Lance Armstrong
Lance Armstrong, nado o 18 de setembro de 1971 en Plano, Texas, é un ciclista norteamericano. É especialmente coñecido por, despois de ter superado un cancro de testículos (diagnosticado en 1996), ser o único ciclista do mundo en gañar 7 Tours de Francia. Conseguidos de xeito consecutivo, dende 1999 ata 2005, fóronlle retirados o 22 de outubro de 2012 pola Unión Ciclista Internacional tralo informe da Axencia Antidopaxe dos Estados Unidos (USADA) por doparse e de subministrar substancias dopantes aos seus compañeiros de equipo.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Fóra do ciclismo, é coñecido tamén por ter creado a Fundación Lance Armstrong para apoio ós enfermos de cancro. Unha das iniciativas máis famosas desta fundación foron as pulseiras amarelas Livestrong, coas que obtiveron decenas de millóns de dólares que destinaron á loita contra a enfermidade.
Traxectoria
editarComezos
editarArmstrong comezou a competir xa á idade de 14 anos como triatleta, pero pronto fíxose evidente que o seu destino estaba no ciclismo. Con só 17 anos, foi invitado polo Equipo Ciclista Xuvenil dos EEUU, co que abandonou a súa cidade natal.
En 1991, Armstrong gañou o campionato afeccionado dos Estados Unidos; ó ano seguinte, fíxose profesional. Foi o último na súa primeira carreira ciclista, a Clásica de San Sebastián. Tan só un ano máis tarde, converteuse no campión do mundo en estrada en Oslo (Noruega).
Entre 1993 e 1995, Armstrong gañou varias etapas no Tour de Francia e varias carreiras dun só día. Pero 1996 foi un ano de verdadeiros fracasos para el, tanto no Tour coma nos Xogos Olímpicos.
Cancro
editarO 2 de outubro de 1996, diagnosticáronlle tres cancros nos testículos que xa crearan metástase, estendéndose cara ós pulmóns e o cerebro. As súas probabilidades de supervivencia eran inferiores ó corenta por cento (algo que posteriormente desmentiron os propios doutores, pois non ascendían a máis do 3%).
Como consecuencia desta enfermidade, a Armstrong houbéronlle de extirpa-lo testículo dereito, solucionar dúas lesións cerebrais e someter a un tratamento de quimioterapia. Este último foi máis suave do habitual para permitir unha eventual continuación da súa carreira ciclista en caso de recuperación.
E esta produciuse cedo. Armstrong volveu ó ciclismo co equipo ciclista United States Postal Service e quedou de cuarto na Vuelta a España no ano 1998.
Éxito
editarEn 1999, Armstrong gaña o seu primeiro Tour de Francia. A este seguíronlle seis triunfos máis, na maior parte dos cales superou en máis de seis minutos ó segundo. Só en 2003 correu un verdadeiro risco, pois Jan Ullrich ameazou a súa vitoria ata o último momento (de feito, ó final a diferenza entre ambos era escasamente superior ó minuto).
Motivos do seu éxito
editarFirme metodoloxía de adestramento
editarLance Armstrong é especialmente coñecido por terse centrado todo o ano no Tour de Francia, levando a cabo continuos adestramentos non só nos Estados Unidos senón tamén en España ou nos escenarios da carreira en Francia.
Forma de correr e características físicas
editarArmstrong ten un corpo especialmente adecuado para a práctica do ciclismo. O seu elevadísimo nivel de resistencia aeróbica permitiulle manter unha cadencia próxima ás 120 pedaladas por minuto. Isto dá lugar a que a súa velocidade se deba ó número de pedaladas e non á forza que lle imprime a cada unha, co que consegue mellores resultados con menor fatiga ca outros campións coma, por exemplo, Miguel Indurain.
O corazón de Armstrong é un 30% máis grande cá media; cando está en repouso, dá entre 32 e 34 latidos por minuto; nun momento de máximo esforzo, pode chegar ás 201 pulsacións por minuto. A súa acumulación de ácido láctico é de 6μL/Kg (cando o normal entre ciclistas é situarse entre 12 e 20). Como resultado disto, Armstrong sente menos fatiga tras un exercicio prolongado.
O seu equipo
editarUn dos factores máis importantes dentro do éxito de Armstrong é o seu equipo. Por un lado, Johan Bruyneel, o seu director, organizou tódalas preparacións do ciclista de cara ó Tour de Francia e axudouno durante as súas sete vitorias. Por outro, os demais corredores do equipo adícanse unicamente á súa vitoria e supuxeron, ó longo dos sete Tours de Armstrong, un grande apoio para el.
Dúbidas sobre dopaxe
editarArmstrong, como ciclista, non se librou de numerosas acusacións de dopaxe. El sempre afirmou que era o atleta ó que máis controis se lle facían e dixo que as acusacións non se debían máis que a envexa polos seus triunfos.
A Armstrong nunca se lle atoparon substancias dopantes en ningún control de ningunha carreira ciclista. Só en 1999 os seus niveis dunha destas substancias superaban o normal, pero non eran suficientes para formalizar unha acusación. En 2005, o periódico francés L'Équipe dixo basearse en probas da Unión Ciclista Internacional para afirmar que Armstrong se dopaba; como resposta, este decidiu volver ó ciclismo (xa pretendera retirarse en 2005) e correr o Tour de 2006 para "fastidiar os franceses".
Finalmente, a aparición de novas probas[1] fixo que fose desposuído pola UCI dos seus sete títulos no Tour de Francia e suspendido de por vida en 2012[2].
Mulleres e fillos
editarLance Armstrong casou con Kristin Richard en maio de 1998 e tiveron tres fillos: Luke (nado en outubro de 1999) e as xemelgas Isabelle e Grace (nadas en novembro de 2001). En setembro de 2003, divorciouse.
Despois disto, Armstrong tivo un romance con Sheryl Crow. A súa relación anunciouse en xaneiro de 2004; o seu compromiso, en setembro de 2005; a súa ruptura, en febreiro de 2006.
Equipos
editar- 1991-1992: Equipo nacional dos Estados Unidos
- 1992-1996: Motorola
- 1997: Cofidis
- 1998-2002: US Postal Service
- 2003-2004: US Postal Service presented by Berry Floor
- 2005: Discovery Channel Pro Cycling Team
- 2009: Astaná (equipo ciclista)
- 2010: Team RadioShack
Fonte [3]
Palmarés
editar- 1992
- First Union Grand Prix
- GP Sanson
- Fitchburg Longsjo Classic (clasificación xeral e etapa)
- Thrift Drug Classic
- Vuelta La Riberia (clasificación xeral e tres etapas)
- Trittico Premondiale (unha etapa)
- 1993
- Campionato do Mundo
- Campionato dos Estados Unidos
- Oitava etapa do Tour de Francia.
- Tour de América (clasificación xeral)
- Volta Ciclista a Galicia
- Trophée Laigueglia
- Unha etapa do Tour DuPont
- Unha etapa da Volta a Suecia
- Kmart West Virginia Classic (clasificación xeral e dúas etapas)
- Thrift Drug Classic
- 1994
- Thrift Drug Classic
- Unha etapa do Tour DuPont
- 1995
- Etapa 18 do Tour de Francia
- Clásica de San Sebastián
- Quinta etapa da París-Niza
- Tour duPont (clas. xeral e 3 etapas)
- Kmart West Virginia Classic (clas. xeral e unha etapa)
- Tour of America (clas. xeral)
- 1996
- Tour DuPont (clas. xeral e 5 etapas)
- A Frecha Valoa
- 1998
- Rheinland-Pfalz Rundfahrt (clas. xeral)
- Tour de Luxemburgo (clas. xeral e 1 etapa)
- Cascade Classic
De aquí adiante, os resultados foronlle quitados por dopaxe tras a investigación da USADA
- 1999
- Tour de Francia (clas. xeral e 4 etapas; o seu primeiro Tour)
- Prólogo da Dauphiné Liberé
- Route du Sud (cuarta etapa)
- Circuit de la Sarthe (cuarta etapa)
- 2000
- Tour de Francia (clas. xeral e 1 etapa)
- GP des Nations
- GP Eddy Merckx
- Terceira etapa da Dauphiné Libéré
- Medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Sydney en contra o reloxo masculina.
- 2001
- Tour de Francia (clas. xeral e 4 etapas)
- Tour de Suíza (clas. xeral e 2 etapas)
- 2002
- Tour de Francia (clas. xeral e 4 etapas)
- Sexta etapa da Dauphiné Libéré
- GP du Midi-Libre
- 2003
- Tour de Francia (clas. xeral, 1 etapa, contra o reloxo por equipos)
- Dauphiné Libéré (clas. xeral, terceira etapa)
- 2004
- Tour de Francia (clas. xeral, 5 etapas, contra o reloxo por equipos)
- Tour de Georgia (clas. xeral, 2 etapas)
- Quinta etapa do Tour du Languedoc-Roussillon
- Cuarta etapa da Volta ao Algarve
- 2005
- Tour de Francia (clas. xeral, 3 etapas, contra o reloxo por equipos)