Miña terra galega

canción de Siniestro Total
«Miña terra galega»
tema de Siniestro Total
do álbum Menos mal que nos queda Portugal
Lanzamento outubro de 1984
Formato {{{formato}}}
Gravada setembro de 1984
Xénero musical
Lingua(s) {{{lingua}}}
Duración 3:38[1]
Discográfica DRO
Produtor(es) Paco Trinidad
Escritor(es) Julián Hernández
Cronoloxía
«Menea el bullarengue» «Miña terra galega» «Keke Rosberg»
Miscelanea {{{miscelanea}}}

«Miña terra galega» é unha canción do grupo galego Siniestro Total, gravada e publicada en 1984. É unha versión da canción «Sweet Home Alabama» do grupo estadounidense Lynyrd Skynyrd, un dos favoritos dos membros de Siniestro Total.[2] A letra, principalmente en lingua castelá agás o verso que lle dá nome, foi composta por Julián Hernández, por aquel entón batería do grupo. Como o resto dos temas de Menos mal que nos queda Portugal, a canción gravouse nos estudos Trak de Madrid, con Paco Trinidad como produtor, en setembro de 1984.[3] Os arranxos foron do propio Hernández e do resto de compoñentes do grupo, Miguel Costas (guitarra e voz) e Alberto Torrado (baixo). «Miña terra galega» é un dos temas máis coñecidos do grupo e, segundo Julián Hernández, unha das cancións de Siniestro Total con máis repercusión,[4] cualificada en diversas ocasións na prensa coma un himno.[5][6][7]

Composición

editar
 
Julián Hernández nun concerto de Siniestro Total na sala Razzmatazz de Barcelona en decembro de 2008. Julián Hernández, líder e un dos fundadores do grupo, é autor da letra de «Miña terra galega».

A letra da canción compúxoa Julián Hernández, por aquel entón batería do grupo. Segundo contou o propio Hernández, a orixe da canción estivo nunha festa no Colexio de Camiños de Madrid na que un dos grupos versionaba a Lynyrd Skynyrd. Alí Pepo Fuentes, amigo de Hernández, e posteriormente axente de xira, portadista e axudante de produción de Siniestro, decatouse de que a expresión «Miña terra galega» tiña un número de sílabas e unha acentuación idéntica á de «Sweet Home Alabama». Iso motivou a Hernández a escribir unha canción para tocar no Rock Ola de Madrid nun concerto programado para unhas semanas despois, co propósito de "molestar aos modernos que odiaban esa clase de rock americano dos setenta".[2] Pouco despois, Hernández atopábase no recibidor do hotel Riazor da Coruña, e aproveitou para escribir a letra da canción nun pano de papel.[2] Fíxoo en apenas un cuarto de hora.[8]

A única similitude explícita entre as letras de «Miña terra galega» e «Sweet Home Alabama» atópase no refrán, no que a Alabama «onde o ceo é sempre azul» (where the sky is always blue) substitúese por Galicia «onde o ceo é sempre gris».

Temática

editar
 
Estatua de Breogán, na Coruña. O lendario rei celta galaico-irlandés Breogán é un dos símbolos de Galicia nomeados en «Miña terra galega».

O xornalista musical Jesús Ordovás, autor de Siniestro Total. Apocalipsis con grelos, describiu a canción como "o canto a Galicia máis belo dende o Nós de Castelao".[8] Tamén foi definida como o "himno non oficial de Galicia".[9] O propio Hernández dixo do tema que "era como unha postal de Galicia, [..] como unha desas fotos coa Torre de Hércules, gaiteiros e empanadas", con diversos símbolos de Galicia.

A estrutura da canción consiste en dúas partes unidas por un refrán. A primeira parte inclúe fundamentalmente mencións a estereotipos dos galegos. A segunda consiste nunha lista de cousas que o emigrante galego bota en falta, estruturada en pares de elementos contrapostos.[10] Así, Miña terra galega inclúe mencións á emigración (personificada nun emigrante galego "nunha illa do Caribe"), a choiva, a "dor" de Breogán (o mítico rei celta de Gallaecia), a morriña, as muiñeiras (composicións musicais populares de Galicia e a súa danza correspondente), as gaitas, a literatura do Rexurdimento galego (coa mención a Eduardo Pondal, autor da letra do himno de Galicia, o poema «Os pinos», da súa obra Queixumes dos pinos, á que se refire a frase Onde se queixan os pinos,[10]), os alalás (un ritmo popular galego de orixe medieval), as zanfonas (instrumentos musicais que contan cun forte arraigo en Galicia dende o medievo) de Ortigueira, en referencia ao festival de música celta que se celebra na localidade, a Liga Armada Galega (un grupo terrorista galeguista de extrema esquerda activo nos primeiros anos oitenta en Galiza) e o pazo de Meirás (o pazo propiedade da familia Franco na provincia da Coruña, entregado ao ditador trala guerra civil). A canción tamén menciona uns descoñecidos "kafkianos do Xaxán". Hernández explicou que esta mención é unha broma. Aínda que o monte Xaxán está na beira oposta da ría de Vigo, en Moaña, a expresión provén dun aprendiz do taller do pai de Hernández, que a utilizaba sen saber quen era Kafka.[2]

