Moeda dun billón de dólares

moeda hipotética de platino

A moeda dun billón de dólares estadounidenses (en inglés: trillion-dollar coin) é un concepto que xurdiu durante a crise do teito da débeda estadounidense de 2011 como un xeito de evitar que o Congreso dos Estados Unidos tivese que elevar o límite de endebedamento do país, mediante a cuñaxe de moedas de platino de moi alto valor. A finais de 2012, durante os debates sobre as negociacións do precipicio fiscal nos Estados Unidos e o reinicio das discusións sobre o teito da débeda, o concepto foi obxecto dunha maior atención por parte da opinión pública. Tras chegar aos titulares durante a semana do 7 de xaneiro de 2013, o uso do concepto de moeda dun billón de dólares foi finalmente rexeitado pola Reserva Federal e o Tesouro.[1]

Deseño proposto polo artista DonkeyHotey para o concepto de moeda dun billón de dólares estadounidenses.

O concepto da moeda dun billón de dólares reintroduciuse en marzo de 2020 en forma de proposta parlamentaria da congresista Rashida Tlaib,[2] durante o pechamento provocado pola pandemia de COVID-19 nos Estados Unidos. Tlaib pretendía financiar pagamentos mensuais de estímulo recorrentes de 2.000 dólares ata a fin da pandemia.[3]

A idea cobrou máis forza a finais de 2021 coas propostas do xornalista de Bloomberg Joe Weisenthal, entre outros, en medio da crise do teito de débeda dos Estados Unidos dese ano.[4]

Os comentarios sobre a idea da moeda dun billón de dólares rexurdiron a principios de 2023 logo das revelacións de que o presidente da Cámara de Representantes, Kevin McCarthy, acordara con algúns membros republicanos da Cámara utilizar o teito da débeda como panca para reducir o orzamento federal.[5]

Fundamento legal editar

A emisión de papel moeda está suxeita a diversas restricións contables e cuantitativas que non se aplican ás moedas de platino. Segundo a Casa da Moeda dos Estados Unidos, as moedas contabilízanse do seguinte xeito:[6]

Desde o ano fiscal 1996, a Casa da Moeda operou baixo o Fondo para Empresas Públicas da Casa da Moeda dos Estados Unidos (PEF). Segundo o autorizado pola Lei pública 104-52, o PEF elimina a necesidade de asignacións. Os ingresos procedentes da venda de moedas en circulación aos Bancos da Reserva Federal (FRB), de moedas de metais preciosos a compradores autorizados e de artigos numismáticos ao público e a outros clientes ingrésanse no PEF e serven para financiar as operacións da Casa da Moeda. Todos os gastos de funcionamento e os investimentos de capital en circulación, metais preciosos e numismática incorridos para as operacións e os programas da Casa da Moeda se pagan con cargo ao PEF. Por lei, todos os fondos do FCE están dispoñibles sen limitación de ano fiscal. Os ingresos que superan a cantidade requirida polo PEF transfírense ao Fondo Xeral do Tesouro dos Estados Unidos como ingresos orzamentarios e extraorzamentarios. Os ingresos extraorzamentarios consisten en señoriaxe, a diferenza entre os ingresos procedentes do Sistema da Reserva Federal pola venda de moedas en circulación ao seu valor nominal e os custos totais de cuñaxe e distribución de moedas en circulación. A señoriaxe deposítase periodicamente no Fondo Xeral, onde reduce a necesidade de endebedamento do Goberno.
 
Anverso común das moedas da serie American Platinum Eagle, emitidas pola US Mint con valores de ata 100 dólares, baixo a autoridade outorgada pola sección 31 U.S.C. § 5112 do Código dos EEUU.[7]

O concepto de cuñar unha moeda dun billón de dólares —que xeraría un billón de dólares en señoriaxe, fóra do orzamento, ou en beneficios numismáticos, dentro do orzamento e que se transferirían ao Tesouro— baséase na autoridade que outorga a sección 31 U.S.C. § 5112 do Código dos Estados Unidos ao Departamento do Tesouro para "cuñar e emitir moedas de platino" en calquera valor facial que o secretario do Tesouro elixa. Así, se o Tesouro cuñase moedas dun billón de dólares, podería depositar esas moedas na conta do Tesouro da Reserva Federal en lugar de emitir nova débeda.[8][9][10][11]

Consonte a devandita sección 31 U.S.C. 5112(k), promulgada orixinalmente pola Lei Pública 104-208 de 1996:[7]

O Secretario pode cuñar e emitir moedas de metais preciosos en platino en condición proof consonte as especificacións, os deseños, as variedades, as cantidades, os valores faciais e as inscricións que o secretario, á súa discreción, poida prescribir de vez en cando.

As moedas non circulantes de platino pódense cuñar con calquera valor facial, en tanto que as de calquera outro metal especificado se limitan a cantidades de 50, 25, 10, 5 e 1 dólar.[12] O concepto de cuñar unha moeda de moi alto valor facial baséase na cláusula do platino como vía para que o poder executivo recade ingresos sen a supervisión do Congreso.

Philip N. Diehl, exdirector da Casa da Moeda dos Estados Unidos e coautor, xunto co congresista republicano Michael Castle, da lei da moeda de platino, afirmou que o procedemento estaría permitido pola lei.[8] Castle afirma que nunca tivo intención de facer tal uso. A disposición sobre as moedas de platino foi aprobada finalmente por un Congreso republicano fronte ás obxeccións dun Tesouro demócrata en 1996.[11][13][14]

Laurence Tribe, profesor de Dereito Constitucional da Universidade Harvard, afirmou que a base xurídica da moeda dun billón de dólares é sólida e que a moeda non podería ser impugnada ante os tribunais, xa que ninguén estaría lexitimado para o facer.[15]

Xurdimento do concepto editar

A idea de que o Departamento do Tesouro cuñase unha moeda e a enviase á Reserva Federal para pagar a débeda foi popularizada por primeira vez polo candidato presidencial do Partido Populista Bo Gritz en 1992, quen amosaba en alto habitualmente nos seus discursos unha moeda de máis de 10 centímetros.[16][17] Mais o concepto concreto introduciuno por primeira vez Carlos Mucha, un avogado que participaba como comentarista baixo o alcume de Beowulf en varios blogs. Beowulf esbozou a idea nunha serie de comentarios no blog de Warren Mosler en maio de 2010, sinalando que "o Congreso xa delegou no Tesouro toda a autoridade de señoriaxe que necesita para cuñar unha moeda dun billón de dólares".[18] Beowulf tamén chamou a atención sobre o concepto no blog do economista Brade Delong, en xullo de 2010,[19] e nun blog propio de análise xurídica en xaneiro de 2011,[20] pero non foi ata xullo dese ano cando o uso do concepto como método pouco ortodoxo para resolver a crise do teito de débeda comezou a chamar a atención da prensa económica e dos blogs dos principais medios de comunicación.[21][22][23] Nese momento, a idea achou certo apoio por parte de xuristas académicos como Jack Balkin, da Universidade Yale.[24] Logo de se resolver a crise do teito de débeda do verán de 2011, a atención sobre o concepto esvaeceu.[25]

A finais de 2012, á medida que se achegaba de novo o límite de endebedamento, o concepto foi obxecto dunha atención renovada e máis xeneralizada.[25][26][27][28] A principios de xaneiro o economista Paul Krugman amosou o seu apoio á idea,[29][30][31][32] e afirmou que a oposición a esta procedía de persoas que non estaban dispostas a admitir a verdade de que "o diñeiro é un artificio social".[30] O seu apoio atraeu unha considerable atención dos medios.[33][34][35] O exdirector da US Mint Diehl foi amplamente citado nos medios de comunicación desacreditando as críticas á moeda e o seu fundamento xurídico.[36][37][38] O congresista Jerry Nadler tamén se amosou favorable á idea,[39] e así se reflectiu na prensa internacional o 4 de xaneiro de 2013.[40][41]

Beowulf contaría máis tarde na revista Wired que a idea da moeda xurdira dun artigo do Wall Street Journal de decembro de 2009 no que se falaba de como varias persoas podían acadar tarxetas de fidelidade para viaxaren sen custo encargando moedas á Casa da Moeda dos EEUU cunha tarxeta de crédito que ofrecese tal promoción, e logo depositando as moedas nun banco para saldar a débeda da tarxeta de crédito.[42] Tamén dixo que se inspirou no libro de 2008 Web of Debt, de Ellen Brown,[43] que citaba un antigo funcionario do Tesouro que afirmaba que o Goberno podería ordenar a cuñaxe de grandes moedas para pagar a débeda nacional. Beowulf dixo que a idea da moeda dun billón de dólares se atribúe con máis razón a un pequeno grupo de discusión que a un individuo, e engadiu que este grupo non tiña máis motivación que a da diversión persoal.[44]

Análise e reacción editar

Algúns comentaristas argumentaron que, malia a estrita legalidade do concepto, tal posibilidade debilitaría o sistema de pesos e contrapesos do Goberno estadounidense, mesmo se o gasto que permitise a moeda xa estivese autorizado polo Congreso. A columnista de opinión Megan McArdle escribiou que "cuñar unha moeda dun billón de dólares acabaría cos obstrucionistas do Partido Republicano, pero só demostrando que o propio presidente tería pouco respecto polas restricións institucionais do seu cargo".[45] Felix Salmon, outro xornalista, escribiu que o concepto "marcaría efectivamente a desaparición do sistema de tres pólas do Goberno, ao permitir que o poder executivo esmagase sen máis os dereitos e os privilexios do poder lexislativo". Salmon dixo que non estaba de acordo co que estaban a facer os republicanos do Congreso, pero que tiñan dereito a facelo, e que o presidente non debería utilizar a opción do billón de dólares para os eludir; nas súas palabras: "si, o poder lexislativo está a comportarse como unha panda de imbéciles que cren que levar o Goberno dos EEUU ao impagamento é unha boa idea, pero están no seu dereito de se comportar como unha panda de imbéciles".[46]

Por outra banda, moitos economistas e analistas empresariais apoiaron a moeda como xeito de contrarrestar as ameazas dos republicanos do Congreso de forzar o impagamento do país negándose a elevar o límite da débeda.[47][48][49][50][51] Paul Krugman dixo: "cuñar a moeda sería indigno, pero... e que? Ao mesmo tempo, sería economicamente inofensiva e tanto evitaría desenvolvementos económicos catastróficos como axudaría a evitar o Goberno mediante a chantaxe". Tamén declarou que o debate sobre a moeda dun billón de dólares era "o debate de política fiscal máis importante das nosas vidas".[52]

Michael Steel, portavoz do presidente da Cámara de Representantes, John Boehner, rexeitou o concepto comparándoo cun episodio dos Simpson titulado The Trouble with Trillions ("O problema dos billóns"), emitido 13 anos antes da crise do teito de débeda dos Estados Unidos, no que Homer Simpson se atopa nunha misión na procura dun billete dun billón de dólares desaparecido.[53]

O 7 de xaneiro de 2013, o congresista republicano Greg Walden anunciou que presentaría un proxecto de lei para pechar a lagoa legal das moedas de platino.[54]

Finalmente, o 12 de xaneiro de 2013, o Tesouro e a Reserva Federal anunciaron que non cuñarían unha moeda de platino,[1] e cinco días despois, o xefe da minoría do Senado, republicano por Texas John Cornyn, anunciou que os republicanos do Senado porían fin á súa ameaza de bloquear un aumento do teito da débeda.[55]

En xaneiro de 2023, a secretaria do Tesouro, Janet Yellen, declarou que a cuñaxe dunha moeda dun billón de dólares non estaba sobre a mesa como solución á crise do teito da débeda dos Estados Unidos de 2023 e ao posible impagamento da débeda estadounidense, porque sería improbable que a Reserva Federal a aceptase.[56]

Riscos de inflación editar

A compra da moeda dun billón de dólares por parte da Reserva Federal sería análoga ás compras de valores que forman parte da expansión cuantitativa, xa que en ambos os casos se lle sumaría á base monetaria, que é a suma do efectivo en circulación e as reservas bancarias.[57][58] No caso da moeda, as reservas dos bancos comerciais aumentarían á medida que o Tesouro gastase os ingresos procedentes da compra da moeda por parte da Reserva Federal.[57] Se os bancos prestasen estas reservas, a oferta monetaria aumentaría, e se a oferta monetaria aumentase demasiado rápido, a economía podería sobrequecer, engadindo inflación e aumentando as expectativas de inflación no futuro. [58]

En abril de 2011, un documento publicado polo Banco da Reserva Federal de San Luís sostiña que "algúns cren que a expansión cuantitativa aumentará bruscamente as taxas de inflación, mais estes temores non son consistentes coa teoría económica e coa evidencia empírica, supondo que a Reserva Federal estea disposta e sexa quen de revertir a expansión cuantitativa á medida que a recuperación gañe impulso". O documento engadía que "se a poboación confía en que o aumento da base monetaria que crea a expansión cuantitativa é só temporal, daquela non esperará unha inflación rápida nun futuro próximo. Estas expectativas inflúen colectivamente no comportamento real dos prezos e, á súa vez, na inflación real".[58]

A Reserva Federal podería garantir que os bancos comerciais non presten o exceso de reservas mediante o pagamento de xuros sobre as súas reservas na Reserva Federal, de modo que o rendemento que os bancos comerciais reciban por eles sexa maior que o que poderían recibir de usos alternativos.[57][58] Por último, no caso da moeda, a Reserva Federal tamén podería "esterilizar" o gasto da moeda por parte do Goberno mediante a venda doutros activos do seu balance dólar por dólar, en cuxo caso o efecto sobre a base monetaria debería ser cero.[57]

Independencia da Reserva Federal editar

Aínda que a Reserva Federal xa indicara o 12 de decembro de 2012 que desexaba ampliar o seu balance noutros 1,02 billóns de dólares ao longo de 2013 a través das súas compras en curso de bonos do Tesouro dos Estados Unidos e valores apoiados por hipotecas patrocinados polo Goberno,[59] o xornalista Greg Ip argumentou que se o balance da Reserva Federal se ampliase por razóns ostensiblemente de política fiscal en lugar de por razóns de política monetaria, iso podería constituír unha imposición á independencia do banco central. Ip suxeriu que tal imposición podería evitarse se o billón adicional en moedas se emitise directamente ao público, en valores faciais máis útiles e pequenas, en lugar de depositarse na Reserva Federal.[60] En maio de 2010, había 40.400 millóns de dólares en moedas en circulación, e arredor doutros 900.000 millóns en billetes.[61]

O exdirector da Casa da Moeda dos Estados Unidos Edmund C. Moy expresou as súas dúbidas a TheStreet.com acerca de se a Reserva Federal podería comprar a moeda e sinalou tamén que, en virtude do sistema actual para iniciar os pedidos de cuñaxe, o pedido podería ter que ser realizado polo actual presidente da Reserva Federal ou por un dos 12 presidentes dos bancos rexionais da Reserva Federal. O exdirector Diehl discrepou con Moy no relativo a unha moeda de platino, pero coincidiu con el en que unha moeda de platino sería un problema para a Reserva Federal. Diehl reiterou a súa opinión de que "certamente creo que [cuñar unha moeda dun billón de dólares] é inferior a elevar ou eliminar o límite [da débeda], pero é moito mellor que incumprir e sufrir as consecuencias de o facer".[62]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Morath, E.; Wessel, D. (2013). "Treasury Won't Mint Platinum Coin to Avoid Debt Ceiling". En The Wall Street Journal. 12 de xaneiro.
  2. "H. R. 1030. 117th Congress. 1st Session". Govinfo.gov
  3. "H.R.6553 - Automatic Boost to Communities Act". 17 de abril de 2020. Congress.gov
  4. Kaminska, I. (2021). "#Mintthecoin to avoid societal collapse?". En Financial Times. 30 de setembro.
  5. McGahey, R. (2023). "The Trillion-Dollar Coin And Other Long-Shot Debt Crisis Solutions". En Forbes. 11 de xaneiro.
  6. "United States Mint. FY 2013. President's Budget Submission". United States Department of the Treasury.
  7. 7,0 7,1 "31 U.S. Code § 5112: Denominations, specifications, and design of coins". Cornell Law School.
  8. 8,0 8,1 Klein, E. (2013). "Former Head of U.S. Mint: The Platinum Coin Option Would Work". En The Washington Post. 8 de xaneiro.
  9. Weisenthal, J. (2013). "3 Huge Myths About The Trillion Dollar Coin Plan To Save The Economy". En Business Insider. 4 de xaneiro.
  10. Barro, J. (2013). "Why We Must Go Off the Platinum Coin Cliff". En Bloomberg. 3 de xaneiro.
  11. 11,0 11,1 Matthews, D. (2013). "Michael Castle: Unsuspecting godfather of the $1 trillion coin solution". En The Washington Post. 4 de xaneiro.
  12. "31 U.S. Code § 5112 - Denominations, specifications, and design of coins". Cornell Law School (https://www.law.cornell.edu/).
  13. Pillifant, R. (2013). "A trillion-dollar-coin idea takes off, and a former head of the U.S. Mint doesn't see why it shouldn't". En Capital. 4 de xaneiro.
  14. McAllister, B. (1996). "The Mint Goes Platinum". En The Washington Post. 29 de novembro.
  15. Cooper, R. (2013). "Harvard Law School Professor Laurence Tribe on the Legality of #mintthecoin". En Washington Monthly. 8 de xaneiro.
  16. Sewell, T. (2013). "Where does the mint a coin to pay off the debt idea originate from?". En Catallaxy Media. 12 de xaneiro.
  17. Taranto, J. (2013). "Send In the Clowns". En Wall Street Journal. 10 de xaneiro.
  18. Mosler, W. (2010). "Marshall’s latest". En Moslereconomics.com. 14 de maio.
  19. "We Are Live at the Week: "A (Keynesian) Voice Crying in the Wilderness, Saying...". Delong.typepad.com. 6 de xullo de 2010.
  20. Beowulf (2011). "Coin Seigniorage and the Irrelevance of the Debt Limit". 3 de xaneiro. My FDL Reader diaries.
  21. Plumer, B. (2011). "Can a giant platinum coin save our credit?". En The Washington Post. 30 de xullo.
  22. "The trillion-dollar coin solution". En The Economist. 29 de xullo de 2011.
  23. Roche, C. (2011). "Tel's end this debt ceiling debate with a $1 Oz. $1T coin". En Pragmatic Capitalism. 7 de xullo.
  24. Balkin, J. M. (2011). "3 ways Obama could bypass Congress". En CNN. 28 de xullo.
  25. 25,0 25,1 Weisenthal, J. (2013). "Suddenly, Lots Of Influential People Are Talking About The Trillion Dollar Coin Idea To Save The Economy". En Business Insider. 3 de xaneiro.
  26. Weisenthal, J. (2012). "The Debt Ceiling Is Coming Back, And People Are Talking About The Infamous 'Trillion Dollar Platinum Coin' Solution". En Business Insider. 5 de decembro.
  27. "The Trillion-Dollar Coin Is Back". En CNBC. 6 de decembro de 2012.
  28. Krieg, G. J. (2013). "Trillion Dollar Coins: The Ultimate Debt Ceiling End-Around?". En ABC News. 4 de xaneiro.
