Tulipeiro de Virxinia

especie de planta
(Redirección desde «Liriodendron tulipifera»)

O tulipeiro de Virxinia, árbore das tulipas ou simplemente tulipeiro[1], (Liriodendron tulipifera) é unha árbore que pertence á familia das magnoliáceas e que procede do leste de América do Norte. É o representante americano das dúas especies do xénero Liriodendron. Pódese desenvolver por riba dos 50 m nas fragas das montañas dos Apalaches, normalmente sen pólas até non acadaren os 25–30 m de altura o que os fai árbores moi apreciadas na industria madeireira. Medra axiña, sen o problema común de xerar madeiras febles na consistencia, e de pouca dura. As flores teñen unha fita laranxa nos tépalos; teñen unha gran cantidade de néctar, sendo unha das maiores plantas melíferas do leste dos Estados Unidos, producindo unha variedade de mel avermellada dun forte sabor

Tulipeiro de Virxinia

Flores do Liriodendron tulipifera,
Sumter, Carolina doSur
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Magnoliidae
Orde: Magnoliales
Familia: Magnoliaceae
Subfamilia: Liriodendroidae
Xénero: Liriodendron
Especie: L.tulipifera
Nome binomial
Liriodendron tulipifera
L.
Distribución natural
Distribución natural

Distribución natural
Folla dunha árbore madura.

O tulipeiro de Virxinia é a "árbore do estado" (segundo a listaxe do goberno dos Estados Unidos) de Indiana, Kentucky e Tennessee. En Galiza aparece como ornmanetal, sendo común en arboredos e xardinaxe palaciana e urbana.

Descrición editar

É unha das árbores máis grandes e fermosas orixinarias dos Estados Unidos, que pode acadar os 50 m de altura e 25 dm de diámetro de toro; a súa altura ordinaria é, porén, de 18 a 26 m. As raíces son carnosas. O crecemento é realmente rápido. A forma típica da fronde é cónica.[2]

A casca é parda, fendida, coas pólas macías, lustrosas, avermelladas ao comezo, despois cinsentas e finalmente pardas. Recendente e agre. A madeira é amarelenta ou parda, co floema da cor do leite; liviá, mol, brillante, de gran dereito; de densidade: 0,4230; peso do pé³: 26,36 lbs. Os gomos invernais son vermellos escuros, cubertos, obtusos; escamas converténdose en estípulas conspicuas para a folla sen cubrir, e persistente até que a folla medra plenamente. A xema floral vai fechada nunha bráctea duplo valvada, caediza. As follas teñen unha forma rara e se desenvolven dun xeito peculiar e característico. Son alternas, simples, venosas, de 12-15 cm de longo e moi largas, tetralobulada, acorazonadas, truncadas ou afiadas na base, enteiras, e o apex cortado a través nun ángulo suave, facendo que a súa parte superior se vexa cadrada; veas primarias prominentes. A cor das follas é verde suave; en pleno crecemento son verde brillantes, coa face lisa e brillante, e o envés verde pálido e venoso. Polo outono tórnanse claras, amarelentas. O pecíolo é longo, magro e anguloso. As flores aparecen polo mes de maio. Son grandes, brillantes, e en árbores desenvolvidas son moi numerosas. Son perfectas, solitarias, terminais, verde amarelentas, cos pedúnculos fortes, de 2,5 a 5 cm de longo, con forma de cuncas ou tulipas, erectas, conspicuas. O gromo está enclaustrado nunha cuberta de dúas brácteas triangulares que caen cando o abrocho abre. O cáliz ten 3 sépalos imbricados, reflectidos ou esparexidos, venosos, que cedo fican deciduos. A corola ten forma de cunca, con 6 pétalos cuns 5 cm de longo, en dúas ringleiras, imbricada, hipóxina, verde amarelenta, coa base marcada de amarelo. Ás veces ten textura carnosa. Os estames son indefinidos, imbricados en moitos grupos na base do receptáculo; filamentos enredados, curtos; anteras extrorsas, longas, con dúas celas, adnatas, lonxitudinalmente abertas. Os pistilos son indefinidos, imbricados no receptáculo longo e sutil. O ovario é unicelado, co estilo acuminado, achatado; estigma curto, cunha á, recurvado; con dous óvulos. O froito é un cono angosto pardo suave, formado por moitos carpelos simil sámara, no outono.[2]

No bosque esta árbore acada tamaños que a fan magnificente. O toro chega a se asemellar a columnas corintias, alta e esvelta, as pólas saen simetricamente, e todo o seu contorno, aínda que algo formal, posúe certa elegancia.[2]

 
Follas a se desenvolveren.
 
Sementes do Liriodendron tulipifera

Hábitat e ecoloxía editar

O tulipeiro prefire solos fundos, ricos e algo húmidos. Adoita aparecer só nas fragas.Todos os tulipeiros novos e moitos maduros son intolerantes ao alagamento prolongado; porén, un ecotipo de costas da beiramar pantanosa do sueste dos EUA (Parks et al. 1994) é relativamente tolerante ao exceso de auga. Este ecotipo recoñécese polas súas follas lobuladas, que poden ter unha tintura avermellada. En áreas do leste central da Florida, preto de Orlando achamos un ecotipo coas follas semellantes (en moitos casos; ver galería de imaxes abaixo) con flores moito máis cedas (usualmente en marzo, aínda que a floración pode seguir en xaneiro) que outros tipos. Este ecotipo do leste central da Florida semella ter a mellor habilidade para aturar condicións moi húmidas, onde medran raíces coma lapis (pneumatóforos) semellantes á producidas por outras árbores de lamazais en climas cálidos. Algúns individuos persisten coas follas todo o ano, a non ser que apareza unha xeada severa.

Distribución editar

Procede da costa leste de América do Norte dende o sur de Ontario e Vermont acadando polo sur o centro da Florida e Luisiana. Aparece en Nova Inglaterra, abunda nas costas do sur do Lago Erie e o oeste de Illinois; sur de Alabama e Xeorxia, e raramente no oeste do río Mississippi. O seu mellor desenvolvemento dáse nos vales do río que flúen cara ao río Ohio.[2] Téñense introducido en numerosas partes temperadas do mundo, tan ao norte coma en Oslo ou en Noruega. No Canadá, é nativo da parte sur de Ontario seguindo unha liña de Hamilton a Sarnia, con numerosos exemplares no Rondeau Provincial Park, porén os maiores cultivos pódense atopar na Columbia Británica. Aquí atópanse cultivados en Haida Gwaii (Illas da Raíña Carlota), e no interior tan ao norte como é Vernon. A plantación máis ao leste atópase en Crestón. Adoita medrar nas cidades do suroeste, coma Burnaby, New Westminster, Port Alberni, Vancouver e Victoria. No hemisferio sur, cultívase nalgunhas partes da Arxentina, Australia, Chile, Nova Zelandia, Suráfrica, e o Uruguai.

Galiza editar

En Galiza acostuma plantarse en xardinaxe urbana e palaciana. Dous exemplares aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia:

Cultivo editar

Agroma de xeito doado de sementes, o solo cómpre ser suave e fino, en situación fresca e sombreada. Mellor se son fondos e ben drenados. Se se sementa polo outono, xermolará exitosamente pola primavera; porén se se fai na primavera, adoitan ficar un ano no chan. As sementes das pólas máis altas dos exemplares vellos son as máis apropiadas para xermolaren. Tamén prospera ben de esgallo transplantado.[2] Amosan unha boa resposta á fertilización (mellor aqueles con baixo índice de salinidade), sendo moi imporante axeitar a estrutura do solo engadindo bastante materia orgánica. Coma outros membros da familia Magnolia, ten as raíces carnosas polo que poden crebar de xeito doado se se manipula violentamente. O transplante debe facerse cedo na primavera, antes de saíren os gomos das follas. Moitos tulipeiros teñen baixa tolerancia á seca, polo que as regas no verán son recomendadas en climas con influencia mediterránea (sur de Galiza). L. tulipifera introduciuse en moitas partes temperadas do mundo coma árbore de sombra.

Usos editar

Esta especie é unha das mellores plantas para abellas melíferas, especialmente no leste dos Estados Unidos de América, doando un mel avermellado escuro, de sabor forte.

A madeira é mol, de gran fino. Úsase moito cando se require unha madeira barata, doada de traballar e estábel. O sámago é usualmente de cor do leite, abrancazado; porén a cerna é verde pálida, con estrías encarnadas, purpúreas, ou aínda negras; dependendo dos contidos extractivos (i.e. as condicións edáficas onde medra a árbore etc). É claramente a madeira de elección para órganos, por mor á súa habilidade de coller un acabado fino, brunido. A madeira é comparábel en textura, resistencia, e suavidade coa do Pinus strobus, o piñeiro brando do leste. Úsase moito para a carpintaría do interior das casa americanas: paneis, caixas, mobles, pranchas etc.

Sinónimos editar

Liriodendron fastigiatum Dippel
Liriodendron heterophyllum K.Koch
Liriodendron integrifolium Steud.
Liriodendron obtusilobum K.Koch
Liriodendron procerum Salisb.
Liriodendron truncatifolium Stokes
Liriodendron tulipifera var. acutiloba Michx.
Liriodendron tulipifera var. obtusiloba Michx.
Tulipifera liriodendrum Mill.

Galería de imaxes editar

Cultivares de L. tulipifera editar

  • 'Ardis' - curto, follas máis miúdas ca o bravo.
  • 'Arnold' - angosto, coroa en columna; florea a idade ceda.
  • 'Aureomarginatum' - forma variegada con follas de bordos pálidos; véndese cos nomes de 'Flashlight' ou 'Majestic Beauty'.
  • 'Fastigatum' - forma semellante ao 'Arnold'.
  • 'Florida Strain' - follas lobuladas, crecemento rápido, florea a idade ceda.
  • 'Integrifolium' – follas sen lóbulos inferiores.
  • 'Little Volunteer' - polo menos tan miúda coma 'Ardis'.
  • 'Mediopictum' - forma variegada con manchas amarelas preto do centro da folla.
  • 'Roothaan' - follas lobuladass.

Notas editar

  1. Nome vulgar preferido en galego, en Termos Esencias de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela, 2004
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Keeler, Harriet L. (1900). Our Native Trees and How to Identify Them. Nova York: Charles Scriber's Sons. pp. 14-19. 
  • Hunt, D. (ed). 1998. Magnolias and their allies. International Dendrology Society & Magnolia Society. (ISBN 0-9517234-8-0)
  • Parks, C. R., Wendel, J. F., Sewell, M. M., & Qiu, Y.-L. (1994). The significance of allozyme variation and introgression in the Liriodendron tulipifera complex (Magnoliaceae). Amer. J. Bot. 81 (7): 878-889

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar