Hidrolase
As hidrolases son unha clase de encimas que catalizan reaccións químicas de hidrólise, nas cales unha molécula de auga ataca e rompe un enlace, e que seguen a seguinte reacción xeral:
R-R' + H2O ⇌ R-OH + R'-H
Entre elas encóntranse as esterases, que hidrolizan enlaces éster, as peptidases, que hidrolizan enlaces peptídicos, as glicosidases, que hidrolizan enlaces glicosídicos, ou as fosfatases, que hidrolizan produtos fosfatados, separando un fosfato.
As hidrolases en xeral non necesitan a colaboración de coencimas para realizaren a súa catálise. Son activables por catións.
As hidrolases son abundantes nos lisosomas da célula. As hidrolases lisosómicas son hidrolases ácidas, xa que requiren un pH arredor de 5 para a súa activación. Están pechadas dentro da membrana impermeable para elas do lisosoma, xa que a súa liberación súpeta no citoplasma pode lisar a célula. Dentro do orgánulo realizan a dixestión celular.
Nomenclatura
editarOs nomes sistemáticos das hidrolases fórmanse así: substrato + hidrolase. Porén, os nomes comúns xeralmente son do tipo substrato + ase. Por exemplo, unha nuclease é unha hidrolase que rompe os enlaces entre os nucleótidos dun ácido nucleico.
Clasificación
editarAs hidrolases están clasificadas no grupo EC 3 de acordo co número EC da clasificación dos encimas. Para clasificalas en subclases hai que basearse no tipo de enlace que rompen. As subclases son:
- EC 3.1. Rompen enlaces éster (esterases, nucleases, fosfodiesterases, lipases, fosfatases)
- EC 3.2. Rompen enlaces entre azucres (ADN glicosilases, glicósido hidrolases)
- EC 3.3. Atacan enlaces éter.
- EC 3.4. Rompen enlaces peptídicos (Proteases/peptidases)
- EC 3.5. Hidrolizan enlaces carbono-nitróxeno diferentes dos enlaces peptídicos.
- EC 3.6. Rompen enlaces anhidro de ácidos (helicases e a GTPase)
- EC 3.7. Hidrolizan enlaces carbono-carbono.
- EC 3.8. Rompen enlaces haluro
- EC 3.9. Hidrolizan enlaces fósforo-nitróxeno.
- EC 3.10. Rompen enlaces xofre-nitróxeno.
- EC 3.11. Atacan os enlaces carbono-fósforo.
- EC 3.12. Hidrolizan os enlaces xofre-xofre.
- EC 3.13. Rompen enlaces carbono-xofre.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- EC 3 Introduction do Departamento de Química da Queen Mary, Universidade de Londres, só trata 3.1-3.4 (en inglés).
- More detailed taxonomy (en inglés).