Mediatización e secularización

A mediatización[1] de moitos estados soberanos alemáns do Sacro Imperio Romano Xermánico, así como a secularización[2] de territorios soberanos pertencentes a bispados, abadías e ordes relixiosas, foi un proceso que aconteceu en Alemaña entre 1795 e 1814, un período marcado polo final da Revolución francesa, o nacemento e a desaparición do Primeiro Imperio francés e pola subseguinte descomposición (causada poa vitoria deste sobre Austria) do Sacro Imperio Romano Xermánico, que tivo como consecuencia a creación e desaparición do seu estado substituto, monicreque de Napoleón Bonaparte, a Confederación do Rin.

Mapa do Sacro Imperio Romano Xermánico en 1789, que mostra unha gran variedade de pequenos estados.

Conceptos editar

A mediatización prodúcese coa anexión das terras e a xurisdición dun Estado soberano por outro, moitas veces mantenndo algúns dereitos (xeralmente, a conservación do título nobiliario) nos poderes mediatizados. Coa secularización prodúcese a redistribución a poderes seculares dos territorios gobernados secularmente por un mandatario eclesiástico, tal como un bispo, un abade (ou abadesa) ou un gran mestre dunha orde militar.

Co colapso do Imperio carolinxio e o ascenso do feudalismo, gran parte do espazo europeo reducírase a un conxunto de minúsculos estados independentes. En Alemaña, os sucesivos reis e os emperadores do Sacro Imperio investiron de autoridade terreal a moitos bispados, abadías, odes relixiosas militares e conventos, e tamén concederon dereitos e liberdades a moitas cidades e vilas (cidades imperiais libres).[3][4]

Ao contrario que en España, Inglaterra ou Francia, os príncipes alemáns foron incapaces de uniren os seus dominios nunha monarquía centralizada e, polo tanto, co paso dos séculos, Alemaña chegou a estar composta por non menos de 300 estados independentes.

Reichsdeputationshauptschluss editar

 
Portada do documento da Reichsdeputationshauptschluss de 1803

A Reichsdeputationshauptschluss (formalmente Die Hauptschluss der außerordentlichen Reichsdeputation, "A conclusión principal da delegación imperial extraordinaria") foi unha resolución aprobada o 25 de febreiro de 1803 pola Dieta Imperial ou Reichstag do Sacro Imperio Romano Xermánico. De feito, chegou a ser a derradeira lei significativa emitida polo Sacro Imperio antes da súa disolución en 1806.

A resolución baseouse nun plan acordado en xuño de 1802 por Francia e Rusia. Ampliando os principios deliñados no tratado de Lunéville de 1801, a lei estableceu unha gran redistribución da soberanía territorial dentro do Sacro Imperio, para compensar aos numerosos señores que perderon as súas posesións ao sere anexionados por Francia, como consecuencia das Guerras revolucionarias francesas (1792-1802), os territorios do Sacro Imperio ao oeste do Rin.

A Reichsdeputationshauptschluss foi unanimemente ratificada pola Dieta Imperial en marzo de 1803 e aprobada polo emperador Francisco II no mes seguinte. Porén, o emperador, católico, fixo unha reserva formal con respecto ao repartimento dos votos dentro da Dieta Imperial, xa que o equilibrio entre estados católicos e protestantes dentro do Sacro Imperio fora desprazado fortemente cara aos segundos, ao secularizárense os principados eclesiásticos da Dieta.

A redistribución da soberanía territorial logrouse combinando dous procesos: a secularización dos principados eclesiásticos e a mediatización de numerosos e diminutos principados seculares.

Secularización editar

A partir do restablecemento do Sacro Imperio Romano Xermánico polos emperadores das dinastías saxoa e saliana, nos séculos X e XI, o sistema feudal convertera Alemaña e o norte de Italia nunha vasta rede de diminutos estados, cada un cos seus propios privilexios específicos, títulos nobiliarios e autonomía. Os sucesivos emperadores e señores xermanos concederon a moitos titulares de bispados, abadías e conventos uns estados seculares (cos seus títulos nobiliarios asociados —tales como príncipe, duque ou conde—), non ligados á herdanza do sangue, senón asociados aos correspondentes territorios, para axudar na administración de Alemaña fronte á crecente descentralización e a autonomía local que seguiu ao ascenso do feudalismo.

O nomeamento persoal de bispos e cargos eclesiásticos polos emperadores do Sacro Imperio e a oposición do Papado a tales prácticas produciu a chamada Querela das investiduras, a partir da cal os emperadores foron incapaces de usar aos bispos para este fin. Desde entón, bispos, priores, abades e abadesas conduciron os seus novos reinos máis como señores temporais que como señores espirituais. A corrupción endémica e a decadencia destes pastores espirituais levaron á Reforma protestante. A Contrarreforma restableceu a relevancia dos príncipes-bispos (nome polo que tales mandatarios chegaran a seren conñeidos), pero ao final da Guerra dos Trinta Anos e a Paz de Westfalia (1648), a nova regra, segundo a cal se esperaba que os habitantes dun estado seguiran a relixión do mandatario, deixou aos príncipes-bispos outra vez obsoletos, e moitos dos seus estados secularizáronse (como exemplo paradigmático, o bispado de Bremen, que se converteu en ducado ao triunfar nas súas terras o luteranismo coa ocupación sueca).

 
Europa tras os tratados de paz de Basilea e Campo Formio

En 1797 Napoleón Bonaparte derrotou ás forzas armadas do Sacro Imperio e, polo tratado de Campo Formio, anexionou a Francia todas as terras do Sacro Imperio Romano Xermánico situadas ao oeste do río Rin. O emperador do Sacro Imperio viuse no deber de compensaren aos señores que, por causa do tratado coa vitoriosa Francia revolucionaria, quedaran sen estados propios perdendo as súas terras, subminitrándollles novos estados. Os únicos territorios dispoñíbeis eran aqueles posuídos polos príncipes-bispos e outras autoridades relixiosas do Sacro Imperio, e polo tanto seus estados foron secularizados e repartidos entre os señores de Alemaña.

Os estados eclesiásticos foron repartidos entre os principados seculares veciños. Só sobreviviron tres deles como estados non seculares: o arcebispado de Ratisbona, elevado desde bispado coa incorporación d arcebispado de Maguncia, e as terras da Orde dos Cabaleiros Teutóns e a Orde dos Cabaleiros Hospitalarios. Tamén cómpre notar que o antigo arcebispado de Salzburgo foi secularizado incrementando seu territorio e elevado seu status a ducado-elector, coa capacidade de participar na elección do seguinte emperador do Sacro Imperio (cousa que non sucedeu porque o Imperio desapareceu antes de que puidera usar esta prerrogativa).

Mosteiros e abadías perderon os seus medios de subsistencia ao perderen os territorios dos que dependían para obteren rendas e sustemento económico, e moitos foron abandonados, e os seus tesouros artísticos, bibliotecas, edificios etc. poxados ou destruídos, e os seus monxes reagrupados ou expulsados.

Consecuencias editar

A Reichsdeputationshauptschluss trouxo como consecuencia un cambio trascendental no mapa político de Alemaña. Literalmente, elimináronse máis de 200 estados, sobrevivindo ao proceso uns corenta estados independentes. Un pequeno número destes lograron significativas ganancias territoriais (especialmente Baden, Baviera e Hesse-Darmstadt), e tres deles (Baden, Hesse-Kassel e Württemberg) elevaron o seu status ao de estados electores, para substituíren aos tres principados eclesiásticos electores que foran secularizados. Aínda que nunca participaron nunha elección imperial (o Sacro Imperio foi abolido antes, en 1806), o título mantívose por cuestión de prestixio e preeminencia nobiliaria. Das cidades libres imperiais, só Bremen, Hamburgo e Lübeck sobreviviron á mediatización: as dúas primeiras son na actualidade estados federados (Länder) da República Federal de Alemaña e a última perdeu o seu status de cidade libre en pleno Nazismo, en 1937.

Coa mediatización quedou firmemente establecido o principio polo cal os aliados de Napoleón podían conseguir ganancias territoriais e de status, tal e como ocorreu repetidas veces nos siguintes anos até a fin da era napoleónica (Congreso de Viena, 1815). Por último, a Reichsdeputationshauptschluss foi tamén un factor determinante para a disolución do Sacro Imperio Romano Xermánico en 1806.

Notas editar

  1. mediatización no Dicionario da RAG
  2. secularización no Dicionario da RAG.
  3. Whaley, J. (2011): Germany and the Holy Roman Empire (1493–1806). Volune I. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-1996-8882-1.
  4. John G. Gagliardo (1991): Germany Under the Old Regime, 1600–1790. Harlow, UK: Longman Publishing Group. ISBN 978-0-5824-9106-9.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Arenberg, Jean Engelbert (1950): The Lesser Princes of the Holy Roman Empire in the Napoleonic Era. Disertacíón na Universidade de Georgetown, Washington, D.C.. (Posteriormente publicada como Les Princes du St-Empire a l'époque napoléonienne. [[Lovaina: Publications universitaires de Louvain, 1951).
  • Gollwitzer, Heinz (1957): Die Standesherren. Die politische und gesellschaftliche Stellung der Mediatisierten 1815–1918. Stuttgart: Vorwerk. (Reimpresa en Göttingen en 1964).
  • Reitwiesner, William Addams. "The Meaning of the Word Mediatized" (en inglés).
  • Fabianek, Paul (2012): Folgen der Säkularisierung für die Klöster im Rheinland – Am Beispiel der Klöster Schwarzenbroich und Kornelimünster. Verlag BoD (Libros baixo demanda). ISBN 978-3-8482-1795-3.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar