Abrir o menú principal

Michel Camilo, nado o 4 de abril de 1954 en Santo Domingo (República Dominicana),[1] é un pianista e compositor dominicano. Destaca principalmente no latin jazz.

Michel Camilo
Michel Camilo in concert.jpg
Michel Camilo en 2008.
Nome completoMichel Camilo
Nacemento4 de abril de 1954
OrixeSanto Domingo, Flag of the Dominican Republic.svg República Dominicana
OcupaciónPianista e compositor
XéneroJazz
Instrumento(s)Piano
Na rede
www.michelcamilo.com
editar datos en Wikidata ]

Ademais da súa traxectoria como intérprete, Michel Camilo é invitado frecuentemente a dar conferencias e a actuar en numerosas universidades e centros de ensinanza nos Estados Unidos tales como a Universidade de Nova York, o Berklee College of Music de Boston, o M.I.T., entre outros, así como en Dinamarca, España e Suíza.[2] Ten participado tamén nos filmes do gañador dun Oscar Fernando Trueba Two Much e Calle 54.[3]

TraxectoriaEditar

Michel Camilo naceu o 4 de abril de 1954 en Santo Domingo, no seo dunha familia musical. Dende moi novo mostrou as súas dotes para a música, comezando a tocar o acordeón de neno e compoñendo a súa primeira canción con tan só cinco anos. Catro anos despois ingresaría no Conservatorio Nacional de Música da República Dominicana, onde estudou piano durante 13 anos, e aos 16 anos converteuse en membro da Orquesta Sinfónica Nacional.[1][4][5]

Camilo falaba así do seu primeiro encontro co jazz nunha entrevista en All About Jazz:[6]

A primeira vez que escoitei jazz foi cando tiña 14 anos e medio. Escoitei ao gran Art Tatum na radio tocando a súa interpretación ao piano de Tea for Two. Inmediatamente chamou á miña orella. Só quería mergullarme nela, aprender a tocar ese estilo. Logo entereime de que era jazz.

En 1979 trasladouse a Nova York, onde estudou no Mannes College e na prestixiosa Juilliard School.[5] Na cidade estadounidense tocou durante tres anos acompañando ao saxofonista cubano Paquito D'Rivera nos seus concertos.[4] Pouco despois, en 1983, o seu tema máis célebre "Why not?" era gravado por D'Rivera (que tamén lle puxo o título da canción a un dos seus traballos discográficos), e era premiado cun Grammy pola súa versión vocal de Manhattan Transfer. Ao ano seguinte gravou este tema, primeiro co octeto French Toast de Peter Gordon, e despois, a dúo con Paquito D'Rivera ao clarinete.[1][5]

Porén non foi ata 1985 cando chegou o seu primeiro grande éxito nun concerto no Carnegie Hall de Nova York co seu trío, o que supuxo a engalaxe da súa carreira internacional, que o levou a realizar xiras polos cinco continentes e a consolidarse como unha das estrelas do latin jazz.[7] Ao ano seguinte debutou en varios festivais de jazz en Europa.[3] En decembro de 1987, debutaba como director de orquestra logo de recibir unha invitación da Orquesta Sinfónica Nacional da República Dominicana para dirixir un concerto con obras de Rimski-Kórsakov, Beethoven, Dvořák e a súa obra The Goodwill Games Theme, coa que gañaría un Premio Emmy.[5] En novembro de 1988 asinou un contrato cun dos grandes selos discográficos, Sony Records, co que sacou o seu primeiro álbum, titulado "Michel Camilo", que incluíu temas como Blue Bossa (o seu primeiro dúo con percusión, acompañado por Mongo Santamaría) ou Caribe (que foi gravado polo dúo de pianistas francesas Katia e Marielle Labèque así como polo mítico Dizzy Gillespie en 1991), e que se converteu nun éxito inmediato, permanecendo durante dez semanas consecutivas como o álbum de jazz máis vendido en Norteamérica.[1][5][7] O seu segundo traballo, "On Fire", foi votado como un dos tres mellores álbums de jazz do ano pola revista Billboard, e o seu segundo traballo con Epic Records, "On the Other Hand" estivo entre os dez mellores discos de jazz.[5]

Os anos 1990 supuxeron a súa consolidación como un dos mellores músicos do jazz contemporáneo, sendo nomeado en 1992 "Cabaleiro da Orde Heráldica de Cristóbal Colón", a máxima condecoración máis prestixiosa da República Dominicana.[7] Ese mesmo ano estreábase no Royal Festival Hall de Londres a súa Rapsodia para dous pianos e orquestra, que lle fora encargada pola Philharmonia Orchestra. En 1993 lanzou un novo traballo discográfico, "Rendezvous", que obtivo un gran éxito, sendo considerado polas revistas Gavin e Billboard como un dos mellores álbums de jazz do ano. Tres anos máis tarde foi invitado a tocar en Copenhague (Dinamarca) con motivo da súa capitalidade cultural europea, visitando outros países como Israel, España, México, ou Suíza (tocando no Kongresshaus de Zúric dentro do ciclo "Jazz Piano Masters"), e debutou no John F. Kennedy Center for the Performing Arts de Washington, D.C..[5][7]

En 1998 foi nomeado codirector artístico do primeiro "Latin-Caribbean Music Festival" no Kennedy Center, onde tocou co seu tío e big band, así como o seu Concerto para piano e orquestra coa National Symphony Orchestra baixo a dirección de Leonard Slatkin. Un ano despois realizou unha xira co pianista de jazz cubano Chucho Valdés e realizou o seu debut cunha das orquestras do chamado Big Five (o grupo das cinco orquestras consideradas as máis destacadas dos Estados Unidos), a Cleveland Symphony Orchestra.[5]

En 1999 retoma os seus nexos españois que cultivara anteriormente en colaboracións co grupo de fusión flamenca Ketama en 1991, mais desta vez nun disco a dúo co guitarrista flamenco Tomatito que foi publicado polo selo Verve baixo o título Spain e que gañou o premio ao mellor álbum de jazz latino na primeira edición dos Premios Grammy Latinos.[1][5][7] Precisamente foi coa gravación do disco de Ketama Pa' gente con alma en 1990, cando Camilo e Tomatito se encontraron en España e entablaron amizade, se ben non foi ata 1997 cando o pianista e o guitarrista comezaron a actuar xuntos coa invitación ao Festival de Jazz de Barcelona e que daría paso a unha serie de invitacións de ambos a festivais de jazz e flamenco por todo o mundo.[4]

 
Michel Camilo en 2007.

Camilo apareceu no filme documental de Fernando Trueba do ano 2000 (estreado en 2001) Calle 54 xunto o batería Horacio "El Negro" Hernández e o baixista Anthony Jackson interpretando "From Within".[1] En 2002 asinou un contrato co prestixioso selo Telarc, sendo nomeado a un Grammy polo seu primeiro traballo co selo estadounidense, Triangulo.[5][7] Ese mesmo ano gravou para o selo Decca xunto coa BBC Symphony Orchestra dirixida por Leonard Slatkin o seu Concerto para piano e orquestra, a súa Suite para piano, cordas e arpa, e Caribe.[5]

En agosto de 2003 gravou un dobre CD en directo no mítico Blue Note Jazz Club de Nova York xunto o batería Horacio "El Negro" Hernández e ao contrabaixista Charles Flores que recibiu un Grammy ao mellor álbum de latin jazz.[5] En 2006 chegaron dous novos traballos discográficos do pianista dominicano, rexistrando por primeira vez a Rhapsody In Blue de George Gershwin coa Orquestra Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya dirixida por Ernest Martinez Izquierdo;[8] o segundo traballo do ano foi o seu reencontro con Tomatito co álbum Spain Again. En 2009 publicou o primeiro álbum coa súa big band, Caribe, un CD e DVD. Ese mesmo ano estreou o seu Concerto para piano nº 2, «Tenerife», encarga polo Auditorio de Tenerife.[3]

En 2010 e 2011 foi o Jazz Creative Director Chair da Detroit Symphony Orchestra, así como artista en residencia do Klavier Ruhr Piano Festival, presidente do xurado no Jazz Solo Piano Competition do Montreux Jazz Festival.[3] O seu último traballo discográfico ata o momento, What's Up? (2013), conseguiu un novo Grammy Latino ao mellor disco de jazz latino.[9]

EstiloEditar

Camilo é un pianista de gran virtuosismo que adereza as súas interpretacións de jazz tradicional con ritmos do seu Caribe natal, acompañados dun velocísimo estilo co que conforma un universo de plenitude rítmica.[2] Unha das súas fontes de inspiración é o pianista estadounidense McCoy Tyner, e o seu estilo efervescente é similar ao de pianistas dos anos '50 como Felo Bergaza ou Eddie Cano, destacando pola súa preparación e recursos.[1] A súa formación clásica ponse de manifesto nalgunhas das súas composicións, que amosan o seu interés tanto pola música clásica europea como latinoamericana.[4]

O xornalista e comentarista de jazz estadounidense Scott Yanow refírese a Michel Camilo como:[4]

un dos máis estimulantes pianistas de Jazz que xurdiron na metade da década dos anos 80

Colaboracións con outros músicosEditar

DiscografíaEditar

 
Michel Camilo gravou un disco en directo no Blue Note Jazz Club.

PremiosEditar

Ao longo da súa carreira, Michel Camilo ten recibido numerosos recoñecementos, entre os que destacan:

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Calle 54 (ed.). "Michel Camilo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2015. Consultado o 26 de febreiro de 2014. 
  2. 2,0 2,1 Azteca Trends, ed. (20 de febreiro de 2014). "Magos Herrera y Michel Camilo Trío abren el Clazz Continental Latin Jazz México 2014" (en castelán). Consultado o 12 de febreiro de 2014. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Orquestra Sinfónica de Galicia (ed.). "Michel Camilo, piano" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de marzo de 2014. Consultado o 20 de marzo de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Centro Nacional de Difusión Musical, ed. (4 de novembro de 2012). "MICHEL CAMILO & TOMATITO" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de outubro de 2012. Consultado o 11 de marzo de 2014. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 www.michelcamilo.com (ed.). "Official Biography" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2014. Consultado o 11 de marzo de 2014. 
  6. De Luke, R J (1 de marzo de 2004). All About Jazz, ed. "Michel Camilo: Pianist for a Golden Era". Consultado o 11 de marzo de 2014. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 www.apoloybaco.com (ed.). "Michel Camilo, Biografía" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2013. Consultado o 12 de marzo de 2014. 
  8. www.michelcamilo.com (ed.). "Rhapsody In Blue (2006)". Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2014. Consultado o 20 de marzo de 2014. 
  9. www.michelcamilo.com (ed.). "What's Up? (2013)". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2014. Consultado o 20 de marzo de 2014. 

Véxase taménEditar