A xustiza poética é un recurso literario mediante o que a virtude é finalmente recompensada ou o vicio castigado, normalmente mediante un cambio de fortuna irónico relacionado coa propia conduta do personaxe.

O termo foi inventado polo crítico dramático Tomas Rymer en Traxedias da Idade Pasada Consideradas (Tragedies of the Last Age Considered, 1678) para describir como unha obra debía inspirar un comportamento moral adecuado no seu público mostrando o triunfo do ben sobre o mal.

Na antigüidade aceptábase xeralmente que a literatura debía reflectir un punto de vista moral e que unha obra literaria debería premiar aos virtuosos e castigar aos malvados. Esta demanda aparece en Horacio, Plutarco ou Quintiliano e Philip Sidney en Defensa da Poesía (A Defense of Poesy) argumentaba, como Aristóteles, que a xustiza poética era, de facto, a razón pola que se debía permitir a ficción nunha nación civilizada.

Cara finais do século XVII perdeu favor entre os literatos e algúns rexeitáronna explicitamente, como Corneille ou Addison. Porén, é frecuente que os lectores e espectadores esperen que se produza certo sentido de xustiza - como mínimo que o malvado reciba o seu merecido e preferentemente da man do que utilizou para facer mal.