Noble (moeda escocesa)
Noble é a denominación de senllas moedas escocesas de ouro e de prata, a primeira delas introducida en 1357 polo rei David II (1329-1371) e a segunda cuñada por primeira vez por Xacobe VI (1567-1625) antes de acceder ao trono de Inglaterra.[1]
Noble de ouro
editarDavid II (1329-1371)
editarNa súa reforma monetaria de 1357, David II introduciu no sistema monetario escocés dúas novas moedas: o groat de prata e o noble, como primeira moeda de ouro do país. No mesmo ano, Adam Tor, o responsable da Casa da Moeda de Edimburgo, recibiu a encarga de ocuparse das cuñaxes dos dous novos valores. Nos libros de contas da ceca figura unha mención a "James Mulekyn, de Florencia", como mestre gravador en Escocia, probablemente autor dos cuños de ambas as moedas.[2]
O noble escocés de ouro foi creado tomando como base o noble inglés cuñado a partir de 1354 por Eduardo III de Inglaterra (1327-1377), que se caracterizaba pola figura do rei sobre un navío no anverso, en pé e cunha espada e o escudo coas armas de Inglaterra e de Francia, e unha cruz ornamentada no reverso, con leóns coroados nos seus cuarteis.[1][3][4][5]
A moeda escocesa, poucos anos posterior, retomou a mesma tipoloxía, aínda que cunha notable modificación no anverso: no escudo que sostén o rei sobre o navío, en lugar das armas inglesas e francesas introduciuse por vez primeira nunha moeda o característico león rampante das armas escocesas, que fora introducido por Guillerme I (1165-1214).[2][6] A lenda que rodea os motivos do anverso é + DAVID: DEI: GRA: REX: SCOTOROTVM ("David, pola graza de Deus, rei dos escoceses") e a do reverso coincidía exactamente coa do noble inglés: + IHC AUTEM TRANSIENS PER MEDIUM ILLORUM IBAT ("Mais Xesús, pasando entre eles, marchou").[7][8]
O noble tiña un peso de 120 grans troy (ca. 7,77 gramos) e un diámetro de 36 milímetros. Estaba cuñado en ouro cunha lei de 23,875 quilates e tiña un valor de 6 xilins e 8 peniques ou, o que é o mesmo, un terzo da libra escocesa.[6][8]
Coñécense unicamente sete exemplares desta moeda, que se conservan nas coleccións numismáticas do Museo Hunterian[9] (Glasgow), do Museo Nacional de Escocia[10] (Edimburgo); do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico[11] (Londres) e do Museo Ashmolean (Oxford).[8][6]
Xacobe VI (1567-1625)
editarLion noble
editar- Véxase tamén: Lion (moeda escocesa)
Logo de tres séculos de existencia doutras diversas moedas de ouro no sistema monetario escocés (lion, unicorn, hatpiece, sword & sceptre etc.) Xacobe VI retomou o noble na súa cuarta serie de emisións, coa cuñaxe en 1584 do chamado lion noble. O anverso desta nova moeda está caracterizado pola figura dun gran león coroado en posición sedente, cunha espada e un cetro en senllas gadoupas dianteiras, rodeado pola lenda POST 5 & 100 PROA' INVICTA MANENT HEC. No reverso reprodúcese unha cruz cuxos brazos están formados polo monograma I R (Iacobus rex) e un S no centro, coa lenda DEVS IVDICIVM TVVM REGI DA e o ano de emisión.[12][13][14]
O valor desta moeda era de 3 libras escocesas e 15 xilins (ou 75 xilins escoceses). Medía 31,8 mm de diámetro e tiña un peso de 78,5 grans (ca. 5 gramos).[13]
Thistle noble
editarXa na quinta serie de emisións, no período 1588-1590, Xacobe VI emitiu novamente o noble, denominado agora thistle noble, pola presenza no reverso do cardo (thistle), un dos símbolos nacionais de Escocia.[15] Esta nova moeda retoma a figura do navío no anverso, sobre a que agora aparece un grande escudo co león rampante escocés, rodeada pola lenda · IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX · SCOTORVM · ("Xacobe VI, pola graza de Deus, rei dos escoceses"). No reverso amósase unha cruz formada por cetros, cun cardo no centro, rodeado por catro coroas, cardos e leóns rampantes, coa lenda FLORENT · SCEPT · PIIS · REGNA · HIS · IOVA · DAT · NVMERATQ · ("Os cetros florecen cos piadosos, Xehová dálles reinos e numéraos").[16]
O valor do thistle noble era de 146 xilins e 8 peniques (equivalente a 11 merks ou a 22/3 de libra escocesa). A moeda tiña un peso de 7,63 gramos e un diámetro de 36 mm.[16]
O gravador dos cuños foi Thomas Foulis.[17]
Noble de prata
editarNoble de prata de Xacobe VI | |
---|---|
IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX ·SCOTORVM ·. Armas reais coroadas. 6 - 8. | · SALVVM · FAC · POPVLVM · TVVM ·DNE ·. Cruz con coroas e cardos, e estrela no centro. |
Noble (= ½ merk). 1577. AG. 32 mm. 6,57 g. [18] |
A mesma denominación de noble recibiuna tamén outra moeda, de prata, cuñada por vez primeira no marco da segunda serie de emisións a nome de Xacobe VI, ininterrompidamente entre 1572 e 1580. O valor inicial do noble de prata era de 6 xilins e 8 peniques (= medio merk ou 1/3 de libra escocesa), polo que coincidía co do primeiro noble de ouro, de David II.[19] O seu peso era de 105 grans (ca. 6,80 gramos).[1]
A lenda do anverso é · IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX ·SCOTORVM · ("Xacobe VI, pola graza de Deus, rei dos escoceses") e o motivo principal é un grande escudo coas armas escocesas, flanqueado pola marca de valor 6 - 8 (6 xilins e 8 peniques). No reverso represéntase unha cruz ornamentada, cunha estrela no centro e con coroas e cardos alternando entre os seus cuarteis; a súa lenda é · SALVVM · FAC · POPVLVM · TVVM ·DNE · ("Oh, Señor! Salva o teu pobo").[19]
Nos mesmos anos e tamén ininterrompidamente cuñouse tamén a moeda fraccionaria de medio noble, coa metade de peso e valor.[1] A súa tipoloxía é idéntica á do noble, coas únicas excepcións do seu diámetro (25 mm fronte aos 32 mm do noble) e da marca de valor, que neste caso é 3 - 4 (3 xilins e 4 peniques, ou 1/3 de merk, ou 1/6 de libra escocesa).[20]
Cuñaron tamén pezas dun nobre de prata (ou ½ merk) Carlos I (entre 1636 e 1638)[21] e Carlos II (entre 1664 e 1775)[22].[1]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Noble 2". En Frey, A. R. (1916). Páxina 160.
- ↑ 2,0 2,1 Stewart, I. (1955). Páxinas 25-34.
- ↑ "Noble Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915). Páxinas 340-341.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Noble". Páxina 132.
- ↑ "1 Noble - Edward III". Numista.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Grueber, H. (1899). Páxina 167.
- ↑ Tomada do Evanxeo de Lucas, 4:30.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 "1 Noble - David II". Numista.
- ↑ Fotografía da moeda: "anverso Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine." e "reverso Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Hunterian Museum.
- ↑ Ficha da moeda: "anverso Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine." e "reverso Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". National Museums Scotland.
- ↑ "Ficha da moeda". The British Museum.
- ↑ "Fourth Coinage: Lion Nobles". E n Holmes, N. M. McQ. (2006). Láminas 54-55.
- ↑ 13,0 13,1 "Modern coin - HCR41678: Lion Noble". Ashmolean Museum. Oxford.
- ↑ Ficha da moeda Arquivado 31 de agosto de 2020 en Wayback Machine.". National Museums Scotland.
- ↑ "Noble al cardo (Noble au Chardon - Thistle Noble Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915). Páxina 341.
- ↑ 16,0 16,1 "[https://en.numista.com/catalogue/pieces53498.html 1 Thi stle Noble - James VI 5th Coinage]". Numista.
- ↑ Grueber, H. (1899). Páxina 192.
- ↑ "½ Merk - James VI". Numista.
- ↑ 19,0 19,1 "½ Merk - James VI 2nd Coinage". Numista.
- ↑ "¼ Merk - James VI 2nd Coinage". Numista.
- ↑ "½ Merk - Charles I". Numista.
- ↑ "½ Merk - Charles II". Numista.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
- Bateson, D, (1987). Scottish Coins. Shire Publications Ltd. ISBN 0-85263-847-7
- Burns, E. (1887). The Coinage of Scotland. Volume I, volume II, volume III. Black, Edimburgo.
- De Cardonnel, A. (1786). Numismata Scotiæ or a series of the scottish coinage, from the reign of William the Lion to the Union. Edimburgo. G. Nicol.
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
- Grueber, H. (1899). Handbook of the Coins of Great Britain and Ireland in the British Museum. Londres. [Reimpresión en 1970; ISBN 1-4021-1090-1]
- Holmes, N. (1998). Scottish Coins. Edimburgo. NMS Publishing. ISBN 1-901663-02-7
- Holmes, N. (2006). Sylloge of Coins of the British Isles. 58. Scottish Coins in the National Museum of Scotland, Edinburg. Part I. Oxford University Press. ISBN 0-19-726328-3
- Klütz, K. (2004). Münznamen und ihre Herkunft. Viena. Moneytrend Verlag. ISBN 3-9501620-3-8
- Mackay, J.; Mussel, J. (2016). Coin Price Guide to British Coins. Token Publishing Ltd.
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica.
- Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Coins of Scotland Ireland and the Islands. Sanford J. Durst. ISBN 978-0900652646
- Stewart, I. (1955). The Scottish Coinage. Londres. Spink & Son.