Mirza Begić, nado o 9 de xullo de 1985 en Bijeljina, é un ex xogador profesional de baloncesto con pasaporte esloveno. Cunha altura de 2,16 metros, xogaba na posición de pivote.

Mirza Begić
Información persoal
Nacemento 9 de xullo de 1985 (38 anos)
Iugoslavia Bijeljina, Iugoslavia
Nacionalidade Eslovenia Eslovenia
Bosnia e Hercegovina Bosnia e Hercegovina
Altura 2,16 m (7 ft 1 in)
Peso oficial 120 kg (265 lb)
Posición Pivote
Información da carreira
Carreira 2003–2020
Historial de equipos
Triglav Kranj (2003–2004)
Huy Basket (2004–2005)
Virtus Bologna (2005–2006)
KD Slovan (2006–2007)
Union Olimpija (2007–2009)
BC Žalgiris Kaunas (2009–2010)
Real Madrid (2011–2013)
Olympiacos BC (2013–2014)
Union Olimpija (2014)
Laboral Kutxa (2014–2015)
Bilbao Basket (2015–2016)
Cedevita (2016–2017)
Petrochimi Bandar Imam (2017–2018)
Union Olimpija (2018–2019)
Mornar Bar (2019–2020)
Premios e galardóns
1× Mundial de Clubs da FIBA (2013)

Traxectoria editar

Club editar

Begić comezou a xogar profesionalmente no KK Sloboda Tuzla bosníaco, onde estivo ata o ano 2002. Alí fixo o seu debut coma profesional na tempada 2001-02 na liga bosníaca. En 2002 trasladouse a Eslovenia, onde pasou por tres equipos en tres anos: o KK Koper, o filial do KK Union Olimpija e o Triglav Kranj. Na súa primeira tempada na liga eslovena, Begić acadou 7.0 puntos, 5.0 rebotes e 1.7 minutos por encontro.

No ano 2004, fichou polo Virtus Bologna italiano, pero na primeira tempada foi cedido ó Huy Basket belga, onde fixo 6.3 puntos e 4.2 rebotes por partido. Na seguinte tempada xa en Boloña, foi cortado polo equipo. Na tempada 2006-07, volveu a Eslovenia, ó fichar polo KD Slovan. Alí mellorou os seus rexistros, chegando a case 10 puntos e 6 rebotes por encontro na Liga ABA e na liga eslovena. Ó remate da tempada, presentouse ó Draft da NBA de 2007, pero non foi elixido por ningún equipo.

O 30 de xullo de 2007, asinou un contrato de dous anos co KK Union Olimpija, equipo co cal debutou na Euroliga. Nesta segunda etapa no Union Olimpija, gañou ligas e dúas copas eslovenas, nos anos 2008 e 2009. O 24 de novembro de 2008 renovou o seu contrato por dúas tempadas máis, pero na tempada 2009-10 fichou polo Žalgiris Kaunas lituano, onde se proclamou campión da Baltic Basketball League no ano 2010.

O 18 de xaneiro de 2011, Begić fichou polo Real Madrid da Liga ACB ata o remate da tempada 2012-13.[1] Begić debutou co Real Madrid o 30 de xaneiro de 2011 na vitoria do seu equipo por 61-62 na pista do Assignia Manresa. Begić contribuíu con dous puntos saíndo dende o banco. Na tempada 2011/12, proclamouse campión da Copa do Rei na vitoria do Real Madrid sobre o FC Barcelona Regal por 74-91, onde achegou 10 puntos, 4 rebotes e 2 tapóns. Na tempada seguinte, a 2012/13, gañou a Liga ACB e a Supercopa de España. Ademais, disputou a final da Euroliga, onde o Real Madrid perdeu por 100-88 contra o Olympiacos grego.

Foi precisamente o Olympiacos o equipo que fichou por dous anos a Begić ó remate da tempada, o 20 de xullo de 2013.[2] Tras unha tempada, deixou o Olympiacos.

O 20 de setembro de 2014, Begić asinou un contrato dun ano co Union Olimpija.[3] O 19 de novembro de 2014, rematou a súa segunda etapa no club esloveno para asinar un contrato dun mes co Laboral Kutxa da Liga ACB.[4] O 24 de decembro de 2014, estendeu o seu contrato co Laboral Kutxa ata o remate da tempada.[5]

O 21 de setembro de 2020, Begić anunciou a súa retirada coma xogador profesional ós 35 anos de idade.[6]

Selección editar

Begić comezou a súa traxectoria coma internacional na selección sub-20 de Eslovenia, coa que disputou en Rusia o Eurobasket sub-20 no ano 2005. Eslovenia rematou na 10ª praza, e Begić foi o máximo taponador do torneo, ó facer 5.5 tapóns por encontro en 8 partidos disputados.

Xa coa selección absoluta, disputou o Eurobasket de 2011, no que Eslovenia rematou na 7ª posición. Begić rematou o torneo sendo o máximo taponador, con 1.9 tapóns por partido, e o décimo máximo reboteador, con 6.5 rebotes por encontro. No ano 2013 xogou de novo o Eurobasket con Eslovenia, rematando na 5ª posición, e sendo de novo un dos máximos taponadores do campionato, con 1.5 por partido.

Notas editar

  1. "El Real Madrid ficha a Mirza Begic". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 13 de febreiro de 2014. 
  2. "Mirza Begic ya es nuevo jugador del Olympiacos". Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2014. Consultado o 13 de febreiro de 2014. 
  3. "Mirza Begić joined Union Olimpija". abaliga.com. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2014. Consultado o 22 de setembro de 2014. 
  4. "Laboral Kutxa Baskonia refuerza su juego interior con Mirza Begic". acb.com. Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2014. Consultado o 19 de novembro de 2014. 
  5. "Baskonia extends Mirza Begic. Lamont Hamilton set to leave". Sportando.com. Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2014. Consultado o 24 de decembro de 2014. 
  6. Mirza Begic retires at 35

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar