O raposo na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada do raposo na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Raposo común

Crenzas e supersticións editar

Disque a raposa, para librarse das pulgas, mergúllase na auga cun pau na boca deixando só o pau asomando por riba da auga. As pulgas, para non afogar, soben polo corpo ata o pau e cando están todas alí a raposa solta o pau e sae da auga.

Ver un raposo, macho, estando en xexún, é sinal de bo agoiro, pero se o que se ve é unha femia, é mal agoiro. Tamén anuncia a morte dun veciño escoita-lo seu oubeo pola noite.

Para escorrentar o raposo emprégase a seguinte fórmula:

¡Arrapa, raposa,
i avanta no toxo!
e deixa a galiña
da miña veciña,
que ten dous pitiños
que quedan orfiños.
¡Arrapa i arrapa,
que a dona te atrapa
e bótache os cás
correndo detrás [1].

Outra fórmula para que fuxa o raposo é berrarlle a grandes voces ¡Ah, Perico! [2].

Santo Antón de Padua ten o poder de salvar ovellas e galiñas das fauces do lobo ou do raposo, para o que existen varios responsos [3].

Entre os mariñeiros existe a cautela de evitar certos comportamentos a bordo para garantir unha boa pesca. Así, a bordo, nunca se debía falar de curas, de cobras nin de raposos; por veces, tampouco de xastres nin zapateiros [4].

Crese que a raposa é, en realidade, unha ánima en pena que, por ter realizada algunha boa acción, non caeu no inferno senón que permanece neste mundo facendo penitencia polos seus pecados. Pero outros din que é un náufrago que berra durante as noites de treboada; é posible calmar o seu dor dicíndolle Deus te leve a porto salvo.

Existen distintos tipos de raposas míticas, coñecidas por diversos nomes locais:

  • Raposa de Morrazo
  • Raposa de Morás, na Coruña
  • Raposa de Morillas, en Padrón
  • Raposa de ar, en Dozón. Aquí asegúrase que bota lume pola boca e que se doe se se lle insulta ou se se reza o Credo; entón ouvea e sempre morre algún veciño do lugar.
  • Raposa dos mornacos, en Vilanova dos Infantes (Celanova), onde se presenta alí onde está a morrer un cacique ou un usureiro.
  • Raposa dos Morganzos, en Ribeira de Piquín, que tamén bota lume. Pero tamén aquí existe a Raposa das mordanzas (ou das mordazas ou dos mordanzos), que imita o pranto dunha persoa e agoira a morte.
  • Zorra facheira, na Raia Seca e na Gudiña, que bota lume só cando anda en celo.

En Verín a raposa é invisible e o seu ouveo é unha mestura do ouveo dun can e do cacarexo dun galo.

En calquera caso, chama a atención a velocidade coa que vai dun lugar a outro, percorrendo casas, vilas, e cidades, polo que se supón que podería voar.

Léxico editar

  • Barbas de raposo: Cuscuta epithymum, herba parasita do toxo e doutras plantas [5]. Outros nomes desta planta son cerro da raposa, liño de raposa, liño do raposo, pelos de raposo, sirgo da raposa e sirgo de raposo.
  • Cereixa de raposo, zreixa de raposo: froito da enredadeira. Mazá do raposo é outro froito, máis grande, doutra variedade de enredadeira.
  • Chícharo de raposo: froito da xesta. Probablemente, a denominación faba do zorro designe o mesmo froito.
  • Fillo do raposo, fillo zorro: fillo de solteira [6].
  • Ovo de raposa: cogomelo do tipo dos peidos de lobo.
  • Pan da zorra ou Pan de raposo: cogomelo que algúns indentifican coa Amanita phaloides.
  • Pega raposeira: pega rabilonga (Pica pica).
  • Pouta de zorro: espárrago silvestre, denominado tecnicamente orobanche.
  • Rabo de raposo: pequena planta gramínea coñecida como leiburiña, de espiga longa e sedosa (Alopecurus pratensis) [6].
  • Rabo de raposo: planta, Agrostis durieui [7].
  • Raposa ou zorra: palleiro formado polos mollos na mesma leira.
  • Raposa: borracheira.
  • Sopas de raposo canso: pan mesturado con viño tinto e azucre, tamén chamadas sopas de forza.
  • Uva de raposo: froitos dos chuchameles (Lonicera spp).
  • Uvas de raposa: planta, Sedum album, tamén chamada uva de lagarto (en castelán, uva de gato).
  • Zorra: plataforma máis ou menos simple, formada por unha forca que se arrastra polo chan, para transportar grandes pedras. Por veces, as gallas da forca únense con táboas ou paus transversais.
  • Zorra: zapato vello, inservible.
  • Zorro: húmido, referido ós cereais.
  • Zorromeco: figura lendaria que cumpre o papel de coco para os meniños (Eí vén o zorromeco, Eí ven o zorro, eí vén o meco).

Refraneiro editar

  • A muller e o raposo, se perden a mañán, perden o día todo [8].
  • Ala vai, vela alá vai, a raposa polo millo: ela comer non o come, pero vaino destruíndo.
  • Ao raposo dormente non lle canta a galiña no dente.
  • Auga en marzo, canto o raposo molle o rabo.
  • Ben se aleda o lobo do que come o zorro [9].
  • Cando a lebre diga misa, o coello sea abade e o raposo sea frade, deixarei a miña casa e perderei a míña amizade.
  • Cando a raposa vai vella, ata as galiñas apoléiranselle no pescozo.
  • Día de santa Cruz de maio, o lobo e o corvo, nados e o raposo medio criado [10].
  • En abril cátanos no cubil, en maio xa son bo galo, en san Xoán xa lle dou a carreira ó can, en santa Mariña xa vou pola cabritiña, en agosto xa vou co meu pai polo rostro, en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
  • En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.
  • En maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo ben empolado.
  • En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo do can; por santa Mariña, xa como a galiña; por agosto, xa son bo raposo.
  • En marzo, nazo; en abril estou no cubil; en maio, xa saio; en San Xoán xa fuxo ó can; en Santa Mariña xa pillo a galiña, i en agosto xa son bo raposo [11][12].
  • En san Xoán, o raposiño come pola súa man.
  • En San Xoan xa fuxe o raposo ó can [13].
  • Eu son o pito cairés, que naceu polo xaneiro; se o raposo me non come, hei de cantar no poleiro [14].
  • Eu son o pito do cairo, que nacin no mes de xaneiro, se o raposo non me come, he de cantar no poleiro.
  • Fai o raposo o sábado, con que o domingo non vaia a misa [15].
  • Galiñas serán, dixo o zorro, máis chéiranme a can [16]
  • Mal lle vai ao raposo cando anda aos grilos.
  • Mal lle vai ó raposo cando lambe os cangrexos [17][18].
  • Míralle a cara, verás que leite pode dar, dixéronlle ó que ía muxi-la raposa [19].
  • Non sabe a raposa das galiñas que dormen fóra [16]'
  • O crego e mais o raposo, se perden a mañá, perden o día todo [20].
  • O que dá mala xeira á raposa, non a leva el boa [21].
  • Ó raposo dormente, non lle rincha o año no dente.
  • O raposo sabe moito por raposo pero sabe máis por vello.
  • Pola Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado.
  • ¡Probiñas!, ábrenvos tarde e non comedes, dixo o raposo ás galiñas [16][22].
  • Quen a raposa ha de enganar, cómprelle madrugar.
  • Raposa arteira, farta de papas e andar cabaleira.
  • Reunión de raposas, perdición de galiñas [23].
  • Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado.
  • Tantas oe a raposa pola semana, que o domingo non pode ir a misa.

Cantigueiro editar

  • Arriba raposo,/que estás tras do toxo,/non comas o año/a Pedro Castaño/que vai na ribeira/catar a manteiga/pra a vella parida/que está na silveira/con feixe de estelas/queimando as canelas.
  • Chamáchesme pito louco / alá no mes de xaneiro; / se me a raposa non come / hei cantar no teu poleiro.
  • Chamásteme pito cairo / porque nascín en Xaneiro; / se no me come o raposo / inda che hei d’ir ó poleiro.
  • Durme, meu meniño,/ que vén o raposo/ e vaite levar/ se te pós fastidioso [24].
  • Entrén pola casa adentro/ e todo me escurecía/ e solo me deu a man/ a zorra da túa tía [25].
  • Meu siñor San Adrián/ é un santo milagroso/ pedínlle un mozo bonito/ doume un barbas de raposo.
  • Miña nai de pequeniña/ mandoume coas ovellas,/ o volpe comeume un año/ aquí lle traigo as orellas [26].
  • Na miña vida tal vin/ na feira de Monterroso:/ corenta e cinco estudiantes/ a cabalo dun raposo [27].
  • Na miña vida tal vin/ na feira de Monterroso:/ vinte cinco escríbanos/ da cabalo dun raposo.
  • O home, cando pretende/ faise doce e garimoso;/ non fagas caso, meniña,/ sonche as mañas do raposo [28].
  • O lugarciño da Canle/ non é lugar nin aldeia:/ é o toco da raposa/ onde se o lobo paseia [29].
  • Santo San Xoán de Arruxo/ déalle salú ó raposo/ os gatos de Maldonado/ rabuñáronlle o pescozo [30].
  • Se ti viras o que eu vin/ alá riba en Monterroso,/ sete frades dun convento/ da cabalo dun raposo [31].
  • Se ti viras o que eu vin/ na feira de Monterroso,/ vinte e cinco estudiantes/ a cabalo dun raposo.
  • Se ti viras o que eu vin / na feira de Monterroso: / vinte cinco xastres xuntos / da cabalo dun raposo.
  • Se ti viras o que eu vin/ no monte de Monterroso,/ máis de sesenta mil corvos/ da cabalo dun raposo.
  • Se tu viras o que eu vin/ na feira de Monterroso:/ o abade de Lubeira/ dacabalo dun raposo [32].
  • Se tu viras o que eu vin/ na feira de Monterroso:/ sete frades dun convento/ dacabalo dun raposo' [32].
  • Señor San Roque de Lobios,/ santiño moi milagroso,/ pedinlle un rapaz bonito,/ deume un cara de raposo [33].
  • Tes mañas de zorro vello,/ pero eu téñoas de ardilla;/ son lista, pois non te quero/ e has de criar polilla [34].

Notas editar

  1. Eladio Rodríguez González: s. v. arrapa.
  2. Eladio Rodríguez González: s. v. ¡Ah!.
  3. Vicente Risco (1962), 340.
  4. Arturo Romaní, 99; Eliseo Alonso, 125.
  5. Tamén en castelán barbas de zorro ou cabellos de Venus.
  6. 6,0 6,1 Constantino García González.
  7. Losada, Castro e Niño (1992).
  8. Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  9. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  10. A Santa Cruz de maio celébrase o día 3.
  11. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. marzo.
  12. Real Academia Gallega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano, s. v. agosto. No texto: mayo, ja sayo, San Juan, ja fuxo ao can, ja pillo, ja son, bon.
  13. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961), s. v. San Xoan.
  14. Eladio Rodríguez González, s. v. pito.
  15. Terra de Melide, 172.
  16. 16,0 16,1 16,2 Eladio Rodríguez González, s. v. galiña.
  17. Clodio González Pérez, 142.
  18. Lino Lema Bouzas, 5.
  19. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: o que ía muxie-a raposa.
  20. Eladio Rodríguez González, s. v. crego.
  21. José Santiago Crespo Pozo, s. v. carrera
  22. Marcial Valladares Núñez (1884), No orixinal: ¡Pòbriñas! Abrenvos tarde e non comedes, diĵo o raposo às galiñas.
  23. Describe resignadamente a un grupo de persoas das que se espera que calquera cousa que decidan será en prexuízo dos de abaixo. Miguel Rubinos Conde 2013.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 73. No orixinal: ven.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 75.
  26. Saudade nº 4, xullo 1943, 29.
  27. No texto: vín, de un. Fermín Bouza-Brey 1929, 189.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 117.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 119. A Canle é lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
  30. José Pérez Ballesteros I:199,23.
  31. No texto: qu’eu, d’a cabalo. Saudade nº 4, xullo 1943, 27.
  32. 32,0 32,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 147. No orixinal: vín, de un.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández, 145. No orixinal: Lovios, pedínlle.
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 154. Xaquín Lorenzo supón que se trata dunha cantiga importada.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • ALONSO, Eliseo: “Mariñeiros das gamelas”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 9. Museo do Pobo Galego 1988, 115-128.
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CRESPO POZO, José Santiago: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galaico-portugués). 1 (La Región, Orense 1972); 2,3,4 (Ed. do Castro, Sada, 1979/1982/1985).
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Universidade de Santiago (VERBA, anexo 27), Compostela 1985
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
  • RIVAS QUINTAS, E.: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • ROMANÍ, Arturo “Xeito”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 7. Museo do Pobo Galego 1988, 93-105.
  • RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.
  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, Galaxia, Vigo 2011, 407.