A canción ofrece algunhas características de indefinición e contraposición. Por unha parte, aínda que toca case todos os elementos da galeguidade, non ofrece unha directriz clara sobre como reaccionar ante esta enumeración: non se sabe se debe producir emoción, orgullo, fervor patriótico ou sinxela hilaridade, ante os elementos humorísticos da canción.[10] Por outra banda a mención a elementos tradicionais, como a música tradicional ou a natureza, xunto a elementos modernos e, nalgúns casos contrapostos, como o franquismo ou os kafkianos, mostra a división de Galicia en dous modelos identitarios diferentes.[10]

«Miña terra galega» na obra de Siniestro Total

editar
 
A canción foi escrita no Hotel Riazor.

A pesar do seu posterior éxito, «Miña terra galega» non foi ningún dos sinxelos de Menos mal que nos queda Portugal, si que o foron «Tipi dulce tipi», en 1984; «Te quiero», no mesmo ano; e «Si yo canto», en 1985, aínda que si que apareceu nun dobre sinxelo publicado co grupo Os Resentidos en 1985 que incluía, ademais de «Miña terra galega», «Hey, hey, resistiré» de Os Resentidos e «O tren», tamén de Siniestro Total.[11]

A canción mantivo a súa vixencia dentro do repertorio do grupo e, así, apareceu en todos os álbums en directo:

Tamén é unha das cancións que formou a suite sinfónica «Land of opportunity»,[14] creada polo Taller Atlántico Contemporáneo e Siniestro Total, para celebrar o seu 30 aniversario, e que se presentou no festival de música clásica Via Stellae, celebrado en Santiago de Compostela en xullo de 2011.[15]

Tamén apareceu no recompilatorio publicado por DRO en 1992, Trabajar para el enemigo[16] e en Gato por liebre, o recompilatorio de todas as versións que Siniestro fixera durante a súa etapa con DRO publicado por esta discográfica en 1997.[17]

  1. last.fm. "Menos mal que nos queda Portugal". Consultado o 8 de xullo de 2011. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Allendegui (29 de marzo de 2010). "Hernández, de Siniestro Total: “Envejecer es fácil; sólo hay que dejar pasar el tiempo”". Gente Digital. Consultado o 6 de xullo de 2011. 
  3. lafonoteca. "Menos mal que nos queda Portugal". Consultado o 4 de xullo de 2011. 
  4. "Julián Hernández: "Siniestro Total foi o nome que nos puxo unha compañía de seguros"". El Correo Gallego. 20 de marzo de 2007. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2015. Consultado o 8 de xullo de 2011. ... «Miña terra galega», que foi case un himno 
  5. Allendegui (29 de marzo de 2010). "Hernández, de Siniestro Total: "Envejecer es fácil; sólo hay que dejar pasar el tiempo"". Gente Digital. Consultado o 6 de xullo de 2011. ... a canción funcionou como himno fora e dentro de Galiza 
  6. Estévez, José Luis (2 de abril de 2011). "Un superviviente al borde de la autopista". El País (Madrid). Consultado o 8 de xullo de 2011. Cancións como «Ayatollah!», «Bailaré sobre tu tumba» ou «Miña terra galega» son algúns dos himnos que permanecerán na memoria colectiva de polo menos un par de xeracións 
  7. Cangas, David (10 de novembro de 2010). ""Aún tengo caña para rato"". Faro de Vigo. Consultado o 8 de xullo de 2011. Si que é como un himno, non sei se oficioso ou oficial [de Galicia] 
  8. 8,0 8,1 (Ordovás 1993, p. 94)
  9. Prieto, Daniel (2 de abril de 2011). "Julián Hernández visita o Meirás “ultraterreo”". Xornal de Galicia (en galego). Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2011. Consultado o 4 de xullo de 2011. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 De Toro, Xelís (2002). "Bagpipes and digital music: the re-mixing of the Galician identity". Constructing identity in contemporary Spain: theoretical debates and cultural practice (PDF). Oxford University Press. ISBN 9780198159933. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de maio de 2015. Consultado o 23 de novembro de 2012. 
  11. (Ordovás 1993, p. 210)
  12. Siniestro Total. "Miña Terra Galega. Versión interplanetaria de Antonio Dyaz". Esta música integrouse no primeiro satélite galego de exploración interplanetaria, para que sirva de ponte cultural entre Galicia e outras civilizacións alieníxenas 
  13. Libreto do CD ¿Quiénes somos? ¿De dónde venimos? ¿A dónde vamos?
  14. Siniestro Total. "Programa de «Land of opportunity»". Consultado o 25 de agosto de 2011. 
  15. Europa Press (24 de xullo de 2011). "ás de 65.000 personas cubrieron el 95% de aforo en los 14 conciertos de la sexta edición del Festival Via Stellae". Consultado o 25 de agosto de 2011. 
  16. (Ordovás 1993, p. 211)
  17. lafonoteca. "Gato por Liebre". Consultado o 14 de xullo de 2011. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar