Cadea alimentaria

A cadea alimentaria, tamén chamada cadea agroalimentaria, é a sucesión de actividades e transformacións que sofre un alimento desde a produción primaria (na granxa, na agricultura, no mar) ata a venda ou subministración do alimento ó consumidor final, incluíndo a produción de pensos para os animais de abasto.

Aínda que o concepto de cadea como sucesión de acontecementos no eido da alimentación era coñecido desde hai tempo, é a partir de 2002 cando nace a necesidade dunha percepción como un continuo desde a granxa á mesa, que debe contemplarse e regularse cun carácter integrador e harmonizador se se quere garanti-la seguridade alimentaria.

Deberá contemplar tódalas etapas da produción, transformación e distribución de alimentos, incluíndo todas e cada unha das fases que segue a produción e comercialización dos alimentos, desde a produción primaria ou a súa importación, inclusive, ata a súa transformación nas diferentes industrias que elaboren alimentos, o seu almacenamento, transporte, venda ou subministración ó consumidor final, tamén inclusive. Deberá considerar tamén tódalas fases da produción, importación, almacenamento, distribución e venda de pensos para a alimentación dos animais destinados á produción de alimentos. As normas legais aplicables exclúen o ámbito do consumo privado, en aplicación do principio da non intromisión do estado no ámbito privado, aínda que na práctica, os principios hixiénicosanitarios nos que se basea poden e deben aplicarse tamén no almacenamento e elaboración culinaria dos alimentos no fogar.

Desde esta concepción integrada do conxunto dos procesos que seguen os alimentos, pero á vez dividida nas fases sucesivas da cadea alimentaria, é posible establecer medidas de control eficaces dos posibles perigos que se poden presentar en cada fase, posibilitando un control das empresas e un control oficial que garanten aquel obxectivo final da seguridade alimentaria.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar