O cuco na cultura popular galega
Eladio Rodríguez [1] asegura que en Galicia se di que a femia do cuco pon os seus ovos nos niños alleos porque ela non pode chocalos, debido a que o seu peito non transmite a calor necesaria. Este feito fai que se considere esta ave como o símbolo do egoísmo, e representación da infidelidade conxugal.
Dise tamén que o cuco sabe enganar ás outras aves e que a súa chegada é o anuncio da primavera. Se, cando vén, faino voando sobre os montes, augura boa colleita, pero se o fai sobre terras sementadas, a colleita será mala [2].
Outra crenza relacionada co cuco é que quen escoita o seu canto en xenún terá moita sorte e vivirá moitos anos; pero que se o canto do cuco lle colle estando aínda na cama, terá preguiza durante todo o verán. Cando os rapaces van ós niños coidan de non falar nada de nada para que o cuco non o descubra e coma os ovos; igualmente, se logo falan do niño entre si non mencionan os ovos polo seu nome, senón baixo o nome de seixos, co mesmo obxectivo de que o cuco non saiba deles.
Léxico
editar- Cuco: arneiro, arneste [3].
- Cuco: lapa [3][4].
- Cuco: peixe, escacho (Trigla cuculus, agora Chelidonichthys cuculus). O peixe emite un lixeiro ronquido que lembra ó canto do cuco; nótese que o nome científico inclúe o cualificativo cuculus [3].
- Cuco: que de todo saca proveito [5].
- Cuco rei: un dos múltiples nomes que recibe a xoaniña (Coccinella septempunctata). As mozas que queren casar colocan este insecto na palma da man e din: "cuco-rei, cuco-rei, ¿por onde amores terei?", e segundo a dirección que tome cando arranque a voar, cren de por alí virá o noivo esperado. Tamén lle preguntan os rapaces polos anos que van cumprir: colócanlle na palma da man e pregúntanlle: "cuco-rei, cuco-rei, ¿cántos anos vivirei?", e axiña comezan a contar apresuradamente, de forma que cren que o número ó que chegaran cando a xoaniña arranca a voar, serán os anos que vivirán [1].
- Cucar: axexar, espreitar [2].
- Cucar: fest. morrer [6].
- Cucar, cucarse: levantarse unha montura das mans dianteiras e tirar ó xinete ó chan.
- Cucar: cativar, atraer, agradar (aquela muller xa non cuca a ninguén) [7].
- Cucar: terminar ou dar por rematada unha amizade (dispóis do que me fixo, pra min cucou) [7].
- Cucar: campar ou presumir.
- Barbas de cuco: pequena planta que nace ó bordo dos camiños [6].
- Calzas de cuco: pequena planta de flores brancas en forma de campá. Coa descrición da fonte resulta imposible identificala [6].
- Flor do cuco, herba do cuco: planta (Lychnis flos-cuculi) [8].
- Liño do cuco: Cuscuta epithymum, herba parasita do toxo e doutras plantas. Máis común é o nome vulgar de barbas de raposo ou liño de raposa [9].
- Mazán de cuco: bugallo do carballo [2].
- Mel de cuco: planta cuxa flor chuchan os rapaces por acumular un líquido doce coma o mel. Tamén, o zume que deitan os troncos dalgunhas árbores froiteiras e que seca sobra a casca [10].
- Ovo de cuco: cogomelo, peido de lobo (Lycoperdon perlatum) [11].
- Pan de cuco: planta chamada aleluia (Oxalis acetosella)[8].
- Pan de cuco, pan do cuco: herba leguminosa (Vicia hirsuta, Vicia sativa) [8].
Denomínase acucar e encucar sufrir unha vaca un edema mamario, e a enfermidade como acucamento ou ubre acucado. Tradicionalmente, os gandeiros atribúen este proceso á abundancia de leite que lles vén cando chega o cuco, época que coincide co maior crecemento da herba na primavera [12]. Un gandeiro de Dozón recibía tranquilo o diagnóstico do veterinario porque estaba seguro de que en canto pasara o tempo do cuco, xa lle pasaría a doenza á vaca [13].
Locucións
editar- Estar contento coma un cuco
- Máis contento que un cuco
- Onde canta o cuco: dise despectivamente dunha leira que está moi lonxe do lugar [14].
- Ouviu cantar máis de catro cucos: dise dunha persoa entrada en idade [1].
- Por mala parte véuche o cuco: dise ante unha noticia que non merece creto [14].
- Ser coma un cuco: ser listo, espelido.
- Ser máis listo ca un cuco: ser moi habilidoso e espelido.
- Ser moi cuco: ser habilidoso e espelido.
Refraneiro
editar- Cando canta o cuco logo vèn o grau ó suco [1].
- Coa chegada do cuco vén o pan ó suco [1].
- Dendes que vén o cuco, fóra o pulpo [1].
- Des que chega o cuco, logo vén o pan ó suco.
- Desde que vén o cuco, fóra o pulpo [15] [16].
- En abril sae o cuco do cubil.
- Entre marzo e abril o cuco ha de vir.
- Entre marzo e abril, o cuco, ou a fin.
- Entre marzo e abril o cuco quere vir.
- Entre marzo e abril o cuco ten que vir, e se o cuco faltara a fin do mundo volvera.
- Entre marzo e abril, ou ha vir o cuco, ou a fin.
- Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, e entre san Xoán e a sega marcha o cuco para a súa terra.
- Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, que coa neve non quer vir [17][18].
- Entre marzo e abril sai o cuco do cubil, pois coa neve non quer vir [1].
- Entre marzo e abril, se non vén o cuco quer vir a fin [19].
- Entre marzo e abril, se non vén o cuco, quer vir a fin [20][21].
- Entre marzo e abril, se non veu o cuco quer vir a fin [1].
- Mentres canta o cuco, non comas raia nin pulpo [22].
- No abril, di o cuco vivo; e no maio: revivo [23].
- No abril sai o cuco do cobil [1].
- No abril sai o cuco do cubil [19].
- No mes de marzo e abril o cuco ha de saír, se ós tres meses non volveu é porque morreu.
- No tempo do cuco, á mañán me mollo e á tarde me enxugo [1].
- O cuco e o predicador, canto máis altos, millor [1].
- O cuco no abril vive, e no maio revive [1].
- O cuco no abril xa sai do cobil [1].
- Ó cuco non lle cuques, e ó ladrón non lle furtes [1].
- Ó cuco, san Xoán dálle a fala e san Pedro sácalla.
- O dez de san Xoán recolle a cuquela e o trinta se vai.
- O día de san Benito sae o cuco do seu sitio [24] [25].
- Ós comenzos de abril o cuco ten que vir; e se non volveu, ou prendérono ou morreu [1].
- Se en marzo non canta o cuco, nin en abril a bubela, e a ruliña non rulea, mala cosecha se espera.
- Se en marzo ou abril o cuco non vén, quer vir a fin [26].
- Se, entre Marzo e Abril, o cuco non vén, é que o cuco é morto ou a fin quere vir [2].
- Se entre marzo e abril o cuco non veu é sinal que morreu ou é sinal do fin.
- Se marzo acabou e o cuco non chegou, algo ó cuco lle pasou [1].
- Se non sal o cuco antes do trece de abril, ou morreu o cuco ou virá a fin.
- Se non víche-lo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco, ou quer vir a fin [27].
- Se non víche-lo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou vai vir a fin [28].
- Se non víche-lo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou vai vir ó fin.
- Vai sementar cando sintas o cuco cucar, e a ruliña rular [29].
- ¿Van os cregos ó concello? Tren o cuco no capelo.
Cantigueiro
editar- Cantigueiro
- Á túa porta, meniña,/ hai un pé de sabugueiro;/ cada vez que vén o cuco/ alí ten o paradeiro [30].
- Agora que vén o cuco/ tamén ha vir a bubela;/ Déixame durmir un sono/ na túa cama de pedra [31].
- As neniñas de Rianxo/ pagan as rendas ó cuco,/ eu como son rianxeira/ ¡tócalle o pito, Farruco! [32].
- Canta cuco, canta cuco,/ na casiña da bubela;/ coitadiña da meniña/ que lle chove na capela [33].
- Canta cuco, canta cuco,/ na rabela do arado;/ as mulleres antre os homes/ é un gando mal gardado [34] [35].
- Canta cuco, canta cuco,/ na rabiza do arado;/ canta cuco, canta cuco,/ que o tempo vaiche acabado [33].
- Canta cuco, canta cuco,/ na rabiza do arado;/ que as mulleres de Gaiás/ ten a cara de borrallo [36].
- Canta cuco, canta cuco,/ que xa cantou a bubela;/ cantan os bechiños todos/ no tempo da primaveira [37].
- Canta o cuco, canta o cuco,/ pois non ten máis que faguer;/ pra tu disputar conmigo/ tes que volver a nacer [38].
- Canta o cuco e maila lebre,/ o reiseñor e maila ran,/ canta ti, miña primiña,/ canta ti co meu irmán [39].
- Canta o cuco e maila ran,/ o reiseñor maila lebre,/ canta rapaciña, canta,/ canta que ben che convenche [39].
- Catro aves escollidas / son as que pasan o mar: / o cuco e a andoriña, / a rula e o paspallás.
- Catro aves voadoras / son as que pasan o mar: / a anduriña e mailo cuco, / a rula i o paspallás.
- En Queguas canta o cuco,/ en Vilar a cabra vella,/ en Véncias cantan os anxos/ que é a flor da nosa terra [40].
- Eu ben vin esta-lo cuco/ na cima dun castiñeiro,/ cunha subela na mau,/ aprendendo a zapateiro.
- Eu ben vin esta-lo cuco,/ por debaixo dun loureiro,/ eu non me caso contigo,/ demonio de lacaceiro [41].
- Eu ben vin estar o cuco/ enriba dun castiñeiro/ cunha subela na man/ deprendendo a zapateiro.
- Eu ben vin estar o cuco/ na póla dun castiñeiro/ cunha subela na mau/ aprendendo a zapateiro [42].
- Quen ouviu cantar o cuco/ tamén ouviu a bubela;/ xa te podías calar/ ouvidos de parouvela [43].
- Teño unha galiña chòca/ e ham'a de come-l-o cuco./ Pèga tres vòltas n'o aire./ Tòcall'o pito, Farruco [44].
- Tres avechuchos/ pasan o mar:/ o cuco, a rula/ i o paspallás [45].
- Xa nace o trigo,/ xa temos pan,/ xa canta o cuco,/xa vén o vran [46].
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), s. v. cuco.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Elixio Rivas Quintas 1978.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 M. Carme Ríos Panisse 1977.
- ↑ Juan Manuel Pintos Villar, s. v. cuco.
- ↑ Juan Manuel Pintos Villar.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Constantino García González.
- ↑ 7,0 7,1 Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), s. v. cucar.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 E. Losada, J. Castro e E. Niño: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
- ↑ Elixio Rivas Quintas: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
- ↑ Aníbal Otero Álvarez: Piquín.
- ↑ Aníbal Otero Álvarez: Hipótesis.
- ↑ Aníbal Otero Álvarez: Piquín.
- ↑ Pedro Benavente e Xesús Ferro Ruibal: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2010.
- ↑ 14,0 14,1 José María Pereda Álvarez: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral (1953).
- ↑ O cuco chega a España entre marzo e abril. Lino Lema Bouzas, 4.
- ↑ Clodio González Pérez: Refraneiro do mar.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. marzo. No orixinal: sai.
- ↑ Real Academia Gallega 1913, s. v. abril. No orixinal: sal, co’a.
- ↑ 19,0 19,1 Eladio Rodríguez González, s. v. abril.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
- ↑ Real Academia Gallega 1913, s. v. abril. No texto: ven, o fin.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. cuco. No orixinal: mentras.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No texto: dí.
- ↑ San Bieito, 11 de xullo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Refraneiro galego. Nicanor Rielo Carballo: Escolma de Carballedo.
- ↑ Crese que se non vén o cuco nestes meses haberá grandes desgracias. Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No orixinal: víchelo.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. cuco. No orixinal: víchelo.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. sementar.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 51. No orixinal: ven.
- ↑ Real Academia Galega 1913, s. v. bubela. No orixinal: a vir.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 177. No orixinal: ô cuco.
- ↑ 33,0 33,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 57.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 216.
- ↑ Cancionero y refranero de Corme.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 57. Gaiás é un lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 57. No orixinal: cantóu.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 58.
- ↑ 39,0 39,1 Fermín Bouza Brey 1929, 167. No orixinal: mail-a, rán.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 74. No orixinal: Rueguas. Xaquín Lorenzo di que a forma oficial é Venceás, aínda que os veciños digan Véncias, pero no Nomenclátor atopamos Venceáns (San Tomé), parroquia do concello de Entrimo. Na parroquia só hai os tres lugares ós que fai mención a cantiga: Queguas, Vilar e Venceáns.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 79. No orixinal: estalo, de un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 229. No orixinal: pola, de un. Recollido en Fontefría, que Xaquín Lorenzo non identifica pero que probablemente sexa a parroquia do concello de Amoeiro.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 138. No orixinal: ouvíu. O cuco e a bubela volven a Galicia nas súas migracións na mesma época, por iso quen escoita un, escoita a outra. Parouvela non se recolle nos dicionarios.
- ↑ Marcial Valladares Núñez.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 218.
- ↑ Cancionero y refranero de Corme.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Refraneiro galego, Colección O Moucho 63. Edicións Castrelos, Vigo 1983.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- OTERO ÁLVAREZ, Aníbal: Vocabulario de San Jorge de Piquín, Verba anexo 8, Universidade de Santiago, 1977.
- OTERO ÁLVAREZ, Aníbal: "Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés", en Cuadernos de Estudios Gallegos XXXVI 1957.
- PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.
- PINTOS VILLAR, Xoán Manuel: Vocabulario gallego-castellano (1865), ed. de Margarita Neira e Xesús Riveiro, A Coruña, Real Academia Galega 2000.
- RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, Xosé: "Cancionero y refranero de Corme", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares. Tomo VII, cuaderno 3º, 1951, px. 457-507.
- REAL ACADEMIA GALLEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RIELO CARBALLO, Nicanor: Escolma de Carballedo (Lugo), Ed. Castrelos, Vigo 1976.
- RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
- RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.