O cazador de papaventos
O cazador de papaventos[1] (en inglés: The Kite Runner) é a primeira novela do escritor afgán Khaled Hosseini.[2] Publicada en 2003 por Riverhead Books, conta a historia de Amir, un rapaz do distrito Wazir Akbar Khan de Cabul, cuxo mellor amigo é Hassan. A historia está ambientada nun contexto de conflitos e eventos tumultuosos, dende a caída da monarquía de Afganistán por mor da intervención militar soviética, o éxodo de refuxiados cara a Paquistán e os Estados Unidos, e o alzamento do réxime talibán.
O cazador de papaventos | |
---|---|
Título orixinal | The Kite Runner |
Autor/a | Khaled Hosseini |
Cuberta | Honi Werner |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | Inglés |
Tema(s) | Afganistán, amizade, clase social, Pobo hazara, Culpa, Cabul, Talibán, abuso sexual infantil e Migración humana |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Riverhead Books |
Data de pub. | 29 de maio de 2003 |
Formato | Tapas duras e brandas |
Páxinas | 372 |
ISBN | ISBN 1-57322-245-3 |
Seguido por | Un milleiro de soles espléndidos |
Primeira edición galega | |
Tradución | María Pardo Vuelta |
Editorial | Ediciones El Andén |
Data de pub. | febreiro de 2008 |
Páxinas | 432 |
ISBN | ISBN 978-84-96929-70-8 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Segundo Hosseini, O cazador de papaventos é unha historia da relación entre un pai e o seu fillo que enfatiza os aspectos familiares da narrativa, un elemento que continuou a empregar nos seus traballos posteriores.[3] Os temas da culpa e da redención ocupan un lugar salientable na novela,[4] cunha escena fundamental que amosa un acto de violencia contra Hassan que Amir non pode deter. A segunda metade do libro céntrase nos intentos de Amir de expiar esta transgresión rescatando o fillo de Hassan, máis de dúas décadas despois do suceso.
O cazador de papaventos converteuse nun dos mellor vendidos despois de ser impreso en formato de peto e popularizouse en clubs de lectura. Durante dous anos, foi o libro número un entre os mellor vendidos segundo The New York Times,[5] con máis de sete millóns de copias vendidas nos Estados Unidos de América.[6] As críticas foron polo xeral positivas, aínda que algunhas partes do argumento xeraron unha significativa controversia en Afganistán.[7] Logo da publicación creáronse numerosas adaptacións da obra, incluíndo o filme de 2007 The Kite Runner, representacións teatrais e unha novela gráfica.
Foi traducido ó galego por María Pardo Vuelta e foi publicado por Ediciones El Andén no 2008.[1]
Escrita e publicación
editarKhaled Hosseini traballou como médico interno no Hospital Kaiser de Mountain View, California durante varios anos antes de publicar The Kite Runner.[4][8][9] En 1999, Hosseini soubo a través das noticias que os talibáns prohibiran voar papaventos en Afganistán,[10] unha restrición que atopou particularmente cruel.[11] A nova "tocou unha fibra sensible" para el, xa que medrara practicando este deporte cando vivía en Afganistán, e motivouno a escribir unha historia curta de 25 páxinas sobre dous rapaces que voan papaventos en Cabul.[10] Hosseini enviou copias a Esquire e The New Yorker, mais os dous rexeitárono.[11] Redescubriu o manuscrito no seu garaxe en marzo de 2001 e comezou a expandila historia para convertela nunha novela, seguindo o consello dun amigo.[10][11] Segundo Hosseini, a narrativa tornouse "máis escura" do que pretendía orixinalmente.[10] A súa editora, Cindy Spiegel, "axudoulle a reescribir o último terzo do seu manuscrito", algo que ela describiu como relativamente común para unha primeira novela.[11]
Ó igual que as seguintes novelas de Hosseini, O cazador de papaventos abrangue un período multixeracional e céntrase na relación entre pais e fillos.[3] Isto último non foi intencionado e Hosseini desenvolveu un interese polo tema durante o proceso de escritura.[3] Máis tarde divulgou que a miúdo se lle ocorrían partes da trama debuxando imaxes da mesma.[9] Por exemplo, el non decidiu facer que Amir e Hassan fosen irmáns até que os "debuxou".[9]
Como Amir, o protagonista da novela, Hosseini naceu en Afganistán mais abandonou o país na súa mocidade, e non regresou até o ano 2003.[12] Por esta razón, preguntóuselle a miúdo sobre o alcance dos aspectos autobiográficos do libro.[11] El dixo en resposta, "Cando digo algo diso é meu, a xente parece insatisfeita. Os paralelismos son bastante obvios, mais ... Deixei algunhas cousas ambiguas porque quería volver tolos os clubs de lectura."[11] Por ter deixado o país durante a época da invasión soviética, sentiu unha certa sensación de culpa do supervivente: "Cada vez que lía historias sobre Afganistán, a miña reacción sempre estivo tinguida de culpa. Moitos dos meus amigos da nenez pasárono moi mal. Algúns dos nosos curmáns morreron. Un deles morreu nun camión de combustible tratando de escapar de Afganistán [un incidente que Hosseini recolle de xeito ficticio no libro]. Fala sobre a culpa. El era un dos nenos cos que medrei voando papaventos. O seu pai recibiu un disparo."[3][13] Independentemente, sostén que a trama é ficticia.[10] Máis tarde, cando escribiu a súa segunda novela, Un milleiro de soles espléndidos (daquela titulado Dreaming in Titanic City), Hosseini comentou que estaba contento de que as personaxes principais fosen mulleres e que iso "debería poñer fin á pregunta autobiográfica dunha vez por todas".[11]
Riverhead Books publicou O cazador de papaventos, cunha impresión inicial de 50 000 copias en tapas duras.[11][14] Foi lanzado o 29 de maio de 2003, e a edición de peto lanzouse o ano seguinte.[11][15] Hosseini tomou unha ausencia dun ano sen practicar medicina para promover o libro, asinar copias, falar en varios eventos e recadar fondos para causas afgás.[11] Orixinalmente publicado en lingua inglesa co título The Kite Runner, foi traducido a 42 linguas en 38 países.[16] En 2013, Riverhead publicou unha edición polo décimo aniversario do libro, cunha nova cuberta dourada e un prólogo de Hosseini.[17] Ese mesmo ano, o 21 de maio, Khaled Hosseini publicou outro libro titulado And the Mountains Echoed.
Sinopse
editarParte I
editarAmir, un neno pashto dunha familia rica, e Hassan, un hazara fillo do servente de Amir, pasan os días voando papaventos na daquela pacífica cidade de Cabul. Hassan é o mellor "cazador de papaventos" para Amir; el sabe onde aterrará o papaventos sen sequera miralo. O pai de Amir, un rico home de negocios ó cal Amir chama afectuosamente como Baba, quere ós dous rapaces, mais é especialmente crítico con Amir, a quen considera débil e falto de coraxe. Amir atopa unha figura paternal máis amable en Rahim Khan, o mellor amigo de Baba, que o entende e apoia no seu interese pola escritura, mentres que Baba considera ese interese só digno de mulleres.
Assef, un rapaz maior cun sádico gusto pola violencia, búrlase de Amir por socializar cun hazara, que son segundo el unha raza inferior cuxos membros pertencen só a Hazarajat. Un día, estaba disposto a zoupar Amir cun puño americano, pero Hassan defende Amir ameazando a dispararlle nun ollo co seu tiracoios. Assef recúa pero xura que un día tería a súa vinganza.
Un día triunfante, Amir gaña unha competición de loita de papaventos e finalmente consegue a aprobación de Baba. Hassan corre na busca do derradeiro papaventos, un gran trofeo, e dille a Amir, "Por ti, faríao mil veces máis." Porén, despois de atopar o papaventos, Hassan encóntrase con Assef nunha canella. Hassan non lle entrega o papaventos e Assef malla nel e despois viólao. Amir é testemuña de todo pero está demasiado asustado para intervir. El sabe que se non chega coa cometa a casa, Baba estará menos orgulloso del. Por este motivo, séntese incriblemente culpable pero sabe que a súa covardía destruiría a súa relación con Baba, polo que garda silencio sobre o incidente. Despois, Amir amósase distante con Hassan; os seus sentimentos de culpa evitan que interactúe co neno.
Amir comeza a pensar que a vida sería moito máis doada se Hassan non vivise con el, polo que agocha o seu reloxo e algúns cartos baixo a cama coa esperanza de que Baba o botase de alí; Hassan confesa falsamente o seu roubo cando se enfronta con Baba. Malia que Baba cre "non hai ningún acto máis desgraciado que roubar", perdóao. Porén, Hassan e Ali marchan da casa de tódolos xeitos. Amir está liberado do recordatorio diario da súa traizón, pero aínda vive á súa sombra.
Parte II
editarEn 1979, cinco anos despois, a Unión Soviética intervén militarmente en Afganistán. Amir e Baba escapan a Peshawar, Paquistán, e despois cara a Fremont, California, onde se asentan nun apartamento. Baba comeza a traballar nunha gasolineira. Despois de rematar o ensino secundario, Amir vai a clases na Universidade Estatal de San Jose para desenvolver as súas habilidades de escrita. Cada domingo, Baba e Amir conseguen cartos extras vendendo obxectos nun mercado urbano de San Jose. Alí, Amir coñece a Soraya Taheri e a súa familia. Baba é diagnosticado con cancro terminal pero concédelle a Amir un último favor: pedir permiso ó pai de Soraya para casar con Amir. El accede e os dous casan. Pouco despois, Baba morre. Amir e Soraya estabelecen un matrimonio feliz, pero ó seu pesar decátanse de que non poden ter fillos.
Amir embárcase nunha exitosa carreira como novelista. Quince anos despois da voda, Amir recibe unha chamada do mellor amigo do seu pai (e a súa figura paterna na infancia) Rahim Khan, que está a morrer, e que lle pide que se vexan en Peshawar. El dille a Amir: "Hai unha forma de ser bo de novo".
Parte III
editarCando se reúne con Rahim Khan, Amir descobre que Ali morreu por mor dunha mina e que Hassan e a súa muller foron asasinados cando Hassan se opuxo a que os talibáns confiscasen a casa de Baba e Amir en Cabul. Rahim Khan tamén lle revela que Ali era estéril, e que non era o pai biolóxico de Hassan. Hassan era de feito o fillo de Baba e o medio irmán de Amir. Finalmente, cóntalle a Amir que a verdadeira razón pola que o chamou até Paquistán é para que rescate a Sohrab, o fillo de Hassan, que se atopa nun orfanato de Cabul.
Amir, acompañado de Farid, un condutor afgán e veterano na guerra contra os soviéticos, vai na busca de Sohrab. Cando chegan a Cabul descobren que os talibáns van a miúdo ó orfanato, danlle cartos e adoitan levar algunha nena con eles. Ocasionalmente, escollen un neno, e Sohrab foi o máis recente que levaron. O director do orfanato cóntalle a Amir como atopar o oficial que o levou, e Farid consegue unha cita na súa casa alegando ter "negocios persoais" con el.
Amir reúnese con este home, que resulta ser Assef. Sohrab está retido na casa de Assef. Assef acepta renunciar a Sohrab se Amir consegue vencelo nunha loita. Assef malla brutalmente en Amir, crebándolle varios ósos, até que Sohrab usa o seu tiracoios para incrustarlle unha pedra no ollo de Assef. Sohrab axuda a Amir a saír da casa, e cando se quere dar conta Amir esperta nun hospital.
Amir cóntalle a Sohrab os seus plans de levalo canda el a América e posiblemente adoptalo. Porén, as autoridades estadounidenses requiren probas documentais de que Sohrab é realmente orfo. Amir cóntalle a Sohrab que debe regresar a un orfanato durante un curto período de tempo xa que atoparon un problema no proceso de adopción, e Sohrab, terriblemente arrepiado coa idea de volver, intenta suicidarse. Amir consegue atopar o xeito de levalo ós Estados Unidos. Despois da adopción, Sohrab rexeita calquera interacción con Amir ou Soraya até que redescobre o pracer de voar papaventos e os vellos trucos de Hassan nos combates aéreos. Ó final Sohrab sorrí lixeiramente, pero Amir corre a recoller a cometa que gañaron mentres lle di a Sohrab: "Por ti, faríao mil veces máis".
Personaxes
editar- Amir é o narrador da novela. Khaled Hosseini recoñeceu que a personaxe é "un covarde inverosímil que non axudou ó seu mellor amigo" durante gran parte da historia; consecuentemente, Hosseini elixiu crear simpatía por Amir polas circunstancias que vive, e non pola súa personalidade, no último terzo do libro.[18] Nado no seo dunha familia pashto en 1963, a súa nai morreu dando a luz. De neno, gustáballe a narración de contos, e é animado por Rahim Khan para que se converta en autor. Con 18 anos, el e o seu pai voan ós Estados Unidos fuxindo da invasión soviética de Afganistán, onde persegue o seu soño de converterse en escritor.
- Hassan é o mellor amigo de infancia de Amir. É descrito con cara de boneca chinesa, ollos verdes e beizo leporino. Hosseini considérao unha personaxe plana en termos de desenvolvemento; é "un rapaz encantador ó que apoias e amas pero non é complicado".[19] Eventualmente, o lector descobre que Hassan é de feito o fillo de Baba e Sanaubar, malia que Hassan non o descobre xamais. Ademais, isto convertería a Hassan nun pashto segundo a lei tribal e non un hazara. Ironicamente, sofre os abusos de Assef por mor da súa orixe, aínda que Hassan e el son medio pashtos. Hassan é posteriormente asasinado polos talibáns ó opoñerse a abandonar a propiedade de Amir.
- Assef é o fillo dun rico pashto e unha muller alemá. Cre que os pashtos son superiores ós hazaras, aínda que el mesmo non é totalmente pashto. De adolescente, é o abusón do barrio e séntese fascinado por Adolf Hitler e o nazismo. É descrito como un "sociópata" por Amir. Viola a Hassan para vingarse de Amir. De adulto, únese ós talibáns e abusa sexualmente do fillo de Hassan, Sohrab.
- Baba é o pai de Amir e un adiñeirado home de negocios que axuda á comunidade creando negocios para outros e construíndo un novo orfanato. É o pai biolóxico de Hassan, un feito que oculta ós seus dous fillos, e favoréceo por enriba de Amir. Ó igual que o pai de Hosseini,[13] Baba non respalda a relixiosidade que esixen nas clases de relixión ás que asistiu Amir na escola. Nos seus derradeiros anos, despois de voar ós Estados Unidos, traballa nunha gasolineira. Morre por mor dun cancro en 1987, pouco despois da voda de Amir e Soraya.
- Ali é o servente de Baba, un hazara que fai de pai para Hassan. Na súa xuventude, o pai de Baba adoptouno despois de que os seus pais morresen por mor dun condutor bébedo. Antes dos eventos da novela, Ali padeceu de poliomielite, polo que a súa perna dereita quedou inservible. Por este motivo, Ali é atormentado constantemente polos rapaces da vila. Posteriormente morre por unha mina en Hazarajat.
- Rahim Khan é o amigo leal de Baba e o seu compañeiro de negocios, así como o mentor de Amir. Rahim persuade a Amir para ir a Paquistán para dicirlle que Hassan é o seu medio irmán e que debe rescatar a Sohrab.
- Soraya é unha muller afgá coa que Amir casa nos Estados Unidos. Nun principio, Hosseini escribiu a personaxe como unha muller americana, pero posteriormente accedeu a rescribila como unha inmigrante afgá despois de que o seu editor non atopase crible o seu papel na historia.[20] Este cambio supuxo unha extensiva revisión da terceira parte da novela.[20] Na versión final, Soraya vive cos seus pais, o xeneral afgán Taheri e a súa muller, e quere converterse en mestra de inglés. Antes de coñecer a Amir, fuxiu cun mozo que tiña en Virxinia, e isto segundo a tradición afgá facía que non puidese casar. Xa que Amir tamén ten unha historia da que se arrepinte, ámaa e casa con ela de todos xeitos.
- Sohrab é o fillo de Hassan. Despois de que os seus fosen asasinados e fose enviado a un orfanato, Assef mércao e abusa del. Amir sálvao e despois adóptao. Despois de chegar ós Estado Unidos, adáptase pouco a pouco á súa nova vida. Sohrab garda unha gran semellanza co seu pai Hassan.
- Sanaubar é a muller de Ali e a nai de Hassan. Pouco despois de nacer Hassan, abandona o fogar e únese a un grupo de bailaríns itinerantes. Regresa xunto a Hassan cando é adulto. Para compensar a súa ausencia como nai, actúa como avoa para Sohrab, o fillo de Hassan.
- Farid é o condutor de taxi que nun principio é hostil con Amir, pero despois fanse amigos. Dous dos sete fillos de Farid morreron por mor dunha mina terrestre, un desastre que lle mutilou tres dedos da súa man esquerda e algunhas dedas nos pés. Despois de pasar a noite na casa do irmán de Farid e a súa familia, Amir agocha un feixe de cartos debaixo do colchón para axudalos.
Temas
editar"Grazas a que os temas da amizade, a traizón, a culpa, a redención e o amor complexo entre pais e fillos son universais, e non especificamente afgáns, o libro foi quen de superar fendas culturais, raciais, relixiosas e de xénero para resoar en lectores de diferentes orixes".[21]Khaled Hosseini, 2005[4]
Khaled Hosseini identifica un certo número de temas que aparecen en O cazador de papaventos, mais os críticos centráronse na culpa e na redención.[11][13][22] De neno, Amir non consegue salvar a Hassan nun acto de covardía e despois sofre por unha culpa que o consome todo. Mesmo despois de deixar o país cara ós Estados Unidos, despois de casar e de converterse nun exitoso escritor, non é quen de esquecer o incidente. Hassan é "a figura de Xesucristo que fai tódolos sacrificios, e quen, ata na morte, chama a Amir á redención".[22] Despois da morte de Hassan a mans dos talibáns, Amir comeza a redimirse a través do rescate do fillo de Hassan, Sohrab.[23] Hosseini debuxa paralelismos durante a busca de Sohrab para crear unha impresión de xustiza poética; por exemplo, Amir quedou cun beizo partido despois de ser brutalmente zoupado, igual que o beizo leporino de Hassan.[23] Malia isto, algúns críticos puxeron en cuestión se o protagonista conseguiu redimirse completamente.[24]
A motivación de Amir para a súa traizón infantil está enraizada nas súas inseguridades na súa relación co seu pai.[25] A relación entre pais e fillos é un tema prominente na novela, e nunha entrevista, Hosseini declarou:
"Ámbolos dous [O cazador de papaventos e Un milleiro de soles espléndidos] son multixeracionais, polo que a relación entre pai e fillo, con tódalas súas complexidades e contradicións, é o tema prominente. Non o pretendía, pero parece que estou moi interesado na forma en que os pais e os fillos se aman, decepcionan e, finalmente, se honran. Dalgún xeito, as dúas novelas son corolarios: O cazador de papaventos era unha historia de pai e fillo, e Un milleiro de soles espléndidos pode considerarse unha historia de nai e filla".[3][26]
Cando se fixo a adaptación ó teatro, o director Eric Rose afirmou que se sentiu atraído pola narrativa do "tema de traizoar ó teu mellor amigo polo amor do teu pai", que comparou coa literatura de Shakespeare.[27] Ó longo da historia, Amir devece polo agarimo do seu pai;[25] o seu pai quere a Amir pero favorece a Hassan,[23] chegando a pagar a cirurxía plástica para arranxar o beizo leporino deste último.[28]
Acollida da crítica
editarXeral
editarNos primeiros dous anos despois da publicación, vendéronse 70 000 copias en tapas duras e 1 250 000 en versión de peto.[4] Malia que a versión en tapas duras vendeuse ben, a popularidade do "Cazador de papaventos non despegou realmente até 2004, cando se lanzou a versión de peto, que é cando os clubs de libros comezaron a coñecelo."[11] Comezou a aparecer nas listas de mellor vendidos en setembro de 2004 e converteuse no número un da lista de mellor vendidos de New York Times en marzo de 2005,[4] mantendo o seu lugar na lista durante dous anos.[5] Coa publicación da terceira novela de Khaled Hosseini en 2013, xa se venderan máis de sete millóns de copias nos Estados Unidos.[6] O libro recibiu o premio Boeke surafricano en 2004. Foi votado como o Libro do Grupo de Lectura en 2006 e 2007 e encabezou a lista dos 60 títulos presentados ó premio Penguin/Orange Reading Group (no Reino Unido).[30][31]
O libro foi ben recibido pola crítica, aínda que foi controvertido. Erika Milvy de Salon loouno como "fermosamente escrito, sorprendente e angustiante".[32] Tony Sims de Wired Magazine escribiu que o libro "revela a beleza e agonía dunha nación atormentada, xa que conta a historia dunha amizade inverosímil entre dous nenos de extremos opostos da sociedade e da relación problemática pero duradeira entre un pai e un fillo".[33] Amelia Hill de The Guardian comentou que "O cazador de papaventos é a rompedora primeira novela de Khaled Hosseini" que "é ó mesmo tempo devastadora e inspiradora".[25] Unha análise favorable moi semellante foi publicada por Publishers Weekly.[15] A directora de mercadotecnia Melissa Mytinger subliñou que "É sinxelamente unha historia excelente. Gran parte dela está baseada nun mundo que non coñecemos, un mundo que apenas estamos empezando a coñecer. Ben escrito, publicado no 'momento correcto' por un autor que é encantador e reflexivo nas súas aparicións persoais polo libro."[4] O actor indio-estadounidense Aasif Mandvi concordou que o libro é unha "historia abraiante. ... É sobre os dereitos humanos. É sobre redención e a redención é un tema poderoso."[11] A Primeira Dama Laura Bush comentou que a historia era "realmente xenial".[29] Said Tayeb Jawad, embaixador afgán nos Estados Unidos, declarou publicamente que O cazador de papaventos podería axudar ó público estadounidense a entender mellor a sociedade e cultura afgás.[11]
Edward Hower de The New York Times analizou deste xeito o retrato de Afganistán antes e despois dos talibáns:
A representación de Hosseini do Afganistán prerrevolucionario como é rica en calor e humor pero tamén tensa polas friccións entre os diferentes grupos étnicos do país. O pai de Amir, ou Baba, personifica todo o que é imprudente, valente e arrogante no seu pobo pashto ... O fío argumental da novela vólvese escuro cando Hosseini describe o sufrimento do seu país baixo a tiranía dos talibáns, os que se encontra Amir cando finalmente volve a casa, coa esperanza de axudar a Hassan e a súa familia. A parte final do libro está chea de imaxes asombrosas: un home, desesperado por alimentar os seus fillos, tentando vender a súa perna ortopédica nun mercado; unha parella adúltera lapidada até a morte nun estadio durante o medio tempo dun partido de fútbol; un rapaz novo forzado á prostitución, bailando os pasos de baile que realizou unha vez o mono dun organista.[28][34]
Meghan O'Rouke, crítica cultural e editora para Slate Magazine atopou O cazador de papaventos mediocre e escribiu "Esta é unha novela que se esforza simultaneamente en entregar un retrato informativo a grande escala e escenificar un pequeno drama redentor, pero a súa alegoría terapéutica de recuperación só pode minar as súas ambicións realistas. A xente experimenta as súas vidas no contexto da súa cultura e, mentres Hosseini non se limita a soamente exotizar a Afganistán como un lugar monolítico estranxeiro, fai tanto traballo para facer a súa novela emocionalmente accesible ó lector estadounidense que case non hai espazo, e ó cabo, para que consideremos durante moito tempo o que podería diferenciar ós afgáns e ós estadounidenses".[29] Sarah Smith de The Guardian coidou que a novela comezou ben pero que tendeu a vacilar contra o remate. Ela sentiu que Hosseini estaba demasiado concentrado en redimir completamente o protagonista na Parte III e ó facelo creou demasiadas coincidencias pouco realistas que lle deron a Amir a desfacer os erros do seu pasado.[23]
Controversias
editarO cazador de papaventos foi acusado de 'dificultar' o entendemento occidental dos talibáns ó representar os seus membros como representantes de varios males e doutrinas sociais, os cales os talibáns e os seus partidarios non consideran típicos, e que retratan ós talibáns cunha luz desfavorable. Exemplos disto poderían ser: a pedofilia, o nazismo, o abuso de substancias e o sadismo de Assef, así como o feito de que el sexa un executador.[35] A American Library Association declarou que O cazador de papaventos foi un os máis libros máis desafiados de 2008, con múltiples intentos de eliminalo das bibliotecas por mor da súa "linguaxe ofensiva, [contido] sexual explícito, e non apto para calquera idade."[36] Os lectores afgáns estadounidenses foron particularmente hostís á representación que se fixo dos pashtos como opresores e dos hazaras como oprimidos.[13] Hosseini respondeu nunha entrevista, "Nunca din que estou falando de cousas que non son certas. A súa teima é, 'Por que tes que falar sobre estas cousas e avergoñarnos? Non amas o teu país?'"[13]
O filme xerou moita controversia pola escena de violación de 30 segundos de duración, con ameazas cara ós nenos actores que se fixeron dende Afganistán.[32] Zekeria Ebrahimi, o neno de doce anos que interpretou a Amir, tivo que cambiar de escola despois de que os seus compañeiros hazaras o ameazasen de morte,[37] e Paramount Pictures foi eventualmente forzado a trasladar a tres dos nenos ós Emiratos Árabes Unidos.[32] O Ministro de Cultura de Afganistán prohibiu o filme nos cinemas e nas tendas de DVD, citando a posibilidade de que a escena de violación por razóns étnicas podía incitar a violencia racial dentro de Afganistán.[38]
Adaptacións
editarCinema
editarCatro anos despois da súa publicación, O cazador de papaventos foi adaptado ó cinema nun filme protagonizado por Khalid Abdalla no papel de Amir, Homayoun Ershadi no papel de Baba e Ahmad Khan Mahmoodzada como Hassan. Orixinalmente, estaba prevista a súa estrea en novembro de 2007, pero a data de estrea foi posposta seis semanas para evacuar ós nenos afgáns que actuaron no filme despois de que recibisen ameazas de morte.[39] Dirixido por Marc Forster e con guión de David Benioff, o filme gañou numerosos premios e foi nomeado ós Premios Oscar, ós BAFTA e ós Premios da Crítica Cinematográfica en 2008.[40] As críticas foron polo xeral positivas, e Entertainment Weekly cualificou o resultado final como "bastante bo",[41] mais a representación de tensións étnicas e a controvertida escena da violación causaron indignación en Afganistán.[39] Hangama Anwari, o comisario de dereitos infantís da Comisión de Dereitos Humanos de Afganistán declarou que "Non deben xogar coa vida e a seguridade das persoas. O pobo hazara tomarao como un insulto"[39]
Hosseini sorprendeuse pola controversia xerada pola escena de violación e amosouse contrario a que nenos afgáns a interpretasen se os estudios sabían que as súas vidas podían estar ameazadas.[32] El cría que a escena era necesaria para "manter a integridade" da historia, xa que un ataque físico por si só non afectaría tanto ó público.[32]
Outros
editarA novela foi adaptada ó teatro en marzo de 2007 por Matthew Spangler, sendo representada por vez primeira na Universidade Estatal de San Jose.[42] Dous anos despois, David Ira Goldstein, director artístico da Compañía de Teatro de Arizona, organizou unha representación no Teatro de San Jose. A obra foi producida pola compañía en 2009, por Actor's Theatre of Louisville e Cleveland Play House en 2010, e por The New Repertory Theatre de Watertown, Massachusetts en 2012. A obra estreouse nos teatros do Canadá como unha coprodución entre Theatre Calgary e Citadel Theatre en xaneiro de 2013. En abril de 2013, a obra estreouse en Europa en Nottingham Playhouse, con Ben Turner no papel protagonista.[43]
Hosseini foi abordado por Piemme, a súa editorial italiana, para converter O cazador de papaventos nunha novela gráfica en 2011. Sendo "un fan da banda deseñada dende neno", mantívose aberto á idea, crendo que a novela era unha boa candidata para ser presentada nun formato visual.[33] Fabio Celoni proporcionou os ilustradores para o proxecto e mantivo informado regularmente a Hosseini dos progresos antes do lanzamento en setembro dese mesmo ano.[33] Hosseini amosouse compracido polo produto final e declarou "Creo que o traballo de Fabio Celoni dota de vida non só as montañas, os bazares, a cidade de Cabul e os seus ceos inzados de papaventos, senón tamén as moitas loitas, conflitos e altos e baixos emocionais da viaxe de Amir."[33]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 O cazador de papaventos. Traducido por María Pardo Vuelta (1ª ed.). Barcelona: Edicións Xerais. 2008. ISBN 9788496929708 – vía Biblioteca da Tradución Galega.
- ↑ Noor, R.; Hosseini, Khaled (setembro-decembro de 2004). "The Kite Runner". World Literature Today 78 (3/4): 148. doi:10.2307/40158636.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Book Browse, ed. (2007). "An interview with Khaled Hosseini". Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Guthmann, Edward (14 de marzo de 2005). San Francisco Chronicle, ed. "Before 'The Kite Runner,' Khaled Hosseini had never written a novel. But with word of mouth, book sales have taken off". Consultado o 30 de xullo de 2013.
- ↑ 5,0 5,1 Italie, Hillel (19 de outubro de 2012). NBC News, ed. "‘Kite Runner’ author to debut new novel next year". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2013. Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ 6,0 6,1 NPR, ed. (19 de maio de 2013). "Siblings' Separation Haunts In 'Kite Runner' Author's Latest". Consultado o 3 de agosto de 2013.
- ↑ Haviland, Charles (18 de setembro de 2007). "Kite Runner flies into controversy". BBC News, Cabul. Consultado o 11 de maio de 2018.
- ↑ Jain, Saudamini (24 de maio de 2013). Hindustan Times, ed. "COVER STORY: the Afghan story teller Khaled Hosseini". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Miller, David (7 de xuño de 2013). Loveland Magazine, ed. "Khaled Hosseni author of Kite Runner talks about his mistress: Writing". Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2013. Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Radio Free Europe, ed. (21 de xuño de 2012). "'Kite Runner' Author On His Childhood, His Writing, And The Plight Of Afghan Refugees". Consultado o 30 de xullo de 2013.
- ↑ 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 11,11 11,12 11,13 Wilson, Craig (18 de abril de 2005). USA Today, ed. "'Kite Runner' catches the wind". Consultado o 30 de xullo de 2013.
- ↑ Grossman, Lev (17 de maio de 2007). Time Magazine, ed. "The Kite Runner Author Returns Home". Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2008. Consultado o 30 de xullo de 2013.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 Young, Lucie (19 de maio de 2007). Telegraph.co.uk, ed. "Despair in Kabul". Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ Mehta, Monica (6 de xuño de 2003). Entertainment Weekly, ed. "The Kite Runner". Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2014. Consultado o 11 de agosto de 2013.
- ↑ 15,0 15,1 Publishers Weekly, ed. (12 de maio de 2003). "The Kite Runner". Consultado o 1 de agosto de 2013.
- ↑ Tonkin, Boyd (28 de febreiro de 2008). The Independent, ed. "Is the Arab world ready for a literary revolution?". Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2013. Consultado o 11 de agosto de 2013.
- ↑ Deutsch, Lindsay (28 de febreiro de 2013). USA Today, ed. "Book Buzz: 'Kite Runner' celebrates 10th anniversary". Consultado o 11 de agosto de 2013.
- ↑ Kakutani, Michiko (29 de maio de 2007). The New York Times, ed. "A Woman's Lot in Kabul, Lower Than a House Cat's". Consultado o 2 de agosto de 2013.
- ↑ Hoby, Hermione (31 de maio de 2013). The Guardian, ed. "Khaled Hosseini: 'If I could go back now, I'd take The Kite Runner apart'". Consultado o 1 de agosto de 2013.
- ↑ 20,0 20,1 Wyatt, Edward (15 de decembro de 2004). The New York Times, ed. "Wrenching Tale by an Afghan Immigrant Strikes a Chord". Consultado o 2 de agosto de 2013.
- ↑ Traducido do orixinal: "Because its themes of friendship, betrayal, guilt, redemption and the uneasy love between fathers and sons are universal, and not specifically Afghan, the book has been able to reach across cultural, racial, religious and gender gaps to resonate with readers of varying backgrounds".
- ↑ 22,0 22,1 Rankin-Brown, Maria (7 de xaneiro de 2008). Spectrum Magazine, ed. "The Kite Runner: Is Redemption Truly Free?". Consultado o 1 de agosto de 2013.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 Smith, Sarah (3 de outubro de 2003). The Guardian, ed. "From harelip to split lip". Consultado o 1 de agosto de 2013.
- ↑ Thompson, Harvey (25 de marzo de 2008). WSWS, ed. "The Kite Runner: the Afghan tragedy goes unexplained". Consultado o 1 de agosto de 2013.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 Hill, Amelia (6 de setembro de 2003). The Guardian, ed. "An Afghan hounded by his past". Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ Traducido do orixinal: Both [The Kite Runner and A Thousand Splendid Suns] are multigenerational, and so the relationship between parent and child, with all of its manifest complexities and contradictions, is a prominent theme. I did not intend this, but I am keenly interested, it appears, in the way parents and children love, disappoint, and in the end honor each other. In one way, the two novels are corollaries: The Kite Runner was a father-son story, and A Thousand Splendid Suns can be seen as a mother-daughter story.
- ↑ Roe, John (4 de febreiro de 2013). Calgary Herald, ed. "The Kite Runner". Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2014. Consultado o 1de agosto de 2013.
- ↑ 28,0 28,1 Hower, Edward (3 de agosto de 2003). The New York Times, ed. "The Servant". Consultado o 1 de agosto de 2013.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 O'Rourke, Meghan (25 de xullo de 2005). Slate Magazine, ed. "Do I really have to read 'The Kite Runner'?". Consultado o 30 de xullo de 2013.
- ↑ Lea, Richard (7 de agosto de 2006). The Guardian, ed. "Word-of-mouth success gets reading group vote". Guardian News and Media Limited. Consultado o 11 de agosto de 2013.
- ↑ Pauli, Michelle (15 de agosto de 2007). guardian.co.uk, ed. "Kite Runner is reading group favourite for second year running". Londres. Consultado o 23 de abril de 2009.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 Milvy, Erika (9 de decembro de 2007). "The "Kite Runner" controversy". Salon. Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ 33,0 33,1 33,2 33,3 Sims, Tony (30 de setembro de 2011). Wired, ed. "GeekDad Interview: Khaled Hosseini, Author of The Kite Runner". Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ Traducido do orixinal:Hosseini's depiction of pre-revolutionary Afghanistan is rich in warmth and humor but also tense with the friction between the nation's different ethnic groups. Amir's father, or Baba, personifies all that is reckless, courageous and arrogant in his dominant Pashtun tribe ... The novel's canvas turns dark when Hosseini describes the suffering of his country under the tyranny of the Taliban, whom Amir encounters when he finally returns home, hoping to help Hassan and his family. The final third of the book is full of haunting images: a man, desperate to feed his children, trying to sell his artificial leg in the market; an adulterous couple stoned to death in a stadium during the halftime of a football match; a rouged young boy forced into prostitution, dancing the sort of steps once performed by an organ grinder's monkey.
- ↑ Sengupta, Kim (24 de outubro de 2008). The Independent Books, ed. "Butcher and Bolt, By David Loyn". Londres. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2011. Consultado o 4 de xullo de 2009.
- ↑ ALA Issues and Advocacy (ed.). "Top ten most frequently challenged books of 2008, by ALA Office of Intellectual Freedom". Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2009. Consultado o 11 de agosto de 2013.
- ↑ Soraya Sarhaddi Nelson (2 de xullo de 2008). All Things Considered, ed. "'Kite Runner' Star's Family Feels Exploited By Studio". National Public Radio.
- ↑ The New York Times, ed. (16 de xaneiro de 2008). "'The Kite Runner' Film Outlawed in Afghanistan". Consultado o 10 de marzo de 2010.
- ↑ 39,0 39,1 39,2 Halbfinger, David (4 de outubro de 2007). The New York Times, ed. "'The Kite Runner' Is Delayed to Protect Child Stars". Consultado o 1 de agosto de 2013.
- ↑ goldenglobes.org, ed. (13 de decembro de 2007). "Hollywood Foreign Press Association 2008 Golden Globe Awards". Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2007. Consultado o 2 de agosto de 2013.
- ↑ Schwarzbaum, Lisa (9 de xaneiro de 2008). Entertainment Weekly, ed. "The Kite Runner". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2014. Consultado o 1 de agosto de 2013.
- ↑ Spartan Daily, ed. (22 de febreiro de 2007). "'Kite Runner' floats across SJSU stage on Friday night". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 23 de abril de 2009.
- ↑ Liverpool Confidential, ed. (25 de xuño de 2013). "Review: The Kite Runner/Liverpool Playhouse". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2013. Consultado o 27 de xuño de 2013.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Páxina oficial do autor Khaled Hosseini (en inglés)
- Khaled Hosseini sobre O cazador de papaventos en World Book Club da BBC (en inglés)
- Artigo sobre a novela en Let's Talk about Bollywood (en inglés)
- Extractos: Extracto en ereader.com (en inglés) Excerpt at litstudies.org Extracto en today.com (en inglés)
- Perfil do libro en Book Drum (en inglés)