O número da Comisión de Encimas (Enzyme Commission) ou número EC é un esquema de clasificación numérica para os encimas baseado nas reaccións químicas que catalizan, elaborado pola Comisión de Encimas da Unión Internacional de Bioquímica e Bioloxía Molecular.[1] Como é parte dun sistema de nomenclatura de encimas, cada número EC está asociado cun nome recomendado para o encima respectivo.

Falando estritamente, os números EC non especifican encimas, senón máis ben reaccións catalizadas por encimas. Se distintos encimas (por exemplo de diferentes organismos) catalizan a mesma reacción, recibirán o mesmo número EC.[2] Polo contrario, existen tamén os identificadores UniProt, que especifican unha proteína só pola súa secuencia de aminoácidos.[3]

Formato do número EC

editar

Cada código de encima consta das letras "EC" seguidas de catro números separados por puntos. Os números representan a clasificación do encma en grupos progresivamente máis detallados.

Por exemplo, as tripéptido aminopeptidases teñen o código "EC 3.4.11.4", cuxos compoñentes significan que pertence ás seguintes clases de encimas:

  • EC 3. O primeiro número indica o primeiro nivel da clasificación, que consta de seis grandes clases de encimas. O número 3 corresponde ás hidrolases, é dicir, encimas que utilizan a auga para romper enlaces noutra molécula (hidrólise).
  • EC 3.4. O segundo número indica un subgrupo dentro das hidrolases. O grupo 4 corresponde ás hidrolases que actúan sobre enlaces peptídicos; por tanto, romperán enlaces peptídicos utilizando para facer dita reacción unha molécula de auga.
  • EC 3.4.11. O número 11 indica as hidrolases que rompen enlaces peptídicos rompendo o enlace do extremo amino terminal do polipéptido, polo que separan o aminoácido situado nese extremo.
  • EC 3.4.11.4. O número 4 final asígnase a aqueles encimas que hidrolizan os enlaces peptídicos polo extremo N-terminal concretamente de tripéptidos.

Códigos de nivel máis alto

editar
Códigos de nivel máis alto do número EC[4]
Grupo Reacción catalizada Reacción típica Exemplo(s) de encimas co seu nome común
EC 1
Oxidorredutases
Catalizan reaccións de oxidación-redución; transfiren átomos de H ou O ou electróns dunha substancia a outra AH + B → A + BH (reducida)
A + O → AO (oxidada)
Deshidroxenase, oxidase
EC 2
Transferases
Transfiren un grupo funcional dunha substancia a outra. O grupo pode ser metilo, acilo, amino ou fosfato. AB + C → A + BC Transaminase, quinase
EC 3
Hidrolases
Formation de dous produtos a partir dun substrato por medio dunha hidrólise AB + H2O → AOH + BH Lipase, amilase, peptidase
EC 4
Liases
Adición ou eliminación non hidrolítica de grupos dun substrato. Poden romper enlaces C-C, C-N, C-O ou C-S RCOCOOH → RCOH + CO2 ou [X-A-B-Y] → [A=B + X-Y] Descarboxilase
EC 5
Isomerases
Rearranxos intramoleculares, por exemplo, cambios nunha soa molécula que provocan isomerizacións AB → BA Isomerase, mutase
EC 6
Ligases
Unen dúas moléculas sintetizando novos enlaces covalentes C-O, C-S, C-N ou C-C co gasto simultáneo da enerxía do ATP X + Y+ ATP → XY + ADP + Pi Sintetase

Historia

editar

O esquema para a nomenclatura dos encimas empezou a desenvolverse en 1955, cando o Congreso Internacional de Bioquímica en Bruxelas creou a Comisión de Encimas. A primeira versión publicouse en 1961. A edición actual é a sexta, publicada pola Unión Internacional de Bioquímica e Bioloxía Molecular en 1992, e contén 3196 encimas distintos.

  1. Webb, Edwin C. (1992). Enzyme nomenclature 1992: recommendations of the Nomenclature Committee of the International Union of Biochemistry and Molecular Biology on the nomenclature and classification of enzymes (en inglés). International Union of Biochemistry and Molecular Biology by Academic Press - San Diego. ISBN 0-12-227164-5. [1]
  2. "ENZYME (Enzyme nomenclature database)". ExPASy. Consultado o 2006-03-14. 
  3. Apweiler R, Bairoch A, Wu CH, Barker WC, Boeckmann B, Ferro S, Gasteiger E, Huang H, Lopez R, Magrane M, Martin MJ, Natale DA, O'Donovan C, Redaschi N, Yeh LS (2004). "UniProt: the Universal Protein knowledgebase". Nucleic Acids Res. 32 (Database issue): D115–9. PMC 308865. PMID 14681372. doi:10.1093/nar/gkh131. 
  4. Moss, G.P. "Recommendations of the Nomenclature Committee". International Union of Biochemistry and Molecular Biology on the Nomenclature and Classification of Enzymes by the Reactions they Catalyse. Consultado o 2006-03-14. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar