Abrir o menú principal

Mariña de Lugo

(Redirixido desde "Mariña Luguesa")
A Mariña Luguesa Central

A Mariña luguesa é unha comarca natural situada ó correr do litoral de Lugo que abrangue 15 municipios do norte da provincia, oito dos cales, costeiros.

Administrativamente, está dividida en tres comarcas: A Mariña Occidental (con capital en Viveiro), A Mariña Central (con capital en Mondoñedo) e A Mariña Oriental (con capital en Ribadeo).

En sentido oeste-leste, o territorio da Mariña lucense combina zonas montañosas, como os montes de Buio, os montes dos Cabaleiros, o monte da Frouxeira, a serra da Toxiza e o Mondigo, con depresións fluviais como a do río Landrove, o val do Ouro, o do Masma, ou o val de Lourenzá.

A súa franxa costeira, maioritariamente chaira e pouco recortada —en comparación con outras costas galegas como o Golfo Ártabro ou as Rías Baixas—, ten o seu límite oriental na ría de Ribadeo, que fai de fronteira con Asturias, e o límite occidental na ría do Barqueiro. Isto fai coincidir a Mariña de Lugo practicamente co litoral cantábrico galego, aga que se teña en conta que alén do esteiro do Sor —e sen chegar aínda a Estaca de Bares—, a beira occidental da ría do Barqueiro pertence ao concello coruñés de Mañón.

O límite sur póñeno accidentes xeográficos como a Serra do Xistral (que discorre polos concellos mariñaos de Ourol, O Valadouro e o chairego de Muras) ou a serra de Lourenzá e mailos montes de Carracedo, entre Mondoñedo, A Pastoriza e Riotorto.


Galería de imaxesEditar


 
 Este artigo sobre Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.