Vilanova dos Infantes, Celanova
San Salvador de Vilanova dos Infantes é unha das 19 parroquias do concello ourensán de Celanova. En 2017, tiña 222 habitantes.
Vilanova dos Infantes | |
---|---|
Vilanova dos Infantes | |
Concello | Celanova[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 42°10′02″N 7°57′13″O / 42.167222222222, -7.9536111111111 |
Poboación | 222 hab. (2017) |
Entidades de poboación | 5[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA historia da vila está ligada á Torre de Vilanova dos Infantes, construída no século X e destruída na Gran Guerra Irmandiña. A comezos do século XIX foi restaurada a torre da homenaxe para acoller a casa consistorial do concello de Vilanova dos Infantes, integrado no de Celanova en 1927.
A torre de Vilanova dos Infantes está situada nunha vila de estrutura medieval, onde destaca esta torre de dezanove metros de altura. Trátase do último vestixio do que foi un gran castelo construído sobre un posible asentamento castrexo. O castelo, pertencente ao mosteiro de Celanova, igual que a vila, foi unha das grandes fortalezas de Galicia e xogou un papel importante nas loitas medievais cos irmandiños e portugueses.
Ademais do castelo e a muralla, os accesos históricos ao núcleo terán moita importancia, tanto para a estrutura interna como as súas expansións. Os primeiros propietarios foron os monxes de Celanova, posteriormente pasou ás mans de Fernando Castro ata o ano 1369, momento no que o rei, Henrique II, obriga a ceder este ben a Xoán Rodríguez de Biedma e aos seus herdeiros, que eran os condes de Monterrei, así como a participar nos preitos cos Lemos. Posteriormente, o castelo foi derrubado na gran guerra irmandiña en 1467; o castelo e a torre foron danados e reconstruídos posteriormente.
Vilanova dos Infantes ten un papel importante nas guerras fronteirizas do século XVI e durante o século XVII. É neste último século cando se construíu a igrexa parroquial de San Salvador, fóra do recinto defensivo. Máis tarde e afastado do burgo construíuse o Santuario da Nosa Señora do Cristal (Raigame, 2011).
Nos séculos XIX e XX Vilanova mantivo unha certa funcionalidade como núcleo urbano respecto ao ámbito territorial dependente. As actividades da poboación non só será a agricultura senón os distintos labores artesáns como a fabricación de calzado. Todas elas sustentarán a vila de Vilanova, tanto nas prazas da vila como na feira mensual que se celebraba na paraxe do Cristal.
En 1837 Vilanova dos Infantes constituíuse como Concello, estrutura administrativa mantida ata a anexión con Celanova en 1927. A casa consistorial tivo a súa sede na torre da homenaxe, rehabilitándose ao efecto e dotándoa dunha escaleira exterior de acceso, o que reforzou a vixencia do asentamento como lugar central respecto ao medio rural (Raigame, 2011). Actualmente a Fundación Terra de Celanova mantén aquí unha exposición permanente sobre o xacemento arqueolóxico de Castromao e a Idade Media, ofrecendo información oral e escrita, así como visitas guiadas con persoal especializado ("Romaría Raigame - Inicio", 2017).
Na parroquia está o castro de Castromao, un poboado castrexo, habitado até o século III e abandonado entón para construír a nova vila. En documentos do ano 927 a vila aparece relacionada con Rosendo de Celanova. No ano 940 a súa nai, Aldara de Celanova, fundou o convento de Santa María de Vilanova dos Infantes, sendo abadesa a súa filla Adosinda. O lugar pasou a ser coñecido como Vilanova das Infantas[2]. O convento foi reconstruído entre 1215 e 1225, e formou parte da orde de San Bieito até o seu abandono en 1880. Até a década de 1940 conserváronse elementos arquitectónicos como capiteis, restos de arcos ou bases de columnas.[3]
A comezos do século XXI leváronse a cabo obras de restauración no poboado medieval.
Historia sobre o nome da vila
editarSegundo a tradición o nome non sería “dos Infantes” senón “das Infantas”. A orixe hai que buscala na lenda das sete xemelgas que se instalaron en Vilanova, aínda que deducen que se trataban de santa Ilduara e Adosinda, nai e irmá de san Rosendo, ás que se uniron outras damas de sangue real, entre elas, aínda que en distintos períodos de tempo, as fillas de Afonso X o Sabio. Cesáreo Riveira recolle a tradición popular que alude ao nacemento de once nenos dun só parto, de aí o apelativo “dos Infantes”.
Segundo a historia, santa Ilduara fundou o mosteiro de Santa María de Vilanova para retirarse da súa viuvez. Máis tarde foi anexionada a Celanova, posiblemente como priorato masculino, e as monxas trasladáronse a Allariz. Estivo en pé ata o ano 1880 a súa igrexa prerrománica, similar á de San Miguel, situada no que foi o xardín do mosteiro, que se derrubou. En Vilanova tamén se detecta a presenza de restos romanos, como é o caso da ara votiva, que na actualidade forma parte da parede dun edificio situado na Praza Maior, dedicada aos Lares Gumalaecos. As primeiras referencias históricas ao lugar datan das crónicas do ano 927, vinculándose á figura de S. Rosendo, usándose (posteriormente e a nivel histórico) o Vilanova das Infantas, en clara referencia á nai e irmá do santo. Popularmente cambiouse por dos Infantes, topónimo polo que se recoñece actualmente.
Por aquel entón, este burgo medieval gozaba de maior entidade que a actual vila, e a súa orixe moi posibelmente se debera á construción dunha localización defensiva, magnificamente situada, encargada de controlar tanto unhas terras como unhas rutas de marcado fin estratéxico. Era un lugar de residencia do conde Gutierre Méndez e a súa esposa Ilduara, pais de San Rosendo, aos que o rei Sancho Ordóñez doara nese ano 927 segundo consta en documentos históricos, a vila de Vilar, onde o futuro abade edificaría un templo e cenobio cuxa puxanza daría lugar ao núcleo urbano de Celanova. Por eses anos, Ilduara, nai de San Rosendo, fundou e construíu un mosteiro feminino dedicado a Santa María, segundo parece, o mozárabe influíu na súa construción (non esquezamos a capela de San Miguel, fundada tamén por estas mesmas datas). Hoxe totalmente desaparecido (trasladouse a Allariz en 1270), uns autores sitúano no veciño lugar de Santa María, a uns catrocentos metros ao suroeste de Vilanova, mentres que outros queren emprazar a actual igrexa parroquial sobre os seus antigos restos. Sexa como fora, o certo é que nun edificio de Vilanova, inmediato á actual estrada nacional Ourense-Portugal, consérvase nunha parede,sobresaíndo dela, un modillón da cornixa dividindo en rolos decorados, semellante aos da Capela de San Miguel de Celanova. Hai outros dous no patio da casa reitoral. Ademais puidemos saber que algúns veciños afirman que o muro que pecha a Rúa da Igrexa pola súa cara norte, fronte por fronte á reitoral, está feito coas pedras do antigo mosteiro; de calquera maneira, o certo é que na súa maioría, trátase de bos e ben traballados perpiaños. Da ocupación do Castelo señorial que presidía o asentamento só queda o vestixio da Torre de Homenaxe, en tanto que o trazado da muralla aínda se pode seguir na planimetría do núcleo e segundo un dos lenzos que se conserva entre o casarío.
A Torre
editarNo punto máis alto da vila sitúase a Torre da Homenaxe, resto do antigo castelo. A Torre consérvase íntegra, grazas a unha reconstrución no século XV. É de planta case cadrada, de 9.95 x 9.30 metros, cuns muros de 1.80 metros de grosor que chegan a unha altura de 19 metros, onde rematan as ménsulas nas que posiblemente se apoiaran antigamente unhas ameas voadizas. No seu exterior conta cunha escaleira que sobe por dous lados, engadida para o servizo civil, xa que as torres militares non teñen porta a ras do chan, e esta sitúase a 5 metros de altura. No lado norte da Torre, atópase outra porta de arco apuntado, que se comunicaba co corpo principal do castelo por medio dunha ponte levadiza, da que tan só se conservan os apoios (catro ménsulas). No lado sur temos outras dúas portas e unha xanela. Sobre a porta máis alta consérvase un escudo, que pode corresponder coa Casa de Monterrei. No seu interior tiña tres andares e un soto con bóveda, pero oculto. No lado sur temos outras dúas portas e unha xanela. Sobre a porta máis alta consérvase un escudo, que pode corresponder coa Casa de Monterrei. No seu interior tiña tres andares e un soto con bóveda, pero oculto.
Romaría
editarTodos os anos, o 17 de maio, coincidindo co día das Letras Galegas, celébrase en Vilanova dos Infantes a Romaría Etnográfica Raigame,[4] declarada Festa de Interese Turístico. A través desta romaría preténdese dar a coñecer e pór en valor o núcleo medieval de Vilanova dos Infantes para potenciar o turismo cultural que leva a cabo o concello de Celanova, a través do programa Celanova, un paseo pola historia de Galicia. Este programa lévase a cabo a través dun pequeno percorrido xeográfico no cal se visitan monumentos pertencentes a diferentes épocas históricas como son: o mundo castrexo de Castromao, a etapa alto-medieval de San Miguel, a riqueza baixo-medieval de Vilanova dos Infantes, o esplendor do barroco do Mosteiro de San Rosendo e o rexurdimento da lingua galega da Casa dos Poetas (cómpre recordar que na vila de Celanova, a 5 minutos de Vilanova dos Infantes, viviron dous grandes escritores como son Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro). ("Romaría Raigame - Inicio", 2017).
A Romaría Etnográfica Raigame, lévase celebrando dende o ano 2002[4] e nela celebranse numerosas actividades para o desfrute do romeiro, como son exposicións, ambientación nas rúas, actuacións musicais, xogos populares e artesáns en vivo que mostran os traballos artesanais.
- Ambientación nas rúas: ao longo das distintas rúas e prazas de Vilanova dos Infantes hai cegos cantando coplas, diversos grupos de saltimbanquis que van realizando acrobacias e monicreques que van representando pequenas obras para os nenos e nenas ("Patrimonio Galego | O Catálogo Social do Patrimonio Cultural Galego", 2017).
- Actuacións musicais: arredor de 30 agrupacións de danza tradicional que adoitan facer as súas representacións nas prazas da vila (Praza Maior, praza do Balcón e praza Tralacerca), agrupacións musicais e grupos de pandeireteiras ("Romaría Raigame - Inicio", 2017).
- Xogos populares: segundo a páxina web da Romaría Raigame, os xogos populares concentran unha grande acollida por parte dos visitantes, xa que estes xogos están dirixidos para todas as idades, dende os máis cativos ata os maiores. Os xogos populares que se celebran nesta romaría son carreiras de zancos, aros, sacos; xogos de forza, mostrar as habilidades coa buxaina ou o xogo da ra.
- Artesáns: son considerados o principal reclamo desta romaría xa que durante todo o día mostran o seu traballo nos garaxes e soportais das rúas de Vilanova. Os oficios artesáns que se poden observar na romaría son os de afiador, debuxante, tear, zapateiro, fiandeira, oleiro, vidreiro, coroceiro, ferreiro, augardenteiro, canteiro, panadeiro, ferrador, zoqueiro, restaurador, palilleira, cesteiro, un taberneiro e un carpinteiro.
Dende a primeira hora da mañá as prazas e as rúas de Vilanova dos Infantes énchense de actividades para exaltar a cultura tradicional. Hai unha gran diversidade gastronómica: pulpeiras, empanadas, doces, pan, xeados, filloas, rosquillas e outras lambetadas, as cales a meirande parte delas están elaboradas de xeito artesán e atópanse situadas nas antigas cortes, hoxe garaxes e baixos das casas.
Con motivo do décimo aniversario da Romaría Etnográfica Raigame, Vilanova dos Infantes comezou a contar cun segundo centro de referencia expositivo que aportaría máis información con respecto á exposición comarcal da torre en homenaxe ao antigo castelo do Conde de Monterrei. Este espazo, ademais de permitir coñecer os antecedentes históricos desta zona, tamén explica a importancia da artesanía e do calzado con respecto ao desenvolvemento económico e social nun territorio no que predominaban as actividades agraria e gandeira.
Ademais, esta edificación tiña unha cova, coñecida con nome de San Vivián, no subsolo da Praza de Tralacera, á cal se accedía a través dunha vivenda que tiña a súa entrada na rúa da Ronda. Nela, a xente que acudía a Vilanova o 17 de maio podía “descubrir os segredos da olería tradicional galega, o mundo case infinito dos afiadores, os complexos procesos da elaboración dos traballos do liño, os nomes do mar e a toponimia propia da costa en contraste coa do interior das Terras de Celanova, ou o variado e non menos atractivo universo do viño, así como dúas cumpridas exposicións de obxectos relacionados co oficio dos zapateiros, que tan desinteresadamente nos cederon os veciños de Vilanova” (Antonio Piñeiro, 2011)
Vilanova na literatura popular
editarGalería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Celanova.
-
Torre da homenaxe
-
Santuario de Nosa Señora do Cristal
- Véxase tamén: Galería de imaxes do Santuario da Virxe do Cristal.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da Provincia de Orense.
- ↑ Orero Grandal, L.: "Estudo arqueolóxico de Vilanova dos Infantes", en Raigame nº 34 (maio 2011).
- ↑ Capitel de Vilanova Arquivado 25 de marzo de 2014 en Wayback Machine., no Museo de Ourense.
- ↑ 4,0 4,1 "Orixe". .raigame.gal. Consultado o 23 de novembro de 2022.
- ↑ Lorenzo Fernández 1973, p. 49 (No orixinal: quén. San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova).
- ↑ Lorenzo Fernández 1973, p. 56 (Xeás é lugar de San Salvador de Torno, concello de Lobios; Gaiás é lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira; e San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova).
- ↑ Lorenzo Fernández 1973, p. 161 (San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia de Celanova; Salvaterra de Miño, concello da provincia de Pontevedra).
Lugares e parroquias
editarLugares de Vilanova dos Infantes
editarLugares da parroquia de Vilanova dos Infantes no concello de Celanova (Ourense) | |
---|---|
A Roda de Abaixo | Carfaxiño | O Cristal | Santa María | Vilanova dos Infantes |
Parroquias de Celanova
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vilanova dos Infantes, Celanova |
Bibliografía
editar- Lorenzo Fernández, Xaquín (1973). Cantigueiro popular da Limia Baixa. Vigo: Editorial Galaxia-Fundación Penzol. ISBN 9788471542137.