  29. Krugman, P. (2013). "Be Ready To Mint That Coin". En The New York Times. 7 de xaneiro.
  30. 30,0 30,1 Krugman, K. (2013). "Barbarous Relics". En The New York Times. 9 de xaneiro.
  31. Krugman, P. (2013). "Thinking About the Brink". En The New York Times. 10 de xaneiro.
  32. Pozzi, S. (2013). "La moneda del billón de dólares. Paul Krgman se suma [...]". En El País. 9 de xaneiro.
  33. Felsenthal, M. (2013). "Platinum coin idea has little currency at White House". Reuters. 9 de xaneiro.
  34. "Paul Krugman: Trillion-Dollar Coin A 'Silly But Benign' Debt-Ceiling Fix". En The Huffington Post. 7 de xaneiro de 2013.
  35. Klein, E. (2013). "Mr. President, don't mint that platinum coin! Debt-Ceiling Fix". En The Washington Post. 7 de xaneiro.
  36. Deaux, J. (2013). "The 13 People Who Can Order a $1 Trillion Coin". En The Street. 9 de xaneiro.
  37. Weisenthal, J. (2013). "The Former US Mint Director Behind The Controversial Law Explains Why A Platinum Coin Could Avoid A Major Crisis". En Business Insider. 8 de xaneiro.
  38. Weigel, D. (2013). "A Former U.S. Mint Chief Rebuts the #MintTheCoin Skeptics". En Slate. 10 de xaneiro.
  39. Pillifant, R. (2013). (2013). "Looking to the next debt-ceiling fight, Nadler proposes a trillion-dollar coin trick". En Politico. 2 de xaneiro.
  40. "Der Trick mit der Eine-Billion-Dollar-Münze". En Süddeutsche Zeitung. 4 de xaneiro de 2013.
  41. Weisenthal, Joe. "Lots Of Influential People Are Talking About The Trillion Dollar Coin Idea To Save The Economy". Business Insider (en inglés). Consultado o 2023-11-18. 
  42. McCartney, S. (2009). "Miles for Nothing: How the Government Helped Frequent Fliers Make a Mint". En The Wall Street Journal. 7 de decembro.
  43. Brown, E. H. (2010). Web of Debt: The Shocking Truth about Our Money System and How We Can Break Free. Third Millennium Press. ISBN 978-0979560880
  44. Tate, R. (2013). "Meet the Genius Behind the Trillion-Dollar Coin and the Plot to Breach the Debt Ceiling". En Wired. 18 de xaneiro de 2013. 10 de xaneiro.
  45. McArdle, M. (2013). "Should the President Mint a $1,000,000,000,000 Platinum Coin?". En The Daily Beast. 7 de xaneiro.
  46. Salmon, F. (2013). "Why we won't mint a platinum coin". En Reuters. 7 de xaneiro.
  47. Morath, E. (2013). "'Joke' Solution to Debt Clash Gets Serious Study". The Wall Street Journal. 7 de xaneiro.
  48. Barro, J. (2013). "Why Platinum Coin Opponents Are All Wrong". En Bloomberg. 7 de xaneiro.
  49. Weisenthal, J. (2013). "Suddenly, Lots Of Influential People Are Talking About The Trillion Dollar Coin Idea To Save The Economy". En Business Insider. 3 de xaneiro.
  50. Roche, C. (2011). "Let's end this debt ceiling debate with as $1 Oz. $1T coin". En Pragmatic Capitalism. 7 de xullo.
  51. O'Brien, M. (2013). "The Trillion Dollar Coin Compromise Everybody Can Support". En The Atlantic. 11 de xaneiro.
  52. Krugman, P. (2013). "Rage Against the Coin". En The New York Times. 8 de xaneiro.
  53. Weigel, D. (2013). "John Boehner Not Entirely Convinced by “Platinum Coin” Solution". En Slate. 4 de xaneiro.
  54. Cervantes, B. (2013). "GOP pol's bill bans minting $1T coin". En Politico. 7 de xullo.
  55. Holley, J. (2013). "Cornyn: Congress will not allow default". En Houston Chronicle. 18 de xaneiro.
  56. Duehren, A. (2023). "Janet Yellen Dismisses Minting $1 Trillion Coin to Avoid Default". En The Wall Street Journal. 22 de xaneiro.
  57. 57,0 57,1 57,2 57,3 "Toss. a coin. A crackpot idea to circumvent America's debt ceiling gains currency". En The Economist. 12 de xaneiro de 2013.
  58. 58,0 58,1 58,2 58,3 "Quantitative Easing Explained". En Liber 8.Economic Information Newsleter. Abril de 2011.
  59. Torres, C. (2013). "Fed Debated QE End in 2013 Amid Concern Over Total Assets". En Bloomberg News. 3 de xaneiro.
  60. "Platinomics". En The Economist. 19 de xaneiro de 2013.
  61. Roseman, L. L. (2010). "The state of U.S. coins and currency". Federal Reserve. 20 de xullo.
  62. Deaux, J. (2013). "The 13 People Who Can Order a $1 Trillion Coin". En TheStreet. 9 de xaneiro.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar