Limanda aspera
Limanda áspera

Debuxo de Limanda aspera de 1906
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Pleuronectidae
Subfamilia: Pleuronectinae
Xénero: Limanda
Especie: L. aspera
Nome binomial
Limanda aspera
(Pallas, 1814)

Limanda aspera é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[1] unha das seis que integran o xénero Limanda,[2], que é coñecido en galego como limanda áspera.[3]

É un peixe mariño, demersal, oceanódromo, de importancia comercial, de até 49 cm de lonxitude, que habita sobre fondos areosos pouco profundos nas costas do Pacífico norte, desde as de Corea e do mar do Xapón até as do mar de Okhotsk, o mar de Bering e as da costa occidental da illa de Vancouver, na Columbia Británica (Canadá).

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1814 polo zoólogo alemán, residente en Rusia, Peter Simon Pallas, baixo o nome de Pleuronectes asper.[1]

Sinónimos editar

Ademais de polo nome actualmente válido, e polo orixinario que lle deu Pallas, a especie coñécese tamén polo sinónimo Limanda asprella Hubbs, 1915.[1]

Etimoloxía editar

O nome limanda, que Linneo empregou como nome específico (e que despois adoptou Gottsche para o xénero por el creado, e no que actualmente se sitúa esta especie) é un termo do latín científico tirado do francés limande "limanda", que á súa vez deriva do francés antigo lumande, e este do latín lima, "lima" (utensilio dos carpinteiros), ao que lle engadiu o sufixo -ande; estes peixes serían así denominado a causa da rugosidade da súa pel, no sentio de que era 'boa para limar'.[4][5]

O nome específico, asperus é un substantivo do latín científico derivado do adxectivo latíno, asper, -ĕra, -ĕrum, á súa vez derivado do verbo aspero, "poñer áspero", "poñer rugoso",[6] en alusión á pel rugosa típica da cara superior das especies do xénero Limanda.

Características editar

 
Fotografía de Limanda áspera cunha cinta métrica, para comprobar o seu tamaño.

A limanda áspera ten un corpo deprimido, ovalado; a boca é pequena, co fociño pouco pronunciado; os seus ollos son moderadamente grandes e están moi próximos entre si.[7][8]

A máxima lonxitude rexistrrada da especie foi de 49 cm,[9] aínda que o tamaño medio dos espécimes capturados é de 33,5 cm.[10]

O peso máximo rexistrado alcanzou 1,7 kg.[11]

A columna vertebral está formada por de 39 a 40 vértebras. A aleta dorsal está sostida por de 61 a 69 raios, e a anal por de 48 a 58 raios. A aleta dorsal orixínase por riba da parte posterior do ollo superrios. A aleta caudal é arredondada, e as pectorais rematan en punta.[7]

A coloración da cara superior do corpo vai da verde oliva á parda, con manchas escuras; as aletas dorsal e anal son amareladas en ambos os lados do corpo, con tenues bandas escuras e unha estreita liña escura na base.[7][8]

O corpo está recuberto de escamas ásperas en ambos os lados do corpo.[7][8]

Bioloxía editar

 
Cara superior ou pigmentada.
 
Cara inferior ou cega.

Hábitat e distribución editar

Limanda aspera é un peixe mariño, demersal, oceanódromo, que habita sobre fondos areosos pouco profundos nas costas do Pacífico norte, desde as de Corea e do mar do Xapón até as do mar de Okhotsk, o mar de Bering e do Barkley Sound, accidente mariño localizado na costa occidental da illa de Vancouver, na Columbia Británica (Canadá).[12]

Papel no ecosistema editar

A limanda áspera ocupa un nivel trófico moderadamente alto na cadea alimentaria.[7][8]

Alimentación editar

A dieta dos adultos consiste principalmente en organismos zoobentónicos, como vermes poliquetos, anfípodos, así como hidrozoos, moluscos e ofiúras.[7][8][13]

Predadores editar

Pola súa parte, a limanda áspera sofre depredación por parte de peixes como algúns da familia dos cotíidos, do halibut do Pacífico (Hippoglossus stenolepis), o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus) e a palmeta do Pacífico (Atheresthes stomias).[7][8]

Lonxevidade editar

A idade máxima rexistrada é de anos .[14]

Pesca e usos editar

Pesca editar

Limanda aspera é obxecto de pesca comercial nas áreas de pesca 61 e 67 (Pacífico noroeste e nordeste, respectivamente).[3] As súas capturas efectúanse sobre todo con artes de arrastre. Nas décadas de 1960 e 1970 recuperáronse altas taxas de pesca, e na actualidade considérase non se considera que a especie non está sometida a sobrepesca; a súa biomasa no mar de Bering estímase que é alta e estábel, por riba do seu nivel de mantemento da poboación.[8]

As súas capturas medias entre 1998 e 2010 foron de 94.000 t, cun récord de 148.894 t en 2008, que representou a captura anual máis alta en 11 anos.[8]

Uso editar

A limanda áspera comercialízase conxelada, e consómese frita, asada ao forno ou en microondas.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Limanda aspera (Pallas, 1814) no WoRMS.
  2. Limanda Gottsche, 1835 no WoRMS.
  3. 3,0 3,1 Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 82.
  4. "Limande". Trésor de la Langue Française informatisé. Consultado o 2021-03-16. 
  5. Webster's New International English Dictionary. Webster. 2012.
  6. áspero, -ra no DRAE.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Limanda aspera (Pallas, 1814) en FishBase.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 Yellowfin Sole (Limanda aspera) en FishWatch. National Marine Fisheries Service.
  9. Fadéev, N. S. (1971): Biology and fisheries of the Pacific Ocean flatfishes. Vladivostok, Russia: Dal'izdat.
  10. Bykov, V. P. (1983): Marine Fishes: Chemical composition and processing properties. New Delhi, India: Amerind Publishing Co. Pvt. Ltd.
  11. Fadéev, N. S. (2005): Guide to biology and fisheries of fishes of the North Pacific Ocean. Vladivostok, Russia: TINRO-Center.
  12. Craig, P. C. (1984): "Fish use of coastal waters of the Alaskan Beaufort Sea: a review. Trans. Am. Fish. Soc. 113 (3): 265-282.
  13. Hart, J. L. (1973): "Pacific fishes of Canada". Bull. Fish. Res. Board Can. 180.
  14. Munk, K. M. (2001): "Maximum ages of groundfishes in waters off Alaska and British Columbia and consideration of age determination". Alaska Fish. Res. Bull. 8 (1): 12-21.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. editores: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Collection Patrimoines Naturels, 50. Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar