira.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar